Para consultar unha entrada-resumo para entender mellor que é o PXOM e como é este PXOM podes premer aquí.
Para leres o resumo do pleno, infelizmente o máis bronco da presente lexislatura, preme en seguir lendo (inclúe algunha documentación ao final).
O pleno comezou co dato de que se suspendou o pleno do Consorcio de Turismo até despois da Semana Santa, xa se vai integrar en Monforte de Lemos e no orzamento deste concello. Aínda que non tratamos estas cuestión o marco lexislativo impelía en todo caso esa acción xa en 2015 toda vez que non se pudo facer unha mancomunidade por desleixo, cando houbera sido a solución preferíbel e máis xusta.
Entrando xa no resumo propiamente dito do acontecido no pleno dicir que comezou cunha intervención de Manuel Lorenzo Varela, alcalde de Chantada. Na mesa dixo que este pleno <<chega a horas da nova Lei do solo>> e que considera que hai que aprobalo porque <<está digamos máis adiantado>> que o doutros concellos e aprobándoo inicialmente afórrase o informe medioambiental, pois volver comezar co proceso levaría ano e medio ou dous anos. Engadiu que se trata do PXOM de 2009 modificado polas alegacións do 2009, por exemplo modificáronse camiños que afectaban zonas consolidadas do rural coa anchura de 12 metros; ou ampliacións dos núcleos con distancia para nova edificacións e non veñen afectadas as zonas consolidadas. A continuación, referiuse a Xoán XXIII onde di que se consolidaron todas as alturas, xa que antes ao superar as seis alturas quedaban fóra de ordenación.
Concede que vai haber fallos, por exemplo o sinalado polo voceiro do PP na comisión na Avenida de Ourense onde antes se recollían 5 alturas e agora 4. Haberá que facer reclamacións puntuais. Segue dicindo que <<lía hoxe unha nota de prensa de Por Chantada>> e que está de acordo en que chega tarde. Comezou no 93, por modificacións sucesivas da lei ás que se readaptou o plano e aí o concello non ten responsabilidade. No 2009 presentáronse 500-600 alegacións e contempláronse o 80% delas, <<neste intre é unha oportunidade para adiantar a outros concellos de Galicia>>. O plano de 1985 está moi anticuado e os servizos de urbanismo e o grupo de Goberno coinciden en que co ordenamento actual moitas actuacións son imposíbeis. Hai que ter unha norma para saber se se pode facer ou non algo. De seguido, fala dun caso concreto que afecta ao tenente de alcalde e responsábel de deportes José Castor que presentara unha alegación para un terreo pola zona do mercado gandeiro que se recollese como vivenda unifamiliar, mais que finalmente aparece como terciario xunto con Pousada [fincas tamén de solo terciario agora, e que en 2009 eran urbanizábeis adquiridas por mor desta mudanza pola empresa Hotusa]. Di que non sabe que é mello, pero que polo que lle dixeron en Santiago o uso terciario. Amais, con 3-5.000 m2 permite facer un desenvolvemento parcial.
Di que a Corporación ten que pórse de acordo e cumprir a súa función que é facilitar o labor de desenvolver edificacións. Lembra a cidade de Vigo e a suspensión polo Supremo do seu plano de ordenación urbanada que dá problemas para que se expanda Citroën. Endente que ao mellor para os que non estiveron se poda interpretar que chega tarde e non suficientemente explicado. A eles élle máis fácil entendelo porque xa o viron en varias ocasións e quere non volvelo ver a poder ser porque <<aínda non sendo o mellor é o menos malo>>. Poden dárselle revisións e incluír alegacións. Se en 2-3 meses está readaptado facemos un favor aos cidadáns. O outro día a portavoz do PSOE parecíalle ben que veña o equipo redactor e o explique e tamén facer reunións polas parroquias para explicalo detalladamente.
No plano o seu grupo tivo unha postura cómoda porque se pelexaban o Goberno coa oposición [os que quedaron no PP; goberna en Chantada Inta que é unha escisión do PP]. Eles o que fixeron foi explicar os pros e os contras. Non é definitivo este PXOM, preséntase un informe previo da Xunta que se <<contemplou>>. A partir de agora coñecelo e pasalo a aprobación definitiva e <<sería inviable se tivese tantas alegacións como da outra vez>>. Non o cre porque se consolidan as edificacións coas alturas que teñen, aínda que non se deberan ter permitido. Fala de que pode ter 40-5o alegacións, sendo fáciles analizalas e incluír as que procedan e <<se non é así equivocámonos e habería que volver comezar perdendo o ano e medio do informe ambiental. Antonte, por unanimidade, en Guitiriz vindo dunhas normas subsidiarias, aquí aínda temos un plano aínda que é vello, o PXOU de1985. Tamén cre que en Silleda. Anima a obrar con responsabilidade aos grupos da oposición e apoiar esta aprobación inicial.
