O vindeiro 9 de novembro Chantada celebra ás 20 horas un novo pleno ordinario, desta volta o correspondente ao mes de novembro.
Ao mesmo a candidatura de unidade popular Por Chantada apresentará tres mocións, que xa foron publicadas na nosa páxina. A primeira é unha moción para declarar a Chantada concello libre de circo con animais, que foi unha proposta que nos fixeron chegar numerosos cidadáns para incluír no noso programa electoral. A moción foi traballada por Nerea Noguerol, número 2 da nosa candidatura, e demandada por numerosas persoas sensibilizadas na nosa comarca cos dereitos dos animais.
A segunda moción céntrase en aprobar unha Declaración do concello de Chantada como zona libre do Tratado Transatlántico de Comercio e Inversións (TTIP) que está sendo obxecto de numerosas protestas en toda Europa, a pesar de que no parlamento europeo PP e PSOE apoiaran o TTIP. Amais, foron numerosos os concellos de Alemaña, Austria, Bélxica, Franza, etc. que teñen aprobados acordos semellantes, pois de aprobarse este acordo as súas consecuencias suporán a liquidación definitiva do tecido produtivo galego e da agricultura en particular.
A terceira moción versa sobre a necesidade de brindar apoio á marcha estatal contra as violencias machistas do 7 de novembro de 2015, pois é fundamental que os concellos en tanto en canto institucións máis próximas aos cidadáns teñan un compromiso firme na promoción da igualdade de todos os seres humanos e na loita contra toda caste de discriminación. En Chantada temos un plano de igualdade, o II Plano de Igualdade de oportunidades (2013-2017) cuxo grado de cumprimento é manifestamente mellorábel, pois non podemos permitirnos aprobar papeis só para a galería sen tradución concreta na realidade e cun seguimento a disposición do tecido asociativo co gallo de subsanar erros e mellorar futuras iniciativas.
Alén das mocións, Por Chantada-CUP levará ao pleno, como de costume, moitas outras cuestións. Entra elas, un rogo para que en 2016 o concello impulse unha campaña informativa e de asesoramento para impulsar reclamacións no sentido de revisar o IBI do rural de xeito que se baixen uns valores propios da borbulla inmobiliaria e que fai que se pague por establos, pendellos e pallares un 385% máis en 2015 (99.129’93€) do que se pagaba en 2015 (25.698€), segundo os datos fornecidos polo propio concello no padrón de contribuíntes obrigados ao pagamento do Imposto Sobre Bens Inmóbeis (IBI) de natureza rústica, que foi aprobado o 2 de setembro de 2015.
No pleno tamén se van delimitar as zonas que permitirán que os hostaleiros se acollan ás subvencións postas en marcha para harmonizar as terrazas e elementos exteriores dos estabelecimentos comerciais da Ribeira Sacra. Xa o 22 de setembro desde a CUP de Chantada enviamos unha solicitude ao Goberno. A reunión co sector que solicitabamos, entre outras cuestións, aínda se celebrou a semana pasada e a aprobación da proposta do concello, que aínda non nos foi debidamente explicada e que nos suscita inúmeros interrogantes, o día 9 fará que os días para tramitar as axudas se vexan considerabelmente reducidos, rematando o día 15 o prazo. Como no caso da construción do centro de día, onde só a concesión de dúas prórrogas permitiu non perder unha subvención de milleiros de euros, o Goberno mostra a súa limitada operatividade e a súa máis que discreta capacidade de traballo a pesar de contar con maioría absoluta.
O sábado 7 celebraremos unha xuntanza aberta na que trataremos estes e outros asuntos.
Por Chantada-CUP