O que fai a lei, fai a trampa (ditado popular)
DECRETO APROBACIÓN BASES PEÓNS CULTURAIS
Por Chantada considera que as bases apobadas pola Alcaldía o día 13 de xullo de 2015 non son xustas, transparentes nin equitativas. É máis valoramos que son un exemplo claro de como non debe funcionar o concello, un exemplo do emprego patrimonialista e privativo dunha institución que é de todos os chantadinos e todas as chantadinas.
Na nosa opinión calquera posto laboral no sector público debe guiarse polos criterios de mérito e igualdade, conforme ao que estabelece o artigo 36 do Decreto lexislativo 1/2008, de 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galiza:
O acceso á función pública e aos seus corpos ou escalas realizarase mediante concurso, oposición ou concurso-oposición libre, convocados publicamente e baseados nos principios de igualdade, mérito e capacidade, sen prexuízo do que, sobre a carreira administrativa, se dispón nesta lei. Na convocatoria será necesario ter en conta o disposto polo artigo 37 da Lei 7/2004, de 15 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.
Contratar a seis persoas respectando a igualdade nos méritos e nas capacidades é difícil atendendo á cláusula sexta das Bases, onde non se especifica quen conforma o tribunal e que transmite máis sensación de arbitrariedade que de equidade (con indenpendencia de que formalmente poda axutarse á lexislación, o importante é a ética!). Amais, lembramos que o tribunal segue pendente de designar cando xa existe a listaxe de admitidos. Entre outros evidentes trastornos, dificulta a posibilidade de recusación dos seus membros conforme aos artigos 28 e 29 da Lei 20/1992, de 26 de novembro, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. Tampouco se axusta co fondo, apenas coa forma, do artigo 103 da Lei 7/1985 de 2 de abril:
O persoal laboral será seleccionado pola propia Corporación aténdose, en todo caso, ao disposto no artigo 91 e co máximo respecto ao principio de igualdade de oportunidades de cantos reúnan os requisitos exixidos.
E o mesmo podemos dicir para o artigo 91 da Lei 7/1985, que dispón o seguinte:
1.- As Corporacións locais formarán publicamente a súa oferta de emprego, axustándose aos criterios fixados na normativa básica estatal.
2.- A selección de todo o persoal, sexa funcionario ou laboral, debe realizarse de acordo coa oferta de emprego público, mediante convocatoria pública e a través do sistema de concurso, oposición ou concurso-oposición libre nos que se garantan, en todo caso, os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.
Nin que dicir ten que a igualdade só se cumpre cando se dispoñen todos os medios para asegurala, como mínimo:
a.- un xurado conformado por persoas competentes na materia, cuxa composición – cando menos aproximada- se coñeza previamente;
b.- uns criterios claros de valoración das entrevistas e dos méritos (mesmo se for preciso cun anexo onde se especifique, por exemplo, que é “certificábel” e por quen no ámbito privado);
c. e, finalmente, mediante a máxima publicitación da convocatoria para o que se debe contactar co INEM local (a fin de solicitar persoas desempregadas que se axusten ao perfil) e publicar no taboleiro de anuncios do concello e na páxina web (estamos no 2015 e o concello non ten nin presenza no Facebook).
Cando isto non se cumpre e se contraveñen estas indicacións é perfectamente posíbel estar dentro do marco legal vixente, mais no fondo non se cumpre a conciencia e se é consecuente coa igualdade, a equidade e a publicidade do mesmo.
Outras consideracións sobre as bases e o procedemento
1º) Contravén toda lóxica e coherencia ratificar no pasado pleno a adhesión ao acordo marco de colaboración entre o MINHAP e a FEMP para o desenvolvemento da Lei de Transparencia (Decreto 191/2015) e aparecer con estas bases. Unhas bases que se ventilan practicamente nun folio, redactadas de xeito bastante ambigou e difuso (e en castelán dito sexa de paso) e que non se publicaron en tempo e forma na web do concello publicitándose só no xornal El Progreso (das subvencións encubertas a medios privados podemos falar noutra ocasión), cando ten moito menos incidencia que a Internet e as redes sociais nunha porción cada vez maior dos cidadáns.
A Lei de Transparencia, Lei 19/2013 de 9 de decembro de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, recolle nos artigos 12 e 13:
Artigo 12. Dereito de acceso á información pública.
Todas as persoas teñen dereito a acceder á información pública nos termos previstos no artigo 105.b) da Constitución española, desenvolvidos por esta lei.
Así mesmo, e no ámbito das súas respectivas competencias, será de aplicación a correspondente normativa autonómica.
Artigo13. Información pública.
Enténdese por información pública os contidos ou documentos, calquera que sexa o seu formato ou soporte, que estean en poder dalgún dos suxeitos incluídos no ámbito de aplicación deste título e que fosen elaborados ou adquiridos no exercicio das súas funcións.
2º) As Bases son manifestamente mellorábeis e por varias razóns, que xa expuxemos en boa medida con anterioridade, achamos que contraveñen a equidade e a igualdade nos méritos e nas capacidades:
a.- A cláusula sexta das bases determina unha composición opaca do xurado, composto por criterios que non gardan relación coa capacidade e formación desas persoas para valorar aos concorrentes. Xa que logo, non é disparatado pór en causa o conxunto das bases só pola súa cláusula sexta. Lembramos, amais, que fica pendente de designar cando xa existe listaxe provisoria de admitidos, o que –como xa indicamos previamente– dificulta a posibilidade de recusación dos seus membros conforme aos artigos 28 e 29 da Lei 20/1992.
