As “fINTAs” laborais comúns a Chantada e Monterroso

Por Chantada - Participación Democrática Directa

En galego a palabra finta deriva da italiana finta (do latín FICTA, “modelar, inventar”), que significa “simulación”. Na nosa lingua, entre outras acepcións, ten a de “engano” ou “calote”. Por iso, é a mellor palabra, ao noso xuízo, para condensar algo que é común ás convocatorias laborais de INTA, tanto en Chantada canto en Monterroso, aínda que para ser xustos é a norma na maioría dos concellos.

Hai uns días, para o caso de Chantada, tiramos un comunicado sobre as bases que regulan a selección de seis prazas de peóns especialistas para traballar en eventos culturais. Pois ben, desta volta tócanos falar de Monterroso e como non podemos facer un exhaustivo seguimento de todas as convocatorias da comarca incluiremos desta volta tamén unha especie de resumo  do que podemos facer como cidadáns, para alén da pertinente reclamación que presentamos por escrito.

A devandita reclamación (en anexo en pdf: Monterroso S_D) contén información resumida sobre os fundamentos legais que poden empregarse nestas reclamacións, co que pretendemos facilitar que calquera cidadán que o desexe teña as ferramentas para, cando menos, facer ouvir a súa voz e reclamar os seus dereitos, aínda que como se verá o percorrido real destas reclamacións é mínimo porque o que fai a lei, fai a trampa.

Xa que logo, non imos falar do alcalde de Monterroso condenado mediante sentencia pola Audiencia Provincial de Lugo a sete meses e quince días de cárcere por un delito continuado de tráfico de influencias e inhabilitado para cargo público durante dous anos e tres meses (1). Tampouco dunha oposición inexistente que mostra o urxente que é que a sociedade civil crítica de Monterroso se artelle e organice para evitar que o concello non se axuste sequera a legalidade nas súas convocatorias laborais ou que estas, axustándose superficialmente, sexan un mecanismos de clientelismo político, co que Monterroso seguiría instalado no mesmo caciquismo de sempre (independententemente de que goberne o PP, o PSOE ou INTA).

Non, desta volta, trátase dunha praza de normalización lingüística que convocou a citada insititución e que, ao noso xuízo, é máis unha “simulación” que cumpre coa letra da lexislación, mais non co seu espírito xa que nin se garante a igualdade, nin a equidade nin o mérito tal e como marca a lexislación (poderíamos falar doutras que tamén parecen presentar irregularidade, mais compréndase que non temos tempo material suficiente para atender a tantos frentes).

Como no caso de Chantada INTA en Monterroso tamén aposta por contratar sen as garantías necesarias para que se respecte a igualdade e a transparencia, aínda que neste último caso hai fundamentos de dereito para pedir a súa nulidade, tal e como expuxemos na pertinente solicitude ao alcalde-presidente de Monterroso.

Desde Por Chantada-CUP, repetimos – as veces que faga falta – que calquera posto laboral no sector público debe guiarse polos criterios de mérito e igualdade, conforme ao artigo 23 da Constitución do Reino de España e  ao artigo 36 do Decreto lexislativo 1/2008, de 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galiza, e que as présas aducidas normalmente son unha tapadeira e non se xustifican (como neste caso que o prazo vai até outubro e liquidouse todo nunha semana).

A continuación detallamos, como de costume, polo miúdo os feitos e anexamos a impugnación que redatamos: Monterroso S_D

ANTECEDENTES

A existencia de posíbeis irregularidades chegaron a nós por parte dun veciño do concello, actualmente emigrado por cuestións laborais, que decidiu recorrer a nós ao non ter experiencia en como proceder nestes casos e recibir respostas contraditorias no concello: primeiro dixéronlle que non había bases; logo apareceron as bases e insistiron en que  todo fora legal mais que a urxencia xustificou ás presas e non publicalo na web; e, finalmente, que non lle podían facilitar as bases.

As bases só podían consultarse acudindo ao taboleiro de anuncios do concello de Monterroso, unha boa maneira de “ocultar” máis que de “publicitar” (tal e como dispón a lexislación). Se todo fose tan legal e exemplar non faría falta andar con tanto misterio e as bases estarían en PDF para descargar na web. Agochar cousas ás veciñas e aos veciños non só é lamentábel, senón que os que andan ás agochadas lembran ao raposo e as alimañas máis que a servidores públicos que administran e velan polo que é de todas e todos.

