
O pasado día 18 de xaneiro celebrouse un dos plenos máis importantes do ano, con 16 puntos na orde do día, entre eles os polémicos orzamentos cunha nova dedicación parcial de 4 horas para Diego Otero Veiga, pola que percibirá 24.070’28€ brutos (soldo máis Seguridade Social). Inicialmente prevíase que fose aínda superior. En todo caso foron moitas outras as cuestións que se trataron. Para veres o resumo íntegro preme en ler máis.
Consulta a convocatoria do pleno ordinario correspondente ao 18.01.2016 premendo no hipervínculo.
1.- Actas anteriores
1.1.- Acta sesión ordinaria 09 de novembro
Consulta a acta premendo aquí: acta pleno 09.11.2015. Consulta o noso resumo premendo aquí.
1.2.- Acta sesión extraordinaria do 24 de novembro
Consulta a acta premendo aquí: acta sesión extraordinaria pleno 24.11.2015. Non asistimos a este pleno por ser un mero trámite para escoller as mesas das eleccións de decembro, así poupamos cartos para o erario público. O PSOE tampouco asistiu, imaxinamos que pola mesma razón.
1.3.- Acta sesión extraordinaria do 7 de decembro
Consulta a acta da sesión premendo na seguinte ligazón: acta sesión extraordinaria pleno 07.12.2015. Consulta o noso resumo premendo neste hipervínculo e os videos de Televinte premendo nestoutro vencello.
Neste punto desde Por Chantada comunicouse que na páxina 3 da acta, no parágrafo que recolle a intervención do noso grupo, dise <<Querería dispor do cálculo de todo o que lle leva pagado á empresa. Critica o modo de traballar dela; como, por exemplo, o aparcamento onde o Auditorio>>. Non dixemos iso, criticamos o modo de traballar da empresa que realizou o PXOM e o montante que leva cobrado, mais a crítica a converter a entrada da casa da música nun aparcadoiro, que tal e como quedou a obra probabelmente meta auga para dentro dito sexa de paso, é relativa ao Goberno de INTA e non á empresa. O secretario, o señor Baños, fai a modificación pertinente.
1.4.- Acta da comisión de facenda
1.5.- Acta da comisión de réxime interior
acta C.I. rexime interior 05112015
1.6.- Convocatoria comisión facenda 14/01/2015
1.7.- Convocatoria comisión réxime interior 14/01/2015
CONVOCATORIA C.I. REXIME INTERIOR 14.01.16
2.- Orzamento 2016 do concello de Chantada, Bases de Execución, Cadro de Persoal, Teito de Gasto e Masa Salarial do Persoal Laboral
A documentación co Orzamento 2016 pode consultarse premendo nesta ligazón (non funciona se se accede desde un dispositivo móbil, mais si desde un computador).
Primeira intervención do portavoz da candidatura de unidade popular Por Chantada: O orzamento da resaca…da borracheira electoral.
Desde o PP, o seu portavoz Javier Medela, di que os orzamentos requerirían un pleno específico e que se trata dun proxecto pouco ilusionante e ambicioso. Os ingresos veñen do aumento dos impostos como dixo Fente. Critica o aumento do ICIO e da Plusvalía. O gasto en persoal sube o 6’32% e representa o 44% do total. As inversións só 7’37%. A amortización de préstamos absorve 474.000€. Pregunta se o Deporte en Chantada é unha fonte de emprego. Pouco para comercio e industria e nada para o Medio Rural. Reclama axudas nominativas ás parroquias. Os númersos se se quere fanse cadrar e a carga de persoal é excesiva. 25 persoas por sentenza xudicial pasan a persoal laboral fixo. Inversións 400.00o€ para arranxos e sen proxectos importantes. Cúmprese a estabilidade orzamentar e débeda viva baixa a 54% e é unha rémora a correxir noutra lexislatura.
Desde o PSOE discrépase no asunto da débeda, que o PP prioriza e hai cousas máis importantes. Agradece que veñan os orzamentos en xaneiro, mais non ter tan só unha semana para o orzamento e habendo moitos outros puntos, entre eles máis de 400 páxinas en decretos que se remitiron aínda o xoves. Como xa leva tempo na Corporación estes orzamentos pode dicir que son máis do mesmo, que “mellora” pola recadación do IBI, proceso do que Manuel Varela se mantivo comodamente á marxe e trátase dun imposto inxusto. Pouca atención á política social. Comoedor social ou banco de alimentos importan menos que as dedicacións. Políticas de emprego baixa en canto o gasto en persoal dispárase, cando criticou o 38% en xuño do ano 2010, segundo consta na correspondente acata da sesión plenaria. Hoxe é do 44%. A excusa de externalizar os servizos non cola e non é de difnidade moral co plano de axuste e o pagado pola “contribución” [o IBI]. Compárese con outros concellos e non reinvindica nin o camiño de inverno como si fan outros concellos. Nin xustificaron de ningún modo a dedicación. Catastrazo, piscinas… A dedicación do alcalde sobre como a dun funcionario, cando é un político. Inversións en Taboada 300.000€ e 400.000€ en Chantada. Pista de pádel sen comentarios. Auditorio asfaltado e caos circulatorio na vila cunha xuntanza pendente. Para que se quere un orzamento se logo hai modificacións.
Varela, por parte de INTA, defende que houbo dúas reunións para explicar o orzamento. Noutros concellos só se vai ao pleno e apróbase e aquí, tendo maioría absoluta, “dialogaron” e deixárono para o pleno de xaneiro. O gasto en persoal é do 44% si, mais para baixalo habería que externalizar servizos ou é así como demostra a axuda no fogar, que podería externalizarse ou a piscina ou as Escolas Deportivas. Dá a sensación de que algúns portavoces da oposición teñen dificultade para entender os orzamentos. Cando había máis dun millón de euros en gasto social debíase ao centro de día. A emerxencia foron os primeiros en estabelecela. Seguen co xantar na casa. Non teñen queixa ningunha nos servizos sociais. Amigos de Galicia reparte 40 paquetes de alimentos e familias e enseres. Incrementouse. No que se refire á débeda pública é <<vergoñento>>, segundo Varela, falar dos seis millóns que deixou el de débeda. Houbo obras no rural co remanente de tesouraría. E no 2015 máis de 400.000 euros de amortización do crédito. Non falar con medias verdades ou directamente mentiras. Tivemos que ir a un pago a provedores. O pago da débeda vai pasar dunha taxa de xuro de máis do 4% a só algo máis do 1%. No Polígono hai que engadir a subvención da Xunta. Non contemplan tampouco axudas da Xunta e da Deputación porque o orzamento se fixo con rigor. Cando eses cartos cheguen, xunto aos 2 millóns de ICIO que agardan recadar da central de Belesar. Non vén ao pleno a cabrearse e teñen un bo equipo propio. Desde 2011 non fixeron modificación de crédito salvo o pago a provedores. Este ano rematarán cun 54% de débeda e liquidala ao final da lexislatura aumentando así os investimentos. En 2017 queren baixar 10-15% o IBI e volvendo ao capítulo de persoal cos representantes sindicais non houbo problemas na negociación. Orgullosos destes orzamentos.
Desde o PP na 2ª quenda de invervención sobre o orzamento dise que externalizar ou privatizar non é malo que se se fai ben non hai problema que a xente o que quere é que os servizos funcionen.
Desde Por Chantada-CUP tamén se empregou unha segunda quenda para explicar o voto negativo e contestando ás alusións de INTA á CUP, podedes consultar o que dixemos premendo na seguinte ligazón: Intervención II sobre o orzamento da resaca.
Canto ao PSOE, a súa voceira, comezou afirmando que as políticas activas de emprego son diferentes aos funcionarios e o persoal do concello. Fala das dedicacións. 17.000€ da nova dedicación darían para facer moito [realmente son maís de 24.000€ brutos]. Investir no rural non é só asfaltar. Hai que lotar contra o despoboamento. Non só pistas. Non tema da débeda as facturas teñen que ver coa xestión anterior e non toda a culpa pode ser do bipartito que só estivo 4 anos, sumándose nisto ao dito desde a CUP. No orzamento de Taboada tampouco se contemplan as inversións externas. Estes orzamentos son mellores cós anteriores, aínda así seguen sen ser, nin de lonxe, unha xestión boa.
Varela, pola súa banda, fala de que cando no 1993 se gañou o primeiro proceso polo canon de enerxía se deixou de pagar o recargo provincial e que cando se cobra o canon o bipartito salda esa débeda como parte do cobro, sendo eses dos dous millóns de euros de dédeda que se reducen [aquí contesta á CUP obviando que el durante anos erguía a man con Cacharro Pardo en Lugo contra os intereses lexítimos de Chantada como a xustiza e a historia demostraron]. Lamenta que ningún grupo apoie ou se absteña despois de chamalos para falar do orzamento. Entre todos sacar adiante o concello e arranxos de pistas no rural. Arreglar o tema do leite no rural é o máis urxente e non sabe que haberá que facer. Dálle moita pena a situación do leite e o despoboamento. En Sobreira de Arriba e de Abaixo non queda unha explotación (a última estase desfacendo das vacas) e había sete ou oito hai dez anos e bastante potentes.
