MATERIAS FORMATIVOS DO GRUPO DE TRABALLO INSTITUCIONAL DE POR CHANTADA-CUP: O ORZAMENTO MUNICIPAL

Como o actual goberno anunciou que no mes de outubro ten previsto apresentar os novos orzamentos, desde Por Chantada-CUP elaboramos este material explicativo para que todas as persoas que o desexen podan seguir o debate orzamentar.

A través do contacto neste site podedes enviarnos as vosas achegas ou consideracións para os vindeiros orzamentos. Para mudar a realidade é imprescindíbel crear movementos de masas robustos e implicarnos na res publica. Se os movementos de oposicion queren ser algo máis que estrelas fugaces, que se consumen tan rápido como se desbotan, terán que propugnar un proxecto integral do que queremos, así como estratexias políticas serias e críbeis para conseguir os nosos obxectivos.

logorecorte

QUE É?

É o documento que presenta os ingresos que se prevén no ano, e en que gastos se investirán os cartos.

QUÉN O ELABORA?

A equipa de goberno elabora un rascuño que é entregado aos concelleiros da oposición para o seu estudo e trabállase para logar conxuntamente o acordo en determinados pontos.

QUE PRAZOS HAI PARA A SÚA ELABORACIÓN E APROBACIÓN POLO PLENO?

O orzamento debe presentarse ao Pleno da Corporación para o seu debate e aprobación antes do 31 de decembro do ano anterior. É dicir, que o do ano 2016 debe presentarse antes do 31 de decembro de 2015. Para iso, os traballos de elaboración e entrega de documentación á oposición deben comezar durante o último trimestre do ano.

QUE PROCEDEMENTO DEBE SEGUIRSE PARA A APROBACIÓN DO ORZAMENTO?

1.- O goberno municipal entrega o rascuño aos concelleiros da oposición.

2.- O concelleiro de Facenda convoca unha comisión informativa de Facenda (formada por unha representación proporcional de todos os grupos municipais e denominada de “Economía e Facenda” no caso de Chantada), en que se dá conta do rascuño, e en que se debate o contido. O interventor e o secretario do Concello están presentes nesa comisión para aclarar calquera dúbida.

3.- A comisión emite, como de costume, un ditame. O ditame é un documento que explica o sentir dos concelleiros presentes e os votos a favor e en contra do orzamento que presentou o concelleiro de Facenda. Nese ditame poden incluírse as mudanzas que se acordaron a proposta da oposición, mais se as propostas da oposición non suman a maioría dos votos (nas comisións 4 votos), non se fai constar no ditame.

4.- O alcalde convoca un pleno extraordinario no prazo mínimo de dous días desde que o expediente completo está pronto e a disposición de todos os concelleiros.

5.- O pleno debate e soemte a votación o orzamento. Se o pleno o forman 13 concelleiros, como é o caso de Chantada, a maioría absoluta decide, ou sexa 7 concelleiros (estean ou non presentes todas e todos)

6.- O orzamento é aprobado provisoriamente.

MAIS QUE SIGNIFICA QUE O ORZAMENTO SE APROBA “PROVISORIAMENTE”?

Que existe un prazo marcado pola Lei, de 15 días (hábiles), para que calquera cidadán examine libremente o orzamento, encanto se encontra en exposición pública e poda presentar reclamacións e o considera pertinente.

UNHA VEZ FECHADO O PRAZO PARA APRESENTAR RECLAMACIÓNS, QUE ACONTECE?

1. Que o concelleiro de Facenda debe convocar novamente a comisión de Facenda para estudar as reclamacións e un informe técnico do Interventor e do Secretario explicará as razóns técnicas que existen para admitir as reclamacións ou para rexeitalas.

2. No entanto, os concelleiros da equipa de goberno poden aceitar ou non as opinións dos técnicos, mais sendo conscientes, no caso de que non as aceiten, de que contraveñen os principios da legalidade en que sempre deben fundamentarse tanto o Interventor como o Secretario.

3. O alcalde convoca máis un pleno para estimar ou non as reclamacións apresentadas. E a maioría decide novamente (7/13).

