Resumo do pleno ordinario do 7 de marzo de 2016

 

Por Chantada-CUP

 

O.- Orde do día

Para veres o resumo preme en ler máis.

ORDE DO DÍA

1.- Acta anterior, correspondente á sesión do 18 de xaneiro de 2016

PDF: ACTA PLENO 18_01_2016 completa (53 páxinas).

Cándida Carnero de Inta fai unha apreciación sobre a acta. Tamén os portavoces dos grupos da oposición indican algún aspecto que é preciso correxir.

2.- Carácter ordinario da sesión

Iamos votar en contra porque seguen incumpríndose acordos plenarios, como se pode adiantar unha sesión cando non se cumpriu nin co prazo nin co informe do arquitecto que aprobamos por unanimidade no relativo á moción sobre a casa da música?

Desde o grupo de goberno xustificouse o adianto novamente pola feira do viño e o atraso e incumprimento do acordado sobre a Casa da Música por requerimentos de Agader desde a Xunta que absorveron o tempo do arquitecto municipal.

PARTE RESOLUTIVA

3.- Resolución de reclamación e aprobación definitiva do orzamento 2016

Documentación de referencia: INFORME SOBRE ALEGACIONES AL PRESUPUESTO e RESOLUCIÓN RECLAMACIÓN ORZAMENTO

O ditame da comisión, cos votos de INTA, é manter a aprovación do orzamento aceptando apenas unha cuestión concreta da alegación da CUP. A votación para ratificar definitivamente o Orzamento 2016 fica da seguinte maneira:

A FAVOR: 7 (INTA)  EN CONTRA: 4 (Por Chantada-CUP e PSOE) ABSTENCIÓN: 2 (PP)

Apresentamos unha reclamación porque votamos en contra dun Orzamento que é antisocial e bastante improvisado sen proxectos de futuro e que non ofrece nada novo alén das políticas que nos levaron até onde estamos, sen ningún proxecto nin a audacia precisa para contribuír a paliar a depresión económica en que se encontra o concello.

Logo había cousas que do punto de vista técnico era mellorábeis e até un erro evidente que foi a parte que, como era esperábel, se aceptou da nosa reclamación (puntos 3º e 4º da mesma). Loxicamente, o informe da intervención limítase a valorar o que aos servizos económicos lle atinxe. Valoro positivamente do informe o seguinte:

Las observaciones relativas a una diferente imputación presupuestaria, para un mejor seguimiento, trataremos de atenderlas, mejorando la información y el detalle en la contabilización.

Aínda que non facer ningunha modificación ao respecto vai supor seguir coa inercia actual e probabelmente no próximo orzamento esteamos na mesma situación. En todo caso, chegado o momento volveremos sobre isto.

[O interventor di que non entende isto e acláraselle que nos referimos a clarificar certos conceptos en partidas que non se desenvolven o suficiente ou se subsumen noutras, por exemplo no caso das piscinas – explicamolo na alegación-]

Logo hai outras cuestións que xa non podemos valorar positivamente. Non podemos «sentirnos satisfechos» da continuidade das políticas do orzamento de 2015, nin sequera do propio orzamento globalmente considerado en canto presenta certos problemas e extremos que nin partillamos nin moito menos nos parece que podan servir para mostar ningún tipo de euforia. De por parte, se de custe de oportunidade se trata, dificilmente se pode facer un uso máis superfluo ou até torticeiro dos recursos dos que dispón esta institución. Claro que iso non é por mor dos servizos económicos, senón pola orientación da economía política do Goberno, se é que o Goberno segue algunha economía política alén da improvisación ou da destrución creativa da que falaba Shumpeter en Capitalismo, socialismo e democracia (1942), iso si dándolle a volta porque dilapan os recursos en canto asisten impávidos ao esmorecer dos sectores produtivos. 

Por último, remarcar que o informe do interventor entra dentro totalmente do agardado, valorando algunha cuestión puntual en positivo, aínda que fica pendente de traducirse nalgo real e tanxíbel, e mostrando desacordos noutros puntos. Especialmente discrepo en que un informe económico deba fundamentarse na fe e non na razón e nos datos. Así pois, non podo partillar que «la creencia de una pequeña recuperación económica».

O que pode haber no rondó ibérico é un espellismo semellante aos reflexos da rúa dos Gatos de Valle-Inclán. Unha grotesca deformación propia das análogas políticas económicas de Rajoy cun orzamento que en Bruxelas provocou mofa e indignación. O 2016 daranos un respiro en tanto en canto non teñamos Goberno e dous ciclos electorais á vista que, por paradoxal que poda semellarnos, cando temos un BCE na man de zombies económicos e rendistas e elites políticas convertidas en mamporreiros do IBEX-35 é o mellor que nos pode pasar: repertir eleccións e, polo menos, prolongar a agonía. A concentración da riqueza a niveis inauditos, o crecemento expoñencial das desigualdades, o estancamento dos mercados mundiais, o fin das borbullas inmobiliarias nos estados emerxentes, a economía norteamericana ao bordo da queda, a flexibilización cuantitativa do Reich apagando o lume con gasóleo e, por se fora pouco o brexit no ar (Holanda semella que pode tamén elaborar un referendum, tomando a bandeira da participación popular a extrema direita). Neste escenario non é cuestión de fe, senón de humanismo e racionalismo, cualidades que lle faltan por partes iguais á economía política do Vello continente, imbuída da fe máis decrépita e decadente de ultraliberalismo.

Mantemos o noso voto negativo, por seren uns orzamentos antisociais, sen audacia e disparando o gasto en persoal e dos órganos de Goberno.

O interventor di que agradece o esforzo da CUP e que tentou contestar a todo sen excederse do plano técnico, aínda que ao mellor non o conseguiu. Nun concello como Chantada as alegacións deste tipo adoita contestalas a intervención, seguindo o modelo dos entes municipais de menos de 20.000 habitantes. Tentará aclarar máis as partidas contando coas nosas apreciacións.

4.- Resolucion de reclamacións e aprobación definitiva do expediente de modificación de créditos suplemento de crédito 1/2016

Doc.: INFORME SOBRE ALEGACIONES AL SC -ok 26 feb viernes e RESOLUCIÓN RECLAMACIÓN SUPLMENTO DE CREDITOS 12016

5.- Resolución de recurso de reposición contra o recoñecemento extraxudicial de créditos 1/2016

Doc.: RECURSO DE REPOSICIÓN RECOÑECEMENTO EXTRADUDICIAL 12016 INFORME RECURSO RECOÑECEMENTO 01-2016

Os puntos 4º e 5º debátense en conxunto. Comezamos preguntando polo motivo polo que na comisión se mudou de parecer despois de enviarnos 100 páxinas en dous informes sobre esta cuestión na que se cismaba en manter o apoio a un procedemento de dubidosa legalidade e, en todo caso, infinitamente mellorábel.

O interventor acóllese a que, segundo el, existen dúas doutrinas diferentes que explica nos informes. Crína a importancia das obras e a tradición do concello de Chantada. Á vista do debate que se produciu pensouno mellor e aposta pola outra doutrina.

Manuel Varela tentou xustificar a actuación polo estado das estradas e recoñece que o proceso non foi o máis axeitado.

O interventor di que o expediente alternativo que agora comeza ao anularse o actual se remite ao consello de contas e que tardan 3 meses. Criticamos con dureza a actuación neste proceso e pedimos que se remita tamén ao consello de contas. Dísenos que non vai ao de contas, porque o acto non tivo lugar, que se podería enviar a posterioriContestamos que iso sería perder máis tempo e que o ideal sería mandalo agora, que demostran unha e outra vez que non están pola transparencia e sempre na corda frouxa da ilegalidade. Advertimos que por mor deste procedemento unha consecuencia vai ser que a empresa que facturou en xuño pida xa xuros de demora, xa que a normativa europea é moi clara: toda vez que se emite unha factura hai un requerimento de pago.

Para unha análise completa dos informes da intervención preme aquí: Sobre os informes da intervención onde entre outras cousas demostramos como a tentativa de imputar ao Goberno PSOE-BNG un procedemento semellante non se sostén e o único que demostra é que estas prácticas eran algo habitual xa na etapa de Manuel Varela á fronte do PP tal e como se recolle nos seguintes documentos, que demostran como deixou centos de milleiros de euros en facturas gardadas en caixóns e sen recoñecemento nos correspondentes exercicios orzamentares: Acta Pleno extraord 21-07-09 e PlanoAxuste2009. Intervención.

