Resumo do pleno correspondente ao 29 de xuño de 2015

logorecorte

Nota previa: Por Chantada non asistiu a este pleno polas razóns xa explicadas publicamente na nosa páxina de Facebook. A orde do día pode consultarse aquí: https://porchantada.wordpress.com/2015/06/25/convocatoria-de-pleno-da-sesion-organizativa-do-pleno-municipal/. No resumo incluímos tanto as nosas propostas e posicionamentos, canto os documentos coa posición do Goberno local. Para alén disto, achegamos informes elaborados polos Grupo de Traballo institucional de Por Chantada, onde analizamos o custo do goberno municipal, o estado de contas noutras lexislaturas, etc. Tentamos ser rigorosos e achegar esta información en documentos anexos, para non sobrecargar a postaxe do resumo do pleno, mais para ofrecer a oportunidade de informarse sobre estas cuestións a aquelas persoas que teñan interese en coñecer a xestión en pasadas lexislaturas.

1º) Acta da sesión constitutiva do 6 de xuño de 2015 [ACTA SESIÓN CONSTITUTIVA 13.06.15]

Se consta na mesma referencias á campaña ou á situación financeira do concello noutras lexislaturas é mester que consten dos dados ao completo e non dar unha versión sesgada dos feitos. A nosa opinión é que esa referencia na acta leva a confusión, aínda que se trate de recoller unha intervención de Manuel Lorenzo Varela e, xa que logo, por enteiro discutíbel (e cos datos que achegamos pode comprobarse que é, como mínimo, sesgada). En todo caso, o mellor xeito de aclarar isto é mediante unha auditoría dos últimos dez anos 2005-2015, tal e como xa expuxemos no programa electoral.

ANEXOI: Informe de Por Chantada-CUP da situación financeira do concello de Chantada nas dúas últimas lexislaturas: Estado contas lexislaturas pasadas (PDF)

ANEXO II: acta 14 de marzo 2012. Plan de axuste (PDF)

ANEXO III: Datos financeiros de Chantada segundo o CONSELLO DE CONTAS nas pasadas lexislaturas (tamén dispoñíbel en liña premendo aquí).

Resultado: Aprobouse por unanimidade (7 INTA, 3 PSOE e 2 PP)

2º) Grupos municipais [CONST. GRUPOS MUNICIPAIS]

Por Chantada constitúese como grupo municipal coa denominación POR CHANTADACUP (Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular).

3º) Periocidade sesións plenarias [PERIODICIDADE SESIÓNS PLENO]

Aceptamos que os plenos se celebren cada dous meses, dada a dimensión do concello de Chantada, sempre e cando o goberno renda contas á oposición e facilite a fiscalización do seu labor. A este respecto tamén propomos reducir os custes para as arcas municipais, tal e como se explica no punto 5.

Tamén para achegar á cidadanía o pleno e o goberno municipal deberían celebrarse en sábado como o anterior pleno, cun horario que permita a asistencia das veciñas e dos veciños de Chantada.

Tanto o PSOE como  o PP propuxeron como medida de transparencia e de facilitar o control da oposición ao goberno celebrar as sesións mensualmente reducindo á metade as percepcións económicas por sesión dos concelleiros. Manuel Lorenzo Varela opúxose afirmando que hai poucos asuntos habitualmente para a celebración dunha sesión ordinaria mensual e mostrando o compromiso do Grupo de INTA para convocar sesións extraordinarias cando os grupos da oposición o solicitasen de forma xustificada. De seguido, a portavoz do Grupo Municipal socialista retirou a súa proposta como un xesto de confianza.

Resultado: aprobouse por unanimidade (7 INTA, 3 PSOE, 2 PP) que as sesións sexan bimensuais, celebrándose ordinariamente en segunda-feira (luns) ás 20:00 horas.

4º) Comisións informativas [CREA. COMPO. COMISIÓNS INFORMATIVAS]

Mestúrase en dúas comisións (unha técnica e de servizos e outra centrada nos asuntos económicos), ficando a imaxe dos tenentes de alcalde diluída (non sabemos a que se debe isto). Unha comisión por cada delegación sería o máis acaído.

1. Emenda de Por Chantada-CUP ao punto 4º da orde do día relativo á composición das comisións informativas:
Apartado 2. Consideramos que o número de 9 membros para as comisións é excesivo cando estamos falando dun órgano non decisorio, só propositivo ou emisor de ditames non vinculantes para os órganos decisorios. Coa proposta da Alcaldía as comisións informativas serán case como o Plenos, ao se compoñeren con 9 das 13 persoas que integran a Corporación de Cantada.
Dende Por Chantada – CUP consideramos que o máis racional, se se quere que as comisión informativas cumpran axeitadamente o seu cometido, é que estean formadas por un representante de cada grupo municipal e que de xeito análogo a como se fai en comisións e ponencias doutros órganos colexiados, os ditames e informes se decidan mediante o voto ponderado: 7 para INTA, 3 PSOE, 2 PP e 1 Por Chantada. Deste xeito as reunións serán máis operativas e aforrarase en dietas de asistencia.