A FAVOR: INTA (7)
EN CONTRA: POR CHANTADA-CUP (1) e PSOE (3)
ABSTENCIÓN: PP (2)
3.- Modificación da relación de postos de traballo (RPT)
Accede á documentacion aquí: Modificación relación de postos de traballo.
Desde Por Chantada-CUP, como xa adiantamos anteriormente, manifestamos a nosa rotunda oposición polas seguintes razóns:
3.1.- No caso do posto de segunda actividade na policía local entendemos que se gasta en exceso nesta materia polo que habería que especificar a amortización da praza. O que fai o Goberno é contemplar a segunda actividade permitindo cubrir a praza actual con outra contratación.
3.2.- No caso de xestión da escala da administración xeral, creada pola diagnose do interventor segundo este expuxo na comisión, entendemos que non era de recibo que a recadadora figurase recentemente con centos de horas extra en intervención en canto o titular asina mesmo certa documentación mediante sinatura escaneada ou enviándolle os documentos a Lugo, polo que non está no seu horario laboral no concello de Chantada. Como non partillamos isto queremos volver reiteralo como xa llo dixemos na comisión de facenda. Tamén aparece un escrito de queixa do 28 de decembro ao que se lle prometeu unha praza de administrativo por promoción interna.
Desde o PP, Javier Medela, afirma que a RPT fíxose hai dúas lexislaturas. Varela contesta que está en marcha coa Deputación de Lugo unha nov que contemplan aprobar co orzamento para 2017. Medela di que no anterior orzamento aprobado non lle casan as contas no número de traballadores, dándolle 49 en 2014 e 54 en 2016. Fáltalle un encargado de obras, un asistente de deportes e un asistente social. O interventor dille que esta relación non crea postos, que poder haber un erro. Medela pide promoción interna para todos os funcionarios. Varela contesta que non pode ser doutra maneira.
Desde o PSOE afirman que a segunda actividade vele polos horarios de abrir e fechar o auditorio. O ascenso é preciso na segunda praza polo volume de traballo de intervención e pide reflexión neste sentido, após as retribucións en <<produtividade>> en traballos de intervención. Non se comprende o ascenso cedendo á Deputación a recadación. Queixas dun traballador pola falta de igualdade no salario.
Varela afirma que en novembro haberá un novo orzamento cunha nova RPT e que é responsabilidade de todos os grupos ter xefes de servizo a tutti-ple. Trataron os escritos na mesa sindical e non se pode de momento polo Plano de Axuste.
A FAVOR: INTA (7)
EN CONTRA: POR CHANTADA-CUP (1) e PSOE (3)
ABSTENCIÓN: PP (2)
4.- Acordo sobre dedicacións dos membros da corporación local
Accede á documentación en pdf. aquí: Dedicacións membros da corporación
Neste punto, desde Por Chantada-CUP, temos que valorar a suba do soldo do alcalde, como se dun funcionario se tratase, conxuntamente coa creación dunha dedicación de 4 horas diarias para un concelleiro que nin sequera ostenta ningunha tenencia de alcaldía nin achegou desde maio ningunha proposta ou consideración a este pleno, concretamente Diego Otero Veiga.
Percibir 1.500€ mensuais por 4 horas de traballo en canto a mocidade local vive a realidade do desemprego e da precaridade percibindo menos de 600€ no mellor dos casos, cando non facendo as maletas e emigrando. Vostede díxome na comisión que era dunha catadura moral moi baixa cuestionar que un funcionario municipal non cumpra o seu horario, mais debe ser dunha enorme altura moral isto que están facendo. É o que ten a borracheira da absoluta.
Se vemos o anexo de persoal veñen refletidos os salarios brutos do persoal deste Concello. Pois ben, voulles pór algúns exemplos de persoal do seu propio concello que percibe por 8 horas menos que os 17.150€ que vai recibir Diego Otero Veiga por 4 horas de traballo, xa por non falar dos 4’5€ por hora extra que lle pagaron a unha traballadora da limpeza. Iso si que é ter unha grande catadura moral [na comisión de Facenda, Varela falou de baixa catadura moral do portavoz da CUP por cuestionar o interventor e o seu absentismo laboral].
Varela interrompe para dicir que a dedicación se creará mediante o correspondente decreto e que non se sabe para quen vai ser. O portavoz da CUP contesta que a ver logo se se equivoca e prosegue coa intervención.
Expuxemos o caso de algúns dos traballadores que reciben menos dos máis de 24.000€ que vai recibir Diego Otero Veiga:
O traballador que leva o tractor ten un salario bruto de 13.993 euros, aínda que en marzo de 2016 cumprirá 11 anos como traballador deste concello.
Un dos traballadores de parques e xardíns ten un salario bruto de 14.028€ e está a piques de facer 12 anos nesta casa. O seu compañeiro ten un salario bruto de 13.796 e tamén leva cáseque 12 anos no posto.
Nos servizos económicos hai un traballador que percibe 11.468€ brutos. E o 19 de decembro de 2015 hai un escrito dun traballador do concello solicitando o mesmo trato salarial cós restantes administrativos, cousa que leva solicitando desde 2009 sen que se lle conceda.
Unha auxiliar dos servizos sociais recibe 11.940€ brutos e leva, cando menos, 8 anos no posto.
E xa non falemos de traballadores e traballadoras do concello a media xornada (as mesmas horas que supostamente vai traballar Diego Otero Veiga), por exemplo unha traballadora social, que leva no concello algúns anos, percibe moitísimo menos, co agravante de que traballa moitas tardes para complementar a súa xornada laboral. Gaña menos de 600€. Quedan claras as preferencias de INTA.
Esta sucesión de agravios comparativos aos traballadores do concello, algúns que lle tocan directamente a membros do seu propio grupo político, dá boa medida do que consiste o seu proxecto político, se así se pode denominar ao que INTA fai. Os propios traballadores do concello mostran malestar por esta situación no rexistro deste concello, aínda que iso o oculten como sempre fan cos seus abundantes trapos suxos; e debeu mesmo dividir ao seu grupo, como se enxerga da rebaixa cosmética de 5.428,59€ da dedicación parcial, se a cotexamos coa previsión inicial que tiñan orzamentada, ou co feito de que nin foron capaces de dicir abertamente para quen e en virtude de que é esa nova dedicación… ou a “compensación” feita na área de cultura cunha subida sensíbel de 18.700€ en diversas P.O. a respecto do primeiro rascuño dos orzamentos. Aínda así a área de cultura perde máis de 13.000€ con respecto ao orzamentado en 2014, o cal é lamentábel, máxime cando nos consta que hai asociacións que non alcanzaron a axuda que precisaban ou demandaban. As prioridades son outras, o diunvirato de INTA que supón un aumento de cáseque 40.000€ no custo dos órganos de goberno, un 60% de aumento cando outros levabamos o compromiso de baixar á metade o custo dos órganos de goberno!
Finalmente, que esta dedicación se lle dea a este concelleiro, que nin ostenta unha tenencia de alcaldía nin está a desenvolver un traballo salientábel que a xustifique, é síntoma da peor das culturas políticas que non entende a política como servizo público senón como plataforma para o medre persoal e diso como alcalde Manuel Varela está sendo cómplice. Otero vai cobrar máis que o 60% dos traballadores e traballadoras desta casa por menos de 4 horas de traballo.
A nosa repulsa e naúsea non poden ser maiores e abondaría só con isto para rexeitar os orzamentos que presentan para este exercicio.
Javier Medela do PP defende que o traballo debe ser retribuído. As dedicacións deberían ser nomitantivas. Espera a ver a quen lla dedican e non vén fundamentos para esta praza, o que queren que consten en acta, xa que na súa experiencia laboral no contrato sempre figuran as funcións. Van votar en contra.
Raquel pregunta para quen é esta dedicación. Varela dille que depende do decreto e que ao mellor nin se crea Raquel dille cales van ser as competencias. Varela dille que ter máis liberdade para ir a Santiago e a Lugo e non estar tan “atado” ao concello e andar con presas na estrada arriscando o pelello moitas veces. Raquel contesta como se trae unha dedicación sen un escrito detallado dicindo os labores que fai. Varela di que non poden falar o PSOE e o BNG de dedicacións, xa que son especialistas en dedicacións. Raquel contesta que en Chantada non. Varela replica que os cartos saen igual do peto dos cidadáns, pois cobraban da Deputación de Lugo. O PSOE retruca que neste caso saen directamente do peto dos cidadáns de Chantada cando temos a suba do IBI, a crise do sector lácteo, do comercio… O traballo non aumentou e agora hai dúas persoas. Contía desproporcionada e máis en relación á mocidade. Nin se esperou a saír do Plano de axuste. Pide informe semana con detalle do que fai, así polo menos xustifican máis de 17.000€ que vai cobrar.