Desde o PSOE valoraron positivamente que se aceptaran as reclamacións e as alegacións. Manuel Varela recoñece que non foi o mellor xeito de actuar. A voceira socialista súmase á petición de que se envíe tamén ao consello de contas. O interventor di que desde que o consello consultivo diga o que hai que facer e como pagar que se pode enviar ao consello de contas. Volve tentar xustificar o seu proceder polo “contexto” e a súa “doutrina”. Con aterioridade o secretario aclarou que de enviarse ao Consello de contas serían dous expedientes diferentes. Ao Consello de contas de Galiza iría o expediente sen perdir a nulidade que é sobre os contratos menores e volveu falar das dúas irregularidades que xa sinalou no seu informe. O PSOE valora que o alcalde recoñeza que o procedemento non foi o mellor. O secretario aclara que se inicia o expediente de revisión de oficio, competencia da alcaldía, e que no pleno só se acorda anular o expediente. Finalmente, o pleno decide anular o acordo de xaneiro e engadir que se proceda a impulsar o expediente de revisión de oficio.

Deíxase sen aprobar o suplemento e anúlase o recoñecemento extraxudicial por 12 votos a favor no punto 4º e no punto 5º (Inta, PSOE e PP) e cadansúa abstención de Por Chantada-CUP.

6.- Plano económico-financeiro

Doc.: PEF DEFINITIVO

O interventor defendeu que o PEF, que pasará agora a estar 15 días en exposición pública, se debe a que o Estado español superou o teito de gasto e o concello pasouse dese tope do 1’3%. Pide evitar a elevación do nivel de gasto e que non hai maior poblema ao haber superávit polo que é insostíbel que se penalice unha situación así. Por iso o Estado agora permite facer un PEF que se reduza a facer o novo orzamento cumprindo cos principios da estabilidade orzamentar. Nomea incluso a concellos da esquerda que se rebelaron contra este abuso.

O alcalde (Inta) engade que este teito de gasto era para corrixir “desmadres” globais e que foi un dos problemas que tiveron para remunicipalizar as piscinas. O PSOE sinala que os 600.000€ do Suplemento e do Recoñecemento 1/2016 están detrás deste desfase.

Por parte da CUP, sinalamos que volvemos a con novos corsés baleiros de contido e para saír do paso da falta total de previsión económica. O plano de axuste incumpriuse precisamente naquelas pontos que exixían, ora un aforro no gasto do propio concello, ora unha maior transparencia e rigor na contratación. A maiores, resulta que foi reformado en solitario no pleno de xaneiro por Inta cando tanto o Goberno como os servizos económicos eran coñecedores de que se incumpriu a regra do gasto. [O interventor nega que coñeceran este dato cando trouxeron o Recoñecemento extraxudicial ao pleno!!!] E por se este ensarillado da trapallada fose insuficiente engadímoslle o do Recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2016 que agora deixa no ar toda a enxeñaría financeira da improvisación.

Isto non é plano e moito menos un plano económico-financeiro que, cando menos, debería estruturarse non só para que fose capaz de xerar a información requerida pola nova normativa, senón tamén para xerar aqueles ratios e información que permitan a análise en profundidade da situación financeira futura da Corporación e que permita a toma de decisións axeitadas de planificación económica. En definitiva, Chantada non ten Goberno. Vai sen rumbo, co vento da improvisación e da incompetencia nas velas. Non nos merecemos este Goberno, nin este Orzamento antisocial.

A favor: 7 (Inta) En contra: 6 (PSOE, PP e Por Chantada-CUP)

7.- Convenio de colaboración entre a Deputación provincial de Lugo e o concello de Chantada para a adhesión ao portal de transparencia

DOC.: CONVENIO TRANSPARENCIA

A favor: 9 (Inta e PP) En contra: 0 Abstencións: 4 (PSOE e Por Chantada-CUP)

A voceira do PSOE di que nos aderimos a portais e logo dan problemas. De acordo coa transparencia, mais só se funciona e se lle dá uso.

Desde a CUP opinamos que este convenio trae a #marcaInta: chega tarde e mal, sen ter as elementares tarefas feitas aínda cando hai máis de medio ano ficamos sós nesta cámara na defensa dun Regulamento de Participación Veciñal e na adopción de medidas para o fomento da transparencia e de códigos éticos. Aínda que tamén temos dúbidas de que, de aprobarse a moción, tivese conducido a algo. Inta vaciou esta cámara e manifesta a súa hipocrisía: u-la comisión do sector lácteo aprobada por unanimidade? U-lo proxecto e explicacións sobre a Casa da música que tiñan que vir a este pleno ordinario conforme ao aprobado no pasado pleno, remitíndosenos a documentación con 5 días de antelación? U-lo pronunciamento sobre o TTIP? Que se fixo no tema das ambulancias? E así cun longo, etc. Dálles todo igual, excepto seguir empregando o concello desde unha óptica patrimonialista que só empeora a situación crítica de Chantada.

Agora chegan cun convenio sobre transparencia porque llo marca a lexislación actual, para cumprir o mínimo e vender que fan algo neste sentido. Unha operación de mercadotecnia financiada pola UE e o Estado español que lle vén moi ben a un marco xurídico-político onde a corrupción é sistémica e está no seu ADN, con mecanismos como o contrato menor tristemente célebre no concello de Chantada nos últimos tempos. Outros concellos galegos xa cumpren con isto desde hai meses e nós sempre no último segundo da última hora do último día.

U-la ordenanza sobre transparencia e bo goberno da que se fala no convenio? [O secretario descoñece se é necesaria e di que se é así cómpre facela. O Goberno recoñece que non mirou nada desta cuestión].

 Non imos aprobar un convenio que se subscribe sen ter feito traballo algún ao respecto desde o concello e despois de ter demostrado que nin cren na transparencia, nin na participación cidadán nin sequera na democracia e nesta cámara ao incumprir sistematicamente os acordos aquí adotados que non lle conveñen. Agradeceríase igualmente que estivese en galego ou polo menos editado en galego e castelán.

8.- Aprobación definitiva de desafectación do camiño da finca “Os Cipreses”, en expediente de permuta

A favor: 7 (Inta) En contra: 4 (Por Chantada-CUP e PSOE) Abstención: 2 PP

Varela falou de que hai unha euforia dos camiños e que eles teñen que facer fronte ás peticións de desafectación, ao que desde a CUP se lle retruca que poderían votar en contra no pleno se tivesen vontades, mais que hai outros intereses en xogo. Desde a CUP dise que por principio non se debería apoiar ningunha desafectación senón hai acordo veciñal, até reunir esa unanimidade por escrito. O PSOE súmase tamén a este parecer e solicita adxuntar a conformidade veciñal, que neste caso vista a alegación é evidente que non existe.

Xa dixemos no outro pleno en que se debateu esta cuestión que non entendemos como se dá amparo a estas actuacións cando non hai acordo unánime entre veciños, que sempre foi unha regra viva no noso rural e básica para a convivencia, o mútuo acordo na xestión do espazo público. Desde logo, se a unidade popular participase do Goberno local non faría unha desafectación nunca sen o mútuo acordo dos colindantes.

Tampouco podo entender como este Goberno se posiciona así tan claramente a prol dun coñecido empresario co que mantén numerosos contratos menores, é complicarse a vida sen necesidade. Sabe canto leva facturado desde a XGL do 1 de decembro de 2015 a empresa Rabelas S.L. con este concello? 8.687’81€.

E por certo, o señor arquitecto – que falta unha vez para a primeira que veña explicar os seus informes ao pleno– debería explicarnos onde queda a parroquia de San Pedro de Asma, porque a única parroquia con San Pedro é a de San Pedro de Viana que fica a máis de 10 quilómetros da finca dos Cipreses ou a de San Pedro de Líncora, desde logo con este rigor na elaboración dos informes (xa se equivocou na parroquia nos informes remitidos en xaneiro e solicitámoslle que o correxira) non convida precisamente a fiarse.

9.- Aprobación definitiva de desafectación de camiño en Zaquín, expediente de permuta

A favor: 7 (Inta) Abstención: 2 (PP) En contra: 3 (Por Chantada-CUP e PSOE. Deste grupo non vota Héctor por encontrarse nun caso de abstención forzosa por parentesco).

Desde a CUP pregúntase polo inventario de camiños que a lei obriga a ter aos concellos e do que carece Chantada. Varela di que se integrará no novo PXOM. Desde Por Chantada solicitamos por enésima que se nos remita a documentación relativa ao novo plano de ordenación urbana en tempo e forma, máxime cando desde Inta se amaga con traer este tema de forma inminente. Campelo (PP) pregunta se non correspondía un informe da secretaría, ao que o titular da mesma contesta que fixo un setembro e que vén xa de atrás o informe conxunto.

Reiteramos o xa exposto con anterioridade, non se pode apoiar unha desafectación sen o mútuo acordo dos veciños que mesmo se debería tentar recoller por escrito e anexarse ao expediente pois é a principal razón e motivo para aceptala por riba de calquera outra consideración técnica.

Amais o propio informe do arquitecto vén a recoñecer que, aínda agora, se verificou que o termo desafectado fose propiedade do cedente, o cal é unha chapuza (#marcaInta), polo que se vén a outorgar toda a razón de ser á alegación cando di: 

no entiendo como el Excmo. Ayuntamiento de Chantada, aprueba en sesión plenaria la desafectación de un camino público y una posible permuta del mismo, sin antes asegurarse de que el cedente de la permuta es el propietario del terreno que va a ceder, por no hablar de si ostenta la propiedad del resto de parcelas que quiere cerrar.