Impotente, por descoñecemento propio, pola inacción da oposición (que semella non existir en Monterroso) e pola incompetencia sindical, este cidadán decidiu recorrer a nós xa que coñecía pola nosa web que cando menos existe un espazo que recolle as queixas e preocupacións dos cidadáns e tenta darlle resposta na medida das nosas posibilidades. Iso si, é bastante indicativo da profunda depresión (non só económica) en que viven as sociedades dos concellos do interior Galiza.

En consecuencia, comezamos a investigar os feitos.

OS FEITOS

1º) A correspondente convocatoria laboral foi aprobada polo alcalde mediante Decreto de 31 de xullo de 2015 (2).

2º) A oferta corresponde a unha subvención concedida pola Xunta de Galiza, publicada o 31 de xullo no DOG nº 144. Concretamente, refirímonos á RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2015, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 22 de abril de 2015. Na mesma concédese a Monterroso unha subvención de 4.506€ para a creación dun servizo lingüístico (3).

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. É bastante cómico que a Secretaría Xeral de Política Lingüística publique os beneficiarios e as axudas concedidas na súa web e o concello de Monterroso nin sequera publicou as bases na súa web, unha nova fINTA á transparencia e á equidade nas ofertas de traballo público que caracterizan o clientelismo cultivado por tantos concellos do interior de Galiza. Tampouco aparecen por ningún sitio no BOP (Boletín Oficial Provincial).

3º)  A Secretaría Xeral de Política Lingüística, na sección da súa web destinada a convocatorias de axudas, estabelece que o prazo de xustificación remata o 20 de outubro de 2015. Isto foi aprobeitado por INTA para sacar unhas bases <<a prisa y corriendo>> (sic.) transmitindo a oferta ao INEM de Chantada para ter así solucionada a oferta en só 3 días <<dada a urxencia>> (sic.). A alternativa era publicala no BOP o que alongaría efectivamente os prazos, mais tamén faría o proceso garantista tanto no tocante á igualdade de oportunidades como á equidade no trato á cidadanía.

4º) Dirixímonos igualmente ao devandito INEM para consultar a oferta de emprego en cuestión, mais non foi posíbel xa que iría contra a Lei de Protección de Datos (LOPD). Non saimos do noso asombro que se empregue a LOPD para agochar unha convocatoria de emprego público dunha institución pública, obrigada por lei a facela públicae darlle publicidade!

O que si se nos dixo foi que o concello de Monterroso restrinxiu a solicitude ao seu concello, contrariamente ao afirmado desde o concello onde se culpa ao INEM de facilitarlles só o nome dunha persoa e que <<polas présas>> pedíronlle que non ampliaran a oferta. Xa que logo, como vai haber “concurso de méritos” tal e como fixa calquera base de contratación (por moi trapalleira que sexa)  se só se convoca a unha persoa? (4). Sexa como for, tal como fixemos constar na nosa reclamación, hai suficiente xurisprudencia para considerar só por este feito a convocatoria laboral nula de pleno dereito.

A maiores, non é legal que un concello exclúa a persoas doutros concellos, como moito a lexislación permítelle puntuar como mérito pertencer ao concello en cuestión. Conviría lembrarlles aos representantes públicos de Monterroso que os impostos desa praza sufragada pola Xunta os pagan todos os galegos e todas as galegas e que as institucións non son un coto privado.

5º) No Concello infórmannos que as bases teñen concurso de méritos (valoración da experiencia, formación requerida, etc.) e entrevista. Só faltaría, cumprir co mínimo do mínimo ao que está obrigados por lei  é presentado como mérito (aquí si que debemos valorar o “mérito”).

Xustifícase así que cumpren coa legalidade. Non dubidamos que cumpran coa letra, mais non co espírito da mesma, polos seguintes motivos:

a.- Tres días non é un prazo xusto e razoábel para garantir a equidade e a igualdade de oportunidades.

b.- Un concurso cunha única candidata é unha tomadura de pelo e demostra que non había vontade de valorar o mérito e contratar á persoa máis preparada, senón de seguir o método tan vello e coñecido dos clientes políticos. A maiores, esa persoa traballou durante anos xa no concello e o método de selección a través do INEM totalmente opaco e fechado a unha persoa é ILEGAL.

c.- Publicar  nun taboleiro de anuncios dun concello cumpre co que marca a lei (lembremos que da década de oitenta), mais nos tempos que corren ningunha convocatoria é publicitada axeitadamente se non se publica, cando menos na web (5).

 

QUE FACER COMO CIDADÁNS?

