27/05/2016 Acto aberto sobre o PXOM [resumo]

Este plano ten pouca calidade, descarga os pdf adxuntos para veres melllor
Este plano ten pouca calidade, descarga os pdf adxuntos para veres melllor

Descarga aquí os mapas xerais
PXOM_CHANTADA

PXOM_CHANTADA_SOLO_URBANO

Síntese do acto: Despois de presentar o voceiro de Por Chantada os dous relatores do acto deuse paso á primeira intervención de Mario López Rico, arquitecto e ex-concelleiro de rehabilitación urbana no concello d’A Cruña, invervindo en segundo lugar Ramón Barreiro, avogado do Sindicato Labrego Galego que mesmo estivo en Estrasburgo no Europarlamento, e por último Antom Fente. López Rico centrouse máis no urbanismo enfocado á vila e Barreiro ao rural. Logo Fente fixo unha lectura de aspectos máis centrados na demografía, memoria económica do PXOM, cuestións de detalle e unha lectura política global mesmo formulando alternativas. Por último, producíronse varias preguntas e comentarios desde o público asistente e as conseguentes respostas.

Cartaz pxom

I.- Intervención de Mario López Rico

O primordial é que a fasquía do PXOM non estrague a capacidade produtiva e no caso de Chantada moi pouco máis do que xa hai é preciso, polo que debería centrarse en coidar o que hai. En 2015 había só na vila 8.000 vivendas e cunha estimación conservadora de 2 persoas por vivenda dános unha capacidade de 16.000 persoas, sendo a poboación pouco superior a 8.000 persoas. Nos últimos anos a medida de licenzas de construcións foi de 6 por ano o que nos dá unha idea clara de que as previsións do PXOM proposto son unha barbaridade. É máis, das previsións que se contemplaban na exposición inicial de 2009 non se desenvolveu absolutamente nada polo que contrasta que se manteñan esas áreas de desenvolvemento na súa totalidade (amarelo claro).

Se reparamos, ese amarelo claro é case outro tanto como o que xa hai feito, o cal non ten ningún sentido e está fóra da realidade. Hai que gardar o solo que é un valor que teñen lugares como Chantada. Amais, con esta inflacción de previsión o único que se ten é afán recadatorio para facer pagarlle á xente o IBI urbano e non o IBI rústico. Se el elaborase este PXOM tiraría case todos os amarelos porque nin se desenvolveron desde 2009 nin se van desenvolver moito menos nesta conxuntura. Amais, ve serios problemas de accesibilidade e dificuldades para facer o desenvolvemento urbano que se formula aínda que houbese demanda.

Se algún día se pudesen desenvolver bastaría facer unha moficiación puntual, de feito barcelona é unha das cidades que máis medrou e réxese por un plano urbanístico moi antigo ao que se lle aplicaron sucesivas modificacións.

Tamén ve problemas nos espazos libres sistematicamente ligados á beira do río, que está ben que sexa libre, pois para o que sería moito máis barato a protección fluvial e paisaxística que permiten outras figuras para as contornas fluviais apostando por facer zonas verdes na vila que lle dan beleza e calidade de vida.

Preocúpalle moito a área de desenvolvemento ao pé do casco histórico [por tras da antiga discoteca Kiss/D3] que é do mellor que ten a nosa vila e que se debe preservar, xa bastante se degradou a contorna construínco 6 e 7 alturas. É un mal PXOM, o que debería facer é calificar moito menos solo e apostar por políticas de reutilización da vivenda baleira e rehabilitación da que hai. O PXOM a maiores fala de “desenvolvemento económico” pero non di cal é a pesar de que se xustifica nel para dicir que até o 2032 vanse precisar 2.000 vivendas máis para chegar ás 11.ooo vivendas que nos daría un total mínimo de 22.000 habitantes que nunca os chegou a ter Chantada nin cando tiña máis habitantes que Ribadeo, de onde é el, que hoxe ten algo máis de 10.000 e Chantada pouco máis de 8.000.

É unha fantasmada de plano. Máis agora coa crise económica e demográfica… Se antes non funcinou menos agora. Os planos pódense modificar en calquera momento. Chantada é unha vila que presta servizos para a comarca mais sen agricultura viábel e valores do patrimonio e paisaxísticos non hai futuro e diso nada nos di o plano. Nin de explotar a potencialidade ambiental e deportiva como a pesca sen morte. Tampouco de turismo. A reserva para a autoestrada parécelle enorme. O terciario non se desenvolveu no PXOM o cal chámalle a atención.

