Por Chantada chama á responsabilidade do candidato de Inta para que non fuxa do debate e participe, xunto coas demais persoas candidatas á alcaldía de Chantada
A agrupación Por Chantada quere, en primeiro lugar, felicitar as asociacións veciñais que promoven o debate entre as persoas candidatas á alcaldía de Chantada. O mencionado debate terá lugar o martes 19 de maio ás 9 da tarde no Local Sindical da nosa vila e fomos a primeira candidatura que manifestou o seu apoio público á celebración do debate, como non podía ser doutro xeito.
Por outra banda, aproveitamos para dar os parabéns aos candidatos e candidatas das formacións políticas que aceptaron participar, que foron todas agás o grupo Inta e o seu cabeza de lista, Manuel Lorenzo Varela.
É por isto que nos gustaría tamén facer un chamado á responsabilidade de Manuel Lorenzo Varela para que acepte participar no debate. Deste xeito, faría honor á obriga democrática de todo aspirante a representante público de contrastar as súas propostas co resto de candidatos e coa cidadanía.
Por Chantada considera que a non asistencia de Manuel Lorenzo Varela ao debate sería máis grave aínda que a de calquera outro aspirante, xa que é o alcalde en funcións e debe dar conta da súa xestión nos últimos catro anos.
Chantada a 18 de Maio de 2015