Amais, a alegación de Zaquín está moi ben fundamentada e clara como para despachala como se fai desde este concello cunha suposta nova medición e co requerimento de documentos que verifiquen a propiedade aínda agora. Xa que logo votamos en contra.

Varela (Inta) di que o concello non ten porque realizar eses pasos e defende a súa actuación nestes casos.

10.- Aprobación definitiva de desafectación de camiño en Centulle, en expediente de permuta

Neste caso non se apresentaron alegacións veciñais e segundo o alcalde hai unanimidade dos veciños. Desde o PSOE dise que non sobraba a relación de consentimento. Varela retruca que non lle corresponde ao Goberno facer ese labor.

A favor: 9 (Inta e PP) Abstención: 4 (Por Chantada-CUP e PSOE)

11.- Resolución de recurso de reposición en expediente de investigación dun camiño sito no lugar de Mundín, parroquia de Vilauxe

A favor: 7 (Inta) Abstención: 6 (Por Chantada-CUP, PSOE e PP).

Comeza intervindo Xosé María Baños, secretario do concello, indicando que non se cumpriu o acordo plenario do 9 de decembro de 2013 o cal deu pé a un contencioso. Polo que a el respecta, non foi consciente do acordo do ano 2013 que impulsaba acordos e trámites que non se tiveron en conta. O avogado dos servizos xurídicos da Deputación de Lugo que defende ao Concello recomendou volver traer este asunto ao pleno co acordo de aceptar o recurso do interesado e retrotraer.

Varela di que este contratempo produciuse por unha mudanza de secretario [como se o titular do Goberno municipal non tivese que estar ao tanto dos acordos plenarios].

Desde a candidatura de unidade popular pedimos que  se nos explique ben todo o proceso, xa que non estabamos na Corporación cando se iniciou e desenvolveu este expediente.

Danse unha serie de explicacións vagas.

Desde o noso grupo dicimos que a #marcaInta é tamén a de nunca ser quen de asumir responsabilidades. O camiño abriuse hai moitísimos anos para deixar pasar á veciñanza e impedir que esta tivese que dar un rodeo para ir até a fonte, mais a titularidade do carreiro era por iso mesmo privada, o cal acreditou documentalmente o denunciante e propietario (tal e como se nos fixo saber).

Aproximadamente hai 16 anos e sendo alcalde Manuel Varela arranxouse a fonte e o comendo excedente botouse no camiño sen consentimento do propietario (mora en Vigo) e aínda deixando restos de refugallos da obra que nunca se recolleron nas inmediacións. A empresa e traballadores da mesma foron requeridos como testemuños.

Aínda que a xurisprudencia beneficia a titularidade pública ao producírense actuacións de institucións, que se pode partillar desde a lóxica de favorecer o Imperium da Administración Pública, isto é perigoso e deixaría a porta de entrada aberta a reclamarmos como públicas todas as airas que se cimentaron con fondos públicos, que non foron poucas. E en moitos casos están as farolas de testemuño.

Dito doutra maneira, e no marco dunha reflexión que talvez supere o caso concreto que nos ocupa, constan numerosas instalacións no mundo rural de alumeado público e cementación que se instalan en terreos de titularidade privada. No seu momento, desde unha concepción caciquil das institucións, concibíronse como favores outorgados a veciños encontrándonos logo cunha xurisprudencia que liberou de responsabilidades aos que conscientemente obraron irregularmente e confisca a propiedade sen teren convido ambas partes que así fose. O que é sorprendente é que tan poucos litixios se teñan desenvolvido por esta cuestión, feito tamén explicábel polo tradicional medo atávico ao Estado e á xustiza da esmagadora maioría do mundo rural galego.

Porén neste caso, non só se nos escapa como o concello puido botar cemento sen autorización nunha propiedade privada, senón que aínda resulta máis chamativo que a 21 de maio de 2015 este propio concello concedese unha licenza de feche ao demandante, polo que o propio concello recoñece dalgún xeito que obrou nun terreo privado irregularmente e que este ten dereito efectivamente a proceder ao seu feche, aínda que o ideal sería permitir o tránsito para o cal é posíbel arbitrar a diferenza legal entre camiño público e servizo público que permitiría enxergar unha solución de consenso.

Incomprensíbel o proceder do concello, que lonxe de absterse de intervir ou mediar encerellou máis un proceso de litixio veciñal procedendo dun xeito que só se pode explicar desde as incompetencias multiplicadas deste Goberno, que temos que recoñecer é capaz de superar unha vez tras outra a nosa capacidade de sorpresa.

12.- Solicitude de compatibilidade do empregado municipal D. Modesto Varela Pérez

A favor: 9 (Inta e PP) En contra: 4 (Por Chantada-CUP e PSOE).

Desde a CUP preguntamos se a empresa en cuestión aínda vai abrirse ou xa existe e o que se produce é unha mudanza na súa titularidade? Javier Medela (PP) aclara que a empresa chámase Verdechán e que é unha subrogación dunha anterior e que eles van apoiar xa que o informe da secretaria é favorábel. Inta súmase a esta posición. O secretario aclara que o seu informe non é favorábel, senón que o único que indica é que legamente é posíbel aínda que lle corresponde ao pleno decidir a pertinencia.

Desde Por Chantada cremos que este asunto se apresenta descontextualizado e omitindo unha parte substancial e relevante como o é que a empresa en cuestión levaba anos existindo, sendo a súa titular formal a cónxuxe do solicitante, pasando a mesma agora ao solicitante por cuestións que non veñen ao caso. En todo caso, omitir a existencia previa da empresa –tanto no escrito de solicitude canto por parte do Goberno– constitúe unha tentativa de engano e fraude para condicionar o voto dos representantes electos democraticamente polos cidadáns de Chantada, feito xa de por si non só execrábel senón de extrema gravidade e que xustifica por si só votar negativamente.

A maiores, non se anexa ningúnha proba documental un simple escrito. No escrito do solicitante dise «es deseo del exponente constituir una empresa», cando esta xa está constituída e o único que vai producirse é unha mudanza formal na titularidade da mesma. Pódesenos dicir cal é o nome da empresa que nin sequera figura no escrito? Pódese aclarar se facturou con este concello (imaxinamos que non porque este concello ten un servizo de Parques e xardíns, mais a pregunta hai que facela)? Non estaba por demais un informe da intervención que aclarase isto.

O escrito engade que «el exponente desempeñaría labores de dirección y control, no asumiendo ni la gestión ni la gestión, ni siquiera la ejecución material de los trabajos», empregando como tempo verbal o pospretérito. Realmente o expoñente xa exerceu no pasado, formal ou informalmente, parte deses cometidos.

13.- Moción do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para o cumprimento real e efectivo da carta europea das linguas rexionais e minorizadas

Moción Por Chantada-CUP para o cumprimento real e efectivo da Carta Europea das Linguas

A favor: 11 (Inta, PSOE e Por Chantada-CUP) Abstención: 2 (PP)

Javier Medela, após a defensa da moción por parte do voceiro da CUP, di que o seu grupo se compromente manifestamente co Decreto de plurilingüismo. A voceira do PSOE di que toda lingua é fonte de enriquecemento cultural. Todas teñen a mesma dignidade. No punto 10 cre que non debería incluírse o portugués nos fondos bibliográficos e que a cuestión da unidade do galego e portugués é controvertida. O PP e a Xunta non comprenden a situación do galego e castigan a lingua. O PSOE levou ao parlamento galego en varias ocasións a inclusión do inglés na EOI e deséxanlle sorte a Por Chantada nisto. Preguntan se o Goberno local fixo máis neste sentido ou se se falou co IES LAma das Quendas por parte do concelleiro de educación Diego Otero. No caso da súa petición anexaron unha folla de sinaturas.

Desde a CUP dise que hai uns anos se recolleron sinaturas para a inclusión do portugués. E que a política lingüística de Fraga non é exemplo de nada. Varela di que non se fale dos mortos e desde a CUP retrúcase cos mortos de Gasteiz do 3 de marzo de 1976 [balbordo na sala e interrómpese a intervención]. Varela di que Inta vai apoiar a moción e que na festa do caldo de ósos de Taboada se falou do tema do inglés e que a empresa Hotusa tamén di que é fundamental o inglés aquí en Chantada. Pedíronllo ao conselleiro de educación para implementar unha educación vial no IES Val do Asma. Desde a CUP pregúntase que entende por educación dual. Varela explica que dar a teoría no instituto e facer as prácticas do ciclo en Hotusa [non di que sería de balde e para lucro da empresa ou sufragando a Xunta a remuneración das mesmas]. Que Raquel pode explicar isto mellor. Continúa dicindo que el no norte de Portugal se entende de maravilla empregando o galego e que lle fastidia que no sul lle contesten en español. Que todas as linguas son iguais e que el naceu falando galego coas vacas, que se debería conservar e manter e que incluso profesores de galego educan aos fillos en castelán. Desde a CUP apúntase que só coa inmersión lingüística pode garantirse que calquera  persoa poda decidir que lingua falar e que a politización da lingua que fixo o PP é execrábel.

