Os recortes matan

Por Chantada-CUP
  Por Chantada-CUP

 

Desde a canditatura de unidade popular reiteramos a nosa denuncia de que os recortes matan e xeran exclusión social. É un feito cada vez máis  constatábel  que a  economía política ultraliberal fai pagar aos que menos teñen a especulación e os abusos da oligarquía, coa colaboración servil das vellas elites políticas desde a Comisión Europea até os concellos do deprimido sur lucense. 

No caso de Chantada elevamos mocións para defender tanto o hospital comarcal como o centro de saúde da vila do Asma. Em ambos casos foron aprobadas por unanimidade, aínda que con enmendas no caso da segunda ao non comprometerse desde INTA a estabelecer unha partida orzamentar para un servizo supletorio de ambulancias no caso da Xunta de Núñez Feijoo persistir en degradar o servizo de emerxencias coa nova concesión á macroempresa Salutrans. A maiores, sobre a nova concesión das ambulancias que deixa a Chantada cunha única ambulancia para emerxencias cando o radio de acción chega aos Peares, elevamos a cuestión ao parlamento de Galiza, a través da deputada Consuelo Martínez (Ambulancias Chantada).

Entón, como partido na oposición, consideramos que fixemos os nosos deberes e exiximos que quen goberna en Chantada e na Xunta de Galiza faga o propio. De feito, o último aviso foi especialmente notorio ao producirse no campo de fútbol do Sangoñedo, encóntrandose a ambulancia do 061 prestando un servizo e avariándose o helicópero, tal e como recolle a imprensa. Aos recortes da Xunta na sanidade únense os recortes feitos desde o concello de Chantada.

Desde Por Chantada-CUP demandamos que o concello de Chantada asine un convenio coa Cruz Vermella para recuperar o servizo que esta prestaba nos eventos deportivos e que tamén incluía o reparto de alimentos da UE ou o voluntariado para outras accións como a cabalgata dos Reis Magos. Ditos servizos foron suprimidos unilateralemente polo goberno de Manuel Varela na pasada lexislatura.

É inexplicábel que un servizo que pode salvar vidas e andaba sobre  3.000€ ao ano fora unha das primeiras vítimas do plano de axuste,  que se cebou na creación de taxas e impostos e foi profundamente antisocial para pagar as débedas das políticas de cemento e farolas da etapa de Manuel Varela como alcalde do PP. Na actualdiade, a Cruz Vermella só recibe 500€ mediante subvención nominativa. Lembramos que no Orzamento de 2016, que ascende a máis de 5 millóns de euros, INTA aprobou unha nova dedicación parcial, onde por 4 horas se remunerará a un dos seus membros con 2.500€ ao mes (máis de 24.000€ ao ano), ou sexa, case o mesmo do que Cruz Vermella cobraba polo servizo de ambulancia medicalizada durante todo un ano!

Xa que logo, este é un exemplo máis do carácter antisocial destes orzamentos contra os que apresentamos alegacións onte mesmo, alén de alegar tamén contra os máis de 600.000€ que se gastaron en obras e que dos que apenas había 120.000€ consigandos no orzamento de 2015, prórroga de 2014, polo que se operou un recoñecemento extraxudicial de crédito que en palabras da propia intervención do concello de Chantada é <<convalidar un acto irregular>> e sobre o cal, toda a oposición de Chantada, demandamos un informe complementar da secretaría.

Se o desexares podes consultar aquí as alegacións:

Alegación Orzamento 2016

Alegación suplemento de crédito 01_2016

Por último, reiterar que desde a candidatura de unidade popular estamos abertos ás suxestións, participación e achegas da veciñanza porque cremos que a autoorganización desde abaixo é necesaria e imprescindíbel para desenvolver outra política ao servizo da maioría social.

Podes contactarnos ora mediante o noso espazo web (https://porchantada.wordpress.com/sobre/), ora mediante mensaxe a través das redes sociais Facebook (https://www.facebook.com/PorChantada/?fref=ts) ou Twitter (https://twitter.com/CUPChantada).

Saúde e unidade popular!

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s