
O pasado 13 de xuño celebrouse o primeiro pleno da primeira lexislatura (orde do día aquí). Contou coa asistencia de todos os membros da nova corporación que, como é ben sabido, consta da seguinte composición:
INTA: 7 concelleiros
PSOE: 3 concelleiros
PP: 2 concelleiros
Por Chantada: 1 concelleiro
Todos os concelleiros prometeron ou xuraron, conforme á lexislación vixente do Estado español, o seu cargo. No caso de Por Chantada, optouse por prometer engadindo o xuramento de defender a maioría social, as clases populares e os intereses de Galiza.
Como se esperaba Manuel Lorenzo Valera foi eleito máis unha vez como alcalde, declarando ao remate da sesión para La Voz de Galicia (aquí): “Pensei que tiña que darme o bastón de mando a min mesmo”. Os sete concelleiros de INTA votaron por Lorenzo Varela, os do PP por Medela e os do PSOE por Raquel. O concelleiro de Por Chantada non votou por si mesmo, senón que se abstuvo.
Posteriormente houbo unha quenda breve de intervencións. A portavoz do grupo municipal do PSOE falou de representar os seus votantes e agradeceu o apoio recibido nas urnas. Medela do PP desexoulle unha boa singradura a INTA.
Desde Por Chantada lembramos a difícil situación social, económica e demográfica do noso concello. Polas lousas do pasado e por pertencermos a proxectos políticos distintos non pudemos, evidentemente, apoiar a investidura do novo alcalde. Ora, ofrecemos a nosa man tendida en todas aquelas cuestións que consideremos boas para o país do Faro e formulamos a esperanza de poder funcionar mediante consensos dada a situación de emerxencia social, económica e demográfica que padece Chantada (e da que xa falamos pormenorizadamente durante a campaña).
Ao tempo, expresamos a nosa firmeza frente ás prácticas que atentan contra os nosos principios ético-políticos e contra a maioría social.
Porque é preciso o consenso nesta lexislatura a pesar de termos un goberno con maioría absoluta?
– Porque a situación obxectiva do concello precisa de sumar vontades e forzas, para o que é imprescindíbel atender tamén á participación e demandas da cidadanía.
– Porque é unha maioría absoluta enganosa que condede sobrerrepresentación á minoria maioritaria:
a.- A vontade das urnas non foi unha maioría absoluta, iso foi unha “carambola” ou unha disfunción creada pola lei electoral do Estado español. O BNG ficou fóra da corporación con máis de 4% dos votos.
b.- A minoria maioritaria, INTA, atinxiu 7 concelleiros con 45% do voto emitido, mentres Por Chantada con máis de 10% só ten un representante. Nunca fora tan evidentes en Chantada os “beneficios” da Lei D’Hont.
c.- A última maioría absoluta de Lorenzo Varela, por aquel entón no PP, debería ser un precedente para INTA e como nun contexto de mudanza política gobernar unilateralemente tivo para eles as consecuencias xa por todos coñecidas.
d.- Aínda coa Lei D’Hont, se Chantada non vise reducidos os seus concelleiros a 13, polo descenso demográfico galopante, a minoría maioritaria (INTA) non tería maioría absoluta. Paradoxos da historia: quen gobernou durante por volta de 20 anos e non fixo o suficiente por reverter a desertización demográfica vese electoralmente reforzado pola mesma.
Por todo isto, e tamén pola xente de Chantada que está fóra e na que debemos pensar pois demostráronnos durante a campaña que siguen preocupados pola súa terra, é imprescindíbel apelar ao consenso e á responsabilidade da minoría maioritaria para evitar seguir camiñando na conversión do país do Faro nun deserto verde. Neste contexto político, a responsabilidade de tecer consenso correspondélle principalmente á minoría maioritaria, do contrario só deixarán espazo para a confrontación cando Chantada precisa cooperación, da a súa situación obxectiva e o mandato cidadán expresado nas urnas onde ningunha candidatura ten máis da metade do voto emitido.
A intervención de Manuel Varela
Manuel Varela agradeceu a confianza depositada polos cidadáns que lle outorgaron a maioría absoluta (como xa dixemos quen lla outorgou foi a Lei D’Hont). Indicou que nesta lexislatura se ían facer máis investimentos, aínda que non ía ser “un si permanente”, e que o pago das faturas se mellorara e anda xa polos 30-45 días. Novamente, vémonos na obriga de desmentir esta afirmación cos últimos datos públicos na man (do mes de maio): Chantada está entre os concellos cos peores indicadores de morosidade no pago a provedores (lembremos que isto dispara por norma o custe dos servizos contratados), tardando de media 90 días (o triplo do prazo legal).
Referiuse tamén á desastrosas situación herdada con millóns de euros herdados do goberno PSOE-BNG de facturas sen pagar. Aínda que lle corresponde a PSOE e BNG desmentir ou outorgar co silencio estas afirmacións, o certo é que no seu último mandato do PP Lorenzo Varela deixou unha débeda de máis de 7 millóns de euros e numerosas facturas sen pagar. E igualmente certo é que a débeda pública do concello está por cima dos 4 millóns de euros novamente, disparándose na pasada lexislatura onde el foi novamente alcalde. Tanto naquela etapa como na presente orzamentábase moito máis do que realmente se recauda.
Recalcou tamén o grande coñecemento que ten dos cidadáns e censurou as “mentiras e tonterías” que o PSOE en campaña verqueu sobre el, como a casa en Baiona, as bombas no mitin, os panfletos en campaña electoral, etc. “Hoxe podíamos botar bombar, mais non o imos facer”, asegurou. Tamén dixo que, dados os seus estudos en psico-pedagoxía, dáse conta de quen lle vota e quen non, mais non lle vai torcer a cara a ninguén.
Este aproveitamento da última palabra para bourar no PSOE contradise con que consideramos máis potábel do seu discurso e que, dalgún xeito, recolleu o noso ofrecemento de sumar vontades polo ben das chantadinas e dos chantadinos: a aposta polo consenso e o diálogo con todos os grupos, mesmo aceptando as propostas da oposición.
A situación económica a día 12 de xuño de 2015
Rematado o pleno solicitamos revisar a documentación económica achegada ao pleno e da que non se deu conta no mesmo (só se citou a súa existencia). En síntese, o concello dispón dunha liquidez de 695.126’90€, dos que 648.497,29€ corresponden a un crédito e, xa que logo, é unha nova débeda que haberá que pagar cando a institución xa dedica excesivos fondos ao pago de xuros.
[…] Chantada, tal e como se recolle na acta e no resumo que fixemos do primeiro pleno da lexislatura (ver punto 1). Isto parécenos contraditorio con excluír a toda a oposición de calquera representación. […]
GústameGústame