14.- Moción do Grupo municipal Por Chantada-CUP para impulsar un proceso de fusión entre as entidades locais de Chantada, Carballedo e Taboada

Moción para impulsar un proceso de fusión entre as entidades locais de Chantada

Antes de defender a enmenda toma a palabra Manuel Varela que di que non é a maneira máis idónea para tratar un tema desta envergadura. Ten falado con Yebra Pimentel sobre o de Oza-Cesures. Cómpre un labor pedagóxico e ao mellor sería mellor comezar por Chantada e Carballedo. Logo veríase o de Taboada. Meter así todo nun saco só vale para caberar. Facer xestións cos grupos políticos. Deixar a moción para unha mellor ocasión ao non poder apoiala desde o seu grupo. Negociacións. Sería tremendamente beneficioso o que se propón.

Procédese a defender a enmenda desde a CUP.  Varela volve intervir. Que o consorcio turístico poda que pase a mancomunidade ao abolírense os consorcios e que a sé estará en Monforte. Que terán que votar en contra pola forma e que poderían facer xestións con Carballedo. Estaría encantado de facer un referendo e que podiamos levar unha sorpresa. A administración dixital avanza e facilita as cousas.  Javier Medela (PP) di que é necesaria moita diplomacia e declarar unha comisión de traballo con figuras intermediarias como paso previo. Raquel do PSOE di que lle parece positivo pedir os informes dos que fala a moción. O secretario aclara que o consorcio da RS vaise manter como consorcio, aínda que deixa de ter autonomía e métese nun concello para poder seguir mesturando iniciativa privada e pública, subsumíndose no orzamento de Mofnorte de lemos. Desde Por Chantada-CUP proponse substituír o acordo orixinal  da moción por un único punto para pedir informes sobre esta cuestións e unha vez se reciban decidir en sesión plenaria que facer.

APRÓVASE POR UNANIMIDADE

15.- Moción do grupo municipal socialista sobre o apoio á vivenda como ben social

A favor: 11 (PSOE, Inta e Por Chantada) Abstención: 2 (PP)

Raquel, voceira do Grupo socialista expón a moción e di que retiran o punto 2º que tamén llo piden retirar desde Inta (o punto facía referencia a que a policía local non intervise en caso de desafiuzamento).

Desde a CUP valoramos moi positivamente que esta cuestión sexa focada en sesión plenaria e desde un enfoque que tamén valoramos moi favorabelmente, xa que ten vontade de beneficiar á maioría social. Con todo, fixemos algunhas consideracións sobre aspectos que cómpre matizar ou aclarar, ao noso xuízo.

Na exposición de motivos recóllese bastante ben a responsabilidade do PP, realmente o modelo de tixolo e praia hérdase xa do desarrollismo franquista aínda que cobre un novo impulso na década de noventa, mas óbviase que Zapatero e o PSOE colaboraron tamén no mantemento e conformación da crise inmobiliaria e mesmo negaron a súa existencia cando xa era unha realidade evidente nas casas da clase traballadora. Tampouco souberon combater unha anomalía do Reino de España entre os estados da UE-15: combinar altas taxas de crecemento do PIB con taxas porcentuais sen parangón de desemprego que apenas se explican, por un lado, polo escaso desenvolvemento do estado social no Estado español e o escaso gasto público (especialmente gasto público social), tal e como teñen analizado –entre outros– Vicenç Navarro ou Juan Torres; e, por outro lado, por unha estrutura económica que, como xa indiquei, herdaba en rigor as bases e orientacións que lle outorgaran as elites franquistas e, xa que logo, o modelo orientado ao turismo e á especulación inmobiliaria, actividades encerelladas xa no franquismo con tramas xigantescas de corrupción. Aínda en días pasados, saíu o libro do profesor de xeografía da UiB Ivan Muray Mas Capitalismo y turismo en España. Del milagro económico a la gran depresión. 500 páxinas moi clarificadoras.

Un segundo aspecto sobre o que cómpre incidir é que non se pode descargar en exclusiva sobre o BCE a non intervención na borbulla inmobiliaria española. Seben é certo que favoreceu a reciclaxe dos excedentes de capital da exportación alemá isto só explica o proceder duns dos mecanismos reguladores, non da totalidade dos axentes envolvidos. E aínda que así for o caso, existiría unha responsabilidade imperdoábel naqueles partidos que subscribiron no seu día a entrega da soberanía política do Estado español á UE na forma dunha unión monetaria sobre a que nin se mantiña control algún, nin era democrática nin contemplaba a súa reversibilidade (entre outras deficiencias) sabendo que iso era incompatíbel con dereitos sociais recollidos na Constitución de 1978 e aínda coa tan cacarexada soberanía nacional (os bancos centrais sempre foron unha ferramenta fundamental do estado-nación, que llo pregunten aos británicos).

Porén resulta que, a maiores, as autoridades que tiñan que dar a alerta e adoptar e solicitar que se adoptaran medidas eran tanto o Goberno canto o Banco de España que foron cómplices e impulsores da traxedia. Aí temos a Rodrigo Rato, de ministro de economía de Aznar ao FMI e deste instrumento do imperialismo xenocida a Bankia; vivo retrato da conivencia das elites españolase do saqueo do público e da clase traballadora pois os principais pasivos tóxicos das entidades intervidas polo FROB contraéronse nas grandes fortunas do Reino de España.

Un capitalismo de amigos politicamente promiscuos do que podería pór moitos exemplos: por exemplo o TAV recibe 67% do que recibe o ferrocarril no Estado, ou sexa uns 5.460 millóns de euros que van parar a ACS e as grandes construtoras do IBEX-35. Saben que volume de usuarios ten o TAV? O 6’84%. Saben cantos ten o tren de proximidade? O 87’86% cando só recibe o 5% do investimento.

O artigo 47, recollido no título I, que a moción pretende redefinir o que cumpría é que se tornara realidade. A diferenza do artigo 135, que consagra as políticas económicas procíclicas de austeridade (a denominada “estabilidade orzamentar) e que se reformou pola porta de atrás entre o PP e o PSOE sen debate público nin participación democrática (aínda que o artigo 92 permite o referendum), existen unha serie de artigos que só serven para decorar a Carta Magna:

– o artigo 15 que garante o dereito á vida e que segundo Amnistía Internacional se incumpre con detencións arbitrarias e o réxime de incomunicación, agravado pola Lei Mordaza, cuxa derogación non contempla por certo o pacto entre a nova dereita de C’s e o PSOE.

– o artigo 16 sobre liberdade relixiosa, pois o informe anual dos EUA sobre o estado da liberdade relixiosa no mundo considera que as minorías non teñen igualdade cos católicos.

– o dereito á intimidade regulado polo artigo 18.3 violado pola NSA (Axencia Nacional de Seguridade dos EUA) que espiou 60 millóns de chamadas no Reino de España sen sequera unha queixa forma dos campeós no supremacismo españolista;

– o artigo 27.5 que garante a educación e contra o que atenta a LOMCE, a suba das taxas e as novas condicións e contías das bolsas de estudo (que agora se denegan tamén a algúns gandeiros polos efectos do catastrazo);

– o 31 sobre o sistema tributario cando a fraude fiscal 23% do PIB, o equivalente ao orzamento sanitario de todo o Estado.

– o 35 que garante o traballo digno, cando o desemprego, a emigración e os traballadores pobres non deixan de aumentar

40 redistribución da renda, 41 Seguridade Social (co saqueo do fondo de reserva), 42 sobre emigrantes (fomentando a partida e non o retorno), 43 protección á saúde… e así seguido.

Como centellas se van garantir todos estes dereitos cando, dunha parte, a política económica favorece a oligarquía e os grandes oligopolios (o que se traduce na crecente transferencia das rendas do traballo ás rendas do capital) e, doutra, cando a esfera política foi totalmente absorbida e corrompida pola económica en todos os niveis o que, entre outras consecuencias, provocou que as persoas máis válidas da sociedade non sintan ningunha atracción pola política convertida nun aquelarre de correveidiles de voo baixo?

No caso do artigo 47 a Constitución de 1978 dinos que

«Todos os españois teñen dereito a desfrutar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións precisas e estabelecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan de acordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos.»

