DECLARACIÓN DO CONCELLO DE CHANTADA COMO ZONA LIBRE DO TRATADO TRANSATLÁNTICO DE COMERCIO E INVERSIÓNS (TTIP)

TTIP

Ao abeiro dos disposto nos artigos 94.1 e 2 do Regulamento Orgánico Municipal e 97.2 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o grupo municipal de Por Chantada-CUP apresenta, para a súa discusión e aprobación, se procede, a MOCIÓN relativa á DECLARACIÓN DO CONCELLO DE CHANTADA COMO ZONA LIBRE DO TRATADO TRANSATLÁNTICO DE COMERCIO E INVERSIÓNS (TTIP), de acordo á seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

No ano 2013, a Comisión Europea recibiu o mandato dos estados membros da Unión Europea (UE) de negociar cos Estados Unidos de América (EUA) o Tratado Transatlántico de Comercio e Inversións (ATCI, máis coñecido como TTIP polas súas siglas en inglés), tamén coñecido como Acordo Transatlántico de Libre Comercio (TAFTA). O acordo preséntase desde os círculos do capital como unha oportunidade para incrementar o comercio, reducir os aranceis e crear emprego.

No entanto, todas estas bondades contrastan coa total opacidade e secretismo co que se negocia este tratado, até o extremo que mesmo organizacións como Wikileaks ofreceron millóns a quen desvele o seu contido. Este déficit de transparencia e control por parte da cidadanía e dos seus representantes políticos dáse porque se trata dun acordo de liberalización do comercio que ataca por todas as frontes a democracia e representa un perigo para os nosos dereitos en materia de sanidade, educación, medioambiente, agricultura…

O TTIP só favorece ás grandes multinacionais dun e doutro lado do Atlántico e non aos pobos. Favorece a ese 1% que xa conta a nivel global con máis recursos e capital que o resto da humanidade, atinxíndose neste 2015 niveis de desigualdades que nin sequera se produciron na véspera de 1929.

Sabemos que a adopción dun texto como este por parte dunha instancia política local non deixa de ser un acto simbólico, mais un acto simbólico máis do que necesario. Accións como esta impulsan o debate e a conciencia sobre o moito que nos xogamos, tamén no país do Faro.

Esta moción permite concienciar aos representantes electos dos cidadáns e comezar a orientar a mobilización encol temas moi sensíbeis para os concellos: a preservación do emprego, a protección dos servizos públicos ou do medio ambiente, a irrupción de empresas norteamericanas nos mercados públicos locais, a ruína dos pequenos produtores especialmente no sector agrario…

Chantada xógase moito. Non só porque o TTIP afondará no proceso de desenvolvemento xeográfico desigual, senón porque un terzo dos 13’8 millóns de agricultores cos que conta hoxe a UE non poderían sobrevivir de asumirmos as regras da agricultura dos EUA. De feito, presentamos esta moción para sumarnos simbolicamente a moitos outros concellos do Estado español que están erguendo a súa voz, como alternativa ao apoio que no parlamento europeo lle están brindando o PP e o PSOE e ao conseguinte silencio cómplice dos grandes medios de comunicación, ao servizo dos intereses do grande capital e non dos pobos que din informar1.

O número de organizacións e partidos contrarios ao acordo medra día a día, aínda que a comisión europea segue facendo ouvidos xordos e non aceptou hai un ano o millón de sinaturas de cidadáns de 13 estados europeos contra o TTIP, que superan o baremo que marca a normativa para apresentar unha Iniciativa Cidadá Europea (ICE). Como demostraron en Grecia, o interese do 1% están por riba da democracia. Recentemente, o día sete, outros 3.263.920 millóns de sinaturas foron presentadas e a resposta lacónica e que non hai competencias. Para impor axustes draconianos aos gregos pasando por riba da vontade do pobo heleno expresada nun referendo si que as tiñan e para negociar o tratado en secreto e de costas a todos nós tamén.

De aprobarse o TTIP suporá a mercantilización absoluta das nosas vidas e o sometemento total da soberanía dos estados aos intereses das grandes corporacións, mediante o dereito que lles outorga a empregar os tribunais de arbitraxe sen control democrático – concebidos de tal xeito que favorecen ás empresas en máis de 90% dos casos-, para a protección dos “inversores” estranxeiros (ISDS).

Para o concello de Chantada entraña tamén graves riscos, tan graves que fan palidecer o actual plano de axuste, cuxas consecuencias sociais, económicas e políticas estamos pagando desde hai anos.

Para comezar, supón a liberalización total dos servizos públicos e a apertura da prestación dos mesmos a grandes concesionarias que só velan polo seu incesante lucro, alimentando así ademais a corrupción que xa é un grave problema no Estado español segundo os diversos inquéritos feitos aos cidadáns e que degradaron até límites nunca vistos a percepción social da política.

