O vindeiro luns día 9 de maio celebrarase o pleno ordinario de maio. Desde Por Chantada levaremos a este pleno tres mocións que conteñen propostas achamos que vitais para a nosa vila.
- A primeira das mocións que apresentamos trata sobre mobilidade e o cumprimento da normativa vixente no tocante ás prazas para persoas con mobilidade reducida, sendo elaborada polo Grupo de Traballo de Mobilidade de Por Chantada. É a todo ponto inexplicábel que a estas alturas en Chantada non se cumpra nin coa disposición de prazas suficientes desta natureza nin se respeite en absoluto a normativa aplicábel ás mesmas por parte do Goberno municipal. Unha nova mostra do seu desleixo e incompetencia.
- A segunda das mocións, é unha moción traballada xunto co Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG). Na mesma consideramos de xustiza declarar o sector agro-gandeiro como actividade económica de especial interese e utilidade municipal, impulsar unha nova ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmóbeis (IBI) e solicitamos unha revisión lexislativa para reverter as consecuencias do catastrazo para o rural (mesmo se están denegando bolsas de estudos a familias labregas).
Na proposta íntegra de nova ordenanza que anexamos propomos, entre outras cuestións de relevancia, rebaixar o tipo xeral do IBI rústico ao mínimo legal do 0’3%, aplicar bonificacións a aquelas vivendas que fan esforzos para cumprir coa eficiencia enerxética, a familias numerosas, ou bonificacións entre 90-95% para os inmóbeis ligados a explicacións gandeiras ou núcleos tradicionais do medio rural recoñecidos polo ordenamento urbanístico como tales. Trátase, en suma, dunha proposta de ordenanza fiscal moito máis completa e actualizada que a existente, que mesmo insire certa progresividade e que, de aplicarse, suporía unha baixada deste imposto para máis do 95% dos veciños.
- Tamén apresentamos unha terceira moción con propostas destinanadas a reclamar solucións para o centro de saúde de Chantada, consensuada co propio centro e subscrita xa de inicio tanto pola candidatura de unidade popular canto polo PSOE, xa que consideramos que, dunha parte, hai cousas que están por riba das siglas e dos partidos políticos e, doutra parte, non se pode permitir seguir aforrando en vida para gañar en morte.
Alén do exposto formularemos coma sempre moitas outras cuestións relacionadas con asuntos que nos fan chegar desde a veciñanza, o último aínda onte, ou relacionados coa nosa función fiscalizadora do Goberno atrapado nas vellas inercias da inacción que sempre lle foron propias e que a maioría absoluta só fixo aumentar.
De especial relevancia son a nosa proposta de regulamento para o auditorio municipal ou as nosas consideracións sobre o estado, deficiencias e alternativas para a Casa da música, a raíz dun informe do arquitecto municipal que conseguimos que se fixera mal que ben a raíz dunha proposta que apresentamos en xaneiro. A respecto da proposta sobre o regulamento municipal desde o concelleiro de cultura de Inta fixo afirmacións sesgadas sobre a mesma. Entregámola en xaneiro sen obtermos resposta e primando as asociacións e o seu uso aberto a todas e todos. Publicaremos ambas as propostas xunto co resumo do pleno.
Aprobeitamos tamén para denunciar que a concelleira de servizos socias levase as bases que rexirán o reparto de alimentos só a Xunta de Goberno Local sen contar coas propostas da oposición nin atreverse a debaterse en pleno esta cuestión de vital trascendencia.
#SomosAlternativa #CUPChantada