Folga explicar até onde os sucesivos gobernos incumpriron dun xeito flagrante esta disposición. Non vai solucionar nada, moito me temo, reformar un artigo ou a Constitución porque non é unha cuestión cosmética, senón de fondo, de ruptura económica e política. E, desde logo, non se vai conseguir garantir ese dereito constitucional e os antes citados mantendo o artigo 135 e as súas implicacións, artigo que, por certo, consagra o acordo entre C’s e PSOE. As 66 páxinas do acordo tamén desautorizan esta moción en boa medida: a palabra vivenda aparece só 6 veces e non se recolle a dación en pago. Permite os desafiuzamentos aínda que fale de aluguer social ou dun sistema de segunda oportunidade. E o Plano Estatal de Rehabilitación que se propón (pasar de 23.000 vivendas rehabilitadas cada ano a 200.000 no 2025) non se especifica nin como se vai financiar nin se marca obxectivos e orientacións concretas. Tamén se propón unha reforma vaga da Lei de segunda oportunidade para incluír a inembargabilidade da vivenda habitual no caso, di o texto, das familias “con dificultades”. Como é posíbel que os bancos foran resgatados cos impostos da clase traballadora (tamén dos que perderon a súa casa xunto co seu traballo) e os bancos continúen tendo esas vivendas en propiedade? Como loitamos contra a exclusión con novas agresións contra os dereitos laborais? No Reino de España existe o socialismo, mais o socialismo do 1% máis rico. Todo o entramado económico é seu e o Estado non pasa de ser o seu consello de administración.

Aínda así o debate da vivenda é un debate necesario, e xa tentamos no seu día, por exemplo, propor as vivendas do Cantón para a exclusión social e para os refuxiados. Agradecemos esta moción dos compañeiros do PSOE e imos apoiala pois conta con medidas moi necesarias. Parabéns.

16.- Proposta do grupo municipal socialista de moción promovida pola Asociación de escritoras e escritores en lingua galega para os concellos

Moción PSOE asociación escritoras-es en lingua galega

UNANIMIDADE

Apoiamos a moción, e achegamos como idea que o concello explote os recursos que temos, como Televinte, para durante todo o ano manter un espazo dedicado á cultura galega, análogo ao que está desenvolvendo con Manuel María este ano en colaboración coa Biblioteca do IES Lama das Quendas.

Non só Rosalía, para quen teriamos o 24 de febreiro. Hai que darlle a volta a un erro de enfoque que penso ten a cultura galega, demasiado inserida na arqueoloxía dos mortos e moi pouco centrada en dar valor e difusión aos vivos: aos literatos, cineastas, músicos, etc. que crean e manteñen viva a chama da cultura galega, correspondéndolle a este concello colaborar na promoción e difusión dos creadores do país do Faro, que nin son poucos nin envexa a súa creativade e calidade a doutras latitudes, que contan, iso si, cun maior recoñecemento por empregar as maiores facilidades que outorga a vida urbana neste sentido e contaren con institucións sensíbeis que os axudan. Aquí, entre nós, están tamén as rosalías, os curros ou os pondais do século XXI.

17.- Moción para a adopción de protocolos de transparencia e eficiencia nos servizos económicos do concello de Chantada, nomeadamente no relativo á contratación e seguimento dos contratos menores

Moción para a adopción de protocolos de transparencia e eficiencia nos servizos económicos

Após o debate que suscitou esta moción retirouse e vaise apresentar no seguinte pleno. Esta proposta fíxose a raíz do debate desde a CUP coa condición de que os grupos fixen postura e transmitan propostas para tentar atinxir un consenso na comisión previa á vindeira sesión ordinaria.

No debate o interventor posicionouse desfavorabelmente a pedir informe ao consello de contas, a pesar de facer constar que apoiaba este punto na comisión 78 horas antes. Di, iso si, que pode enviarse despois de que se pronuncie o consello consultivo. Varela di que non se podía esixir antes do pago dos 30 días  o mellor prezo e que o fan case con todo. Raquel defende que o concello se adira á moción xa que, como di o alcalde, isto xa se vén facendo. Manuel Diéguez de Inta di que xa o concello é pouco eficaz como para pórlle máis trabas que isto paralizaría todo. A CUP, se é pola unanimidade, retira o punto 5º relativo ao informe do consello de contas. Varela di que entón que a apoian. O secretario di se saben o que van aprobar. Múdase a postura desde Inta e desde a CUP retírase para o vindeiro pleno nos termos xa explicados. O Goberno fala de facer un protocolo para os contratos menores en canto a CUP fala de suprimilos na súa maior parte e empregar o procedemento de contratación aberta.

ASUNTOS TRATADOS POR URXENCIA

A.- INFORME DO ARQUITECTO SOBRE A CASA DA MÚSICA

Desde a CUP solicitamos que quede fóra, o que non impide que se fagan xa as actuacións máis urxentes, dando outros dous meses ao Goberno para cumprir o acordado no pleno de xaneiro e que non cumpriron neste pleno, xa que o informe do arquitecto chegou o mesmo día do pleno ás 14 horas e tomáronse outros acordos que tampouco se cumpriron. A continuación reproducimos o acordo:

Acordo do pasado pleno moción casa da música

1.1.- Dación de contas dos responsábeis políticos pola ausencia do correcto mantemento e xestión dos edificios públicos da casa da música, edificio de uso múltiplo e auditorio. Como mínimo remitirase, con 72 horas de antelación ao pleno, un informe no que se faga constar que tipo de actuacións de mantemento se levaron a cabo, coa correspondente documentación acreditativa en anexo.

1.2.- Informe do arquitecto municipal avaliando, cando menos:

a.- O alcance e consecuencias da neglixencia municipal

b.- O alcance, duración e cobertura da garantía dos edificios sinalados ut supra

c.- As eivas da obra que podan reclamarse á construtora ou a terceiros en xeral

d.- Alternativas e solucións aos principais problemas que ten nestes momentos o edificio, algúns

deles sinalados na presente moción como os da cuberta, as inundacións do andar inferior, etc.

e.- Certificado, se o houber, e rexistro no manual das actuacións realizadas.

f.- Risco de inundación após a obra realizada co POS na entrada do auditorio municipal.

g.- Incluír en anexos calquera documentación pertinente, por exemplo o certificado de tratamento da madeira da cuberta inclinada de madeira.

1.3.- Dispor unha Partida Orzamentar suficiente para facerse cargo das reformas inminentes que precisa o edificio, asociada aos acordos necesarios para, no sucesivo, seguir as pautas para o correcto mantemento das instalacións. Ditas solucións faranse a partir do informe do arquitecto municipal e das propostas dos distintos grupos municipais nunha comisión extraordinaria de urbanismo monotemática que se celebrará 5 días antes da sesión plenaria ordinaria, entregándose o informe do arquitecto municipal con, cando menos, 5 días de antelación.

1.4.- Dispor unha P.O. para, no prazo dun mes, dispor dunha praza de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida.

1.5.- Iniciar a instalación de malla ou calquera outra solución para evitar escorregamentos e

caídas na cuberta e escadas da casa da música.”

B) CENTRO DE DÍA

Apróbase a urxencia por 7 votos a favor de Inta e 6 abstencións da oposición.

Apróvase a medida, comuniar solicitude de traslado de enderezo do centro de día á Xunta, por UNANIMIDADE.

No debate previo á votación o PP pregunta se é oficial. O secretario di que a oficialidade lla daría o Pleno. Con isto tampouco remata o procedemento. Só é deixar constancia de que se quere que mude a ubicación do centro de día. Desde Por Chantada-CUP advírtese que no punto 3º pode excederse a competencia municipal. O secretario concorda e propón mudar o acordo ao engadir “no que lle corresponda”. Todos os grupos mostran a súa conformidade.

Cuestións para o control da xestión Por Chantada-CUP (pleno ordinario de marzo)

18.- Dación de conta de resolucións da alcaldía

19.- Dación de conta da liquidación do orzamento de 2015

DECRETO APROBACION LIQUIDACION 2015 / 01 Informe Intervención LIQ 201502 Informe Estabilidade orzamentaria LIQUIDACIÓN 2015

Da liquidación, á espera de poder facer unha análise mais pormenorizada cando toque falar da conta xeral de 2015. Interésanos saber grosso modo cales son as obrigas pendentes de pago (934.702’20€).

De onde procede o remanente de crédito do capítulo 9 (Pasivos financeiros)? E o do capítulo 3 (Gastos financeiros)? O interventor di que son créditos que se orzamentaron e non se gastaron.

Logo preguntamos outra vez por cando se vai exercer a depuración efectiva dos saldos de dubidoso cobro. Retruca o interventor que cando a Deputación recolla toda a recadación, en dous ou tres meses e que supera os 900.000€.

Sorprende tamén que o incumprimento da regra de gasto sexa tan elevado e flagrante, ligado claro está aos 636.709’81€ en facturas que se pretendían recoñecer mediante Suplemento de crédito e Recoñecemento extraxudicial 1/2016. Só o incremento brutal da carga impositiva camufla a mala xestión do Goberno de Manuel Varela, con só 500.000€ a maiores no Capítulo I ou por volta de 50.000€ só no artigo 34. Os impostos actúan como un antibiótico que camufla a doenza, mais que non a elimina. A infección persiste aínda que se aliviaran os síntomas.