O interventor di que estudou en profundidade o tema da dedicación parcial e fixo un dossier e unha consulta a Madrid a unha consultora. É legal.
Varela di que o seu teito segundo a lei para o soldo é de 45.000€ e a media dedicación é cobrar a metade do que cobra el e depende do traballo que realice. No concello sobra traballo. Cando haxa eleccións que xulguen os cidadáns. Está disposto mesmo a dicir día a día o que el fai, porén que os deixen dedidir por eles mesmos e cren que fai falta esa dedicación.
Raquel non dixo que non houbese traballo e que hai tamén custións morais. Non se comparan con outros concellos para outras cousas. 53% dos veciños non lle votaron aínda que teñan a absoluta.
Varela di que a pesar da absoluta hai certa elegancia, que non llo pode negar a voceira socialista e que non hai diferenza no trato de cando estaba en minoría. Están no dereito de exercer labor de control.
Por alusións da CUP, o concelleiro de cultura afirma que cultura non baixa. No 2011 había unha débeda importante das festas e pagouse a débeda durante 3 anos e entón agora desaparece. Non houbo ningúnha chantaxe. O voceiro da CUP agradece a aclaración en todo caso.
Varela di que os 400.000€ son fondos propios e 65.000€ en tres anualidades. Raquel pide que se repita a votación porque non todos ergueron a man. O secretario aclara que se o sentido do grupo é nun sentido non fai falta explicitalo. Desde o público dise que non ergueu a man o señor Diéguez de INTA. O secretario di que toma nota da cuestión. Diéguez afirma que antes non viría ao pleno que romper coa disciplina do voto e que se fai falta que se repite.
A FAVOR: INTA (6 ou 7 dependendo como se recolla o do señor Diéguez)
EN CONTRA: POR CHANTADA-CUP (1), PSOE (3) e PP (2).
5.- Expediente de modificacion de crétidos: suplemento de crédito 1/2016
Podes consultar a documentación na seguinte ligazón: suplemento de créditos S.C.01-2016
Comeza intervindo o sr. secretario, Xosé Manuel Baños, para indiar que na proposta da comisión figuraban 510.646’57€ cando hai un erro de suma e son 509.646’58€.
Desde a candidatura de unidade popular Por Chantada afirmamos que se traen a pleno facturas por valor de 631.486’97€, das cales só había no orzamento de 2015 dotación orzamentar para 120.840’40€. Porén, resulta que se gastaron 510.646’57€ (P.O. 450.610.00 Arranxo camiños municipais), non previstos, e que se pretenden aprobar vencido xa o exercicio 2015. A excusa das eleccións, ao que fai referencia o informe da intervención que fala por outra parte de <<convalidar un acto irregular>>, non nos convence cando houbo un pleno extraordinario en decembro, e que se queren cargar no orzamento de 2015 e a cargo do remanente de tesouraría. Imos votar en contra, máxime ao non ter sido aprobada a liquidación definitiva do Orzamento de 2015, que por súa vez é prórroga do Orzamento de 2014, de cuxa conta xeral xa fixemos unha análise neste pleno. Faltou previsión e non é o modo de facer as cousas, aprobamos hoxe mesmo un orzamento que xa estamos modificando con facturas con datas coincidentes (31 de agosto e 31 de decembro) e sempre deténdose na barreira legal dos 49.000€ para evitar as consecuencias legais asociadas ao rebasar esa cantidade.
Varela aclara que se refire ás eleccións de maio e non as de decembro. Algunhas obras fixéronse na campaña electoral porque había que certificalas a 30 de xuño. Hai remanente de tesouraría pola suba do IBI e trátase de obras de urxencia grazas ás cales dá gusto andar agora polo concello de Chantada.
Medela pola súa banda comeza preguntando se se poden prorrogar as inversións dentro do Plano de axuste. O interventor contesta que desde o seu punto de vista si. Continúa o voceiro popular afirmando que sen liquidación non pode haber outras prioridades no pago? O interventor retruca que teñen avance da liquidación e que a prioridade é pagar, se ben é certo que sobre este extremo hai interpretacións diversas.
Desde o PSOE dise que na comisión se afirmou que este suplemento de crédito se ensambla no orzamento novo. No 2016 pagarase máis de medio millón gastado no 2015. No pleno anterior xa preguntaran polo proceso de contratación. En ningún caso as facturas chegan á barreira dos 50.000€. O informe do arquitecto é só unha lista, sen memoria nin metros, etc.
Varela di que o arquitecto foi o que máis pistas percorreu, máis que el mesmo.
A FAVOR: INTA (7)
EN CONTRA: POR CHANTADA-CUP (1), PSOE (3) e PP (2).
6.- Recoñecemento extraxudicial de créditos 1/2016
Preme aquí para veres a documentación: recoñecemento extraxudicial 01-2016
Comeza novamente aclarando o señor secretario que hai un erro na suma e que se inicialmente eran 631.486’99€ e que van ser 630.486’99€. Susana (recadación e fai funcións de invervención) corrixe a cifra, xa que había outro erro dun céntimo, sendo a cifra correcta 630.486’98€. O secretario aclara recapitulando que o erro de suma ascendía a 1.000€ e 1 céntimo.
A posición da CUP é que as inversións que xustifican a ollos do Goberno este recoñecemento extraxudicial son diversas actuacións necesarias en pistas e camiños, mais que non se consignaron axeitadamente nos orzamentos, imaxinamos para cadrar así as contas. A pesar de Gobernar durante a pasada lexislatura foron incapaces de facer uns orzamentos para 2015, prorrogando os de 2014 e desde maio xa viñeron de xeito bastante discutíbel e irregular as facturas de ICOS ou agora máis de medio millón de euros en obras, por certo limitadas na barreira dos 49.000€.
As datas das facturas en 31 de agosto e 31 de decembro chámannos tamén a atención cando as obras se realizaron desde o mes de maio inclusive e remiten para ter desde o Goberno plena consciencia da irregularidade que comenten, o cal aínda é máis grave.
Gustaríanos ter un informe máis detallado, da secretaría deste concello, sobre as irregularidades deste proceso. O informe do arquitecto non aclara os metros nin volume de cada actuación, polo cal é mellorábel. Afirma que «o estado das estradas obxectos (sic.) das devanditas obras recomendaban a urxencia das actuacións». No propio informe da intervención recóllese que estamos perante unha clara irregularidade, por exemplo, e citamos textualmente:
Tanto por economía procesal como para evitar menoscabos adicionais á parte da relación xurídica que non ocasionou a posíbel irregularidade no procedemento [é dicir as empresas que fixeron as obras], sempre ca contía a pagar derivada da contratación se presuma non superior á indemnización que se debería abonar se o procedemento for anulado, semella razoábel convalidar o acto irregular.
Polo exposto, cremos que unicamente o Goberno debe facerse cargos dos seus propios erros e irregularidades, polo que imos votar en contra.
Manuel Varela aclara que non houbo picaresca no tema das facturas limitadas a 49.000€.
O voceiro do PP tamén fai referencia ao informe da intervención (<<convalidar un acto irregular>>). Gastouse nalgo que non tiñan partida.
Varela deféndese dicindo que o orzamento prorrogouse cos números que sabemos. E noutros anos que gobernaron non había liquidez e había que amortizar débeda tal e como obrigaba o Plano de axuste, ao superar esta o 63% dos recursos do concello.
Javier Medela di que desde o PP entenden a picaresca e a data de emisión das facturas, embora lles chame a atención.
Varela afirma que as ían traer ao pleno de decembro [difícil cando hai facturas do 31 de decembro!].
Campelo di que unha empresa á que se lle deben 500.000€ ten que cobrar.
Raquel afirma que non é lóxico separar as facturas e agrupar por datas como se fixo. O interventor contesta que a data da factura non é relevante. Continúa a voceira socialista preguntando se como expediente económico lle parece axeitado o xeito en que se apresentan as facturas. O interventor di que o modo non o considera relevante, si a falta de fiscalización previa. Aínda que por veces a agardar a ter crédito pode ser inaxeitado. O contexto de eleccións, confección do orzamento, etc. tamén é relevante, preferíndose deixar para após das eleccións esta cuestión. Desde intervención vese boa fe, polo que nun contexto diferente si que poría reparos. Amrotizar débeda tamén é discutíbel. Se están preparados tecnicamente non ten que volver producirse e as irregularidades fan referencia a cuestións formais. Tentar saír do Plano de Axuste. Raquel conclúe pedindo un informe de secretaría. O secretario responde que se o pide o palabra dependerá da vontade do alcalde, senón hai que pedilo por escrito co quorum que determina o ROF. O acalde di que se pode facer ese informe.