O exposto non se contradí co cumprimento formal nas bases do preceptivo artigo 60 da Lei 7/2007, mais si coa necesidade de incluír a especialidade (como fan innúmeras bases semellantes noutros concellos). Por outras palabras, que a composición do tribunal sexa predominantemente técnica, tendo ao menos a metade dos seus membros unha titulación ou especialización nesa área, para alén de teren todos unha titulación igual ou superior á exixida para o acceso ás prazas convocadas. Este criterio, por certo, si que se gardou na convocatoria dun traballador social, o cal redunda en que estas seis prazas para un mes (e no nome da urxencia) se aprobeitan para prácticas ligadas co clientelismo político.
b.- A cláusula sétima non aclara debidamente a natureza das “certificacións” (non imos a entrar a valorar a contradición entre criterios de valoración empregados nesta convocatoria pública e noutras, como as últimas bases para a contratación dun traballador social). Que “entidades privadas” poden certificar até o máximo neste apartado (4 puntos)? Podería unha asociación cultural certificar experiencia neste eido? Que criterios se seguen e porque non se especifican? Novamente na ambigüidade e na indefinición está a trampa.
c.- Non se inclúen, como é habitual, as funcións a desenvolver como peóns especialistas nin a súa pertenza ao grupo de cotización E con soldo de nivel 7 (o soldo si que se especifica: 1090,84€ brutos e 40 horas semanais.
d.- A claúsula terceira (C) discrimina as persoas maiores de 16 anos e menores de 18 que conten co título da ESO como mérito computábel e poderían optar a seren peóns especialistas conforme á lexislación vixente.
e.- A fase de entrevista (cláusula sétima) é tan aberta que non especifica absolutamente nada o que, xunto ao descoñecemento do xurado, apunta para cumprir coa legalidade na forma mais non no fondo para seguir cos métodos caciquís e de clientelismo político.
f.- A non fixación dun mínimo de puntuación na fase de valoración permite pasar a todos os candidatos á fase da entrevista, empregada moitas veces como panca para reverter a puntuación por méritos. Uns criterios de entrevista pouco claros, xunto a unha “certificación” de experiencia confusa constitúen 70 % da valoración. Ao respecto convén lembrar o epígrafe 2 do artigo 38 do DL 1/2008:
A valoración de ditos méritos ou nivel de experiencia non suporá, con relación ás probas selectivas, máis dun 40 % da puntuación máxima alcanzábel na fase da oposición. Co fin de asegurar a debida idoneidade das persoas aspirantes, estas deberán superar, na fase de oposición, a puntuación mínima estabelecida para as respectivas probas selectivas.
Así pois, na práctica a valoración dos méritos sen un baremo claro (4 puntos) e a decisión dun xurado que aínda se descoñece (na fase de entrevista 3 puntos) determinan esas seis prazas de acordo co artigo 41 do DL 1/2008:
Os tribunais non poderán aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. A contravención deste principio xera nulidade de pleno dereito na proposta do tribunal.
g.- Por último, é lamentábel que se publiquen a día de hoxe unhas bases en lingua castelán desde o Concello de Chantada, contravindo todas as disposicións sobre o galego tanto nacionais como internacionais. E non vos riades, que o conto o triste, que nesas bases o “gallego” só aparece como mérito puntuábel (porque así o marca a lei e non lles queda outra).
Ao respecto lembramos o recollido no artigo 5º do Estatuto de autonomía (o galego como lingua propia dos galegos) e o artigo 4.1 da Lei de Normalización Lingüística, que declara o galego como lingua da administración local. A maiores e entre outras, a Lei 5/1988, do 21 do xuño, do uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais (DOG do 30). O Real Decreto 1732/1994, do 29 de xuño, polo que se regula a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administracións Local con habilitación de carácter nacional (BOE do 9 de agosto), nos seus artigos 21º, 26º, 28º e 38º. A Orde do 10 de agosto de 1994 pola que se ditan normas sobre concursos de provisión de postos reservados a funcionarios de Administración Local con habilitación de carácter xeral (BOE do 12) nos seus artigos 6º e 14º, sendo recomendábel solicitar o correspondente nivel de CELGA de acordo co MCER e non a linguaxe difusa de “curso de iniciación”.
Chantada (na dos vivos), 22 de xullo de 2015.
[…] uns días, para o caso de Chantada, tiramos un comunicado sobre as bases que regulan a selección de seis prazas de peóns especialistas para trab…. Pois ben, desta volta tócanos falar de Monterroso e como non podemos facer un exhaustivo […]
GústameGústame
[…] Criticamos as bases para a contratación de 6 peóns para eventos culturais no mes de agosto, como xa denunciamos nesta páxina no seu […]
GústameGústame
[…] Comunicado de Por Chantada sobre as bases que regulan a selección de seis prazas de peóns especial… (22/07/2016). No caso dos dez novos postos que se convocan agora para marzo as bases son mellores que as que denunciamos aquí no seu día. Por exemplo, especifícase a composición do xurado, que se trata de traballos na Feira do Viño, etc. Con todo, hai aspectos polémicos como que o graduado se puntúe con 2 puntos (3 a experiencia e 1 a lingua) e a entrevista con 3. O peor desde logo é outorgar só 5 días naturais e o mesmo no caso da praza de técnico de turismo ou na de socorrista. […]
GústameGústame