Por último, este carácter errático e a falta total de previsión e xestión eficaz vese tamén noutros indicadores como que só teñamos un 85’71% de execución do orzamento e contar con remanentes de crédito de máis de 118.491€ no CAP. IV de inversións reais para logo chegar a xaneiro con máis de 600.000€ en facturas por recoñecer.

20.- Dación de conta de informe de seguimento do Plano de axuste do cuarto trimestre de 2015

Informe PLAN AJUSTE 4T2015 (1)

O Informe (Ref.: PA04/2015) é suficientemente ilustrativo do rigor co que se elaborou e observou o Plano de axuste en Chantada. Creo que poucas veces 5 páxinas condensaron tan ben en que consiste a política económica desde Goberno.

Iso si, contén algunhas omisións inexplicábeis cando non falsidades. Como non se indica nada sobre as subvencións cando se coñece perfectamente o seu importe? Neste 2016 fágolle eu a conta das nominativas: aumentan máis de 19.000€ a respecto de 2015 (do que nos alegramos) e outros 3.000 a de emerxencia social, que segue sendo unha bagatela. E tamén no caso do alumeado público e o gasóleo as contas se se quere son bastante doadas de botar e xa dixemos nun pleno que houbera un desaforro evidente neste sentido no ano 2015.

En canto os ingresos por impostos derivados do Plano de axuste, que por súa vez é consecuencia das políticas de farolas e cemento da etapa de Manuel Varela no PP, hai un aumento en 2015 de máis de 300.000€, fundamentalmente por mor da contribución. Ou sexa, o Plano de axuste pagárono vía impostos regresivos os cidadáns do concello e confirma o que xa temos denunciado aquí inúmeras veces.

Mais no tocante ao gasto da institución aí non se aforrou nada, senón que aínda se incrementaron os custes en 2015 e volverá acontecer o mesmo no 2016 ao dispararse o gasto en persoal. Por certo, unha das medidas que se podían aplicar no gasto en persoal era combater o absentismo laboral ao abeiro do estabelecido no RD-Lei 3/2012.

Dito doutro xeito, en vez de predicar co exemplo toda vez que disparou os impostos que pagan os veciños e as veciñas dedícanse a empregar eses recursos en gasto a máis das veces totalmente improdutivo. En síntese, actúan sobre a economía como un parasito que chucha o sangue do hóspede sen entregarlle nada máis en troques que doenzas e debilidade.

Puideron aproveitar o transo do Plano de axuste para enmendar procedementos que axudaron a levarnos até aquí e lonxe diso limitáronse a disparar a carga impositiva sen adotar ningunha outra medida. Tería sido positivo e interesante aplicar con rigor as seguintes medidas:

– medida 9: realizar un estudo de viabilidade e análise custe/benefecio de calquera contrato de inversión antes da súa adxudicación, sendo dita viabilidade requerimento para a celebración do contrato. Xa non é que non se cumprira senón que se adxudicaron máis de 600.000€ a dedo só desde o mes de maio en obras.

– medida 10 estabelecía solicitar en calquera contrato menor do concello ofertas a diversas provedores, primando o requisito de menor prezo e non se fixo nin se fai porque unha das pancas sobre as que se ergue a #marcaInta é a disposición a discreción dos fondos públicos outorgándoos con total opacidade.

21.- Dación de conta de informe de morosidade do cuarto trimestre de 2015

Doc.: INFORME MOROSIDADE 4T2015

22.- Dación de conta do período medio de pago do cuarto trimestre de 2015

Doc.: PMP 4T2015

A pesar de telo dito por activa e por pasiva nunca se quixo recoñecer que o atraso no pago a provedores obedecía ás consecuencias da mala xestión da administración Varela. Finalmente, no IRRE (14) o interventor si que fai explícito isto ao afirmar que:

En nuestro caso, sólo recientemente hemos podido cumplir el plazo legal de 30 días, lo que nos permitirá superar los numerosos obstáculos que supone el no hacerlo, y que han penalizado en todos los sentidos la gestión financiera del ayuntamiento.

Mágoa, iso si, que este recoñecemento só se faga para xustificar máis de medio millón de euros gastados sen consignación orzamentar que debe ser un mecanismo novísimo para xerando obrigas sen recoñecer apuntalar a estabilidade orzamentar e o pago a provedores. Aínda por riba para a última hora aceptar o que lle viñamos dicindo desde a oposición por activa e por pasiva e recorrer ao Consello de contas. #marcaInta

23.- Dación de conta da execución orzamentar do cuarto trimestre de 2015

Doc.: EJECUCION PRES. 4T 2015

24.- ROGOS E PREGUNTAS 

Comeza o PSOE coas súas preguntas e rogos. Raquel pregunta polas bases de alimentos e o regulamento do auditorio. Cándica Carnero de Inta di que finalmente van ser criterios e intenta envolver nesa posición ao secretario que di que iso lle corresponde decidilo ao goberno e que se foren bases, efectivamente, terían que pasar polo pleno. Cándida di que non virán ao pleno. Engade que en decembro veu a inspección de alimentos que lle comunicou que co criterio dos traballadores é suficiente. No tocante ao regulamento do auditorio, Manuel Diéguez di que van a vir ao pleno e que xa respondeu a esa pregunta no pasado pleno. Quere que haxa acordo e que recibiu só propostas de Por Chantada e que concorda en moitas. [Intervimos para pedir feedback xa que descoñecemos que se acepta e que se rexeita]. A continuación, o PSOE pregunta polo PXOM en Sabadelle, cuestión que xa plantexaran en decembro e en xaneiro, agardando ao 20 de febreiro como se lle pedira “solución” que non serve aos veciños. Varela di que están esperando pola secretaria xeral de urbanismo para sacar adiante o PXOM. Continúa a voceira socialista coas beirarrúas do ambulatorio e as barreiras arquitectónicas. Varela di que están os rebaixes sen facer, mais que se contempla facelos. A seguinte cuestión é sobre un espello na avenida de Monforte con Luís Soto Lemos. Varela non sabe porque motivo se retirou. Raquel solicita que se repoña e lembra unha serie de temas pendentes doutros plenos: sector lácteo, regulamento de participación cidadá, matadoiro… Pregunta tamén polo punto de recollida de animais. Castor (Inta) contesta que a brigada de obras aínda non comezou. Varela di que xa hai que ter en conta a nova lexislación. Héctor (PSOE) indica pistas que deben arranxarse (desde o Montes a Argozón, de Boán á Lucenza, de Outeiro ao alto dos vetrinarios, do Pazo das Casas a Lece, de Río Pedroso á concentración parcelaria, desde a Cruz de Fornas á estrada de Lugo… Varela di que se lle deu a algunhas unha volta boa e outras que non teñen solución até que se lles bote aglomerado en quente ou formigón. Héctor do PSOE continúa preguntando por unha factura de desbroce por valor de 12.770€ máis IVE en albarán e sen horas nin quilómetros. O normal é pór os quilómetros e non as horas. E quedou o traballo o mal feito. María Jesusa Rodríguez López (PSO€) pide un paso de peóns diante das piscina e Varela di que é melor esperar á primavera, aínda que se se pode farase antes di Castor xa que como indica a concelleira socialista o comezo da actividade é inminente. Fente fai un inciso para solicitar que o Goberno estude implementar o camiño escolar.

A continuación expón o PP as súas preguntas. Comeza pedindo luz para eles no pleno xa que a súa ringleira de lámpadas non aluma. Pregunta por unha factura de Televinte. Recalca a mesma dúbida que Héctor sobre as 248 horas de desbroce feitas por Sondeos Chanqueiro. Fala de revisar facturas e abaratar cuestes para aforrar 60.000€ (SCP). Pregunta pola factura do Manolete e respóndeselle que era das Escolas Deportivas. Medela pide que se saque un bando para prohibir no entroido tirar ovos e fariña. Fala dos enterros se os hai de primeira e de segunda por cotaren ou non coa policía local.