Ameaza igualmente as compras públicas e o funcionamento e prestación dos servizos públicos, nomeadamente dos sociais que son tan necesarios e imprescindíbeis nun momento tan delicado como o actual. Cando se asinou o ALCA prometéranse tamén 20 millóns de postos de traballo (sen ningún traballo rigoroso que respaldase esa propaganda) e o resultado foi que se destruíu máis dun millón de empregos.

En definitiva, o TTIP suspende aínda máis a autonomía local e compromete a facultade dos representantes públicos elexidos nas urnas para administrar libremente as súas comunidades locais e promocionar a industria, o emprego e as iniciativas locais. Se as negociacións sobre o TTIP prosperan a lóxica imposta polo tratado deixaría as lexislacións estatais e autonómicas en auga de castañas e traería consigo desmantelar os servizos públicos e subministrar os servizos necesarios para satisfacer as necesidades sociais da nosa veciñanza, a promoción de políticas de fomento do emprego local e da actividade industrial. Por iso, cáseque cen concellos do Estado xa adotaron un acordo semellante ao que propomos desde Por Chantada-CUP e milleiros en Franza, Alemaña, Bélxica, Inglaterra, Escocia…

Por exemplo en Franza, 500 administracións locais aderiron a moción sobre o TTIP votada por vez primeira o 14 de febreiro de 2014 na rexión gala de Ile-de-France (a de París). Xa que logo, estas entidades representan a 54% da poboación do Estado francés e non deixan de incrementarse, alén das orientacións políticas. Na república federal alemá son 228 as zonas fóra de TAFTA, entre elas cidades como Munique (bastión da CDU), Leipzig, Colonia… En Austria son 260 os concellos que se declararon tamén desidentes. En Bélxica 82 municipios, incluída Bruxelas. No Reino Unido 21 cidades e condados entre os que pomos en destaque Edimburgo en Escocia ou Bristol en Inglaterra. Milan e Ancona son algunhas das cidades italianas que seguiron o mesmo vieiro.

No Estado español a aprobación do TTIP sumaríase á planificada ofensiva ultraliberal do Goberno conservador de Mariano Rajoy, que a nivel local supón o desmantelamento dos concellos baixo a héxira da Lei de racionalización e sostibilidade da administración local polo medio da cal se restrinxe a democracia e a autonomía locias, se suprimen competencias e servizos públicos e se privatizan os servizos municipais. Por iso, concellos como o de Barcelona xa adoptaron este acordo que está proliferando por toda a parte.

Os concellos, como institucións máis achegadas ao cidadán, deben demandar e defender a súa autonomía, e garantir que se dea o debate público e democrático sobre o que está realmente en xogo. Queda algunha razón para non situar a Chantada nesta vangarda de entidades locais a prol do debate e da transparencia nun aspecto de tamaña importancia?

ACORDO

1.- Declarar o concello de Chantada como libre do TTIP, defendendo os servizos públicos básicos para a solidariedade e a redistribución social.

2.- Solicitar ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas do Goberno do Estado o seu apoio para garantir o carácter público dos servizos socialmente útiles.

3.- Solicitar ao Ministerio de Economía a supresión das negociacións do TTIP e outros acordos comerciais semellantes (como o CETA, Acordo de Libre Comercio entre Canadá e a UE e o TISA, acordo multilateral para a liberalización e privatización de todo tipo de servizos públicos), coa finalidade de conseguir:

a.- Que mecanismos como o ISDS non sexan incluídos neste nin en ningún outro tratado.

b.- Defender a actual política reguladora da UE e dos seus Estados de maneira que non se perdan competencias en materias de lexislación social, protección ao consumidor e medio ambiente, evitando a participación das ETN na regulación.

c.- Que o tratado non se limite a obxectivos meramente económicos e se lle dea a mesma importancia e sexan de tratados de igual forma no acordo de obxectivos sociais e ambientais.

d.- Que se poña fin á actual falta de transparencia das negociacións, se faga pública toda a información e se abra un debate público na UE e nos seus respectivos parlamentos nacionais, autonómicos e locais.

e.- Que os servizos públicos e a propiedade intelectual sexan excluídas do acordo.

4.- Dar traslado deste acordo ao Goberno do Estado español, a todos os grupos parlamentares do Congreso dos deputados e aos grupos parlamentarios do parlamento galego.

Chantada, 15 de outubro de 2015.

3 comentarios en “DECLARACIÓN DO CONCELLO DE CHANTADA COMO ZONA LIBRE DO TRATADO TRANSATLÁNTICO DE COMERCIO E INVERSIÓNS (TTIP)

Deixar un comentario