Os portavoces da oposición asinan un escrito conxunto solicitando o informe da secretaría sobre esta cuestión. Trátase do segundo escrito conxunto seguindo o estabelecido no ROF. O primeiro foi a raíz da cuestión sobre a privatización da auga e Aquagest que levamos a pleno en forma de moción e que pode consultarse premendo nesta ligazón.
A FAVOR: INTA (7)
EN CONTRA: Por Chantada-CUP (1), PSOE (3) e PP (2).
7.- Plano estratéxico de subvencións do concello de Chantada período 2016-2017
Para descargares o PLAN ESTRATÉXICO de subvecións preme na ligazón.
Desde Por Chantada-CUP comezamos asinalando, en primeiro lugar, que cremos que é demasiado ambicioso chamar a este documento “plano estratéxico” cando son 3 follas. De por parte, vén regulado polo artigo 8.1 da Lei 38/2003, de 18 de novembro, Xeral de Subvencións, polo que xa tería que estar elaborado desde a pasada lexislatura, máximo cando xa gobernaba INTA. Novamente, o Goberno demostra que anda tarde e a última hora, sempre sobre os tempos, e, aínda por riba, nun tema de notorio interese público e que afecta ao conxunto do tecido asociativo do país do Faro. Con todo, non houbo diálogo ningún co mesmo.
Parécenos que fica diluído e no ar o control e seguemento do plano e a sensación é que se trae un documento para cubrir o expediente, sen máis, e mesmo con erros evidentes como incluír só tres liñas de traballo e non unha cuarta que logo se desenvolve, a de Rehabilitación urbana. Novamente o rural fica fora cando é evidente que hai elementos, cando menos os patrimoniais, que precisan de rehabilitación e conservación (por exemplo os hórreos), máxime cando agora os concellos son responsábeis civís subsidiarios das ruínas no rural e xa non só no ámbito urbano.
Non ten moito sentido falar de subvencións nominativas e de concorrencia competitiva cando en Chantada só está no segundo suposto os Premios Entroido de cada anualidade, sendo o resto nominativas. Hai moito convencio oculto e mesmo axudas encubertas mediante facturas que deberían regularse para garantir a equidade e a igualdade de condicións para todas as asociacións.
Noutros trechos o documento novamente conta cunha redación mellorábel e que, ao noso xuízo, é tremendamente confusa, por exemplo nun sitio parece que se contempla os cidadáns de Chantada en situación de exclusión ao falar de «solidariedade e desenvolvemento local» cando na descrición da liña se emprega o vago eufemismo de «países con menos oportunidades» que exclúe ou cando menos non explicita o combate da exclusión local.
Xa que logo, demandamos que se retire este punto e se mellore, a poder ser facendo ao tecido social partícipe, para aprobalo noutro pleno.
Desde o PP dise que é necesario neste momento formalizar este plano estratéxico. Pide comisión, iso si, para elaborar as bases reguladoras para conceder as subvencións. Dálle o visto bo porque é necesario.
Pola contra, desde o PSOE lamentan que non se aplicara denantes, xa que podía facerse desde o 2003, aínda sendo agora prescritivo. Pouco adatado á realidade local o documento. Apoia a idea da CUP de aparcar o documento e facelo ben, así como a proposta do PP para elaborar as bases conxuntamente.
No que concerne á posición de INTA explicitouna o rexedor local, Manuel Varela, quen afirmou que non está polo labor de deixalo sobre a mesa, aínda que se pode mudar máis adiante. O intereventor di que se o alcalde quere pode modificarse. Tamén desde INTA Diéguez falou da partida orzamentar para recuperar as festas do rural e que coa banda de música e coa de gaitas si que hai convenios, ao menos no que depende da súa xestión. Hai dúas lexislaturas dábaselle 150€ a cada parroquia anualmente (só para unha das festividades que teñan).
Desde a CUP lémbrase que, aínda habendo convencios neses casos habería moito que falar e que hai outras “axudas” que nin se fan mediante subvención nin mediante convenio. Tamén se afirma que o rural non só as festas e que dentro da dinamización do mesmo iso ocupa un lugar na xerarquía moi secundario a respecto doutras actuacións necesarias.
O PSOE tamén partilla que hai máis que facer no rural ca festas e orquestras. Por exemplo, os encontros interxeracionais que eles levaban no programa electoral. Que non quede en nada.
Varela di que a concelleira Cándida está facendo nalgunhas parroquias, en todas non se pode, actividades. O maior problema o despoboamento.
Segundo marca o ROF procédese a votar inicialmente a proposta de Por Chantada-CUP de deixar esta cuestión sobre a mesa e facer o plano participadamente co tecido social:
A FAVOR: Por Chantada-CUP (1) e PSOE (3).
EN CONTRA: INTA (7)
Abstención: PP (2)
A continuación faise a votación do documento tal e como foi apresentado desde INTA:
A FAVOR: INTA (7) e PP (2)
EN CONTRA: Por Chantada-CUP (1)
ABSTENCIÓN: PSOE (3)
8.- Modificación das medidas do Plano de axuste aprobado como consecuencia da operación de endebedamento derivada do RD/Lei 4/2012
Para accederes á documentación relativa á proposta de modificación do PLANO DE AXUSTE preme na ligazón.
A intervención da CUP comeza afirmando que os plans de axuste foron consecuencia da intervención encuberta da troika ao Reino de España e o mecanismo para detraer da clase traballadora, vía impostos regresivos, os recursos públicos que recibiu a banca privada vía rescates.
A maiores, no caso de Chantada, evidenciou as consecuencias nefastas das políticas de farolas e cemento das que o actual alcalde foi o máximo expoñente e o responsábel directo da maior parte dos 2.637.536’44€ que se debían en facturas tal e como se recolle na correspondente acta plenaria.
En consecuencia, o Estado español obrigou ao concello de Chantada, para obter esa liquidez necesaria para facer fronte ao pago de parte das débedas contraídas por unha xestión nefasta cos seus provedores, a contraer unha débeda coa banca privada e devolver en total 3.480.105’32€, ou sexa 842.568’88€ en xuros á banca que pagamos todas e todos os chantadinos e que se prevén rematar de pagar o 1 de marzo de 2022 aínda dentro da reforma do plano de axuste que hoxe se apresenta a esta corporación.
Eses 3.480.105’32€ que debe devolver o concello de Chantada supuxeron a confección dun duro plano de axuste, análogo na escala local aos sucesivos e desastrosos memorandos gregos ou as medidas de austeridade adoptadas no Reino de España primeiro polo PSOE de Zapatero e logo polo PP de Rajoy. No caso que nos ocupa a receita foi a mesma, subir os impostos regresivos para facer pagar proporcionalmente o groso da débeda á clase traballadora e a poboación con menos recursos en canto se manteñen ou aumentan os privilexios dunha minoría.
En Chantada creáronse numerosas taxas en materia de urbanismo, incremento do pago polos vados, uso de instalacións deportivas, Escolas Deportivas; subíronse impostos claramente regresivos nomeadamente o IBI e en menor medida o ICIO; ou introduciuse un copago na axuda no fogar. En consecuencia, medidas regresivas polo lado do incremento dos ingresos que só serían discutíbeis e asumíbeis se se acompañasen de medidas polo lado da contención e diminución do gasto.
Cando se redactou o plano de axuste Varela e INTA tiveron a habilidade de incorporar outras cuestións que nunca pensaron cumprir para suscitar o apoio dos outros grupos. O Plano de Axuste foi desde o comezo un fraude como demostra o grado de incumprimento altísimo do mesmo e como demostra que a proposta de modificación redúceo ao IBI que subiu brutalmente polo Plano de Axuste primeiro e, na actualidade, polo denominado catastrazo do que, cando menos por omisión, é tamén cómplice Manuel Lorenzo Varela. Queda pois unha cáscara baleira só co IBI.
Por exemplo, ulos convenios coas asociacións ou entidades para recibir subencións nominativas? Ulo aforro en materia enerxética no alumeado público? Ula redución dos costes de persoal que atinxe en 2016 máis do 44%? Ulo estudo de viabilidade de calquera contrato de inversión? Ula solicitude sistemática nos contratos menores para obter o mellor prezo? E aínda por riba na conta xeral de 2014 o resultado orzamentar axustado foi negativo.
Non apoiariamos nunca un plano de axuste desta natureza regresiva e impopular e tampouco nada que garde relación con el, porque a responsabilidade deste plano de axuste non é só do Goberno central senón dun concello que tivo que acollerse a el polas nefastas políticas públicas seguidas no pasado das que o actual alcalde é o máximo responsábel.