 Resultado: aprobouse o punto por unanimidade a proposta da Alcaldía [INTA 7, PSOE 3 e PP 2].

 

5º) Nomeamento de representantes da corporación en órganos e entidades [REPRE. ORGANOS COLIXIADOS]

Na sesión do 6 de xuño o alcalde recollía o chamamento ao consenso que fixo Por Chantada, tal e como se recolle na acta e no resumo que fixemos do primeiro pleno da lexislatura (ver punto 1). Isto parécenos contraditorio con excluír a toda a oposición de calquera representación. Tamén representan a cidadáns deste concello (tanto como INTA ou máis, xa que só conta co 45% do voto emitido) e, xa que logo, INTA, como minoría maioritaria, ten a principal responsabilidade en facer xestos e tomar decisións que tendan pontes de encontro e colaboración, do contrario só temos un bloque monolítico (ou manolítico) onde “os outros” ficamos relegados ao papel de tribunos da plebe e onde primará a competición sobre a colaboración que precisa o concello de Chantada nun transo tan difícil.

Proposta: como mínimo dous representantes da oposición en órganos e entidades.

Como non buscamos ningún protagonismo nin beneficio persoal ao respecto, propomos que sexan un representante do PP e outro do PSOE as principais forzas da oposición. Por exemplo, que Raquel do PSOE continúe como representante no IES Val do Asma após 4 anos de traballo. Nestas cousas é onde se demostra efectivamente se hai vontade de termos unha lexislatura diferente e noutros termos ou se se prefire ir a un escenario de maiorías mecánicas e minorías silenciadas onde quen perderá realmente non serán os partidos senón Chantada e as súas xentes. Polo menos, no que a Por Chantada-CUP atinxe, temos claro para que estamos na corporación.

Resultado: INTA rexeitou calquera concesión neste sentido, ao entender que lle corresponde a totalidade da representación do concello por teren maioría absoluta conforme á lei electoral vixente.

A favor INTA (7), en contra PSOE (3), abstención PP (1).

6º) Coñecemento das resolucións da alcaldía sobre nomeamentos de tenentes de alcalde, membros da xunta de foberno local e delegacións efectuadas [NOMEAMENTOS TENENTES ALCALDE MEMBROS XUNTA DE GOBERNO]

Non nos parece axeitado situar comercio e turismo dunha parte e dinamización económica pola outra. A dinamización económica precisaba dunha grande concellaría que englobara a propia promoción económica, o turismo, medio rural, comercio… ou sexa todo o que atinxe ao desenvolvemento de políticas encamiñadas a paliar a desastrosa situación presente. A non ser que o actual goberno pense centrar a dinamización económica na cultura e nas TIC, que non cremos que sexa a intención (máxime cando se fala de “Industria” e “eventos” na mesma concellaría nas declaracións de Manuel Lorenzo Varela en Televinte), senón que se fixo un reparto sobre criterios pouco obxectivos.

PROPOSTAS: Que ambas áreas se dispoñan á elaboración dun plano neste sentido para os próximos catro anos, aberto á participación dos grupos municipais, da sociedade civil organizada e da cidadanía en xeral. Creación dun site específico para a promoción turística de Chantada e elaborar un plano escoitando os axentes do sector e persoal cualificado que temos na vila.

Para a área de servizos sociais e igualdade: propostas urxentes para combater a probreza e a exclusión. Comedor escolar no verán a cargo do concello. Atención á comunidade migrante, que representa 10% dos residentes e son o grupo máis dinámico do punto de vista demográfico.

Cultura: reforzo dos fondos da biblioteca con subscrición a coleccións de literatura galega e a revistas e publicacións periódicas en lingua galega. Recuperación da feira do libro. Creación dunha base de datos asociativa e difundir desde a concellaría de cultura os diversos eventos realizados polo tecido asociativo, para alén de dar apoio na medida das posibilidades do Concello.

Medio rural e infrastruturas: parece un pouco triste que as aldeas se sigan asociando a “infraestruturas”: a cemento e ao arranxo de camiños (nin sequera iso está feito). O medio rural precisa valentía tamén no eido local, o concello debe favorecer os trámites dos gandeiros e facilitar información, tamén externa, para poder enfrentar a crise do sector, que pasa por apostar por un modelo de leite de calidade e pola creación de valor engadido e/ou venda directa. Procurar complicidades con outros concellos para demandar perante as administracións un plano de emerxenxia para fixar poboación e dotar de futuro ás aldeas do interior do país, para alén de prezos dignos para os produtores a través dun frente de concellos.
Educación e mocidade: aulas de reforzo para alumnado sen recursos durante todo o ano. Apoio ao asociacionismo. Incentivar fixar poboación, especialmente na mocidade, tentar desenvolver políticas que eviten a fuga migratoria dos máis mozos baleirando as aldeas e a vila.

Resultado: o PSOE solicitou que se publiquen na web do Concello de tódalas actas dos Plenos, Xuntas e Comisións, recordando que se facía así na época de goberno PSOE-BNG. INTA estudará a medida, mais non adotou ningún compormiso ao respecto.