4. Final,ente, o orzamento fica definitivamente aprobado.

CANDO O ORZAMENTO ESTÁ DEFINITIVAMENTE APROBADO, XA NON SE PODE FACER NADA?

A Lei aínda permite que se apresente un RECURSO DE REPOSICIÓN, que consiste en apresentar ante o órgano que o aprobou –o Pleno xa que logo– un escrito explicando as razóns polas que non se está de acordo. Os concelleiros que votaron que NON ao orzamento poden presentar este recurso. E calquera cidadán que presentara reclamacións, e non llas admitiran, tamén.

E SE O PLENO REXEITA O RECURSO DE REPOSICIÓN?

Pode acontecer se a maioría o decide: 7 sobre 13. Mais a Lei aínda dá outra oportunidade: apresentar un recurso perante o Tribunal do Contencioso Administrativo.

_____________________ LÉXICO A TER EN CONTA PARA FALAR DO ORZAMENTO DE ACORDO Á LEXISLACIÓN VIXENTE:

ORZAMENTO DE INGRESOS: a parte do orzamento municipal que contén unicamente os ingresos previstos.

ORZAMENTO DE GASTOS: é a outra parte do orzamento municipal, a que contén os gastos xerais.

CAPÍTULOS: os grandes blocos en que se divide o orzamento.

Nos Ingresos hai 7, que son:

Capítulo 1, Impostos directos (IBI, Impostos sobre vehículos, Imposto sobre plusvalías, Imposto sobre actividades Económicas)

Capítulo 2, Impostos indirectos (o Imposto sobre construcións)

Capítulo 3, Taxas e outros ingresos (taxas de cemiterio, de recollida de lixo, de instalacións deportivas, de licenzas de apertura, de concesión de licencias urbanísticas, de vados, de prezo público de la gardería, multas de tráfico, etc.)

Capítulo 4, Transferencias correntes (cartos que se recibe do Estado)

Capítulo 5, Ingresos Patrimoniais (cartos que se ingresa pola venda ou alienación do patrimonio municipal: terreos, edificios, etc.)

Capítulo 6, Transferencias de capital (as subvenciones que se esperan)

Capítulo 7, Pasivos financeiros (cartos obtidos de empréstimos bancarios)

En Gastos tamén hai 7, que son:

Capítulo 1, Gastos de Persoal (retribucións, Seguridade Social, gratificacións, contratacións, produtividade, formación, etc.)

Capítulo 2, Gastos de Bens correntes e servizos (todos os correspondentes ao funcionamento xeral do concello: luz, agua, gas, material de oficina, recollida de lixo, mantemento de vehículos, limpeza, teléfonos, programas culturais, programas para os nosos maiores, etc.)

Capítulo 3, Gastos financeiros (os xuros que se pagan polos empréstimos bancarios)

Capítulo 4, Transferencias correntes (as subvenciones ás asociacións)

Non existe o capítulo 5

Capítulo 6, Inversións reais (cartos que se gastarán en obras públicas)

Capítulo 7, Pasivos financeiros (a amortización anual dos empréstimos bancarios) Os gastos poden clasificarse de dúas maneiras. Unha, por capítulos ou grandes blocos que xa vimos e outra polas súas funcións, ou sexa, a xestión municipal divídese en grandes áreas (funcións) e cada unha delas ten uns gastos. Cada función ten asignado un número propio e unha denominación.

CLASIFICACIÓN DOS GASTOS POR FUNCIÓNS

011 DÉBEDA PÚBLICA (todos os gastos de amortización e xuros de empréstimos bancarios)

111 ÓRGANOS DE GOBERNO (todos os gastos derivados do funcionamento dos órganos de goberno: retribucións do alcalde e dos concelleiros; dietas; contratacións de persoal para o gabinete do alcalte; atencións protocolarias, etc.)

121 ADMINISTRACIÓN XERAL (todos os gastos propios do funcionamento das dependencias municipais xerais: teléfono, auga, luz, xestoría, asesoría xurídica, persoal, equipas informáticas, material de oficina, etc.)

222 SEGURIDADE (todos os gastos que teñen que ver coa Policía Local: soldos, seguridade social, mantemento de vehículos, vestiario, combustíbel, etc.)

