[PXOM] Informe sobre a rúa Taboada

Por Chantada - Participación Democrática Directa

Pódese enganar a todos pouco tempo, pódese enganar a algúns todo o tempo, pero non se pode enganar a todos todo o tempo.

A canle local  de televisión, Televinte, retransmitiu unha petición veciñal para a modificación do PXOM nas rúas do Rego e Taboada. Con tal motivo a canle tamén entrevistou ao alcalde Manuel Lorenzo Varela, por certo nas mesmas datas en que asinou o Decreto polo que se crea a nova dedicación parcial que vai custar máis de 24.000€ ao concello de Chantada. Unha dedicación para Diego Otero Veiga tal e como adiantamos no pleno de xaneiro, aínda que Varela o negaba e se negou a dar nomes…  No vídeo, que pode verse a continuación, Varela fai unha serie de afirmacións respecto das cales cómpre facer as seguintes aclaracións porque xa está ben de mentir e intoxicar aproveitándose da falta de coñecementos urbanísticos da maioría da veciñanza.

1º) A carón da rúa Taboada existe un terreo que foi cedido pola familia Soto ao concello de Chantada, sendo alcalde  Sergio Vázquez Yebra no ano 1984. A imaxe reflite ese acordo que se plasma, deseña e aproba no PXOU de 1985. En virtude deste acordo constrúese un edificio de 5 andares nesa zona na intersección da rúa Taboada coa avenida de Lugo. Na primeira das estipulacións do documento asinado o 24 de abril de 1984 lemos (FIG. 1 e FIG. 2):

13451088_656427394511443_992844764_n
FIG. 1
13419236_656427937844722_1723029669814435799_n
FIG. 2

2º) A cambio da cesión de dito terreo, como xa dixemos, o concello de Chantada acepta permitir a construción de 63 vivendas de 100 m2 nunha superficie de edificación de 7.952 m2 (5 andares: baixo máis 4 andares) nos seguintes 8 anos á aprobación do PXOU de 1985  (1985-1993). Por outras palabras, todos os actores gañaron. O concello gañaba unha zona verde de 4.980 metros cadrados (este dato é moi importante) e os propietarios podía construír 63 vivendas.

3º) Tamén na FIG.2 faise mención a un plano onde aparece a superficie verde de 4.980 metros cadrados que aínda é de titularidade municipal a día de hoxe. Ese plano recollése no PXOU é o que segue (FIG. 3) estando representada a zona verde con círculos e figurando tamén un vial que uniría as avenidas de Monforte e Lugo e que nunca se desenvolveu. Entre ese vial e o terreo cedido ao concello figura a propriedade actual do construtor.

Do outro lado da rúa unha zona verde que non se respectou e que hoxe contén elementos altamente inflamábeis en pleno centro de Chantada, contra toda lóxica ao estar no PXOU 1985 (lembramos que vixente até a a aprobación do novo) como zona verde… como é que pasa de ser zona verde a solo urbano consolidado agora sen ningunha contraprestación para a cidadanía (por exemplo a ampliación das beirarrúas nesa parte da rúa Taboada)?

O espazo verde situado na marxe esquerda da rúa Taboada en sentido ascendente suprímese e pasa a ser edificábel cun fondo de 16 metros e 4 andares de altura, un incremento enorme da edificabilidade suprimindo unha zona verde, que se recalifica a solo urbano consolidado sen ningunha contraprestación e en detrimento da calidade paisaxística da contorna urbana do noso ámbito vilego. Con todo, imos centrarnos na marxe dereita en sentido ascendente, na propiedade municipal, mais queremos que se vaia vendo até onde é inefando este PXOM.

01.- PXOM. Vixente
FIG. 3

3º) Neste 2016 un empresario da construción local, que adquiriu no seu día o terreo contiguo ao de propiedade municipal por un prezo moi inferior ao que tería un solar ao non poderse construír nel (aprox. 60.000€), intentou anexionarse a parte pública. A cuestión saiu en pleno e Varela dixo que estaba negociando co construtor e que se nos informaría cando correspondese… Tal opacidade é, cando menos, preocupante e non consta que o concello respondese á demanda do construtor con firmeza, estando disposto a defender a titularidade pública nun contencioso dun terreo de alto valor de cambio, pola súa ubicación, e de alto valor de uso, como zona verde ou libre a carón de edificios dotacionais tan importantes como o auditorio municipal, o edificio de usos múltiplos, Televinte ou o xulgado. De feito, ese terreo estase empregando como aparcadoiro improvisado na actualidade.

4º) Pouco despois, na véspera da entrada en vigor da nova Lei do Solo de Galiza, o Goberno de Inta aproba en solitario o PXOM de Chantada aprobeitándose de que a lei electoral outorgoulle a maioría absoluta con tan só o 45% dos votos emitidos e sen ter entregado a documentación relativa ao PXOM con anterioridade á Comisión Informativa. Como fica a rúa Taboada neste novo PXOM (FIG. 4)?