Aínda que moitas veces a cidadanía se dirixa aos representantes políticos da súa confianza coa esperanza de poder impugnar bases e procesos que, por diversas razóns, son claramente irregulares ou escasamente éticos o certo é que non é demasiado o que se pode facer ao respecto.

Como di a sabedoría popular: o que fai a lei, fai a trampa e o Estado español conta cun réxime que é herdeiro do franquismo e da súa ditadura (para alén de que o caciquismo e clientelismo político van no ADN do Estado moderno nado nas Cortes de Cádiz en 1812 e ten, particularmente, fondas raíces no interior de Galiza). Non debemos confundir tampouco alternacia política con ausencia de caciquismo. Aínda que a alternancia política é esencial é longa a historia de períodos en que esta era unha substitución de familias das mesmas elites, cuxos métodos e metodoloxías nunca defiriron no substancial. Poucos exemplos, son tan claros disto no 2015 como o concello de Monterroso. PP, PSOE e INTA levan alí o caciquismo na cerna da súa médula política.

Como cidadáns é posíbel seguir os seguintes pasos:

1º) Presentar por rexistro un recurso administrativo no concello citando o Decreto correspondente e as razóns polas que se xulga que o proceso debe ser anulado (neste caso o seguinte escrito: Monterroso S_D).

2º) No prazo de 3 meses resolve o propio alcalde, ao ser quen asinou o decreto que dá pé a todo o proceso, que mesmo pode non contestar (silencio administrativo) enténdendose por denegado o recurso. Compréndase entón o noso total escepticismo con que, aínda tendo a lei da nosa parte, se poda efectivamente reverter un proceso irregular.

3º) Recurrir a reposición no prazo dun mes, abríndose 3 novos meses de prazo para a institución (e novamente sendo o alcalde quen debe valorar o recurso, sendo o máis cómodo nin lelo nin contestalo).

4º) Rematado este proceso só queda o contencioso-administrativo. No hipotético caso de gañar o xuízo, xa que normalmente cúmprese coa letra da lei formalmente (aínda que neste caso si que hai un claro fundamento de dereito), o concello debe embolsarlle ao demandante os custes e mesmo nos casos máis graves se pode socilitar inhabilitación para cargo público.

 

Outra posibilidade é denuncialo nas redes sociais, en foros e na prensa (no caso de que esta última faga caso, xa que reciben abundante publicidade institucional). Por último, nos casos que afecten a múltiplas persoas dirixirse ao Valedor do Pobo coa esperanza de que este tome algunha medida ou fique constancia das actuación que suscitan queixas cidadás por parte dos concellos.

 

En Chantada (na dos vivos) a  07 de agosto de 2015

Por ChantadaCandidatura de Unidade Popular.

 

NOTAS A RODAPÉ:

(1) “El exsubdelegado del Gobierno de Lugo, condenado por retirar multas” en La Voz de Galicia [en liña], disponíbel en http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2015/07/11/exsubdelegado-gobierno-lugo-condenado-retirar-multas/0003_201507G11P8991.htm

(2) Decreto pendente de numerar porque, segundo explicacións telefónicas, até hai pouco a secretaria estivo de vacacións e tiña <<cousas máis importantes que facer que numerar un decreto>> (sic.). Non é a primeira vez, ao menos en Chantada, que se descarga sobre os funcionarios a incompetencia ou a deixadez dos representantes políticos. En todo caso, que o decreto estexa numerado ou non pouco afecta para o fondo da cuestión. As citas literais refírense ás explicacións dadas en conversación telefónica desde o concello de Monterroso.

(3) A convocatoria regulábase pola Orde do 22 de abril de 2015 regula a convocatoria e a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega (Diario Oficial de Galicia núm. 79, do 28 de abril) e que solicitara, no caso de Monterroso, o goberno anterior do PSOE. En Chantada, INTA coa súa habitual deixadez e nugalla nin a solicitou cando segue a facer convocatorias e documentación oficial en castelán contravindo a numerosa lexislación de uso e promoción da lingua galega, por exemplo a que citamos neste artigo.

(4) A persoa en cuestión incorporouse o día 4 de agosto de 2015 ao seu posto de traballo e xa traballara con anterioridade no concello de Monterroso durante máis dunha década (estando daquela Gato Soengas e o PSOE á frente do concello).

(5) Tampouco se publicou no Facebook do Concello de Monterroso, que si conta cun a diferenza de Chantada (lembramos que no país do Faro temos un concelleiro de Cultura e TIC).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s