II.- Intervención de Ramón Barreiro

Preservar o que temos é, efectivamente, o prioritario. O PXOM é do máis importante que pode aprobar unha corporación e a xente non é consciente da importancia que ten até que vén unha sentenza dalgún tribunal. Isto é política, urbanística, mais política, e trátase de escoller se queremos facer política de destrución e pelotazo ou de coidado, conservación e mellora.

As zonas produtivas e a paisaxe e o patrimonio debera ser o que primara hoxe en día nun PXOM. Evidentemente, ves que neste non é así. É así, nótase que o queren agochar que nin se expuxo en Internet desde o día da aprobación para que calquera poda consultalo con facilidade. Di bastante di quen o fai e quen o xestiona. Con todo, aínda que fose outra xente a situación actual tampouco axuda: a Lei 9/2002 foi modificada pola 15/2004, en 2006, 2008 e 2010. En 2016 a nova lei que entrou en vigor precisamente o día despois de aprobar correndo e trapalleiramente este PXOM.

Do análise da normativa deste PXOM vese que hai cousas a cabalo entre as dúas leis e vaise ter que mudar si ou si porque non vale. A lei que sempre se aplicou é a do ti vai facendo e resume a política urbanística na Galiza e o resultado é o que é. É mellor conservar o que temos e desenvolvelo racionalmente.

No solo rústico o máis importante é como adaptan as distintas categorías de solo á realidade. O problema é facelos co Google Earth, como neste PXOM, sen contar coa xente e cos usos reais que ten o solo no rural. Ten que haber participación da elaboración dun ordenamento urbanístico, senón dificilmente pode ser coherente e asumido pola xente. Temos así ordenacións urbanísticas que é como se as fixesen extraterrestres e que revelan un descoñecemento preocupante do terreo sobre o que están creando unha regulación que lles vai afectar aos seus habitantes. Tamén hai que dicir que a veces o problema é que a xente non participa moito nos poucos concellos que si lle dan oportunidade. Iso si, onde a xente se organiza contra planos moi deficientes como este antes ou despois dan marcha atrás.

Na vertente rural do PXOM é moi importante analizar a parte dedicada á produción agraria, tendo Chantada potencialidade produtiva en sectores moi diversos e relacionados coa alimentación: o mel, o viño, a castaña, a cereixa (aínda que este ano…), a gandeiría… O solo rústico de protección forestal fala no PXOM de masas autóctonas tradicionais e menciona carballeiras, mas non soutos por iso digo entre outras cousas que parece que o fixeron extraterrestres. Unha mostra máis de quen o fixo e a súa filosofía de costas ao tecido produtivo principal da comarca de Chantada. Isto é gravísimo porque non se fixo o máis importante que é a delimitación correcta por áreas de produción, o cal ten consecuencias negativas para os produtores. De feito, o solo rústico de produción agropecuaria é a figura de protección de solo para gandeiría e áreas de produción, diferenciándose do forestal e preservándose da eucaliptación e outras ameazas. Nun contexto que falta terra para as explotacións ou que a teñen que arrendar a varios quilómetros de distancia pola distribución ineficiente da mesma a correcta delimitación do solo rural é vital para as gandeirías. Por iso, incido sempre en conservar, desenvolver e explotar racionalmente e todos deberiades consultar como vos catalogan os terreos e se non se axustan facer unha alegación.

Xa no tocante ás explotacións agrarias, na lei anterior viña a regularización de 2004. Foi importante porque a grande maioría das instalacións estaba feita sen licenza. Este ano a nova Lei modificou algo isto, o máis substancial afecta á ampliación das explotacións existentes saíndo a Instrución 1/2016. O concello pode estabelecer de acordo con isto se se pode ampliar ou non unha explotación fóra de solo rústico no PXOM. Se o concello non di nada non se pode. Este PXOM non está adaptado porque a instrución é posterior aínda. É un aspecto moi importante e nin se informa disto á xente.

A propia normativa estabelece edificacións anexas á vivenda como garaxes ou pallares para maquinaria e forraxes. Só se permiten estas, para animais só pequenas instalacións para autoconsumo e invernadoiros. Por certo, outro disparate deste PXOM e que pon que estes deben facerse ao fondo da finca, cal é o fondo da finca? Iso si unha piscina ou unha instalación deportiva onde se queira. O detalle na normativa se non ten sentido e non está xustificado é un problema.

