A xuíza Pilar de Lara é a instrutora desde Lugo do caso Pokemon sobre corrupción política e subornos. A maior trama de corrupción investigada na Galiza en toda a historia. Recentemente, vendo que as pesquisas afectaban a múltiplos concellos elevou a causa aos xulgados centrais da Audiencia Nacional, o antigo Tribunal da Orde Pública do franquismo.
Entre os concellos investigados está Chantada. Concretamente, o que se investiga dentro dunha xigantesca trama de corrupción é a concesión feita en 2007 por 30 anos a Aquagest (hoxe Viaqua) polo PP con Manuel Lorenzo Varela á cabeza, para máis INRI en período electoral e que supuxo o estrago da rúa Xoán XIII e a suba no recibo da auga para os veciños e as veciñas, para alén dunha perda de recursos nas arcas municipais.
Concretamente, o actual alcalde de Chantada por entón renovou a privatización da auga a favor de Aquagest, privatización que data do 17 de agosto de 1993. En 2003 renovouse por acordo plenario a concesión por dez anos máis inserindo novas condicións contractuais (23/12/2003). Pois, ben antes de rematar eses 10 anos de prórroga o concello decidiu facer unha concesión por 30 anos no pleno do día 4 de setembro de 2006, que se traduciu en obras en plena campaña electoral.
A empresa pagou entón o denominado «canon concesional», que lonxe de gastarse en estruturas hidraúlicas (como unha traída de augas para a vila onde chegase polo seu propio peso co conseguinte aforro) empregouse en cemento na rúa Xoán XXIII, cadrar as contas do concello e, en teoría, mellorar os sumidoiros da rúa Xoán XXIII para evitar vertidos ao río Asma o que era obriga da empresa como concesionaria (vendendo a maior parte da inversión como un “favor” cando era unha obriga para non retirarlle a concesión manter e mesmo mellorar as instalacións).
Está claro que a concesión a 30 anos permite que ese diñeiro se pague na tarifa por parte da cidadanía e con creces. A única razón, pois, para privatizar era financiar os concellos porque nunca se falou de indicadores de xestión e aí encaixa un alcalde ao que non lle saían as contas electorais (nin as do concello) e decidiu en plena campaña xogar a baza duns “ingresos extra”. En menos de dez anos a cidadanía de moitos concellos deuse de conta da estafa e, xunto aos casos de corrupción, puxeron fin a este modelo concesional.
Segundo o auto, De Lara afirma que podería «considerarse a Aquagest como unha verdadeira asociación ilícita» cunha «grave repercusión na economía» do Estado español. No caso chantadino, a empresa recibiu en troques unha suba das taxas, cobrar 3.000 euros cada ano pola limpeza da rede de pluviais, o 3’5% da recadación do lixo, etc. Dificilmente se pode valorar positivamente semellante despropósito.
Para termos unha idea da profundidade e gravidade da trama mafiosa (e correlativamente da dilatación no tempo do proceso) na Galiza investíganse os seguintes concellos: na provincia da Cruña Arzúa, Oroso, Ortigueira, Santiago de Compostela, Valdoviño, Cedeira, Bergondo, Padrón e Betanzos; na provincia de Pontevedra, Ponte Caldelas e Pontevedra; na provincia de Ourense, Punxín, Barbadás e Ourense; e, por último, na provincia de Lugo, Ribadeo e o noso concello, Chantada.
Noutros concellos concesións da auga menos lesivas para o ben común, mais semellantes na súa natureza foron revocadas por exercerse ilegalmente, en fraude de lei, por exemplo en Teo. O común denominador de todos estes casos é que ou ben se cometeu unha ilegalidade (ou varias, algunhas penadas até coa cárcere) ou ben os representantes públicos que subscribiron tales operacións eran uns completos incompetentes. Non sei que será peor.
En Teo, o Consello Consultivo e a Deputación da Cruña, avalaron o fin do contrato con Aquagest, que se colectivizou en marzo deste ano. Dito contrato fora prorrogado en campaña electoral polo rexedor do PP Armando Blanco, circunstancia que por si soa se determinou como irregular e suficiente para revocar o contrato. De feito, a Fiscalía está investigando a Armando Blanco e a todos os edís populares e independentes que aprobaron a prórroga no pleno.
A propia ONU en 2010 recoñeceu a auga como un dereito humano e os procesos de remunicipalización están sendo unha constante en toda Europa, após os abusos das empresas e a corrupción asociada á privatización da auga, que é un ben público esencial.
Corrupción como a que recolle o sumario do caso Pokemon que inclúe «presuntas adxudicacións ilícitas de contratos e servizos» a sociedades privadas de auga.
Concesións por 30 anos lembran as de 50 anos (prorrogábeis) que outorgaba o franquismo ás eléctricas en encoros como Belesar. Afortunadamente, hoxe a tendencia é voltar asumir o servizo municipal de auga potábel, saneamento e depuración de augas residuais.
Por todo isto, se non ten nada que ocultar, debe convocar un pleno extraordinario onde se nos remita a pertinente documentación coa suficiente antelación para o seu estudo, tanto a solicitada no seu día pola xuíza, canto a que os grupos acheguemos ou solicitemos; así como as demandas e cuestións que estimemos oportunas.
