Cando a Xunta lle dá aos rICOS para seguir mallando nos pobres…

Antón Fente Parada. Portavoz de Por ChantadaCandidatura de Unidade Popular

Empoleirados
Grande parte do problema no agro non está só nas políticas da UE ou nas políticas do Estado español que marxina o campo galego. En boa medida, o problema está tamén nas elites que se beneficiaron dun modelo que reproduce a dominación dos produtores e invalida toda marxe de manobra ou de cooperativismo real.

É, cando menos, curioso como a entrada de ICOS no capital da empresa de Melide Lasurgal cun millón de euros,operación que se viña argallando desde hai meses (polo menos desde finais do ano pasado), coincida coas manifestacións do sector. É aínda máis curioso que a conselleira saia na TVG apoiando a xogada e dicindo que “ese é o camiño”.

Un camiño que á Xunta sáelle moi barato, pois gastando só 1’9 millóns de euros xa pode “vender” que fixo algo polo sector. Ao tempo a dirección da cooperativa pode encher o peito e dicir que investiu 1 millón de euros na transformación do leite. O titular do xornal pesebreiro La Voz de Galicia fai o resto (1).

Inmediatamente veñen á cabeza operacións semellantes que deron en calotes como Alimentos Lácteos ou Leyma. Ou apostas ruinosas da mesma ICOS como a fábrica de penso en Taboada fabricando a 10% da súa capacidade, que absorveu millóns de euros e que como resultado obriga aos socios a mercar o penso máis caro que a competencia, en canto gañan menos polo leite (a cooperativa fica con varios céntimos de marxe). Ou os millóns investidos en maquinaria, que directa ou indirectamente alimentaban a ilusión da estabulación permanente, un modelo que non vale para Galiza…

Se esas inversións millonarias se fixesen en xerar valor engadido para o leite do país do Faro hai moito tempo que se podía estar apostando pola calidade e non pola cantidade e obtendo unha marxe de beneficio que permitira resistir mesmo nestes tempos de crise. Cando os socios pasaron de ser donos a escravos da cooperativa? Que máis dá que esta xere 50 millóns de euros de facturación en 2014, 15% que en 2013 se é un elemento máis no exterminio do sector agrario? (2)

Podería pensarse que con eses datos, ICOS produce 70 millóns de litros de leite (3% do total da Galiza que é a 9 nación que máis leite produce de Europa), a cooperativa é unha grade empresa que reparte os dividendos ou cando menos parte dos beneficios entre os seus asociados. A non ser que consideremos unha comida e unha compra en Nadal como “dividendos”, nada máis afastado da realidade (3). É máis, son os “accionistas” os que nesta empresa xeran non só o capital inicial depositado senón gran parte do lucro: pagan os servizos que a cooperativa ofrece, mercan nos supermercados da cooperativa, mercan o penso da cooperativa a prezos superiores aos da competencia e, ao cabo, deixan de marxe para a empresa varios céntimos por litro de leite. Desde a Banca de Soto ningunha empresa local chegara a tanto.

Con todo, non é un fenómeno illado. No sector vitícola grandes adegas que son “cooperativas” empregaron o anzol do capital inicial (que o pequeno produtor ao seren aforros de toda unha vida se resiste a perder) para escravizar a estes: só poden entregar a produción que lles marcan (en canto prantan hectáreas de novo viñedo e as viñas de toda a vida van ficando a ermo, o cal reforza o novo “cupo” aprobado polo Estado español), ao prezo que a cooperativa fixa e, para fechar a cuadratura do círculo, cobran con 2-3 anos de atraso. Nunca se reparte un can de beneficios, pois hai que pagar pazos convertidos en adegas, maquinaria e os novos viñedos que se plantan para arruinar os propios socios. As relacións entre os directivos, a DO e os grandes partidos -nomeadamente o PP- non son ningún segredo en moitas comarcas do país, como o Salnés.

Descoñecemos se houbo xuntanza cos socios para decidir esta inversión en Lasurgal. Intuimos que investir no soro, o derivado “pobre” do sector lácteo neste momento é máis parte dunha operación de mercadotecnia que un negocio rendíbel e, desde logo, non vai solucionar os problemas dos labregos e das labregas. Que pasa coa manteiga? Que pasa coa graxa? Revéndenas a prezos irrisorios ou quedan co sobrante? Ou non será máis do mesmo e continúa a venderse a materia prima para as grandes industrias foráneas que logo a tratan e venden fóra?

Hai décadas podíase ter apostado por un modelo como o de Feiraco e termos hoxe unha marca consolidada e unha cooperativa que seguise sendo das labregas e dos labregos… En vez diso, seguimos apostando por incrementar a produción, mais seguindo coas mesmas práticas de subcontrata… Quen vai mercar esas toneladas de soro? Hai estudos de mercado rigorosos? Moitas incertezas que apuntan a que imos seguir igual, revendendo a intermediarios con máis potencia para negociar e levar comisións que dubidamos cheguen ao peto dos produtores e nun momento moi oportuno politicamente para maquillar as desastrosas políticas do Estado e da Xunta (do PP en suma).

