Por Chantada-CUP ten falado en reiteradas ocasións do país do Faro e mesmo solicitado ao Goberno de Inta en sesión plenaria que se informase sobre os beneficios da mancomunidade e das fusións. Medio ano máis tarde non se fixo nada a este respecto, até informarse sobre algo que pode redundar no beneficio das veciñas e dos veciños lles dá nugalla.
Aínda sabedores de que o impulso das fusións se fai baixo a héxira ultraliberal do adelgazamento das administracións públicas e non para redundar en servizo dos cidadáns, o certo é que non se pode desbotar que se rematen por impor desde arriba nun lapso non demasiado grande de tempo tal e como aconteceu en Grecia. Así pois, a Lei de racionalización e sostibilidade da administración local, que consagra ante todo o principio ultraliberal da “estabilidade orzamentar”, reforma o artigo 13 da Lei de Bases do réxime local para incorporar medidas tendentes á fusión de concellos.
De feito, a grande novidade da Lei 27/2013, de racionalización e sostibilidade da administración son precisamente os convenios de fusión entre concellos, aspecto que demandamos que se estude para aplicar aos concellos de Chantada, Carballedo e Taboada mediante referendum, tal e como se recolle no artigo 5º da Carta europea da autonomía local e de acordo co espírito do artigo 11 da Lei 7/1985 que esixe, como non podía ser doutro xeito, unha ligazón estreita entre o autogoberno democrático municipal e a colectividade que serve de sustento do concello.
Requisitos
A Lei 27/2013 engade unha epígrafe IV ao artigo 13 da Lei de Bases do réxime local conforme ao cal os concellos, con independencia da súa poboación e sempre que sexan colindantes dentro da mesma provincia, poderán acordar a súa fusión mediante un convenio a tal efecto. Nada impide entón que os concellos de Taboada, Chantada e Carballedo converxan nunha nova entidade municipal.
Beneficios
Para favorecer as fusións, na opinión da CUP antes de impolas desde Bruxelas e Madrid, a Lei 27/2013 recolle medidas de fomento no seu artigo 13.4, esencialmente de mellora de financiamento. Alén disto, de ter un goberno con capacidade de xestión axeitada, gañaríase en eficiencia e prestación de servizos e en aforro de gasto público podendo dedicar máis recursos ao combate da exclusión social, á dinamización económica do tecido produtivo e ao fomento do emprego de calidade, tamén desde empresas de titularidade municipal.
O artigo citado permite, a diferenza da crenza común, que se fusionen a un tempo máis de 2 concellos, neste caso a nosa proposta englobaría os 3 concellos da comarca de Chantada para crear unha nova entidade municipal que contaría cun orzamento superior aos 10 millóns de euros, ao aumentaren as transferencias do Estado e a prioridade na recepción de investimentos, axudas e subvencións. O novo concello, tería xa de por si unhas transferencias maiores ao contar con máis de 14.000 habitantes.
Quen gaña e quen perde?
Gañan os 14.000 habitantes da comarca. A nova entidade evitaría duplicidades ineficientes. Melloraría o orzamento dispoñíbel, así como a prioridade do novo ente na recepción de axudas e subvencións doutras administracións públicas. Amais, se a cidadanía referenda as propostas da CUP podería ser protagonista e reforzar a súa participación alén das eleccións e desde as parroquias e os barrios.
Perden as vellas redes clientelares da dereita caciquil e os seus beneficiarios, que torpedearán o proceso porque esixirialles recompor as súas estruturas de clientes e enfrontarías entre si polo control do novo ente e que, de imporllo desde arriba, aproveitarano para seguir despilfarrando ineficientemente os recursos públicos e perpetuar o clientelismo como fórmula de (con)xestión patrimonialista do público.
Desde a CUP estamos convencidos que unicamente as candidaturas de unidade popular podemos impulsar e xestionar en beneficio da maioría social este proceso, para o que facemos un chamamento a veciñas e veciños de Taboada e Carballedo para que se unan á nosa proposta levando no programa 6 puntos comúns nas vindeiras eleccións municipais e comezando desde agora a demanda dun novo ente participativo, plural e transparente:
Os 6 puntos da CUP para apoiar a fusión
1) Fusión dos concellos da comarca mediante referendum nunha única entidade que teña servizos descentralizados, de modo que non supoña unha rutura traumática para as vilas dos concellos de menor entidade, e conte con máis de dez millóns de euros de orzamento para unha poboación superior aos 14.000 habitantes.
2) Creación do Consello das parroquias onde os veciños e veciñas escollan un representante que teña comunicación directa co concello, reforzando o papel da parroquia ao ser a que realmente ten unha personalidade histórico-xurídica na Galiza descentralizando e tornando transparente e participativa a nova institución.
3) Como primeiras medidas do novo ente, impulso dun Regulamento de Participación Veciñal, aberto a todas as persoas que desexen participar no seu proceso de creación; dun Orzamento Participativo para cada anualidade onde as asociacións e as parroquias teñan voz; e dun Plano de choque social dotado con máis 2 millóns de euros por ano.
4) Centrar a mellora da eficiencia e contía dos recursos na atención correcta da dispersión, a creación de emprego, a dinamización económica e turística, a defensa do tecido produtivo e combate de toda caste de exclusión social.
5) Impulsar a mancomunidade cos concellos da Ribeira Sacra, solicitando a liquidación das Deputacións e o reforzo da autonomía e o financiamento local.
6) Solicitar á Xunta e ao Estado español un plano de inversións especial para facer fronte á crise demográfica e económica na nosa zona, así como triplicar a extensión dos beneficios da fusión ao tratarse dun caso exemplar de fusión comarcal de tres concellos.