Desde o PP, Javier Medela, pregunta en que momento se vai enviar. O intervendor contesta que xa e no próximo pleno se callar se dan xa os números para solicitar a saída do Plano e é bo traelo ao pleno onde hai un debate económico amplo. Continúa o voceiro popular preguntando que se ben a suba do IBI pode computarse o resto é estimativo? O interventor dille que é real, transferencias do Estado baixan mais con máis recursos o concello pode reducir o tempo de pago a provedores e habería 150.000€ a maiores durante 11 meses, tendo no último mes ou en xaneiro de 2017 a liquidación.
De por parte, o PSOE di que o o Plano de axuste foi unha ferramenta política e non económica, rachando o consenso co que se fixo unilateralmente desde INTA. Non se cobra lixo no rural, mais eles estaban pola creación dunha taxa simbólica para que houbese un servizo digno. Non se atendeu ás ofertas a diversos provedores, agrupación de contratos menores, etc. Tendo feito isto ao mellor podería baixarse xa o IBI, que segue de sen baixada. Sería mellor manter outras medidas e baixar o IBI. Pouca concreción no informe. Un ingreso co que non se contaba salvou a situación e non a xestión económica. Votaron naquela altura a favor con boa intención, mais hoxe non o van facer á vista dos resultados.
Varela di que grazas ao IBI e ás compras con controis exhautivos estamos nesta situación boa. Por exemplo, pasaron de Telefónica a R aforrando 6.700€.
A FAVOR: INTA (7)
EN CONTRA: CUP (1) e PSOE (3)
ABSTENCIÓN: PP (2)
9.- Modificación das tarifas da auga e sumidoiros: ordenanzas fiscais resultantes
Eis a documentación: Modificación das tarifas de auga e sumidoiros. Tamén nos parece importante remitir ao lector ao informe da asociación de consumidores FACUA onde detecta diferenzas de até 349% nas tarifas da auga de 28 cidades durante o ano 2015.
Desde Por Chantada comezamos lembrando que desde o 11 de decembro rexistramos os tres grupos da oposición solicitude de informes á secretaría e á intervención do concello para sondear a posibilidade de reversión da privatización, avaliar o informe negativo da secretaría no momento da concesión da última prórroga por parte de Manuel Varela a Aquagest até os 50 anos, así como unha listaxe das obrigas que a empresa contraeu no concernente ao mantemento das infraestruturas e/ou melloras de deficiencias no servizo, como xa expuxemos en sesión plenaria.
Ao non partillar, pois, a privatización deste servizo elementar, nin na forma nin no fondo, imos votar tamén negativamente pois, aínda que esta anualidade baixen as tarifas polo IPC, seguen sendo elevadas en relación co custe que terían desde unha xestión pública [vid. informe de FACUA por exemplo]. Como o noso voto non é decisivo para sacar adiante esta cuestión imos emitir un voto negativo polo xa exposto.
O resto dos grupos apoian a baixada.
A FAVOR: INTA (7), PP (2) e PSOE (3)
EN CONTRA: Por Chantada-CUP (1)
10.- Ordenanza reguladora das axudas á rehabilitación da vivenda: resolución de reclamacións e suxestións e aprobación definitiva
Eis a documentación coa ordenanza de axuda a rehabilitación de vivendas e a conseguinte reclamación do PSOE que partillamos e apoiaos, ao convir desde o pasado pleno que desenvolveran desde o PSOE esta cuestión.
As dúas achegas que fai o PSOE parécennos razoábeis e no seu momento xa estabamos de acordo, tanto en que impulsaran desde o seu grupo as reclamacións, canto no contido das mesmas. Que o Goberno non asuma ningunha das dúas, a saber: dunha parte o realoxo no caso das primeiras vivendas, e, doutra parte, ter en conta o IPREM para a concesión das axudas no marxe que a lei o permite parécenos que só pode responder a un sectarismo partidario que sería lexítimo se non redundase, como é o caso, en detrimento dos cidadáns de Chantada. O feito de que, segundo o alcalde, nunca se deran casos de realoxo non é óbice para contemplalo, xa que debe ser garantista calquer ordenamento. Tampouco que sexa escasa a suba polo IPREM debe servir para non introducir, como principio aínda que sexa, a progresividade nos límites legais permitidos tal e como se di no informe do arquitecto.
Polo exposto, posicionámonos a prol das reclamacións efectuadas e en contra da proposta orixinal en que recunca o Goberno municipal.
Desde o PSOE din que apresentaron as alegacións e eran importantes. Que non hai ningún informe do arquitecto, que se dita mais que non se remitiu informe algún. Só se di <<consultado o arquitecto>>.
Varela di que as vivendas que son de residencia principal non son de familias necesitadas e as outras son segunda residencia. Iso ten sentido nunha cidade. Aquí nunca se deron. Se a voceira socialista o tivera comentado no pleno aprobaríanllo.
Raquel contesta que xa pretuntara polas mudanzas no pasado pleno e que consta na acta, iso si, sen afán de atrasar nada.
A FAVOR: INTA (7)
EN CONTRA: Por Chantada-CUP (1) e PSOE (3)
ABSTENCIÓN: PP (2)
11.- Bonificación do ICIO:
a.- Nave industrial na ampliación do Polígono “Os Acivros”, fase II, parcela 5
b.- IDEM, fase II, parcela 6
c.- IDEM, fase II, parcelas 7 e 8.
d.- Almacén de distribución de bebidas na ampliación do polígono “Os Acivros”, parcela 10, vial A
e.- Almacén de distribución loxística na ampliación do polígono “Os Acivros”, parcela 11, vial A
Desde a CUP anúnciase que se van apoiar todas as epígrafes do punto 11.
Desde o PP afirman que o 95% é bastante e canto vai durar. Pregunta se se fixo para atraer empresas.
O PSOE di que apoia tamén, mais solicita que no sucesivo se teña en conta o criterio de renda.
Varela di que ogallá veñan moitas empresas e Diéguez di que o 95% de bonificación non é o principal, senón que hai que baixar o custe do metro.
O interventor fai un alegato a favor do terreo sen custe para as empresas, sobre todo cando o seu custe é baixo. Varela di que en moitos concellos a pesar de ter o chan regalado tampouco van máis empresas. O interventor, Xosé Ferreiro, di que o polígono de Chantada está sendo moi atractivo para as empresas.
UNANIMIDADE
12.- Moción do Grupo Municipal Por Chantada-CUP en defensa da sanidade pública e para un servizo digno e universal no ambulatorio de Chantada
Para descargares en pdf a moción preme aquí: Moción en defensa da sanidade pública e do centro de saúde de Chantada. Para a leres en liña preme nesta ligazón. Para veres as preguntas que a deputada Consuelo Martínez rexistrou no Parlamento de Galiza preme nestoutra ligazón: Ambulancias Chantada.
O portavoz da CUP expón porriba a moción dada a dilatación do pleno (normalmente lese íntegra a exposición de motivos desde o noso grupo). Incídese en que foi participada con persoal do centro de saúde.
Pamela de INTA comeza afirmando que queren apoiar a moción e que efectivamente antes había ambulancia de apoio, que agora a nova concesionaria ten só en Monforte de Lemos para toda a zona sur de Lugo. No entanto, piden que se retire algunha cuestión da moción, como o feito de contemplar unha Partiza Orzamentar para facer fronte a esa ambulancia supletoria se a Xunta insiste en non restaurar o servizo.
Desde a CUP faise fincapé nese punto. A orde das propostas está clara, comezando por reclamar e só en último caso contemplar esa partida ozamentar xa que estamos falando dalgo moi delicado, a saúde pública, cuestión de vida ou morte para os veciños. Faise referencia ao helicóptero ás urxencias e que dispara o custe. Facer fincapé en solicitar a revisión das isócronas pois non é normal ter que ir até Peares estando o concello de Coles con centro de saúde ao carón dese lugar. Mais asuntos para tratar dos que se poñen na moción, como fisioterapia.
Pamela apunta que alén do dito sobre pediatría tamén hai problemas co dentista. Piden retirar tamén a temporalidade dun mes para facer as prazas de aparcadoiro para minusválidos. Varela di que asumir esa partida sería a excusa para a Xunta, para botarlle enriba ese servizo.
Campelo do PP di que se reclame o que haxa que reclamar, mais que cada institución ten as súas competencias e que aquí o concello non ten ningunha competencia. Di que descoñecemos os pregos de contratación.
Diéguez contéstalle que leu que o prego está denunciado.
Raquel di que o PSOE apoia a moción, independentemente de que se acepten ou non as mudanzas. A competencia é da Xunta, aínda que non está de máis contemplar no caso de que for necesaria esa partida orzamentar.