Seguiulle unha intervención da voceira do PSOE, Raquel López Rodríguez. Comeza sinalando que é difícil non estar de acordo con moitas das cousas que dixo o señor alcalde, sobre todo con que Chantada precisa un PXOM. Hai cousas que non lle gustan con todo: o que xa dixo sobre as zonas verdes na comisión ou sobre a paisaxe e as solucións necesarias; o camiño de inverno, sistemas viarios, como se vela polo cumprimento da disciplina urbanística… Amais, en 48 horas é imposíbel estudar un plano xeral. E só o vira coa empresa unha única xuntanza e sen produndidade en todos os anos que leva como concelleira. Non poden emitir un voto nestas condicións. Tiñan que vir máis traballado e con marxe de estudo. Que conste en acta que abandonan o pleno por este motivo.
Neste momento dáse unha intervención do secretario que di que xa ía intervir antes, mais que o alcalde se lanzou a falar. Que antes de entrar no debate e tal como avisou na convocatoria habería que votar a urxencia do pleno ao producirse a comisión de urbanismo sen remitir a correspondente documentación aos grupos da oposición, evitando así a impugnación do pleno de hoxe por este motivo. En consecuencia vótase isto:
A FAVOR: 9 (Inta e PP)
En contra: 1 (Por Chantada-CUP)
Abstención: 3 (PSOE)
Neste momento os tres concelleiros do PSOE abandonan o pleno tal e como anunciaran. O alcalde manda pechar a porta. Prosigue a sesión coa intervención do portavoz do grupo popular Javier Rodríguez Medela. Di que Manuel Lorenzo fai unha declaración de intencións importante, mais sen feitos. <<Non tivemos tempo para ler o documento>>. Guitiriz si que o aprobou por unanimidade, mais varias reunións previas aquí non se deu iso.
Intervén Manuel Varela para dicir que parten en Guitiriz das normas subsidiarias, aquí pártese da aprobación inicial de 2009 e co 80% das alegacións aceptadas. Agradece á secretaría xeral de urbanismo que permitan esta <<pequena trampa>> e aprobalo hoxe, que <<non é trampa tampouco, oe>>. Prosigue Medela (PP) afirmando que é un documento de vital importancia e hai que pensar nos nosos fillos. Laméntase de que non puideron estudalo polo proceder do Goberno e como representantes populares iso é vital. O mellor sería traballar ben o documento. Entende que é un documento vivo. A día de hoxe absteríanse e seguir traballando pola unanimidade. Isto é un documento para o concello e as xeracións vindeiras hai que facelo con tranquilidade e ben feito. <<O informe de urbanismo “acongójame”>>, ponlle medo, ser cautos. Estradas. Informe de rede de estradas do Estado. A ponte sobre o río Asma. Pregunta ao secretario polos informes preceptivos ou sectoriais. O secretario responde que haberá que buscalos e incluílos. A Lei que entra en vigor mañá, debe adatarse todo á nova Lei. Os PXOM esixen maioría absoluta, neste concello 7 convelleiros.
Neste punto tomamos a palabra desde a candidatura de unidade popular. Podes consultar a intervención de Por Chantada-CUP sobre aprobación inicial do PXOM premendo na ligazón, a cal comprimimos bastante porque se nos mandou <<ir rematando>>.
