MOCIÓN PARA QUE O GOBERNO MUNICIPAL COMPAREZA EN SESIÓN PLENARIA EXTRAORDINARIA E MONOTEMÁTICA PARA EXPLICAR PORQUE NON SE SEGUIU O MANTEMENTO DO EDIFICIO DA CASA DA MÚSICA CONFORME O DISPOSTO NO LIBRO DO EDIFICIO

Por Chantada-CUP
Por Chantada-CUP

Alén da moción sobre o centro de saúde ou da moción pendente sobre o TTIP no pleno do día 18 de xaneiro imos apresentar unha moción solicitando que o Goberno municipal compareza nunha sesión plenaria extraordinaria e monotemática para explicar porque non se seguiu o mantemento axeitado da casa da música, un desleixo que repercute negativamente nas arcas públicas e que apunta a unha irresponsabilidade do Goberno local.

Será tamén o pleno en que se aproben, entre outras cuestións, os orzamentos para 2016. Aínda dentro dun brutal plano de axuste (que, entre outras cousas, trouxo consigo a brutal subida do IBI e doutros impostos) Manuel Varela e INTA deciden crear unha nova dedicación exclusiva que non se destina a ningunha tenencia de alcaldía senón ao concelleiro Diego Otero Veiga. Tamén se dispara o gasto en persoal. Informaremos debidamente deste asunto.

Para veres o texto da moción preme en ver máis.

Para leres a moción en pdf preme aquí: Moción Casa da Música

Para consultares o libro de mantemento do edificio preme aquí: LIBRO EDIFICIO CHANTADA FASE I

Como figura na páxina web da empresa construtora do edificio da casa da música, Framiñan, esta obra entregouse ao concello en marzo do ano 2012. Desde entón, o concello de Chantada presidido por Manuel Lorenzo Varela e o seu equipo de Goberno non realizou ningún tipo de mantemento dos que se regulan no libro do edificio.

Concretamente, o documento intitúlase Libro do edificio Edificio Municipal de Uso Múltiplo: Escola de Música e Danza e Oficinas Sindicais de Chantada. Consta de 194 páxinas e, para o que aquí é pertinente, a sección máis importante é a II, intitulada “Normas e instrucións de uso, conservación e mantemento” que comeza na páxina 25 e, por súa vez, consta de dous epígrafes xerais: A.- Manual de uso e mantemento e B.- Rexistro de operacións de mantemento e reparación.

Na “Introdución” do epígrafe A recóllese con claridade a responsabilidade do actual Goberno, xa que recibiu a obra en 2012, no mantemento das instalacións, o cal en partes como a cuberta do edificio é evidente que non se realizou nestes 4 anos. Concretamente dise:

O presente manual pretende ser un documento que facilite o correcto uso e o axeitado mantemento do edificio, co obxecto de manter ao longo do tempo as características funcionais e estéticas inerentes ao edificio proxectado, recollendo as instrucións de uso e mantemento do edificio rematado, de conformidade co previsto no Código Técnico da Edificación (CTE), aprobado meidante Real Decreto 314/2006, de 17 de marzo. Do bo uso dispensado e do cumprimento dos requerimentos do mantemento a realizar, dependerá en grande medida o inevitábel ritmo de avellentamento do noso edificio. Este documento forma parte do Libro do Edificio, que debe estar a disposición dos propietarios. Amais, debe completarse durante o transcurso da vida do edificio, engadindo as posíbeis incidencias que vaian surxindo, así como as inspeccións e reparacións que se realicen. O titular ou usuario é responsábel de que sobre a súa instalación se realicen as operacións mínimas de mantemento, mediante a contratación dun servizo de mantemento cunha empresa autorizada, de modo previo á entrada en servizo do edificio, segundo a lexislación vixente. Asemade, o técnico responsábel do mantemento emitirá un certificado e deixará rexistrado no presente manual de cada actuación realizada.

Se seguimos somerxéndonos polo documento non se fica en cuestión a actuación do actual Goberno, que entra no terreo da neglixencia, senón que tamén se poden pór en causa outras actuacións como o recente “cementado” da entrada do edificio que pode supor un agravamento das inundacións que xa viña sufrindo o edificio.

No tocante ao mantemento, especifícase igualmente a parte correspondente ao usuario (o concello neste caso) e a parte correspondente a profesionais. Por exemplo, no caso dos muros corresponde ao concello inspeccionar o muro e o terreo anexo cada ano, especialmente após grandes choivas e «cando se observe algunha anomalía, un técnico competente ditaminará a súa importancia e, no seu caso, a solución a adoptar». Igualmente indícase que «cando se observe unha fuga nas canalizacións de subministro ou evacuación da auga, un técnico competente ditaminará a súa importancia e, no seu caso, a solución a adoptar». E así sucesivamente con cada parte do edificio.

Trátase igualmente problemas de fugas e cos sumidoiros. Neste sentido o edificio presenta tamén grandes eivas: dunha parte os servizos dispostos no andar inferior non se poden empregar ao ficaren por baixo da rede de sumidoiros e, doutra parte, a necesidade dunha bomba –cun alto custe enerxético para o que se deberían avaliar outras solucións– que achique a auga que se filtra no andar inferior e que pode afectar a compoñentes do edificio (muros, zapatas, corrosión das armaduras, etc.). Xa non é só que haxa humidades por filtración ou condensación, danse situacións graves de inundación.