A CUP acepta as mudanzas propostas en aras da unanimidade, facendo constar en acta este feito, así como que seguen considerando a necesidade da partida ao ser unha cuestión que afecta á saúde da veciñanza. Nas preguntas que leva Consuelo Martínez van tamén cuestións sobre o prego e un dos puntos da moción que solicita retirar INTA xa se contemplaba retirar por esa mesma razón. Proponse unha transacción para o punto da partida orzamentaria que expoña que se contemplaría esa solución [PP e INTA opóñense polo que se decide retirala].
Pamela di que mesmo se pode facer presión nestas cuestións con outros concellos que están nesta mesma situación.
UNANIMIDADE (con enmendas) [Moción centro de saúde de Chantada (aprobada por unanimidade con enmendas)]
13.- Moción do Grupo Municipal por Chantada-CUP para que o Goberno Municipal comapreza en sesión plenaria extraordinaria e monotemática para explicar porque non se seguiu o mantemento do edificio da casa da música conforme o disposto no libro do edificio
Para descargares Moción Casa da Música, para consultala en liña podes facelo nesta ligazón. Para consultares o libro do edificio preme aquí: LIBRO EDIFICIO CHANTADA FASE I
A CUP expón por riba a moción explicando as principais eivas do edificio e que o Libro do edifico non estaba fisicamente no concello, tendo que volvelo solicitar o arquitecto cando desde o noso grupo fomos consultar os planos, proxectos e toda a documentación relativa ao edificio da casa da música.
Varela di que Penela (Manuel Diéguez) fixo un estudo para invertir 6.420€ máis IVA no máis urxente, tocante ás máquinas de refrixeración. Aniñaron mesmo ratos cos cables roídos. Recoñece que pode haber un accidente por electrocutación se sobe a auga.
Campelo engade que dentro do ascensor chove.
Diéguez engande que a bomba traballa todos os inernos e que nace a auga alí. Hai entre 4-5 bombas operativas e un só xerador para iso. Varela incide no alto custe enerxético do edificio.
Fente pregunta polos ascensores que no proxecto, o motacargas xunto ao panorámico da casa da música cuxo custe ascendeu a máis de 90.000€. Insiste na falta de mantemento que se deu nestes tres anos e que agora vai requerir accións urxentes e talvez de maior custe. Comentamos o problema dos sumidorios e dos servizos inoperativos.
Campelo engade que non pode haber baños mixtos en edificios públicos.
Varela di que valoran facer unha rampa en descenso na cuberta para a accesibilidade xa que os chanzos actuais son moi estreitos. Tamém que se podería facer mesmo un edificio sobre a cuberta para os sindicatos, que o estudarán.
Desde a CUP díselle que a carga soportada polo teito está recollida tamén na documentación xa referida. Apostar por placas solares e outras solucións imaxinativas e que reduzan o impacto enerxético. Tomar medidas canto antes para as diversas cuestións, con informes e estudos elaborados co debido rigor e detemento.
Desde o PP dise que no sucesivo cando se fagan edificios publicos se conte cos usuarios.
Diéguez engade que os baños non están, efectivamente, conectados á rede. Varela di que van mirar as deficiencias e o que se di sobre o lasur.
Javier Goyanes do PP fai a súa primeira intervención plenaria facendo referencia a que é por mor do proceso de curación da madeira, que viña verde e por iso estes problemas.
Desde a CUP dise que a solución do lasur está pensada para madeira, que se emprega no norte de Europa e para oscilacións térmicas importantes, mais que require un mantemento se for necesario anual e que no Libro se indica que para o mantemento da cuberta é precisa unha revisión anual por parte de técnicos especializados na materia. Pregúntase pola garantía do edificio e congratulámonos de que o Goberno estea dando pasos para solucucionar estas eivas ou teña, cando menos, vontade de facelo. Tamén se incide en que o auditorio foi unha obra moi demandada, pois Fente estivera nunha das reunións con asociacións e persoas e era unha das maiores demandas para invertir o cano. Fixemos referencia aos prazos da obra e ao Plano E.
Manuel Diéguez pon como exemplo as máquinas do ar acondicionado, con 5 anos e xa fallando. Perdida a garantía. A empresa fechou. Varela di que se recolla todo o que está mal e se contemple no informe que tampouco estando na oposición controlaron o debido a obra. Engade que a modificación da obra do acceso xunto ao tanatorio a pagou esa empresa reducindo a pendente, polo que gañaron todas as partes. Estes días non entrou auga. Entre todos dar cobertura a este problema.
UNANIMIDADE (con enmendas) [Moción auditorio unanimidade con enmendas]
PARTE DE CONTROL DA XESTIÓN
14.- Dación de conta de resolucións da alcaldía
Cuestións para o control da xestión Por Chantada-CUP
A) XUNTA DE GOBERNO 20/10/2015
14.1.- Aparecen dous procesos xudiciais nos que o concello é a parte demandada (procedementos ordinarios 655/2015 e 154/2015). Agradecemos que se nos expliquen.
Non se contesta no momento
14.2.- Hai unha solicitude de pasos elevados na Avenida de Monforte de Lemos. Desde a CUP, como xa lle fixemos saber a Castor, estamos traballando en medidas para o tránsito e a humanización dos espazos públicos. Con todo, unha medida que se debería implementar para o tráfico rodado é a limitación de 30 quilómetros hora no caso urbano como é habitual na maioría das zonas urbanas. Tamén se nos dixera que se ía peonalizar o Cantón e polo que vemos quedou a cousa en nada.
Non se contestou no momento
14.3.- Aparece unha factura de 2.261’80€ en concepto de alumeado da piscina climatizada, a que período corresponde? As facturas eléctricas que van do 22 de abril ao 19 de xuño e ascenden a 18.103’96€ (P.O. 165.221.00). En 2014 foron 316.817€, sendo o total do capítulo 165 de alumeado público 447.078’38€. Supéranse entón os 1.000€ diarios como xa lle advertimos no pasado pleno, polo que insistimos na necesidade de que se adopten medidas de aforro enerxético: revisar os puntos de luz e a súa utilidade, supresión total do tanto alzado, substitución das lámpadas, etc.
De feito, nesta lexislatura deberíase deseñar e implementar un Plano enerxético a dez anos e consensuado para reducir o consumo e o gasto enerxético á metade e para reducir o consumo de combustíbeis fóseis. Sería hipócrita falarmos de mudanza climática e non adaptar ningún acordo a nivel local, pois ao nivel actual de consumo a concentración de CO2 ameaza o futuro da vida humana na Terra segundo o 90% da comundidade científica.
Para financiar o plano habería que comezar gastando máis para conseguir obter un aforro. Gastar, por exemplo, un 40% menos en alumeado público supón unha poupanza de 178.831’35€ ao ano e reducir o combustíbel empregado a máis da metade (bicicletas para a policia local, por exemplo) suporía aforrar 72.000€ dos 90.000€ que se gastan na actualidade en combustíbeis e carburantes, sendo importante reducir nos 53.597’29€ que se gastan en gasoil e pellets (2.994’75€) nas piscinas (P.O.: 340.221.03).
Por outras palabras, disporiamos ao longo de dez anos de máis de 2 millóns de euros (a razón de máis de 200.000€ ano ano) para investir en medidas para aforro enerxético e xerar enerxía renovábel. Iso si, un plano desta natureza esixe rigor tanto na súa confección como no seu cumprimento. A pregunta é se este goberno está aberto a adoptalo porque nós estamos dispostos a traballar por este camiño.
Dísenos que 200.000€ non se pode.
14.4.- O aluguer do Telecentro ascende a 1.318’48€, recibe o concello fondos públicos para o seu mantemento ou sufraga todos os gastos? Estudou o Goberno mudalo para dependencias públicas (e o do arquivo municipal xa merece capítulo a parte)? Aforraríanse 15.821’76 euros ao ano que xunto aos 48.585’72€ que se van aforrar do aluguer do centro de día dannos a chave para ter impulsar políticas sociais que consigan que todos os veciños teñan teito, pan, enerxía eléctrica e calefacción.
Se a isto lle sumamos a poupanza enerxética da que antes falamos temos un aforro de 315.238’48€ ao ano…
No aluguer vai tamén unha nave para material na rúa Carlos Otero Díaz.
14.5.– A desratización dos sumidoiros é mensual? Que criterios se seguen e que produtos e en que cantidades se empregan?
Castor di que é mensual, ou se é preciso fanse máis. Pódese pedir o que se emprega sen problema.
14.6.- Porque un curso de pintura ao óleo se inclúe na P.O. 231(227.99) de Acción Social (1.1250€)? Tamén se mete no capítulo 231 o aluguer do centro de día (231.292.00) que en 2014 se incluía na administración xeral de servizos sociais con moito mellor criterio, pola natureza do gasto. Que se pretende inflar agora a Acción Social, que en 2014 contou con 0€, para vender que se inviste en acción social con gastos que non son stritu senso acción social? Esta cuestión require máis detemento, aínda que polas horas quedará para outro día.