PREGUNTAS DE POR CHANTADA-CUP PARA O PLENO ORDINARIO DE 9 DE NOVEMBRO

BLOQUE I.- Economía política

1.1- Cesión da soberanía tributaria á Deputación de Lugo

a.- Volvemos facer unha pregunta sobre a cesión da soberanía tributaria á Deputación de Lugo, aprobada no pleno de febreiro de 2015 por INTA e PP ao delegaren na Deputación a recadación e inspección de tributos, para coñecer cando ten que pagar finalmente o concello e que medidas se van tomar para cuantificar a suposta mellora na recadación.

b.- Esta decisión entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2016 e rematará en 2018 segundo a modificación do punto 11.1 do acordo aprobada no pleno de abril de 2015? [aclara o secretario]

c.- Pedimos tamén que se nos aclare como se traduce na praxe o que se recolle no réxime xurídico das condicións. Concretamente, que sexa a Deputación a que dite disposicións sobre a interpretación ou aplicación da normativa e aprobar os períodos de pagamento de cada un dos tributos.

d.- Igualmente, que o goberno aclare como vai cuantificar a suposta mellora dos ingresos, con que periodicidade temporal e se en 2017 están dispostos a revogar o acordo se en 2016 non se produce esa mellora prometida de 30.000€? Din que vai mellorar a executiva e que a Deputación só cobra 1% da executiva e 75% do incremento.

e.- Que opinión lle merece a proposta de supresión das deputacións que podería desenvolverse nos próximos anos? Non sería mellor recuperar a soberanía recadatoria perante esta incertidume? Varela di mostrarse a favor da supresión da Deputación aínda que non sabe se lle fará moita graza a Ferreiro. O interventor di que xa está de volta destas cousas.

1.2.- IBI e catastro

Comezou xa os traballos a empresa para as revisións catastrais? Cal é o procedemento para informar aos veciños que seguen descoñecendo que poden acollerse a este servizo? Xa está funcionando. Empresa dun veciño. Se algún veciño se achega para revisar valoración ou se non é del a propiedade.

1.3.- Polígono Industrial

Figura o 15 de xaneiro de 2016 rexístrase un escrito da Consellaría de Facenda en relación coa cesión gratuíta da parcela B1 do parque empresarial “Os Acivros” para o parque de bombeiros. A parcela cedida figura en Catastro atribuída a “Augavella”. Pódennos aclarar esta cuestión e en que punto se encontra? Varela di que iso vén do 2009 que comprou Augavella após facer a cesión total. Só hai que segregar. O secretario aclara que xa iniciou Augavella o expediente. Varela di que non ten ningún custe nin impacto para o concello.

1.4.- No libro de decretos figura o 14 de xaneiro un anticipo de caixa por importe de 500€ con cargo á aplicación orzamentar 920.226.99 correspondente a “outros gastos diversos”. Poden concretarnos a que corresponde? Varela di que pode ser para a ITV dos carros do concello, que habería que perguntar a Susana [na altura xa abandonara o pleno. O secretario intervén para asinalar que xa pasa das 00:00 horas].

1.5.- Feira do viño

Cremos que os 50.000€ que publicamente se din gastar na Feira do Viño poderían optimizarse mellor, a comezar polo impulso de actividades de promoción e difusión que vencellen o territorio e o produto e non seguir exclusivamente polo vieiro da orquestra e o polbo. Diéguez di que son 50.000 e que vai tratar de introducir novas medidas como catas locais e catas comentadas. Que xa o está traballando cos adegueiros. En promoción é no que máis se gasta.

Tamén queremos facer un rogo para que se publiquen na web do concello as contas da Feira do Viño de cada ano.

1.6.- Ofertas de emprego públicos

Reiteramos que 5 días naturais é un mecanismo para favorecer a opacidade e non garante realmente a necesaria publicidade. Asemade, pode recorrerse ao INEM para ter un abano de candidatos, mais nunca pode limitarse á selección do INEM pois iso conculcaría a equidade e mérito no acceso ao traballo público. O alcalde xustificou os prazos en que son traballos temporais, si traballos temporais que logo puntuarán no acceso a outros traballos públicos… nada é inocente. En Chantada dispondo dunha ferramenta comunicativa como Televinte, a que proporcionalmente por certo lle dan máis cartos Taboada e Carballedo, non hai excusas. Varela di que aínda que lle dean máis cartos xa lles tocaba achegar algo que antes só pagaba Chantada. Defende o procedemento. O secretario ratifica o exposto pola CUP.

Do mesmo xeito, hai que esixir que o traballo público, tamén o temporal, conte cunha valoración de méritos que non sexa decisiva e cunha proba para avaliar obxectivamente os coñecementos. Os tribunais de selección perciben emolumentos por desenvolver o seu traballo e poden perfectamente recorrer a probas escritas. Non abonda con dicir que son traballos temporais porque logo puntúa tamén esa experiencia e vulnéranse os dereitos que fixa a lei no acceso ao traballo público.

1.3.- Subvencións autonómicas

Na acta da XGL correspondente ao 7 de xaneiro de 2016 recóllense unha serie de convocatorias das que se informou ao Goberno municipal para proceder á súa solicitude. Na XGL do 2 de febreiro de 2016 e por Decreto 5/2016 da alcaldía solicítase algunhas destas subvencións.

No segundo caso vana destinar para cubrir a pista de pádel que, en principio ía ser unha inversión recollida no Orzamento. Non sería mellor destinar eses máis de 35.000€ a melloras a outros espazos que o precisan con maior urxencia e son máis necesarios? Lembren ao que se comprometeron no pasado pleno sobre a Casa da Música e que incumpriron dun xeito flagrante.

A de fomento de emprego vana destinar a contratar auxiliares para a seguridade cidadá e o servizo da policía local. Vaise pedir algunha a maiores? Cales? A de seguridade cidadá aclara o secretario que adoita darse a destinos turísticos da costa que vén a súa poboación multiplicada para reforzo da policía local, que é difícil que lla concedan a Chantada. Varela di que tentaron pedir a de enerxías renovábeis, mais que non reunían os requisitos. Dixémoslle porque non exploraron facelo coa casa da música.

1.4.- Desbroces de gabias

Preguntamos cantos metros desbrozou José Antonio Suárez García (Decreto 36-03/03/2016; 15.800€) e rogo que nas facturas se fagan constar os metros que é o como se computa este servizo en todos os concellos normais, para alén de que insistimos en que o concello ten maquinaria propia que debe empregar e, se se recorre, a terceiros facelo mediante concurso escollendo a mellor oferta. E o mesmo para o formigón que aparece nese mesmo decreto (Grupo Ceminosa S.A.) onde deberían figurar os metros cúbicos. O desbroce cre que foi en Nogueira e pola zona da ribeira até Santa Uxía.

1.5.- Pozos de barrena

Figuran varios contratos menores coa empresa Sondeos Chanqueiro S.L. (21.973€ en 3 facturas desde decembro). Pode aclarársenos onde se fixeron eses dous pozos de barrena? Un no polígono e outro en que casa? Pensa que é na casa que ten o concello en Costoira. Preguntamos se se cumpren coas condicións da auga que marca a lexislación. Que é moi difícil.

1.6.- Limpeza colexios

Aparecen algo máis de 8.000€ pagados a unha autónoma pola limpeza a 12’1€/hora. Isto vaise manter coa nova concesión ou é algo provisorio? Poden explicalo? É provisorio.

1.7.- Condado de Pallares

Cantos fondos se destinan en concreto ao Condado de Pallares? Dos 200 libros que aparecen nunha factura que destino se lle dá? Xa están aquí. A axuda non é só para libros. 1.200€. Rogamos que non queden en caixas e se distribúan.

1.8.- Augas de Galicia

Despois de varios meses inquirindo pola mesma cuestión esperamos que podan dicirnos xa a cantidade recada por Augas de Galicia desde 2012, así como o contemplan executar cos mesmos. Rogamos tamén en que neste 2016 se reclame a depuradora e se estuden medidas para reverter a degradación do leito fluvial do río Asma na Alameda que só causa problemas. Quedou Viaqua de pasar a cantidade e non a dá mandado.

1.9.- Sumidoiros

Igualmente as enchentes dos pasados días poñen nun primeiro plano a cuestión de que o concello ten agora responsabilidades sobre os edificios en estado ruinoso do rural. No entanto, como de costume, este Goberno non ten ningún plano de actuación específico e fía todo á improvisación. Rogamos que se poñan a traballar no asunto, aínda que só sexan 4 horas ao día.

Amais, o 11 de xaneiro consta no Rexistro municipal un escrito que reitera un anterior do 17 de setembro, polos debordamentos producidos pola insuficiencia do sumidoiro e porque están atascados anegando propiedades privadas.

O día 8 de xaneiro volveuse producir a anegación, levando acta a policía local. Desatascouse o sumidoiro en cuestión? Contémplase algunah mellora para evitar este contratempo cíclico? Como non contemplan nos orzamentos ningunha actuación específica para atallar estes problemas? Ou é que esperan recibir financiamento dalgunha administración para estas actuacións?

Rogámoslle que cando menos limpen os rexistros coa suficiente periocidade e sempre con anteriordade ás épocas de maior pluviosidade (marzo, setembro e novembro por exemplo).

1.10.- Sabemos que as luces das festas patronais valeron 9.222€, segundo consta na XGL do 17 de novembro de 2015. A canto ascende o custo das luces de Nadal?