Contesta o alcalde Manuel Varela (Inta) dicindo que <<vendo a descrición que vostede fai parece que estamos en territorio comanche>>. Pregunta polo equipo de enxeñeiros e arquitecto que ten Por Chantada para criticar o PXOM desa maneira. <<Dicir aquí semellante artiluxio de cousas non ten pé nin cabeza. Con todas os respectos non admito os seus comentarios>>. Van obrar con responsabilidade. Pregunta que faría Por Chantada. Di que Fente trata os cidadáns por tontos e que os respaldaron a eles, algo terán de sabios. Dá as grazas ao portavoz do PP, que entende que é algo provisorio, <<outros se non o entenden é problema deles>>. Dispostos a ir ao medio rural e incluso acompañados de membros doutros grupos. Empraza ao voceiro de Por Chantada a ir e dicir alí esa <<sarta de barbaridades>> aos cidadáns. <<Gustaríame velos gobernando>>. En todo caso, van sacar adiante o PXOM e a partir de aí se non é consolidado <<tirarémolo como o tiraron compañeiros seus>>. <<O plano comezou no 1993 e non 1998, cando gobernaba outra xente á que respecto documéntese ben, cando goberne vostede, ogallá que non, tamén o respectará>>. Non se sosteñen as cousas que di Por Chantada. Eles son consecuentes coa xente que os votou, como tiveron que irse para a casa no 2007. Por Chantada non fai oposición responsábel e <<menos con 500 e pico votos. Cando saiamos de aquí dígalle aos cidadáns porque non votou a favor>>. Tería que estar Por Chantada no goberno para decirlle á xente que non pode modificar ou construír unha casas. Con todos os respectos, depois de tantas modificacións da Lei do solo <<estar en desacordo é moi fácil>>, mais <<nós estamos aquí para dar trigo>>.
O portavoz de Por Chantada intervén dicindo que lle dá as grazas por facer de psicólogo e interpretar o que nós queremos ou deixamos de querer. Os datos que damos son do propio PXOM, como os descoñece… [interrompe o alcalde dicindo que ten que ir a un psicólogo pero a outro lado]. Retoma a CUP a intervención dicindo que un instrumento de ordenación urbanística é necesario, mais non calquera… [é interrompido novamente polo alcalde. Tenta continuar dicindo que] chega 20 anos tarde algo terá que ver vostede… O alcalde interrompe novamente dicindo que non está Fente no uso da palabra e non pode intervir. Fente di que por alusións e o alcalde di que non. Nese momento Manuel Diéguez [Inta] intervén dicindo que el propón votar que ten unha reunión. Intervén Javier Medela (PP) que di que ten unha filla de 12 anos e están aquí para traballar. Abstéñense por falta de tempo para estudar o PXOM. Intervén Manuel Varela dicindo que o equipo redactor está disposto a vir. Retruca o voceiro popular dicindo que na suspensión de licenzas facer un plano onde se relacione. Acláreselle desde Inta que é en todo o termo municipal ao que Goyanes do PP di que efectivamente é así. Conclúe Varela dicindo que nos núcleos contemplados no PXOU non habería problema ningún. Onde os haxa e porque está aprobación colide e adaptala á nova Lei do Solo, que é fácil. Van seguir podendo edificar con arreglo ao plano do 85 e en 2 anos a adaptarase á nova Lei e, portanto, <<todo son beneficios, quen queira ver demos onde non os hai é problema del>>.
Procédese á votación, o secretario aclara que polo ROF os 3 votos do PSOE contan como abstención:
A favor: 7 (Inta)
Astención: 2 do PP e 3 do PSOE polo ROF
En contra: 1 de Por Chantada-CUP.
NOTA FINAL:
Como é imposíbel subir aquí toda a documentación referente ao PXOM limitámonos a subir a documentación que se nos transmitiu, o relativo ao PXOM entregoúsenos en soporte electrónico nos prazos xa referidos:
Convocatoria do pleno coa advertencia da secretaría: convocatoria pleno 18.03.2016
Informe previo demoledor da Xunta con data de entrada do 1 de febreiro de 2016, cuxas consideracións ás presas e para cubrir o expediente incorporar en boa medida a empresa: informe previo aprobación inicial Xunta
Acta do pleno de 28 de agosto de 2009 á que se fixo referencia na intervención de Por Chantada: 09.- 28-08-2009
informe de avaliación ambiental 09.10.2014
Informe de avaliación ambiental 18.03.2014
[…] ben saberás o Goberno municipal aprobou o PXOM. Na seguinte ligazón podes ler a crónica do pleno, nestoutra a nosa posición e aquí unha postaxe explicativa. Agora mediante este documento […]
GústameGústame
[…] 4.- Resumo do pleno extraordinario e accidentado para a aprobación incial do PXOM […]
GústameGústame
[…] 4.- Resumo do pleno extraordinario e accidentado para a aprobación incial do PXOM […]
GústameGústame
[…] RESUMO DO PLENO EXTRAORDINARIO (E ACCIDENTADO) SOBRE O PXOM […]
GústameGústame