Non se comenta nada sobre este punto.
14.7.- O Plano xeral de ordenación do concello semella que é o conto de nunca acabar e vólvenos custar 11.187’34€, que é a parte que ten que asumir o concello (realmente o que pon a Xunta tamén o pagamos nós, os cidadáns, e ascende a 90%). Cando vai traducirse nalgo e en que estado se atopa? Rogamos se nos transmita a documentación correspondente para o seu estudo e coñecemento xa que intuimos que non se axusta en absoluto coa realidade socio-económica actual.
Varela contesta sobre o PXOM que en novembro contestoulle á Xunta cuns informes técnicos. O día 13 de xaneiro fixo dous meses e no que queda de mes debería contestar a Xunta e enviar para aprobación inicial.
14.8.- Cando vai estar en uso o novo centro de día? Xustificouse xa a subvención?
Varela afirma que se cobrou a subvención e que están á espera da autorización da Xunta.
14.9.- Figura a tristemente célebre factura de ICOS pola organización da poxa do gando en 2015, por valor de 12.500€. Segundo o Goberno ía ser o último pago ao tratarse dun “arranxo” coa cooperativa ao non poder satisfacer esta débeda mediante o pago a provedores. En 2016 contémplase algún outro pago a esta empresa desta ou doutra natureza?
Non se contempla.
14.10.- Figura en relación coas piscinas facturas de Proquideza S.L. co concepto “ACUADEX PISCINAS” por 396’20€ en xullo e 276’79€ en agosto. Pode aclarársenos de que se trata?
Castor di que se trata do cloro das piscinas exteriores.
14.11.- Tamén figuran varias facturas do Laboratorio Lema en relación coa análise das piscinas. En xullo, en data tan serodia ao noso xuízo como o día 31, aparece unha análise das piscinas exteriores e climatizadas. En agosto repítese só da climatizada. Porque? Igualmente, as piscinas aparecen como gasto na administración xeral de deporte e deberían estar en 342 Instalacións Deportivas, máxime ao seren agora novamente públicas e precisarse unha transparencia especial para o seu seguimento. De feito, debería facerse un informe anual de ingresos, gastos, usuarios, etc. como xa dixemos na comisión de facenda.
Castor di que a análise é mensual. Varela di que as piscinas agora deben andar polos 30.000€ de gasto que sae a cousa moito mellor que cando eran privadas.
B) Xunta de goberno 01/12/2015
14.12.- Que se explique ben o alcance e implicacións do Programa Xestiona (9.360€).
O señor Baños aclara que é algo demandado pola secretaría para adatarse á lei, cuxo obxectivo é eliminar o papel para 2017, aínda que veremos en que queda pois na xustiza non o conseguiron. Que se fixo mediante contrato menor.
14.13.- Que se explique a demanda por danos en inundacións na avenida de Monforte 117, en relación ás obras na rúa Bon Xesús executadas pola empresa Construciones Voces S.L.
14.14.- Sentenzas do social 192/2015, 208/2015 e 306/2015 que condenan ao concello de Chantada polo tratamento dada a varias empregadas relacionadas, polo que entendemos, coa axuda no fogar.
O secretario aclara que o asunto está xudicializado e no contencioso. Xa estaba cando ían entregar, con retraso, a resposta.
15.- Dación de conta do Plano de Disposición de Fondos da Tesouraría do Concello de Chantada
16.- Rogos e preguntas
PREGUNTAS DE POR CHANTADA-CUP PARA O PLENO ORDINARIO DE 9 DE NOVEMBRO
Primeiramente fixemos constar na acta que fican preguntas sen contestar doutros plenos e que queremos que se contesten.
I.- Economía política
1.1.- IBI e catastro
No pasado pleno instamos ao Goberno local a impulsar unha campaña de información e asesoramento para impulsar reclamacións no sentido de revisar o IBI do rural. O Plano de axuste e logo o catastrazo elevaron en demasía este imposto regresivo e cremos que se debe actuar. Vano facer? Cando e como?
Hai unha partida orzamentar para devolucións, contesta Varela.
Están chegando xa os primeiros recursos favorábeis para os veciños, o cal reforza a nosa hipótese de que o concello ten que actuar e pór todos os medios para revisar os abusos nas valoracións catastrais que nalgúns casos poden traer consigo mesmo a perda de bolsas de estudos. Moitas persoas non reclamaron por descoñecemento e pola escasa marxe temporal. É unha situación grave que entendemos demanda unha actuación enerxética e non aprazar as cousas sine die como xa é tristemente habitual. E cun 49% de gasto en persoal e un concelleiro cobrando 1.500€ por 4 horas de traballo cremos que xa non teñen escusa.
Varela di que van contratar unha empresa para facer revisións.
1.2.- Desratización sumidoiros
Porque se computa a desratización dos sumidoiros na administración xeral de educación? Lévase a termos todos os meses xa que aparecen varias facturas con este concepto?
Non se contesta.
1.5.- Praza de abastos
A praza de abastos foi noticia no pasado pleno pola perda dunha subvención. Lamentamos isto xa que se trata dun edificio importante, cuxa preservación e potenciación é importante tanto para a economía local canto como activo turístico.
Estase cobrando algunha taxa os postos actualmente?
Teñen en mente algunha medida, englobando este edificio, para darlle un pulo á agricultura de proximidade?
A obra de accesibilidade, dise desde INTA.
RESPOSTA: En Chantada existira un proxecto de reforma da praza de abastos que saíra a raíz de demandas de diversos colectivos e asociacións, cando saíra tamén a demanda do auditorio por certo, nunhas xuntanzas abertas que convocara por aquel entón un dos partidos no Goberno municipal, o BNG. O proxecto consistía nunha reforma que trouxera consigo tirar barreiras arquitectónicas para o que se faría unha rampa desde a rúa Xoán XXIII.
A reforma en cuestión custaba 500.000€ e incluía pór postos exteriores ao estilo dos mercados temáticos e inspirándose nos toldos da praza de abastos de Florencia. Xa que logo, un proxecto moderno, traballado e que non se desenvolveu porque nesta vila hai pánico a innovar cando non reparamos en que se non somos audaces remataremos por ser unha vila fantasma.
Concedendo que esta cantidade é inasumíbel apenas para o concello estaría ben rescatar aquel proxecto, actualizalo coa participación cidadá e procurar financiamento para acometer as reformas que precisa a praza de abastos, impulsando o mercado de proximidade e fomentando a agricultura ecolóxica e local. O mercado de produtos de proximidade –con carteira de consumidores máis ou menos fixas– ten sido impulsado con suceso noutros concellos en colaboración de sindicatos que defenden a soberanía alimentar, como o SLG. Nós temos unha proposta traballada ao respecto, o que nos falta saber é se lle interesa a este Goberno.
Varela di que non queda moito para que siga habendo produtos da terra en Chantada, por desgraza.
II.- Cultura
2.1.- Auditorio
Pasadas as eleccións estatais, cando se vai inaugurar o salón de actos da Casa da Música? Cando teñen previsto aprobar o regulamento para a cesión do auditorio? Xa lle fixemos chegar as nosas enmendas ao concelleiro de cultural, facéndolle saber que a súa proposta é restritiva e que requiriría unha ordenanza previa para a cesión do conxunto dos espazos públicos.
Inauguración non se contempla aínda.
2.2.- Rogo para o uso do galego
Recentemente foi noticia neste concello a sanción de 3.000 euros de Industria e a perda dunha axuda para crear unha praza de normalización lingüística. Rogamos que o concello aposte pola nosa lingua e a nosa cultura. Por exemplo, a convocatoria e as bases de 13 prazas de auxiliares de axuda no fogar están en castelán na súa integridade o que achamos non é de recibo e esperemos sexa subsanado empregando o galego para toda a documentación oficial deste concello por ser a lingua propia de Galiza.
Non se contesta.
III. Saúde pública
3.1.- Centro de día
3.1.1.- A segunda prórroga que recibiron para rematar o Centro de día remataba en novembro, expóndonos a perder a subvención do XDR por andar sempre no límite dos prazos. Cando se contempla inauguralo? A canto ascendeu o custo total e cúbreo todo o financiamento externo?
Cati di que cando dean permiso.
3.1.2.- Revisando o rexistro de entrada do concello de Chantada correspondente ao último trimestre de 2015 encontramos un escrito de Antonio Vázquez Vázquez en representación da empresa local Mobles Cabezas en relación co novo centro de día.
O caso que agora nos ocupa pode constituír mesmo un delito grave e tanto o titular da alcaldía como a titular da área correspondente deben dar explicacións claras e achegar toda a documentación pertinente.