II.- Fraternidade

2.1.- Refuxiados e exclusión social

 No pleno ordinario de setembro negáronse até a debater unha moción para o combate da exclusión social e acollida de refuxiados aparándose nunha proposta de Podemos. Dos máis de 14.000 refuxiados que se comprometeu a acoller o Reino de España non chegan a dúas ducias os que realmente se acolleron medio ano despois. Pola súa banda, Goberno local escudouse en que se acolleu á rede de concellos solidarios, sen facer ningunha dotación orzamentar específica nin tampouco mellorar as partidas destinadas á exclusión social para facer fronte á eventualidade da acollida ou para aproveitar a recepción dos refuxiados para combater outros “refuxiados” e excluídos que temos ás portas.

Meses despois o debate sobre as “cotas” dos refuxiados segue sendo a coartada para non facer nada perante un drama humanitario que avergoña a calquera humanista. Alén da repugnancia que expresamos perante os gobernos conservadores e inhumanos da UE temos serias dúbidas de que Chantada adoptara as medidas precisas para estar en condicións de acoller a refuxiados. Que medidas se adoptaron neste dous últimos meses? Ningunha en particular. Están preparados.

III. Turismo

3.1.- Caseta de madeira do mercado gandeiro

Xa lle dixemos nunha comisión que no mercado gandeiro hai unha caseta de madeira que está deteriorándose irreversibelmente. Aínda que non sexa de titularidade municipal rogámoslle que se fagan con ela en troques da súa restauración e que se empregue para ter un stand municipal en eventos como a feira do viño para a promoción turística e a difusión do noso patrimonio. Din que é dos adegueiros. Medela aclara que non poden cedela porque é unha subvención finalista.

IV.- Saúde pública

4.1.– Accesibilidade casa da música

O edificio conta con ascensor na casa da música e outro no vestíbulo do auditorio, aínda que no proxecto aparecen tres. 90.000€ custaron no seu día. Sabemos que o ascensor do edificio de usos múltiplos está operativo, mais temos dúbidas de que na casa da música aconteza o mesmo.

Como está o tema de accesibilidade do edificio, da homologación, etc.? Os ascensores e o montacargas cumpren coa normativa e están homologados para discapacitados? Que empresa se encarga do seu mantemento e cando se asinou o contrato? Diéguez di que nin idea que é algo que hai que resolver co arquitecto e que se pode facer o día que se vaia visitar.

Por certo, sen movernos da accesibilidade e a poucos metros, na rúa Taboada, hai que reformar a beirarrúa porque hai unha canal que a tronza polo medio. Rogamos que se subsane pasando a canalización por debaixo da beirarrúa, por exemplo.

4.2.- Repintado rúas

No verán repintaron algunhas rúas, curiosamente coincidindo coas festas e coa chegada de persoas non residentes no concello. Como quen pon un traxe novo para campar o día da festa. Nada que obxectar se non fose que é no inverno cando máis cómpre que estean ben sinalizadas as rúas. Como aínda hai moito que facer neste sentido esperamos que non haxa que esperar a agosto por exemplo para que se sinalicen debidamente vertical e horizontalmente os pasos elevados)… Rogámoslle que o fagan coa maior celeridade posíbel.

4.3.- .- Bicicletas policía local

Hai varios meses preguntamos polas bicicletas que no seu día mercara o concello de Chantada para o uso da policía local e demandabamos que se efectivizara o seu uso. Seguimos sen ter resposta formal do concello… Con todo, certas informacións chegaron a nós: é certo que se cederon ás Escolas Deportivas? Saben que o uso da bicicleta por parte da policía local é habitual na maioría dos concellos, tamén en moitos gobernados por partidos da dereita? As bicicletas están no pavillón municipal. Sen uso case, a veces para as escolas, mais son do concello.

V.- Cultura

5.1.- Auditorio

Seguen concedendo o auditorio sen inaugurar oficialmente e outorgándoo arbitrariamente sen ningún regulamento. Cando se vai inaugurar? Diéguez di que cando o alcalde decida e que o regulamento xa dixo que o quere traer ao pleno. Varela di que pórse de acordo e que non fai falta que veña ao pleno.

Igualmente, sorprendeunos que se estean concedendo instancias do edificio de usos múltiplos mediante decreto da alcaldía cando a Por Chantada-CUP se lle negou o emprego do andar superior deste mesmo edificio, que empregara INTA estando na oposición por certo co que se impide o exercicio en igualdade de condicións aos grupos políticos.

5.2.- Dereitos de autor

a.- Figura que a SGAE recibe 9.610€ en concepto da feira do viño e as festas patronais do 2015. Este ano vaise volver pagar esa cifra? Diéguez aclara que se trata do pago de 4 anos, había unha sentenza. 

b.- Negociouse como outros concellos unha entidade anual que cubra a totalidade dos eventos amparados ou organizados directamente polo concello de Chantada, que sería o máis lóxico? Agora o que se pague cada ano dependerá do que se negocie, mais que andará por 1.000€ ao ano.

c.- O 30/12/2015 CEDRO, DAMA, SGAE e VEGAP rexistran un escrito reclamando o «cumprimento de todas as obrigas de información e pago derivadas do dereito de remuneración aos autores polos préstamos das súas obras realizados nos estabelecementos abertos ao público». Que nos poden dicir disto? De momento van deixar pasar o tema a ver en que dá.

d.- Cotemplan sumarse a concellos como Cangas que está matendo un proceso xudicial por negarse a claudicar fronte ao rendismos destes oligopolios ermos? Un concello aínda foi condenado hai pouco.

VI. Patrimonio

6.1.- Arquivo municipal

Chantada cun rico arquivo municipal, froito dun concello con varios séculos de historia e documentación. Aínda na década de 70 Avelino Seijas valeuse do arquivo municipal para documentar parte da súa historia local, se ben xa se facía referencia ao seu estado deplorábel. Os sucesivos gobernos descoidaron esta parte fundamental do noso patrimonio, sendo os arquivos fontes documentais extraordinarias para o estudo etnográfico, histórico, sociolóxico, etc. O feito de mover a sede do concello nas últimas décadas tampouco axudou.

Na actualidade o arquivo encóntrase nun estado lamentábel. Até chamarlle arquivo é unha licenza lingüística. Urxe dotar o arquivo municipal dun espazo axeitado e o novo edificio da Alameda sería un local excelente para biblioteca, oficina de turismo (para o que se concedeu a subvención) e arquivo municipal.

No actual “arquivo” os cartafois que están numerados descoñecemos se está rexistrado ese número e a que corresponde para proceder a dignificalo e mesmo se for posíbel ilo dixitalizando. Hai material que non está controlado de ningún xeito, arrombado ao chou e pendente de organizar e catalogar.

Dadas as condicións actuais non se pode seguir empregando esas dependencias, pois o urxente é asegurar o mobiliario do espazo actual ao existir perigo de derrubamento.

Rogo:

a.- que o concello empregue operarios municipais para asegurar o arquivo actual de xeito que se poda seguir empregando as dependencias actuais;

b.- que o concello dote ao arquivo municipal dunhas instalacións e arquivadores dignos;

c.- que o concello mentres non poda crear a praza de arquiveiro municipal faga unha contratación temporal ou no seu defecto unha bolsa de catalogación e documentación para licenciados no campo das humanidades baixo a supervisión da secretaría municipal.

6.2.- Edificio Alameda

Temos entendido que o edificio da Alameda que se está restaurando ten que destinarse, ao menos en parte, a oficina de turismo aínda que de momento o que se fixo foi trasladar alí a policía local. Pode facerse isto? Sen problema dino o alcalde. Non é incompatíbel? Non.

6.3.- Declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Solicitamos que coa maior premura se informe detalladamente desde o Goberno dos pros e contra da Declaración da Ribeira Sacara como Patrimonio da Humanidade, especialmente no rural, xa que nos tememos que teña consecuencias graves e que non se están pondo sobre a mesa para evitar os protestos da veciñanza. Non esperen tamén a última hora coma sempre e logo lle boten as culpas aos de “arriba”.

 

2 comentarios en “Resumo do pleno ordinario do 7 de marzo de 2016

  1. […] No pleno ordinario de marzo acordouse que se ía convocar unha comisión previa ao pleno ordinario de maio para partillar propostas co gallo de mellorar a transparencia e a eficiencia nos servizos económicos do concello de Chantada, para o que desde a CUP propuxemos limitar ao máximo outorgar contratos a dedo mediante o subterfuxio dos “contratos menores” que son en Chantada a maioría abrumadura dos contratos celebrados. Como nin se celebrou esta comisión nin Manuel Varela incluiu este punto na orde do día, a pesar de solicitar el mesmo que ficase “sobre a mesa para mellor estudo” para o pleno de maio faltando así a súa palabra. Era un imperativo volver a propor esta moción que consideramos é un tema central e máis logo do que pasou co Expediente de crédito 1/2016 e o Suplemento de crédito 1/2016 polo que se paralizou o pago de máis de 600.000€ por non facer as cousas ben [resulta que aínda nin se enviou ao consello consultivo tal e como se acordou no pleno ordianrio de marzo hai máis de 2 meses…]. […]

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s