Zona Vella e contorno de Belesar, espazos de especial afluencia turística

 

A nova trata sobre o punto 3 da orde do día do pleno da segunda-feira día 9 de novembro de 2015. Podes ler o resumo completo do pleno aquí: https://porchantada.wordpress.com/2015/11/11/resumo-da-sesion-ordinaria-municipal-do-9-de-novembro-de-2015/ Este punto aprobouse por 12 votos a favor (INTA, PSOE e PP) e 1 abstención (CUP).

3.- Determinación de espazos de maior afluencia turística a efectos das subvencións convodacadas polo consorcio de turismo Ribeira Sacra en materia de uniformidade das terrazas

ESPAZOS TURÍSTICOS TERRAZAS

Neste punto desde a CUP quixemos salientar que a convocatoria de axudas saíu o día 21 de setembro no BOP, sendo preceptivo a publicación por parte do concello dos espazos que se poden acoller a estas axudas.

O día 22 de setembro envíamoslle unha solicitude a este Goberno informando das susoditas axudas e, entre outras cousas, propondo axudas complementarías para o conxunto da hostalaría e unha reunión co sector.

Con todo, esa reunión non se produciu até a última semana de outubro, ou sexa un mes despois, ea aprobación dos espazos non se deu até o 9 de novembro rematando o día 15 de novembro o prazo. Como xa dixemos no anterior punto, estase sempre bordeando os límites nos prazos e se se xoga con lume hai altas probabilidades de queimarse.
Aínda que na comisión se nos dixo que non era preceptivo o punto 4º da Convocatoria para a concesión de subvencións en materia de uniformidade das terrazas do destino turístico Ribeira Sacra, ano 2015 non deixa lugar a dúbidas. Cito textualmente: «Os espazos de maior afluencia turística serán determinados por cada Concello e incorporados a ordenanza reguladora segundo acordo plenario de data 06 de agosto de 2015. Os interesados terán que facer consulta ao respecto nas dependencias municipais e solicitar o informe que acredita como local ubicado en punto de afluencia turística». Por outras palabras, até o martes 10 non se poderá emitir ningún estes informes e o día 15 remata o prazo. Non é serio cando avisamos hai máis dun mes, o 22 de setembro.
Logo, na comisión preguntamos sobre os criterios para determinar as zonas de afluencia turística. A contestación foi parca e non nos quedou nada claro cales foron eses criterios alén do camiño de inverno. No entanto, o camiño de inverno non pasa só por Belesar nin é Belesar a zona de maior afluencia turística no rural, cando menos a parte que é de Chantada. En relación con outro punto deste pleno hai numerosos monumentos románicos e parroquias con estabelecementos hosteleiros que se poderían ter incluído e até outras zonas da vila como a Costaña e os catro camiños.
Entón, volvemos á improvisación e non vemos rigor nin criterios claros á hora de tomar decisións. Hai un problema engadido volvendo ao punto 4º. Nel recóllese que os estabelecementos para acollerse deben ter licenza urbanística e licenza para uso do espazo público destinado a terraza e «regulado por odenanza municipal»… u-la ordenanza municipal? Até onde nós sabemos non existe.
En consonancia con esta harmonización turística tamén estaría ben apostar por placas artísticas como as que hai en Ourense, con explicación da denominación e primando as denominacións tradicionais do noso rueiro, cando menos no casco histórico.
Como tampouco se respondeu a nosa solicitude e, en virtude do exposto, imos absternos en sinal de protesta, xa que o noso voto non é decisivo para que o acordo saia adiante e instamos ao Goberno a ter maior diálogo nestas cuestións e a preparar unha ordenanza reguladora das terrazas.

Manuel Varela indicou, por súa parte, que o camiño de inverno coincide co casco antigo no caso de Chantada, non así noutros núcleos da Ribeira Sacra. Fóra de Belesar no camiño só está a de Penasillás e como moito Limiñón perto. Se o ano que vén sae a axuda de 200.000€ que prometeu a Xunta pódense ampliar os espazos.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s