No devandito pleno vostede deberá render contas e dar as pertinentes explicacións, así como someterse á confianza do Pleno. Como os aquí presentes saberán só quen se manifeste en contra dos acordos na xurisprudencia pode apelar e desentenderse das súa responsabilidade penal. Para nós aínda é máis importante a dimensión ética e tamén por transparencia e calidade democrática hai que dar este debate e trasladar á cidadanía as conclusións e os datos obxectivos.
A auga é un ben público que se debe protexer e xestionar tendo en conta criterios medioambientais, de sostenibilidade e de eficiencia no sistema. A experiencia da xestión privada só deu no incremento das tarifas e no déficit económico do servizo continuado, o que demostra que a xestión privada é nociva para a cidadanía e para as arcas municipais.
Por iso, en numerosos concellos desenvólvese o disposto no Pacto Social pola Agua, unha iniciativa promovida por máis de 300 asociacións, organizacións e partidos que pretenden evitar a xestión privada e defender este recurso como dereito humano. O Pacto Social pola Auga empezou a recorrer centos de plenos municipais xunguindo a vontade dos cidadáns e dos partidos políticos, agás dos que poñen por diante dos intereses veciñais os das empresas, que tamén os hai aínda que cada vez reciban un apoio menor dunha cidadanía cada vez máis consciente do impacto das políticas públicas na súa economía doméstica directa ou indirectamente.
Empresas coas que non hai transparencia ao anularse calquera opción de licitación, diminuír a calidade da auga e do emprego, pérdense cartos pola chantaxe da cláusula do equilibrio financeiro… En resumo, a calidade do servizo diminúe, a factura do cidadán aumenta e se hai beneficios son para a empresa e se hai perdas asumímolas todos vía impostos. Cousas do “libre mercado”.
O Pacto Social pola auga non só supón acabar coa privatización da auga, senón que pula por un novo modelo económico, ambiental e social ao servizo dos cidadáns onde a prioridade sexan as persoas e a participación das mesmas na xestión. Un modelo público 100%, transparente e participativo.
A nosa moción ten un triplo cometido:
– Recuperar a auga para a veciñanza remunicipalizándoa e mellorando o servizo á vez que se abaratan custes, como están facendo en Sevilla, Compostela, Valladolid e Gasteiz. Un aforro que podería servir para financiar a mellora do servizo e a construción dunha traída da auga polo seu propio peso.
– Aclarar un asunto turbio que se está dilatando no tempo en exceso, informando con transparencia aos cidadáns dun asunto grave e do que cómpre que se renda contas canto antes.
A transparencia e o diálogo son esenciais para a confianza recíproca, xa que, a falta dunha axeitada información, as investigacións e os antecedentes noutros concellos apuntan para un desenlace semellante ao do seu socio e alcalde de Monterroso, condenado a cárcere e inhabilitado para cargo público. Se se nega a comparecer perante o pleno respondendo a todas as cuestións que lle foren formuladas e achegando a documentación pertinente entenderemos que efectivamente si ten algo que ocultar.
En virtude da nosa exposición de motivos propomos o seguinte ACORDO:
1.- Que o concello de Chantada acorde comezar o proceso para o rescate da concesión da auga, nestes momentos en mans de Viaqua,para a súa xestión directa.
2.- Creación do novo regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potábel, saneamento e depuración cun plano de acción 2017-2020 asociado.
3.- Solicitar os informes preceptivos ao Consello Consultivo e á Deputación de Lugo.
4.- Iniciar o procedemento para o estudo da modificación do cadro de persoal.
5.- Modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por abastecemento de auga, sumidoiros e depuración.
6.- Que se convoque un Pleno extraordinario cuxo único punto do día sexa a análise e debate de toda a documentación da concesión a Aquagest por 30 anos da auga de Chantada, así como un informe da intervención sobre o custo actual da auga privatizada para as arcas municipais desde o ano 2007, co desglose por ano e por conceptos (así como a cantidade do canon de concesión pagado pola empresa). No mesmo pleno os grupos municipais recibirán toda a información pertinente e aquela que soliciten, para alén de poderen formular todas as preguntas e cuestións que desexen.
[…] 559.000€, un 10,32% do que ingresou o concello nese mesmo ano de 2014. Non se debe esquecer que no caso de Viaqua a concesión fíxose por 30 anos e que existen indicios de ilegalidade na mesma, investigados pola xuíza Pilar de Lara e remitida agora a investigación, pola dimensión da […]
GústameGústame
[…] Consulta a nosa moción aquí. […]
GústameGústame
[…] escrito conxunto seguindo o estabelecido no ROF. O primeiro foi a raíz da cuestión sobre a privatización da auga e Aquagest que levamos a pleno en forma de moción e que pode consultarse premendo nesta […]
GústameGústame
[…] escrito conxunto seguindo o estabelecido no ROF. O primeiro foi a raíz da cuestión sobre a privatización da auga e Aquagest que levamos a pleno en forma de moción e que pode consultarse premendo nesta […]
GústameGústame
[…] de reiterar o que xa expuxeron os compañeiros do PSOE [Sobre o tema da auga tamén houbo unha moción de Por Chantada e un informe emitido pola intervención municipal sobre unha eventual remunicipalización da […]
GústameGústame