Carta aberta de Por Chantada ás candidaturas de BNG, PSOE, Inta e PP

logorecorteComo candidato á Alcaldía de Por Chantada, Antón Fente, lamenta a negativa de INTA e PSOE a participar nun debate Público.

Adxúntase a carta que remitín a BNG, PSOE, PP e INTA, nun último intento de que as veciñas e veciños de Chantada tivesen a oportunidade de asistir e participar nun debate entre as persoas candidatas á alcaldía de Chantada. Para ser fiel á verdade teño que comezar por dicir que o BNG contestou afirmativame e sen demora a un debate coa moderación do xornalista Carlos Cortés, e que fose aberto á participación da cidadanía. Indicando ademais que eles tampouco participaron da reunión do luns 18, aínda que si recibiron “chamadas varias con presuntas informacións e opinións que gardamos no cartafol da rumoroloxía (de moi escaso interese pra nós”.
Lamentabelmente INTA negouse en todo momento e a cidadanía xulgará a responsabilidade dun alcalde que custa máis de 3.500 € mensuais ao Concello e que se nega a comparecer, dar conta e debater coas outras persoas aspirantes á alcaldía de Chantada.
Mais o que fai imposíbel o debate, carece de sentido un debate entre só dúas alternativas (Por Chantada e o BNG), son as pegas do PSOE que eu non agardaba e que arrastra ao PP na súa retirada. Primeiro que non podía ser debate porque a súa candidata non o tiña preparado, logo só podían intervir persoas previamente identificada como se lle tivesen medo as veciñas e veciños, e por último non contestaron ao noso ofrecemento de facer o debate o venres, sacrificando a nosa programación de campaña, senón que optaron por sacar un comunicado e a campaña suxa. Tal e como nos comunicaron na reunión do 19, tanto para eles como para o PP o único importante era visualizar a cadeira libre de INTA, non as preguntas que puidera formularnos calquera cidadán.

Non imos entrar nestas provocacións, a nosa é unha campaña que seguirá sendo en positivo e centrada nas nosas propostas para Chantada. Hai catro anos os chantadinos e as chantadinas sufrimos tamén unha campaña electoral con intoxicacións e ataques persoais infames. A dirección de campaña do PSOE acóllese agora tamén a ese modelo e escolle gastar os tiros contra Por Chantada ao tempo que se nega a participar dun debate merecedente de tal nome. Do comunicado do PSOE, sen entrar en maiores fonduras, que non pagan a pena, destacan certas contradicións evidentes entre programa, discurso e praxe:

1.- A referencia a que membros da candidatura estamos fóra do concello dá a medida do seu interés por integrar a xente que tivo que irse de Chantada.
2.- Un partido que ten tan claro que é “a única alternativa” nunca tería a actitude que o PSOE está demostrando. Centraríase, como o outros o facemos, en propostas políticas e non en ataques persoais.
3.- Fálase de que o debate o solicitaba só o 5% e logo que toda a cidadanía demanda un debate. Esa referencia ao 5% e os xogos de maiorías e minorías tampouco son propios de quen se pretende “única alternativa”.
4.- O subconsciente tamén atraizoa a quen fala de que eles son a “xente seria, rigorosa, representativa”. Ese discurso non está lonxe daqueles dos que o PSOE local pretende ser a “única alternativa”. Os que publicamente din querer un debate logo vetan esa palabra e presentan un debate case como un favor e non como algo normal e propio de calquera democracia. Dicir que un debate cos veciños e coas veciñas é unha “encerrona” retrata a quen fai esas afirmacións.
5.- Os que non practican a cultura democrática do asemblearismo, os que non entenden que o decidimos todo colectivamente, recorren a mans negras e teorías da conspiración para xustificar a súa falta de cultura democrática e de disposición para un debate merecente de tal nome. Recorren ao ataque persoal e mesmo a mensaxes privadas que son provocacións para que baixemos ao terreo do camorrismo e do matonismo. Non lles imos dar o gusto.

Lamentábel a actitude de INTA, PSOE e PP. Vén confirmar o que moita cidadanía xa sabe: a ausencia de transparencia e de cultura democrática dos “grandes” partidos, cada vez máis afastados das preocupacións e das inquedanzas das persoas que din representar; e un medo atávico ao debate e a libre participación dos cidadáns na política. A fuxida para adiante do PSOE local é máis un triste capítulo dos furibundos ataques que as novas alternativas políticas debemos sufrir. Agachar os erros ou as miserias que podamos ter proxectándoas sobre os demais é unha mala estratexia política. Tamén o é o curtopracismo electoral como único obxectivo político e o vale todo.

Sentimos que unha boa idea como a do debate, servise de coartada para alterar a normalidade e a boa onda coa que transcorría a nosa campaña e a de todos os partidos en xeral, alén das lexítimas diferenzas políticas. Sentimos igualmente que Olga sufra ataques pola simpatía que nos profesa ou que as asociacións de Chantada se vexan envoltas neste triste episodio. Sexades o 5% ou o 95% nós sempre vos imos escoitar e dialogar fraternalmente polo ben do país do Faro.

Chantada a 21 de maio de 2015
Antón Fente Parada, candidato de Por Chantada á alcadía.

 

Carta remetida aos partidos participantes da reunión do día 19 ás 13 horas por petición do PSOE:

Carta 1_2 Carta 2_2

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s