
O 6 de agosto ás 12 da mañá Chantada, infelizmente, terá que volver recorrer a unha nova tractorada para defender prezos dignos para o leite e futuro para o nosos rural. A tractorada foi convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo.
O percorrido da tractorada será desde o mercado gandeiro pasando polas principais rúas da vila do Asma, fechando os comercios en todos os concellos da comarca entre as 12 e as 14 horas. Ás 13 horas farase unha marcha a pé até o concello de Chantada, léndose na praza do Cantón un manifesto.
Segundo o acordado o mércores, 29 de xullo, desde a Plataforma faise fincapé nos seguintes puntos:
1.- Garantir a recollida do leite producido en Galiza e prezos que cubran os custes de produción.
2.- Cuantificación do excedente lácteo e xestión do mesmo a través dos mecanismos de intervención, almacenamento privado e enío de axuda humanitaria.
3.- Mecanismos para clarificar os movementos do leite e derivados no merado supervisado polo ministerio, con balances mensuais áxiles. Ao tempo, pór en funcionamento medidas para compensar os posíbeis desiquilibrios do mercado, coa implicación da Henil.
4.- Posta en marcha inmediata de medidas de acompañamento do paquete lácteo, que fagan áxil a defensa xurídica nos casos de incumprimento dos contratos.
5.- Posta en valor do leite de orixe galega, pasteurizada e ecolóxica e impedir o uso que está facendo a distribución do leite como produto reclamo.
A tractorada sucede á manifestación celebrada en Compostela e á tractorada de Santa Comba do día 1 de agosto e forma parte dun calendario de mobilizacións que están sendo masivas. No caso de Santa Comba participaron 2.000 persoas e centos de tractores.
Desde Por Chantada, como xa lembramos recentemente, consideramos de xustiza defender o sector leiteiro como piar económico do país do Faro e como garantía de futuro para o noso rural, sen esquecernos da carne (tamén en crise) e o pastoreo de todo tipo, nomeadamente a agricultura ecolóxica e extensiva. Por iso, animamos a todas e todos a participar na tractorada do día 6 de agosto para que encher as rúas de Chantada cun clamor de xustiza, futuro e dignidade para o noso agro e para a nosa economía.