No marco das xornadas “As figuras de protección medioambiental da UE en zonas de montaña” celebradas en Trives o pasado sábado 16 de abril, as diversas candidaturas de unidade popular da Ribeira Sacra celebramos o noso primeiro encontro abranxendo problemáticas comúns e alternativas para facerlle fronte. Desde un espírito fraternal e de cooperación emitimos o seguinte comunicado:
COMUNICADO DE PRENSA
ENCONTRO DAS CANDIDATURAS DE UNIDADE POPULAR DA
RIBEIRA SACRA
Reunidas durante as xornadas da montaña celebradas hoxe en Trives, as candidaturas de unidade popular da Ribeira Sacra estabelecemos un contacto formal para partillar problemáticas comúns, por exemplo as focadas nas propias xornadas; o catastrazo, que grava a riqueza que non existe, a crise do sector lácteo, que esixe solucións inmediatas; a supresión das denominacións de orixe, entre outras consecuencias letais para a agricultura do TTIP negociado entre os EUA e a UE…
Asemade, mostramos o noso total e absoluto rexeitamento ás agresións presentes e futuras ao noso medio e ás nosas formas de vida, caso do proxecto químico que quere instalarse no Macizo Central e que xa foi rexeitado previamente en Tenerife ou Almería; ou da A-76, unha navallada para a Ribeira Sacra que só beneficiará ás grandes empresas e cun alto impacto ambiental en canto se desmantela o tren de proximidade e fica no ar a candidatura a patrimonio da humanidade, que aínda nin se apresentou após anos de bombardeo propagandístico.
Saudamos e valoramos positivamente o comezo desta coordinación, xa que os concellos da Ribeira Sacra partillamos problemáticas que esixen solucións comúns, a comezar polo caciquismo que agrava a fonda depresión socio-económica e demográfica que abala o presente e ameaza o futuro das nosas veciñas e veciños.
Desde as candidaturas de unidade popular da Ribeira Sacra acreditamos na necesidade de sumar forzas e esforzos para un duplo obxectivo: contribuír a visualizar os problemas do rural e integrar as nosas alternativas e demandas nos procesos máis amplos de unidade popular que están xestándose por todo o país para un moi necesario cambio político desde abaixo e desde a esquerda.
Trives 16 de abril de 2016
Confire aquí o comunicado en pdf.: I Encontro CUPs da Ribeira Sacra en Trives 16042016
[…] Básicos das Mareas en Común, tecendo tamén unidade noutros espazos coas candidaturas afíns da Ribeira Sacra e as da provincia de Lugo que imos xuntarnos novamente o vindeiro sábado día 30 de abril. […]
GústameGústame