223 PROTECCIÓN CIVIL (os gastos deste servizo: vestiario, combustíbel, gastos xerais, etc.)

313 ACCIÓN SOCIAL (todos os gastos que teñen a ver cos Servizos Sociais: ordenados, seguridade social, comida social, mantemento do Centro de Día, contratos temporais para o Centro de Día, axudas sociais, subvención á asociación de xubilados, etc.

321 PROMOCIÓN EDUCATIVA (actuacións educativas, gastos do gabinete psicopedagóxico…)

322 PROMOCIÓN DE EMPREGO

323 PROMOCIÓN E REINSERCIÓN SOCIAL (programas de atención á mujer, programas sociais…)

413 ACCIONES PÚBLICAS RELATIVAS Á SAÚDE (campañas de fumigación…)

422 ENSINANZA (gastos da Escola Infantil: material, persoal, etc; mantemento dos colexios, subvención para a AMPA dos colexios…)

432 URBANISMO E ARQUITECTURA (gastos do persoal da oficina técnica, reparación e mantemento das infraestruturas, vestiario da brigada de obras, compra de mobiliario urbano, honorarios do arquitecto e do asesor xurídico que están contratados, etc.)

433 PARQUES E XARDÍNS (gastos de conservación dos parques e xardíns)

435 VÍAS PÚBLICAS (gastos de reurbanización das rúas, acondicionamento de camiños rurais, gastos de persoal da brigada de obras, alumeado público, etc.)

442 RECOLLIDA, ELIMINACIÓN, TRATAMENTO DO LIXO E LIMPIEZA VIARIA

443 CEMITERIO E SERVIZOS FUNERARIOS

451 PROMOCIÓN E DIFUSIÓN DA CULTURA (sodos dos funcionarios da Casa de Cultura, produtividade, material de oficina, publicidade e propaganda, Festas, programación cultural, subvenciones ao Folión, á Feira do Viño, ao Castañazo, á Casa da Música…)

452 EDUCACIÓN FÍSICA, DEPORTES E LECER (salarios do persoal que traballa na oficina de Deportes, enerxía do polideportivo, contratación do servizo de socorrismo da piscina, subvencións aos clubes e grupos deportivos, construción de novas instalacións, etc.)

513 TRANSPORTE TERRESTRE

533 MELLORA DO MEDIO NATURAL

611 ADMINISTRACIÓN FINANCIERA (gastos de persoal da Intervención municipal; e gastos pola xestión externa dos servizos de recadación)

622 COMERCIO INTERIOR (subvención á Asociación de Comerciantes e Empresarios de Chantada)

QUE É UNHA “PARTIDA ORZAMENTAR”?

A cantidade de cartos destinada para facer fronte a uns gastos concretos. Por exemplo, na partida orzamentar “Retribucións de alcaldía e concelleiros” só se pode pagar o soldo do alcalde e dos concelleiros. Cada apuntamento, cada gasto restarase dos cartos que existen en cada partida. Por exemplo, se unha partida orzamentar consigna cartos para pagar o gasóleo do colexio público só se pode destinar para tal fin. Só o pleno pode dedidir unha modificación este sentido por maioría (7/13).

DE QUE FALAMOS CANDO DICIMOS “CRÉDITO”?

Cartos. Cada partida ten consignado un crédito, ou sexa cada partida dispón de “x” cantidade de diñeiro.

QUE SIGNIFICA, POR EXEMPLO, QUE NON HAI “CRÉDITOS SUFICIENTES NA PARTIDA 451- 15000.PRODUTIVIDADE”?

Que nesa partida onde están os cartos para pagar a produtividade dos funcionarios, poñamos por caso, que deberían dedicarse á función 451 (Promoción e Difusión da Cultura), non ten cartos abondos para tal efecto. Isto pode acontecer porque os cartos que se consignaran incialmente para esta partida se esgotaron antes do fin ano e non poderá gastarse un euro máis neste concepto a non ser que o Pleno o autorice.

Un comentario en “MATERIAS FORMATIVOS DO GRUPO DE TRABALLO INSTITUCIONAL DE POR CHANTADA-CUP: O ORZAMENTO MUNICIPAL

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s