A continuación incluímos a moción de urxencia que presentamos e que foi rexeitada polo grupo do Goberno INTA, que se amparou nunha proposta xenérica do partido político Podemos para incluír a Chantada na rede de concellos solidarios. Aínda que nos alegramos nesta medida, consideramos que a nosa iniciativa era moito máis ambiciosa e publicámola aquí para quen teña interese (ver en pdf aquí a nosa moción: moción siria 4):
Exposición de motivos:
O pobo galego, tamén as parroquias do espazo coñecido como Ribeira Sacra, temos unha longuísima e dramática historia de migracións, desde a primeira emigración a América até o actual éxodo da mocidade máis preparada, pasando polo dramático exilio do 36.
É por iso que a nosa sociedade se identifica co drama das persoas refuxiadas que estamos a vivir, que ten como causa fundamental a guerra. A guerra como causa da fame, da destrución, da xeración de milleiros de persoas refuxiadas en Afganistán, no Sahel ou en Siria.
Nas sociedade modernas, a guerra responde a unhas motivacións económicas claras que no caso de Oriente Próximo se relacionan coa xeopolítica da enerxía e, nomeadamente, do petróleo. En marzo, a guerra de Siria cumpría 4 longos anos e o pobo sirio están exsangüe. Turquía, Arabia Saudí e mesmo os Estados Unidos de América e a Unión Europea alimentaron, directa ou indirectamente, o monstro da Organización para o Estado Islámico (OEI).
En consecuencia, Europa está recibindo milleiros de persoas refuxiadas que se encontran con todas as portas fechadas, cando non encontran a morte na fuxida. Porén, é Europa quen, historicamente e na actualidade, é en grande parte causante do drama humano e da situación de caos permanente en que viven eses estados do Medio Oriente.
Europa, que na retórica, segue a presumir de democracia e dereitos humanos, é directamente responsábel: pola venda de armamento, polo o apoio a réximes ditatoriais e polo saqueo ao que os oligopolios someten eses territorios.
Ademais, existe un mecanismo para evitar os problemas sobre a carencia de documentos de identidade, o pasaporte Nansen, que até 1939 se lle concedeu a 450.000 persoas refuxiadas. Europa non ten ningunha escusa para non aplicar unha medida semellante.
Como representantes públicos e demócratas que acreditamos nas resolucións das Nacións Unidas sobre dereitos humanos, refuxiados e dereito ao asilo non podemos ficar á marxe dunha cuestión que afecta a milleiros de seres humanos. Facelo sería carecer da empatía que nos fai precisamente humanos e instalármonos na barbarie do darwinismo social, antesala para o fascismo.
Nos concellos pertencentes á mancomunidade de turismo da Ribeira Sacra é imprescindíbel a colaboración entre pequenas entidades e de pouca poboación para estabelecer medidas eficaces de axuda e apoio aos refuxiados, así como as situacións de emerxencia social en xeral da nosa veciñanza, pois non se trata de campañas altisonantes nos medios de lavado de conciencia senón de desenvolvermos políticas eficaces contra a exclusión e a desigualdade crecente. Trátase de loitar contra as periferias próximas e afastadas en aumento que crea un sistema económico profundamente desigual e que xera cada vez máis tensións e contradicións no seu seo.
Proposta de ACORDO:
1.- Instar ás diferentes administracións locais do Consorcio de Turismo (en breve, mancomunidade) da Ribeira Sacra a que deseñen medidas específicas para a acollida de persoas refuxiadas en colaboración coas organizacións da sociedade civil; entre ditas medidas, que os concellos elaboren inmediatamente un censo de infraestruturas municipais con capacidade para acoller a persoas refuxiadas e en risco de exclusión social.
2.- Instar á Deputación de Lugo e á Deputación de Ourense, por contar con recursos e infraestrutura, a colaborar na recepción de 500 persoas refuxiadas no territorio denominado como Ribeira Sacra.
3.- Instar á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a aumentar a cota de acollida de persoas refuxiadas até, polo menos, a 5.000 e a 50.000 persoas respectivamente (facendo un esforzo maior as CC.AA. con menor presión migratoria).
4.- Instar á Xunta de Galiza a sacar unha liña para habilitación de lugares abandonados na contorna rural para as persoas refuxiadas que se amplíe progresivamente ás persoas en situación de exclusión social e permita, xunto con outras medidas, fixar poboación nestes territorios.
5.- Instar ao Goberno Central, á Xunta e ás Deputacións de Lugo e Ourense a aumentaren as transferencias extraordinarias aos concellos de acordo co esforzo de acollida, tendo en conta tanto a súa dimensión demográfica como a súa capacidade orzamentar.
6.- Aprobar unha modificación de crédito urxente na partida orzamentar (231.489.00) para a cooperación internacional, co gallo de destinar á axuda humanitaria internacional o 2% dos ingresos do concello de Chantada (108.293.107€) e que se xestione desde un Fondo de Cooperación Internacional (FCI) onde participe a sociedade civil que o desexe e extensíbel ao conxunto dos concellos da mancomunidade turística da Ribeira Sacra, que desexen sumarse a esta iniciativa.
7.- No inmediato, empregar esa partida para as continxencias asociadas á manutención, aloxamento e inserción de, como mínimo, 50 persoas refuxiadas en colaboración coa Cruz Vermella e outras institucións da sociedade civil que desexen involucrarse.
8.- Solicitar á area de vivenda en Lugo que as 5 vivendas que hai no Cantón por adxudicar e que levan sen ocupar dende que se fixeron, hai xa máis dun lustro, se destinen para acoller a refuxiados.
9.- Instar ao Estado español á trasladar á Unión Europea e á ONU o estabelecemento dun documento análogo ao pasaporte Nansen ao que podan acollerse os máis de dez millóns de apátridas que existen na actualidade en todo o mundo.
10.- Instar ao Estado español e a Unión Europea a prohibir a fabricación, importación e exportación de «concertinas» ou arame farpado que a empresa con sede no Estado español, European Security Fencing, está exportando para Hungría, Ceuta e Melilla e que conteñen unhas coitelas mortais, especialmente no modelo «concertina 22».
11. Condenar rotundamente as intervencións militares e inxerencias imperialistas en Oriente Medio e norte de África, causas directas do drama da oleada de persoas refuxiadas de 2015.
[…] Consulta a nosa moción aquí […]
GústameGústame
[…] e Solidariedade e da sociedade civil galega, lembrando igualmente que a rede nacera con motivo da guerra de Siria, que segue hoxe activa sen que finalmente se acollese nengunha persoa refuxiada no noso territorio […]
GústameGústame