Outros dos principais problemas é o da cuberta inclinada de madeira. Por exemplo, cada ano, deberíase por parte de persoal cualificado eliminar calquera tipo de vexetación ou materiais acumulados polo vento; manter a protección da cuberta nas condicións iniciais; e, o que consideremos máis grave xa que permitiu deteriorar toda a madeira da cuberta, «aplicación dun produto tipo lasur para o correcto mantemento da madeira». Cada tres anos «comprobación do estado de conservación da madeira». A maiores do libro remitiuse ao concello un anexo co certificado de tratamento da madeira.

O lasur, ao contrario do verniz, penetra profundamente na madeira e non forma capa, deixando un acabado que regula a humidade e facilita a saída do vapor de augar do interior. Por outras palabras, hai expertos que que defenden que é un tratamento axeitado para a madeira en exteriores expostos a grandes oscilacións térmicas e que se emprega no norte de Europa, pois a flexibilidade das súa resinas permite adaptarse ás variacións dimensionais da madeira. Ao estar en superficie horizontal (como é o caso) a madeira, aínda está máis exposta polo que o mantemento terá que facerse máis a miúdo. Ao fechar o poro da madeira con estes produto, pódese acadar unha mellora contra o xeo que se pode complementar con outras solucións para evitar superficies esvaradías marcando un vieiro de paso.

No entanto, a neglixencia no mantemento da cuberta provocou que haxa madeira que vai exixir ser substituída, polo que –se os técnicos así o aconsellan– podería buscarse outra alternativa para a cuberta atendendo a que solución é máis económica e ten un menor impacto ambiental. Como é posíbel que unha obra entregada ao concello pola empresa de Lalín Framiñan en marzo de 2012 non recibira ningún mantemento por parte de INTA en 3 longos invernos?

Por último, e a maiores de afrontar os problemas antes sinalados e outros cos que conta o edificio, así como proceder a iniciar o correcto mantemento do edificio, é mester sinalar dúas eivas, ano noso entender, que deben arranxarse: a primeira é que se se fai un aparcadoiro na entrada do edificio – solución como é sabido que non partillamos– debe incluírse unha praza para persoas con mobilidade reducida, máxime cando non existe ningunha nas inmediacións; a segunda é reiterar a necesidade de pór remedio aos problemas de escorregamento na cuberta do edificio para que se poda empregar nos meses de inverno e non se feche ao público cando hai xeadas como se fixo até o de agora (cunha simple valla de obra do concello).

Por todo o anterior, e remitindo á lectura do referido documento aos concelleiros da corporación local, propomos o seguinte ACORDO:

O pleno de Chantada acorda convocar un pleno extraordinario, nos vindeiros 20 días, cuxa orde do día é a que segue:

1.1.- Dación de contas dos responsábeis políticos pola ausencia do correcto mantemento e xestión dos edificios públicos da casa da música, edificio de uso múltiplo e auditorio. Como mínimo remitirase, con 72 horas de antelación ao pleno, un informe no que se faga constar que tipo de actuacións de mantemento se levaron a cabo, coa correspondente documentación acreditativa en anexo.

1.2.- Informe do arquitecto municipal avaliando, cando menos:

a.- O alcance e consecuencias da neglixencia municipal

b.- O alcance, duración e cobertura da garantía dos edificios sinalados ut supra

c.- As eivas da obra que podan reclamarse á construtora ou a terceiros en xeral

d.- Alternativas e solucións aos principais problemas que ten nestes momentos o edificio, algúns deles sinalados na presente moción como os da cuberta, as inundacións do andar inferior, etc.

e.- Certificado, se o houber, e rexistro no manual das actuacións realizadas.

f.- Risco de inundación após a obra realizada co POS na entrada do auditorio municipal.

g.- Incluír en anexos calquera documentación pertinente, por exemplo o certificado de tratamento da madeira da cuberta inclinada de madeira.

1.3.- Dispor unha Partida Orzamentar suficiente para facerse cargo das reformas inminentes que precisa o edificio, asociada aos acordos necesarios para, no sucesivo, seguir as pautas para o correcto mantemento das instalacións. Ditas solucións faranse a partir do informe do arquitecto municipal e das propostas dos distintos grupos municipais nunha comisión extraordinaria de urbanismo monotemática que se celebrará 5 días antes da sesión plenaria extraordinaria, entregándose o informe do arquitecto municipal con, cando menos, 5 días de antelación.

1.4.- Dispor unha P.O. para, no prazo dun mes, dispor dunha praza de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida.

1.5.- Iniciar a instalación de malla ou calquera outra solución para evitar escorregamentos e caídas na cuberta e escadas da cada da música.

POR CHANTADA CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR

5 comentarios en “MOCIÓN PARA QUE O GOBERNO MUNICIPAL COMPAREZA EN SESIÓN PLENARIA EXTRAORDINARIA E MONOTEMÁTICA PARA EXPLICAR PORQUE NON SE SEGUIU O MANTEMENTO DO EDIFICIO DA CASA DA MÚSICA CONFORME O DISPOSTO NO LIBRO DO EDIFICIO

Deixar un comentario