7º) Soldo alcalde e asigancións corporativas [DEDICACIÓNS MEMBROS CORPORACIÓN LOCAL ASIGNACIÓNS ECONÓMICAS]

ANEXOI: Informe do Grupo de Traballo Institucional de Por Chantada sobre gasto goberno municipal (PDF, dispoñíbel tamén en liña aquí)
INTA propón un salario de 35.238€ ao ano (brutos), aos que compre sumar a Seguridade Social a cargo da empresa. Se, como afirmou o alcalde, nas xa citadas declaracións en Televinte, se mantén o salario da pasada lexislatura e tal e como recollemos no  ANEXO I aos 35.238€ (divididos en 14 pagas) habería que sumar a Seguridade Social de 12 meses 11.470,08€ dando un total de 46.708,08€ de custe para as arcas municipais por ano (sen computar o que se cobra en dietas) e de 186.832,32€ por lexislatura.
Como Chantada é un concello pequeno o noso alcalde debería ter a retribución media dos concellos galegos, que é de 26.879€ por ano.
Esta proposta da Alcaldía sitúa a Manuel Lorenzo Varela nun salario equivalente aos alcaldes das cidades galegas (46.708,08€ brutos por ano)  e non nos parece de recibo coa que está caendo e cando os salarios de Chantada andan, con sorte, nos 600€ e con centos de persoas desempregadas. O máis grave é que en Televinte Manuel Varela anunciou que dependendo da situación financeira do concello podería modificarse o salario e incluír algunha dedicación máis, toda vez se aproben os novos orzamentos que calculan ter prontos no mes de outubro.
Vexamos algúns exemplos doutros concellos a modo comparativo (en 14 pagas e brutos en todos os casos):

Monforte de Lemos: Tomé (PSOE), 46.632€
A Cruña: Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), 40.000€
Cambados: Fátima Abal (PSOE), 40.000€
Compostela: Martiño Noriega (Compostela Aberta): 50.000€
Ferrol: Julio Suárez (Ferrol en Común): 40.000€
Ourense: Jesús Vázquez (PP): 64.431€
Vigo: Abel Caballerio (PSOE): 65.220€

2. Emenda de Por Chantada-CUP ao punto 7º relativo ao réxime de adicación, dos membros da corporación local e asignacións corporativas:
Emenda de substitución e ampliación.
No apartado PRIMEIRO, substituír o texto de todo o apartado que quedaría redactado así:
“PRIMEIRO. Fixar a dedicación exclusiva para o Sr. Alcalde equiparábel á retribución media dos concellos galegos: 26.879€ €/ano.”
No apartado SEGUNDO, xa que a motivación da indemnización por asistencia se xustifíca nos gastos ocasionados e na compensación do traballo que os asistentes deixan de realizar na súa actividade privada, non se entende a distinción entre asistencia a Pleno e Comisión de Goberno por unha banda e comisións informativas por outras. Proponse que a indemnización sexa de 60 € para a asistencia a todos os órganos.
3. No apartado TERCEIRO, na última liña, substituír “grupo 1” por “grupo 2”
4. Engadir un apartado CUARTO, co seguinte texto:
“CUARTO. As indemnizacións ás que se refire o punto SEGUNDO, terán o límite nun máximo de 8 plenos ao ano, 24 comisións de goberno e 4 comisións informativas.

 

Resultado:

Aprónase a subida de retribucións por asistencias a plenos e comisións e mantense o soldo do alcalde. Con todo, Manuel Lorenzo Varela non descarta subirse o soldo após a aprobación dos novos orzamentos, que calcula estarán prontos no mes de outubro, segundo declarou en Televinte. Amais, como xa adiantamos, non descarta crear unha segunda dedicación para outro membro de INTA conforme ao resultado electoral (onde siguen facendo unha lectura do 45% dos votos como se for unha maioría absoluta real en termos de representación proporcional da cidadanía).

CODA

Por Chantada manifesta a súa inquedanza por como INTA está faltando ao seu compromiso co consenso. Limítase a aplicar a maioría numérica que ten no pleno, exclusivamente mercede a unha lei electoral inxusta, e demostra que nin é consciente de ser unha minoría maioritaria nin da necesidade de consenso para pór remedio a difícil situación económica, social e demográfica que atravesa Chantada. Nestas cordenadas só se pode prever unha lexislatura onde se aplique unha maioría mecánica que baleire totalmente ao pleno de significado. Algo gravísimo se temos en conta que dos cidadáns que votaron,  55% non o fixo por INTA. En todo caso, tentaremos seguir buscando o consenso até que os feitos demostren unha e outra vez que é unha vía esgotada.

2 comentarios en “Resumo do pleno correspondente ao 29 de xuño de 2015

  1. […] Antes de máis comezar sinalando que no noso programa un dos puntos, concretamente o 6º, era “Reducir á metade o gasto en dietas e soldos do Goberno Municipal”. Evidentemente a correlación de forzas na corporación non nos permite desenvolver este punto, aínda que as nosas propostas son consecuentes con este compromiso. […]

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s