Problema nos núcleos do rural. Estabelecer ben cales son e onde están os límites. Coidado coas novas áreas de núcleo que teñen o problema de que pagan IBI urbano e agora que sufrimos o catastrazo fannos pagar moito máis por fincas que non deixan de ser rurais, sen uso urbano e moito menos servizos. En Extremadura o Tribunal Supremo deulle a razón a un construtor que se negaba a pagar o IBI urbano por non haber plano de desenvolvemento dunha área, mais ollo no rural non é preciso plano de desenvolvemento polo que se pagaría a urbana desde o primeiro día. Moito coidado con ese tema. Se o ides empregar para construír inminentemente mellor que volo quiten. Ser progresistas en todo menos nisto, que temos que conservar todo o bo que temos.

Logo tamén hai que ver outras categorías protección como augas, patrimonio, rede natura-LIC Monte Faro que implican informes sectoriais basicamente e con limitacións variadas.

III.- Intervención Fente

Fala da hª do PXOM para o que vos recomendamos estoutra entrada desta bitácora: “O PXOM e Chantada. Cronoloxía dun desastre“. Troúxose as carreiras. Sen documentación previa na comisión informativa. Pleno bronco. Nin Inta nin o arquitecto coñecían ben o contido do plano. Sen actos nas parroquias e o que se fixo en Chantada un luns ás 4 da tarde. Non vén a empresa como en Taboada. Copia partes íntegras do de Sober. Tense no segundo andar do concello onde nin é accesíbel e sen persoal axeitado para solventar as dúbidas dos cidadáns. Na web só algunhas partes e desde o mércores desta mesma semana cando o 9 de xuño remata o prazo de alegacións. Para conseguir o plano íntegro, aínda onte, vímonos negros. Un 0 en transparencia e información pública.

Hoxe hai xa máis de 30% de vivenda baleira só na vila. Non hai a necesaria posta en valor e protección do turismo e da natureza e logo enchemos a boca coa Ribeira Sacra e o turismo. É un PXOM para recaudar con unha sobredimensión de solares que é un disparate e cunhas previsións demográficas e económicas que son totalmente disparatadas (explica porque non son axustadas a realidade), onde por exemplo se prevé recaudar 13 millóns de euros por este plano. Hai intereses particulares tamén, sobre todo nas zonas de terciario (o azul de Pousada e o azul da estación de autubuses-mercado gandeiro). Estas cousas hai que dicilas. O PEP é papel mollado e recolle que dana o tráfico rodado a estrutura dos edificios históricos e que debía peonalizarse. Que por riba de Santa Ana fique como solo rústico é unha decisión política para logo deixar construír por riba da curva do Peto de Centulle, deformando aínda máis a malla urbana e afondando no modelo de desenvolvemento anárquico e irracional encarecedor do servizo propio de estados pouco desenvolvidos. Hai intereses e hai política que non lle voten a culpa á Xunta, que bastante tropelías lles permite se lemos a sentenza recente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que tombou, non unha parte, senón a integridade do PXOM de Abegondo en boa medida por unha memoria económica e unha previsión de solo e demografía menos disparatada que a de Chantada, mais disparada ao fin. Naquel caso foi unha Plataforma de afectados que de facerse aquí con toda seguridade faría inviábel que este plano vise a luz do día pois remataría gañando o contencioso-administrativo co concello. Non só gastaron os cartos de todos durante 30 anos para nada senón que agora sácano ás caladas para beneficio de 30 ou 40 e non dos 8000 que aínda resistimos aquí, para que logo nun contencioso llo botemos abaixo e con cartos de todos haxa que pagar as costas do xuízo e quede todo en nada. Por non falar de que os informes sectoriais foron demoledores e vano seguir sendo polo que mudará sobre 40% do actual PXOM sen que volva haber novo período de participación cidadá.

Para máis info e dados concretos podedes consultar a intervención de Fente no pleno extraordinario de marzo en que se aprobou o PXOM inicialmente: https://porchantada.files.wordpress.com/2016/03/intervencic3b3n-por-chantada-cup-sobre-aprobacic3b3n-inicial-do-pxom-19032016.pdf