No mentado escrito, dise que a empresa participou no concurso para o subministro de equipamento de decoración e mobiliario do centro de día de Chantada, achegando proxecto técnico con planos que se encargou a un técnico competente a cargo da empresa. Pois ben, o concello empregou ese proxecto copiándoo e, o que aínda é máis grave, pagou máis de 6.011’81€ polo mesmo, segunda consta na resolución de axuda emitida por AGADER o 13 de outubro de 2014, sendo o presunto plaxio o que se inclúe na memoria dispoñíbel na propia web do concello e coa sinatura do arquitecto municipal.
En resumo, a empresa reclama 1.815€, que é o que pagou no seu día por un proxecto que o concello se limitou a plaxiar e polo que voltou pagar máis de 6.000€. A espera de aclaracións preferimos non usar cualificativos,. E teñen que aclarar, cando menos as seguintes cuestións:
3.1.2.1.- Porque unha empresa local de mobles apresenta un proxecto, que logo se plaxia nun concurso público? Cal é a posición de Manuel Lorenzo Varela neste asunto?
3.1.2.2.- Do escrito infírese que se apresentou previamente ao concurso público, é isto certo?
3.1.2.3.- Existía algún acordo “amistoso” previo á concesión que, por algún motivo, se viu logo roto? Porque é especialmente sospeitoso tratándose dunah empresa local destinada a moblería e, xa que logo, potencial beneficiaria da concesión.
3.1.2.4.- Porque se plaxia un proxecto apresentado por unha empresa e se paga a un terceiro por un proxecto que, segundo o escrito apresentado no Concello, non está confeccionado por ese técnico senón por unha empresa coa que o Goberno INTA ten traballado en inúmeras ocasións, tamén no 2015?
3.1.2.5.- Porque non elabora ese proxecto o arquitecto municipal?
3.1.2.6.- Que arquitecto ou empresa percibiu eses 6.000€?
3.1.2.7.- Quen foi o aparellador e quen o arquitecto da obra? Pode facilitársenos o desglose da subvención?
3.1.2.8.- Teñen algunha relación con algún membro do grupo de Goberno ou con algún funcionario municipal?
Despois de varios meses inquirindo pola mesma cuestión esperamos que podan dicirnos xa a cantidade recada por Augas de Galicia desde 2012, así como o contemplan executar cos mesmos. Rogamos tamén en que neste 2016 se reclame a depuradora e se estuden medidas para reverter a degradación do leito fluvial do río Asma na Alameda que só causa problemas.
Igualmente as enchentes dos pasados días poñen nun primeiro plano a cuestión de que o concello ten agora responsabilidades sobre os edificios en estado ruinoso do rural. No entanto, como de costume, este Goberno non ten ningún plano de actuación específico e fía todo á improvisación. Rogamos que se poñan a traballar no asunto, aínda que só sexan 4 horas ao día.
Varela di que o técnico municipal fixo o proxecto e que os 6.000€ inclúe todo non só o mobiliario. Que o escrito non é certo. Desde a CUP dise que espérase que non sexa certo porque sería moi grave e mesmo deixaría entrever un acordo previo á concesión. Varela di que teñan coidado os que formulan esas acusacións no escrito, pois poden revolverse os paxaros ás escopetas. O secretario engade que hai que velo con calma, se ten razón a empresa ou non. O que presentaron no concello (por fóra el non sabe o que pasou) non era un proxecto senón fotos de mobles.
3.2.- Bases alimentos
Iamos preguntar sobre isto, mais xa se nos entregou a proposta de INTA, revisaremola anunciando xa que desexamos se inclúan máis cousas que alimentos.
Cati asente sobre a vontade de diálogo sobre esta cuestión.
3.3.- Piscinas
3.5.1.- Algúns usuarios lembráronnos o baleirado da piscina, faise? Castor di que xa non se fai na piscina interior.
3.5.2.- Por outra banda, tamén se nos comentou que o estado do ximnasio das piscinas é lamentábel. Hai moi pouco material e está todo roto. Contémplase adoptar algunha medida ao respecto? Castor di que está ben, que o podemos ir ver un día, mais que en principio está ben.
3.5.3.- Xa para rematar co asunto das piscinas, figura un custe en electricidade aproximado de 2.000€ en xuño e a maiores o gasto en gasoil (630€ en setembro) e pellets (3.000€ en agosto). A isto hai que engadir o custe mensual do persoal. Gostaríamos de coñecer o que se gasta exactamente nas piscinas cada mes e o que se recauda xa que se trata dunha sorte de empresa pública, mais sen que a súa contabilidade real pase polo pleno. Agradeceríase un informe dos técnicos do concello ao respecto.
3.4.- Lixo no rural
Non hai pleno no que non se nos faga chegar o descontento coa recollida de lixo no rural. Se noutras veces nos falaban de faltar de contenedores, desta volta veciños da Carballeira manifestaron que os contenedores nunca se lavan e que só se recolle unha vez á semana sen día fixo cando desde a empresa se cobra por recoller dous días á semana. Tendo en conta que ASCAN cobra 26.690’07€ ao mes (320.280’84€ ao ano) creo que debemos exixir que, cando menos, se cumpra co estipulado no contrato. Tamén se debería estudar mellorar a limpeza do mercado gandeiro.
Neste momento o secretario lembra que a sesión debe rematar antes das 00:00 horas segundo o ROF. O concelleiro da CUP tamén ten compromiso persoal. Para deixar tempo aos restantes grupos abrevia as preguntas expondo só dúas máis, as que consideramos máis importantes ficando moitas outras no tinteiro:
3.5.- Zonas de solta de cans e animais abandonados
No paseo puxeron zona de solta de cans e zonas prohibidas para cánidos, do que xa falamos no pasado pleno advertíndolle sobre a lexislación vixente. Tomaron algunha medida ao respecto? Están xa os cancís operativos ou cando se contempla que estean toda vez que faltaban dúas pequenas obras?
Tamén recibimos fotos de varias zonas de Chantada con pó de xofre. Hai meses preguntámoslle sobre esta cuestión e mesmo expuxemos a lexislación vixente ao respecto, así como a ausencia de evidencias científicas. Pedímoslle que fixeran un bando e que actuase a policía local e seguimos nas mesmas polo que están expoñendo a saúde público a un risco innecesario e as arcas municipais a procesos de indemnización por responsabilidade civil subsidiaria.
Aparece tamén no rexistro (05/01/2015) unha resolución da Consellaría de Medio Ambiente e ordenación do territorio sobre o procedemento sancionador en materia de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade. Do escrito inférese o <<incumprimento das súas obrigas na lexislación de protección animal ao autorizar o uso de instalacións inadecuadas e sen os permisos legalmente estabelecidos como centro de recollida de anumais abandonados>>. Segundo o secretario (no rexistro só pudemos ver a folla 1/9) o concello foi multando con máis de 500€.
Varela di que era mellor non ter nada, que outros concellos que non teñen ningún sitio para os animais non son sancionados e que actuaron con boa vontade. Castor aclara que se debe a unha denuncia dunha veciña. Desde a CUP dise que en todo caso a resolución deixa claro que a denunciante tiña razón.
3.6.- Entrou un escrito por rexistro pedindo o Consello Escolar Municipal, o 11 de xaneiro de 2016, da AMPA do Xoán de Requeixo. No mesmo trasladan peticións varias a maiores. Vanse facer estas? Que nos poden dicir ao respecto? Incidiron moito tamén na limpeza axeitada dos baños por parte da nova concesionaria.
Diego Otero contesta que farán as que podan, que xa falou coa AMPA e que xa se levaron a cabo as máis urxentes estando pendentes da Consellaría. No da limpeza di que non están os baños tan mal e que, de feito, o centro non comparte as queixas da AMPA. Amais, a AMPA ten que transmitir esas cousas no Consello Escolar e logo a Dirección á súa concellaría.
AQUÍ FINALIZAN AS PREGUNTAS FORMULADAS POLA CUP.
Fe de erros:
Actualizamos o resumo para incluír unha cuestión que formulamos e non incluímos no resumo. En concreto, preguntamos pola alegación colectiva ao expediente de desafectación de dominio público para mudar o trazado do camiño público que discorre a través da finca coñecida como Os Cipreseses na parroquia de San Fiz de Asma, incoado baixo o número 2.3.7/001/2007 e publicado no BOP o 3 de outubro de 2015 após acordo plenario en que Por Chantada-CUP emitiu un voto negativo a esa desafectación precisamente por sermos coñecedores que suscitaba oposición veciñal. Esta cuestión virá ao pleno de marzo.
[…] resumo do pleno ordinario de xaneiro demos conta, nos puntos 5 e 6, do Expediente de modificacion de crétidos: suplemento de crédito […]
GústameGústame
[…] ao Orzamento de 2016, contra o que apresentamos alegacións após votar negativamente no pleno (ver resumo do pleno aquí). Esta nova entrega céntrase no gasto telefónico do concello de […]
GústameGústame