Solicitude de Por Chantada-CUP á alcaldía do Concello de Chantada

logorecorte

A atención de Manuel Lorenzo Varela, alcalde do Concello de Chantada.

Como ben saberá vostede os nosos labregos están afeitos a padecer unha crise crónica e unha reconversión continuada desde a entrada do Estado español na UE en 1986. No entanto, nos últimos tempos o sector lácteo –sen esquecernos doutros sectores produtivos igualmente ameazados polo agronegocio das multinacionais– atravesa unha situación insostíbel.
Castelao dicía que o galego non pide, senón que emigra. Igualmente podemos afirmar que os nosos gandeiros, pulmón económico da nosa comarca, non protestan, senón que botan o candado. Con todo, a primeira tractorada da historia naceu e desenvolveuse na comarca de Chantada, porque no campo vainos a vida.
Desde o estabelecemento da cota láctea até a súa supresión Galiza perdeu 90% das súas explotacións no nome do “progreso” e as nosas parroquias van camiño de converterse nun deserto verde. O 2016 vai ser aínda peor que o 2015 polo aumento nun 10% da produción láctea en Franza, Alemaña e Holanda e dun 5% no conxunto da UE.
A resistencia heroica dos nosos labregos está tocando fondo. Os prezos que están percibindo sitúanse entre 26 e 28 céntimos por litro (incluso 18 céntimos en moitos casos), moi lonxe dos máis de 34 pagados noutras comunidades do Estado. Para máis INRI, Pascual, Leite Río ou Leitegal anunciaron que ían deter a recollida de leite en numerosas explotacións nun “mercado” que é de todo menos “libre”.
Desde o SLG denúnciase que estamos inmersos nunha xigantesca operación de desmantelamento do sector lácteo galego, que consiste en deslocaar a produción leiteira do noso país a outras partes do Estado próximas ás grandes urbes (nomeadamente na franxa mediterránea e Andalucía). Ao tempo, esmágase ao pequeno produtor para favorecer a agro-industria: xigantescas granxas con milleiros de vacas (como as que se fan subvencionadas con fondos da UE en Romanía e de capital xermano ou francés) que non ven a luz do día e producen un leite de pésima calidade. Un modelo que na última década se fomentou en Galiza, enganando desde as insituticións aos nosos labregos, xa que nin dispoñen da terra para a autosuficiencia nas forraxes, nen Galiza conta coa soberanía política precisa para protexer o noso sector primario frente a competencia estranxeira. Deste xeito, o libre mercado convértese no dereito de pernada do grande capital sobre os pequenos produtores que son esenciais xa non só desde o punto de vista económico, senón tamén para a conservación e ordenación do noso territorio e para dotar de futuro ás nosas parroquias e aos concellos do interior galego.
Por todo o exposto, o SLG, UU.AA e Asaja Galicia convocan unha manifestación e unha tractorada para o vindeiro 17 de xullo en Compostela, en protesta pola vergoñenta e inexplicábel inacción do Goberno galego presidido por Alberte Núñez Feijoo.
Ao tempo, algúns rexedores locais (de Mazaricos, Boimorto e San Sadurdiño concretamente) fixeron un chamado para impulsar unha fronte de alcaldes en defensa do sector por riba das pertenzas partidarias e emprazaron aos alcaldes de todo o país a unha xuntanza aberta, que se celebrará o vindeiro luns 11 en Boimorto.
Vostede é perfectamente consciente, como alcalde de todos os veciños e de todas as veciñas do país do Faro, da importancia estratéxica do leite en Chantada. Sen leite non hai pequeno comercio. Sen leite non hai hostalaría. Sen leite non hai centos de postos de traballo. Sen leite non hai ICOS –algo que infelizmente semella que esqueceu durante décadas a propia cooperativa–. Sen leite, en definitiva, non hai futuro para a comarca de Chantada.
Aínda que somos conscientes das limitacións, no tocante as súas competencias cada vez menores, dos concellos temos unha responsabilidade directa e debemos prestar apoio antes os abusos das industrias e dos vampiros que levan o beneficio deixándolle aos labregos só débeda e traballo de sol a sol. A dignidade sempre é “competencia” individual e colectiva e pode exercerse ou non. Como representante local das veciñas e dos veciños vostede ten neste sentido unha responsabilidade que sabemos asumirá, sendo unha voz máis nas demandas xustas do noso campo.

Por todo o exposto con anterioridade, Por Chantada-CUP solicita á alcaldía de Chantada que impulse a seguinte folla de ruta:

– Que Chantada participe como concello da reunión de alcaldes do día 17 de xullo en Compostela e exerza de cabeza tractora da mobilización cidadá e insitucional no sur de Lugo.

– Que se constitúa unha comisión específica, plural e aberta para a defensa do noso tecido produtivo, cunha rolda de contactos cos produtores, cooperativas e sindicados agrarios aos que debemos ceder o protagonismo e arroupar nas súas demandas.

– Que se inicie unha rolda de contactos cos alcaldes da comarca e do sur de Lugo para facer unha fronte común que inste a actuar á Xunta e ao Estado e reclame futuro para o agro e prezos dignos para o leite, mediante un contrato anual con prezos fixos e dignos.

– Solicitar un plano de emerxencia, coa suficiente dotación orzamentaria, que invista no fomento do valor engadido do noso leite con, cando menos catro liñas de axuda:
a.- Axudas a cooperativas para impulsar a transformación do leite galego en Galiza e desde un consorcio público-privado (a parte privada as cooperativas).
b.- Axudas ás pequenas explotacións de pastoreo extensivo pola súa función social e medioambiental. Axudas a SAT e outras asociacións de produtores para o fomento da venda local e a aposta pola eliminación de intermediarios a través da venda de leite fresco (que é unha realidade que levan décadas desenvolvendo pequenos produtores en Aleñama e noutros estados do norte de Europa).
c.- Campañas de información aos labregos e sensibilización cidadá para apostar por un modelo onde prime a calidade e non a cantidade (coas conseguintes liñas de axuda para tal fin).
d.- Modificación do Banco de Terras para que a terra sexa para quen estea disposto a traballala, sen menoscabo da propiedade, e blindándoo para uso exclusivo das explotacións familiares e SAT e, en ningún caso, para a agro-industria.

Confiamos na súa boa disposición a aceptar esta solicitude de sentido común e esperamos poder apoiar a institución que vostede representa e as demandas dos nosos labregos. Reciba un cordial saúdo:

Antom Fente Parada, portavoz de Por Chantada-CUP.

 

[Se o desexas podes descargar a solicitude en PDF: Solicitude de Por Chantada-CUP á alcaldía do Concello de Chantada]

4 comentarios en “Solicitude de Por Chantada-CUP á alcaldía do Concello de Chantada

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s