IV.- Debate

  • Xaquín: Solares en moi boa situación sen edificar sobran xa actualmente. Di que paga un IBI tremendo. Que se engana á xente porque esta non e´unha crise coxuntural e a construción non vai volver. Manter o que temos e coidar a paisaxe. Manter os valores. Pide racionalidade e non o mundo da burbulla.
  • Mario: meteúselle á xente unha mala cultura de que á propiedade hai que sacarlle un interese especulativo. Europa leva todas as de perder e onde ten algo que dicir é se preserva a comida e a soberanía alimentar. Contra o TTIP. Galiza nos séculos XVI-XVIII coñeceu un auxe espectacular da poboación e do benestar polo cultivo do millo americano e da pataca.
  • Olga: hai núcleos sen catalogar. Río en Arcos. Souto en Arcos… Fente di que o seu tampouco está.
  • Ramón: Os que hai convén recoñecelos sobre todo os que están sen licenza para evitar quedar fóra de ordenación. Dentro que se recolla todo. O mínimo é preservar o existente. Diferenciar tamén o núcleo rural do núcleo histórico rural. Os núcleos que non aparecen facer alegacións e que recollan o que existe. Se as fan as asocacións mellor.
  • Fente recomenda neses casos facer unha alegación xeral desde a asociación e logo outra con cada caso particular ao estaren obrigados a responder por escrito, non custarnos un peso e sentar precedente como demanda á administración en caso de contencioso.
  • Olga pregunta polos hórreos e se queda toda a finca afectada.
  • Ramón di que toda actuación nesa finca require informe, neste caso de patrimonio, dá igual o estado do elemento patrimonial simplemente ao estar no catálogo… é moi fácil “protexer” sen dotar de medios económicos.
  • Fente engade que fixeron o catálogo de hórreos desde a estrada que faltan moitos e algúns non deberían estar no catálogo, por exemplo se teñen menos de 100 anos e materiais na construción como tixolo. Non aparecen os muíños, agás o da Alameda nin moitos elementos patrimoniais. Falta unha árbore senlleira catalogada para a primeira. Logo falamos de turismo e da Ribeira Sacra. Non inclúe o inventario de camiños público e iso que lle lembramos varias veces que hai un Real Decreto que lles obriga.
  • Palleiro di que é unha barbaridade non incluír os muíños. A lei do vai facendo é o pior. En Abral quedan 5 casas e 3 vacas en todo o lugar. Pero a el este PXOM dálle a hostia de  solares. Para pagar porque para outra cousa… Un PXOM que non fale das vacas e como lle damos futuro ao agro non vale para nada en Chantada. Este é o terceiro intento. O PXOU do 85, do que vos pode falar tamén Vitor Árias aquí presente, é o segundo logo do plano da década de setenta o primeiro da provincia de Lugo no seu momento. O do 85 prevía unha vila de 48.000 habitantes. Non aparecen núcleos rurais. Cada reforma dsde o 85 contemplaba aínda aumentar alturas. A hostia de vivendas con 2-3 prantas máis das previstas.
  • Ana. Chantada case a tiraba toda e a volvía levantar. Levo aquí 13 anos e toda a vida con este plano. Para a gandeiría inseguridade xurídica total: PXOM, Lei do SOlo, Lei forestal… se te guías por todo tes que fechar a explotación. Agora multas de 21.000€ pola zona de Sarria por pasar de solo forestal a agrario. Claro vai facendo até que che dan o pau e o que ten amigo safa e os parvos pagamos. Volvemos aos tempos dos “amigos en Lugo”. Leis poucas e que se cumpran.
  • Palleiro. 60-70 anos normas urbanísticas que son leis penais arbitrarias e iso vai custar moito mudalo porque se instalou na mentalidade da xente.
  • Ana. Para os coñecidos claro.
  • Ramón. A modificación continuada das leis é unha tolaría. En que país vivimos? A Lei nova é moi aberta e depende de quen a interprete, senón obrígante a ir ao contencioso. Quedas a dispor do funcionario que che certe. É esquizofrénico.
  • María. Pregunta por un dos sectores terciarios xa que sente que foi estafada pagando a urbana moitos anos, loitando polos servizos para que agora se recalifique para beneficio de intereses dun membro da corporación.
  • Mario. A nova lei deixa en mans do cacique de turno máis discrecionalidade. Ao mellor aquí tedes sorte e tedes un alcalde bo, que polo que vin do PXOM penso que non é o caso, mais non pode ser que a aplicación da lei dependa dunha persoa e a súa disposición e competencia.
  • Jorge. Pregunta polos tipos de núcleo rural e o consolidado.
  • Ana R. Ampliar explotación.
  • Ramón explica a Instrución 1/2016. Distinguir entre dentro de núcleo rural (máx. 50% e se o concello o recolle no PXOM neste non se recolle aínda nada) e fóra do núcleo rural en solo rústico. Recomenda onde se poda facer alegación para que quede en solo rústico. Non tivo tempo de mirar no aspecto técnico as cargas que debe asumir o concello e as que debe asummir o propietario, se se axustan á Lei.

 

3 comentarios en “27/05/2016 Acto aberto sobre o PXOM [resumo]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s