Por se todo isto fose pouco, Lasurgal é unha empresa de Melide propiedade da mesma persoa que quebrou a quixaría do Saviñao e marchou cos cartos ficando os traballadores sen cobrar. Non sería de extrañar que nuns anos teñamos que lamentar outro episodio vergoñento como o de Alimentos Lácteos, onde os amigos do PP marcharon cos petos cheos coa beizón urbi et orbe de Feijoo desde San Caetano. Unha empresa ben relacionada coa Xunta que, por exemplo, en 2005 recibiu 1 millón de euros públicos para que as súas instalacións pasasen a producir 45 millóns de litros de soro (4). A maiores, o mercado do soro lácteo está coñecendo certa inversión de tipo especulativo e un boom asociado a estados en vías de desenvolvemento e, de feito, mesmo se converteu nun sensor da evolución do prezo do leite (unha especie de “bolsa do leite”) (5).

 

As labregas e os labregos farían ben en autoorganizarse en asembleas e endurecer as mobilizacións. Farían aínda mellor en mostrar unidade desde a base, virando as costas a esas elites locais (políticas e económicas) partícipes dun engano masivo ao sector. Elites que desde a década de 80 levan os réditos en canto outros moxen a vaca e fican coas débedas.

Tamén deberían reflexionar se a solución pasa por igualar a todos os sindicatos e a todos os políticos (mentres se segue apoiando maioritariamente “aos de toda a vida”). Non é xusto igualar a un SLG combativo e integrado na Vía Campesiña, a organización de campesiños máis combativa e grande do mundo; ou unha FRUGA compremetida con Galiza, cos sindicatos amarelos da industria; igualmente, haberá que preguntarse se o modelo de cantidade sen calidade é viábel coa terra e a dimensión e capital das explotacións do país; ou, se é xusto reclamar prezos dignos para o leite cando hai empregados de Bolivia, Ecuador ou Brasil traballando a 14 horas por 600€ e aos que ningún sindicato nin partido defende.

Os sindicatos combativos e de clase, ou sexa os que defenden aos labregos, aos pequenos produtores e non á industria e aos grandes produtores, deberían reflexionar sobre se merece a pena a unidade cando esta é unha pexa para desenvolver a autoorganización do campo e o endurecemento dos combates e das protestas. Até este momento a unidade poda que for precisa, mais de agora en diante é evidente que é desexábel mais non pode ser un impedimento para abrir un proceso de protestas onde se faga realmente dano tanto ao PP canto á industria. E iso non se consegue só con grandes e coloridos paseos polas vilas galegas.

Tamén se ten algún sentido comparar Galiza con Franza. A propia PAC naceu dun dos dous piares nos que se erixiu ese monstruo chamado Eurolandia na década de 50. O piar intervencionista e planificador do Estado francés. Frente a iso, o Reino de España non é máis que un protectorado do ordoliberalimo alemán ao que lle entregou a súa soberanía. Ao PP nunca lle importou o máis mínimo a estrutura económica de Galiza para alén do seu saqueo. Se non lle importou liquidar as caixas e que emigre o aforro galego, menos lle vai importar a sorte de milleiros de explotacións. Como moito algunha cataplasma cosmética en ano electoral da que fariamos mal fiándonos, dado que 2016 vai ser un ano brutal para o conxunto das clases populares do Estado español.

A sociedade debería preguntarse se pode seguir demandando produtos de calidade e desprovistos de química despreocupándose das sorte dos produtores. A comida da cancroxénese coa que nos invade o agronegocio só pode superarse apoiando e loitando pola soberanía alimentar. Moitas explotacións galegas manteñense no pastoreo en extensivo e mesmo na agricultura ecolóxica. Ese tipo de agricultura esixe selos específicos que certifiquen a súa calidade. Eses labregos e labregas meceren cartos públicos polo mantemento e ordenación da paisaxe e do territorio. Non son subvencións, é un pago ben pequeno pola débeda que a cidade contrae coa biosfera e co conxunto da humanidade por contaminar e consumir como se non houbese mañá.

 

(1) “Una cooperativa gallega se lanza a los derivados lácteos para sortear la crisis” http://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2015/08/08/cooperativa-gallega-lanza-derivados-lacteos-sortear-crisis/0003_201508G8P26993.htm

(2) http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2001/01/21/386636.shtml

(3) A cooperativa ten 113 empregados que xunto aos socios reciben unha gran comida anual con orquestra e polvo na mellor tradición das Romarías populares de Fraga.

(4) “Melide rentabiliza el sector lácteo con una firma transformadora de suero” http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/02/23/3491233.shtml

(5) “Suero lácteo, clave en la innovación de alimentos” http://www.portafolio.co/economia/suero-lacteo-clave-la-innovacion-alimentos

“Situación del mercado del suero en Chile” http://www.odepa.cl/articulo/situacion-del-mercado-del-suero-en-chile-2/

FE DE ERROS (04/07/2016)

Na súa redacción orixinal o artigo afirmaba que ICOS tivera uns beneficios de 50 millóns de euros, o cal é un erro de grande magnitude xa que foron 50 millóns de facturación. Os beneficios netos declarados nun ano como 2011 foron apenas de 162.000€, ao que cumpriría sumar o investido en inversións ese ano para as que non se recorreu á vía do crédito. Por exemplo, véxase: http://www.icos.es/index.php?option=com_content&view=article&id=46:asemblea-xeral-de-icos&catid=10:xerais&Itemid=49 (última consulta 04/07/2016). Agradecemos que un lector atento nos teña advertido do erro.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s