Zona verde Rua Taboada Plano001
FIG. 4

5º O primeiro que observamos na FIG.4 é que as zonas verdes de 1985 desaparecen e a propiedade municipal subsúmese nunha das denominadas como áreas de reparto no PXOM, concretamente a área de reparto D1-AR-03. Mais, que é unha área de reparto? É unha superficie que sen ser zona urbana consolidada permite a través dun plano parcial ser desenvolvida urbanisticamente. Sorpresa! O terreo que se mercou a un prezo baixo aparece recalificado  e mesmo se suprime a ordenación detallada de viais e espazos verdes que contemplaba o PXOU de 1985 sen ningunha xustificación e, en palabras de Varela, habería que fiar todo á incertidume dun desenvolvemento posterior…

Por outras palabras, o alcalde pídenos aos cidadáns un acto de fe na súa palabra a que tantas veces faltou cando todos os indicios apuntan ao que apuntan e cando sabemos como foron para o interese xeral outras negociacións feitas polo señor Varela como os eólicos ou a rúa Xoan XIII. Amais, non debera aproveitarse tamén a titularidade pública do terreo para ampliar as beirarrúas da rúa Taboada e non deixar os exiguos 8 metros desde a notaría? Nótese que na parte baixa da rúa amplíase o vial mesmo por riba dunha edificación existente, hai cidadáns de primeira, de segunda e terceira en Chantada?

A maiores, o PXOM ten a obriga de estabelecer unhas regras xerais para ese hipotético desenvolvemento da área de reparto D1-AR-03 que contempla (FIG. 5):

Zona verde Rua Taboada Ficha002
FIG. 5

6º) O primeiro que chama a atención na FIG. 5 é que dos 4.900 metros cadrados que tiña o concello en 1985 agora só se contemplaría unha zona verde de 2.500 metros cadrados polo que o concello perdería a metade da superficie e, aínda por riba até se permítese que a zona verde se vincule ao carón do río Asma. Curiosamente, disto non nos di nada o señor Manuel Varela, só que “os cidadáns poden estar tranquilos”.

Por exemplo, noutras áreas de reparto, por exemplo a D1-AR-06 e D1-AR-10, xa se debuxan nas propias áreas de reparto as zonas verdes e até novos viais, o cal tería todo o sentido no presente caso.  No caso de D1-AR-10 refírese a zona que está en fronte ao bar Tropic que, en caso de desenvolverse, leva a zona verde asociada (FIG. 6). No tocante a D1-AR-10 encóntrase fronte ao bar Silt e contempla xa non só unha zona verde senón tamén novo vial que a une coa outra zona de desenvolvemento paralela: D1-AR-05 (FIG. 7).

Que demostra isto? Que o feito de non marcar como zona verde a parcela de titularidade municipal é unha decisión política que, polas palabras do propio Varela, se debe a supostas “negociacións” con empresarios, nada transparentes nin beneficiosas para o interese xeral polo que intuímos.

D1-AR-10
FIG. 6
D1-AR-05
FIG. 7

Seguro que podemos as chantadinas e os chantadinos estar tranquilos cando temos un PXOM do que nos esconden cousas tan graves e serias como estas? Canto vale a palabra de INTA e do señor Varela? Seguro que menos que os decretos que aprobou ás agochadas para unha dedicación de 25.000€ e o pago de multas por velocidade con cargo a fondos públicos…  Ao mellor  refírese á tranquilidade de INTA coas eivas da Casa da Música, incapaces de pedir en 5 anos de goberno un informe do técnico municipal até que se fixo pola nosa iniciativa… Ou falarán da flema coa que votaron en contra da nosa proposta para baixar o IBI, bonificar instalacións agro-gandeiras e aplicar bonificacións para familias numerosas?

#SomosAlternativa  #CUPChantada

 

Outras novas na páxina de Por Chantada-CUP relacionadas co PXOM

ALEGACIÓNS-TIPO PARA O RURAL

RESUMO DO ACTO DE POR CHANTADA SOBRE O PXOM

O PXOM E CHANTADA: CRONOLOXÍA DUN DESASTRE

RESUMO DO PLENO EXTRAORDINARIO (E ACCIDENTADO) SOBRE O PXOM

ALGUNHAS RECOMENDACIÓNS E INSTRUCIÓNS PARA FORMULAR ALEGACIÓNS AO PXOM

INTERVENCIÓN DO VOCEIRO DA CUP, ANTOM FENTE, NO PLENO SOBRE O PXOM (PDF)

DECLARACIÓNS DO VOCEIRO DA CUP EN TELEVINTE SOBRE O PLENO DO PXOM (YOUTUBE)

MAPA XERAL SOLO URBANO

MAPA XERAL SOLO RURAL

 

Un comentario en “[PXOM] Informe sobre a rúa Taboada

Deixar un comentario