Moción de Por Chantada para prohibir o emprego de herbicidas para usos non agrarios no concello de Chantada

 

Por Chantada - Participación Democrática Directa

Grupo municipal POR CHANTADACANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR

Xustificación da moción:

O emprego de herbicidas nas gabias das estradas do noso concello, independentemente do organismo que as execute (Xunta de Galiza ou Deputación de Lugo) ou das empresas de mantemento das estradas, debe rematar e ser substituído polo rozado mecánico das mesmas, co que se xeran empregos e non se atenta contra o medio ambiente e, nomeadamente, contra os acuíferos.

O verquido de toneladas de produtos tóxicos e canceríxenos nas vías públicas pon en risco a saúde das persoas, os ecosistemas naturais, a calidade das augas e incrementa a posibilidade de incendios. A choiva arrastra os produtos químicos contaminando acuíferos e entrando na cadea trófica con consecuencias devastadoras para o medio ambiente e até para as persoas.

Tanto as Deputacións como o Ministerio de Fomento recorren aos herbicidas sistémicos. Empréganse produtos como o Roundup, cuxa relación con innúmeras doenzas está máis do que probada, permite que o glifosato que contén pase á terra, ás augas, aos animais e, ao cabo, tamén as persoas. A propia OMS advirte sobre o glifosato, con probas contundentes de que provoca cancro nos animais e probas máis que razoábeis de cancroxénese en Seres Humanos.

Concretamente, o Ministerio de Fomento, no que se refire ás estradas da súa titularidade, recoñece o emprego de glifosatos como principal herbicida en estradas, autoestradas, autovías e vías férreas da súa titularidade. E o mesmo no caso das Deputacións.

Especialmente grave é o seu emprego nas proximidades de terras de labor, fontes, casas, hortas, xardíns, etc. O que agrava o seu impacto negativo sobre a saúde das persoas beneficiándose tan só grandes multinacionais do dispendio dos cartos públicos, cando se pode apostar pola limpeza mecánica das gabias (máxime cando organismos como o concello de Chantada contan con maquinaria de seu para tal cometido), cun impacto medioambiental moito menor e que xeran máis postos de traballo.

O glifosato, mesmo aplicado nas doses indicadas, é letal para o biodiversidade. En doses inferiores ás recomendadas provoca a morte dos anfibios, por exemplo. De por parte, intensifica a seca da cuberta vexetal e favorece os incendios. Xa que logo, é irresponsábel seguir empregando un veleno que pon en risco os solos e as augas; a fauna e a flora; e os traballadores.

Por se todas estas razóns non lle parecen suficientes aos restantes membros da corporación para apoiar esta moción, lémbrolles os obxectivos da Resolución lexislativa do Parlamento Europeo, de 13 de xaneiro de 20091, especialmente no relativo ao capítulo IV nos artigos 11 e 12. Nestes artigos, entre outras cousas recóllese:

Reduzir o mais possível ou eliminar as aplicações de pesticidas em ou nas imediações de estradas, linhas de caminho-de-ferro, superfícies muito permeáveis ou outras infra-estruturas próximas de águas de superfísie ou de águas subterrâneas, ou ainda em superfícies impermeáveis onde o risco de escorrimento para águas de superfície ou sistemas de esgotos seja elevado.

E tamén se subliña que non se empreguen pesticidas «nas zonas utilizadas pelo público em geral ou por grupos vulneráveis», por exemplo en «parques e jardins públicos, campos desportivos e recreativos, recintos escolares e parques infantis, e na vizinhança imediata de instalações de prestação de cuidados de saúde».

Por se isto fose pouco, existe un Plan de Acción Nacional (PAN) dependente do Ministerio de Agricutura e ao abeiro do Real Decreto 1311/2012, de 14 de setembro, polo que se estabelece o marco de actuación para conseguir un uso sostíbel dos produtos fitosanitarios. Entre as disposicións do RD 1311/2012 encóntrase o principio de cautela que debe conducir ás administracións a prohibir o uso de produtos fitosanitarios en zonas ou circustancias específicas, especialmente cando hai probas da súa toxicidade e cancroxénese como xa indicamos previamente.

En virtude do exposto, solicitamos aos membros desta corporación declaren o termo municipal de Chantada como terra libre de glifosatos e a aprobación dos seguintes acordos:

1.- Prohibir o uso de herbicidas para limpar as gabias das estradas do Concello de Chantada, así como na limpeza de beiravías e foxos e mesmo nas beirarrúas dos núcleos de poboación. Procederase sempre a substitución dos herbicidas por métodos de rozado mecánico.

2.- Recoller de forma expresa esta prohibición nas Ordenanzas Municipais de Chantada a fin de proceder ao seu cumprimento.

3.- Trasladar este acordo ás entidades responsábeis do verquido sistemático de produtos tóxicos, advertíndolles que o Concello de Chantada esixirá o cumprimento da presente ordenanza e da Directiva da UE polos medios legais pertinentes, no caso de persistir o emprego de métodos contaminantes e que atentan contra a saúde pública.

4.- Dirixirse aos concellos limítrofes, nomeadamente Carballedo, Taboada, Saviñao e Pantón para que adopten disposicións análogas.

5. – Dirixirse aos sindicatos agrarios para, conxuntamente, lanzar unha campaña de sensibilización ao longo do ano 2016, con cargo ao orzamento municipal, para a sensibilización da poboación sobre os riscos e impacto ambiental dos herbicidas nos usos agrarios.

Chantada, 06 de agosto de 2015.

Asdo. Antom Fente Parada, portavoz de Por ChantadaCandidatura de Unidade Popular.

NOTAS A RODAPÉ

1Resolución lexislativa do Parlamento Europeo, de 13 de xaneiro de 2009., respecto da Posición Común do Consello con vistas á adopción da Directiva do Parlamento Europeo e do onsello pola que se estabelece o marco da actuación comunitaria para conseguir o uso sostíbel dos praguicidas [6124/2008 – C6-0323 – 2006/0132 (COD)]. Dispoñíbel en galego na seguinte ligazón: http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//NONSGML+TC+P6-TC2-COD-2006-0132+0+DOC+PDF+V0//PT.

Podes descargar a directiva europea en formato pdf aquí: Directiva UE

Se o desexas, podes descargar a moción de Por ChantadaCandidatura de Unidade Popular para a Prohibición do emprego de herbicidas para usos non agrarios no concello de Chantada en formato pdf.

BIBLIOGRAFÍA CIENTÍFICA ESPECIALIZADA (en pdf)

Efectos do Roundup na reproducion dos peixes

Efectos do Roundup nas rás e nos anfibios

Devastador artigo científico sobre os efectos do Roundup que foi “retracted” pola multinacional do agronegocio Monsanto

Efectos do Roundup sobre a fertilidade masculina

Efectos do Roundup sobe o ADN dos peixes

O Rondup como factor necrótico e de cancroxénese

6 comentarios en “Moción de Por Chantada para prohibir o emprego de herbicidas para usos non agrarios no concello de Chantada

Deixar un comentario