MOCIÓN DE POR CHANTADA-CUP para a posta en marcha do Consello da Área de Monforte de Lemos

Por Chantada - Participación Democrática Directa

 

Confire aquí a moción íntegra en pdf.: MOCIÓN POR CHANTADA. Consellos de saúde

Moción de POR CHANTADA-CUP para a posta en marcha do Consello de saúde da área de Monforte de Lemos

Exposición de motivos

En reiteradas preguntas, rogos e mesmo mocións viñemos expondo o devalo continuado da atención sanitaria no concello de Chantada, froito das políticas do PP desde a Xunta de Galiza. Un PP que, desouvindo á OMS ou á OCDE, inviste só 13% do gasto total en sanidade na atención primaria e, xa que logo, moi lonxe do 25% que propoñen eses organismos para que as zonas rurais non se vexan afectadas.

Infelizmente, a falta dun servizo sanitario axeitado e próximo pon en risco a saúde da nosa veciñanza e é máis unha causa de despoboamento. A Lei 8/2008, do 10 de xullo no seu artigo 25 recolle que «Os consellos de saúde de área son os órganos colexiados de natureza consultiva a través dos que se artella a participación comunitaria no terreo das áreas sanitarias».

O 7 de outubro de 2010 apróbase o Decreto 168/2010 estabelecéndose unha nova estrutura organizativa de xestión integrada perdendo a súa independencia a área de Monforte pasando a depender de Lugo. Tema xa coñecido e tratado en diversas ocasións. Unha estrutura onde se integran nunha soa organización os distintos niveis asistenciais existentes. Este novo decreto, e polas informacións ás que tivemos acceso, paraliza a creación, ou o funcionamento, en caso de que aínda non se crearan, dos distintos consellos de saúde de área.

Antes da aprobación de dito decreto, os concellos da área de influencia do Hospital Comarcal de Monforte, tiñan un representante en dito consello, de feito o Concello de Chantada estaba representado nas reunións, así como diversas asociacións (empresariais, veciñais, etc), sindicatos, colectivos sanitarios, etc.

Se no pasado pleno unha das pegas á moción que impulsamos en defensa da sanidade e do centro de saúde era que certos aspectos debían reclamarse mais ben no parlamento da Galiza e non no concello de Chantada (obviando dito sexa de paso que sendo un partido independente local si levamos esta cuestión ao parlamento galego en máis dunha ocasión, a diferenza de Inta), resulta que a posta en marcha do consello de saúde, en que a institución local teña voz e voto, é unha tarefa pendente e na que aínda non se deu ningún paso desde o Goberno local. Novamente o desleixo na defensa dunhas políticas ao servizo da maioría social e na defensa dos dereitos básicos.

Aínda o pasado 19 de xaneiro, deste ano 2016, mantivo a súa reunión constitutiva o Consello Municipal de Saúde a petición da Plataforma Sanitaria de Santiago e como aposta firme e decidida de gobernos desa comarca sensibilizados coa importancia dun servizo sanitario de calidade, público e universal. Desde xeito reactivouse este consello paralizado desde 2006 e que xa reclamou, entre outras actuacións, a elaboración dun Plano Galego contra o Suicidio, solicitarlle ao CHUS unha equipa para a atención ás persoas sen teito.

Outra lei que podería invocar o Goberno municipal, de ter vontade e a pesar do seu desleixo até o momento presente, é a Lei Xeral de Sanidade 14/1986 cun artigo 53.2 no que alude á Xunta e a área de saúde, debendo garantir a primeira a efectiva participación da cidadanía nas decisións que afecten á súa área.

Polo exposto, consideramos de vital importancia loitar pola posta en marcha deste consello para, entre outras cuestións urxentes, facer unha xestión máis eficaz, numerosa e ordenada das ambulancias, así como traslados directos sen transbordos de pacientes por competencias ou trámites absurdos.

Agardamos presupor correctamente, que a prioridade do pleno de Chantada é preservar e loitar polos dereitos sanitarios da veciñanza, algúns xa perdidos, e que o acontecido no pasado pleno foi unha negativa puntual. Agardamos presupor correctamente que van defender esta postura, con vehemencia e acuse de recibo, diante do Xerente de Xestión Integrada (EOXI Lugo-Cervo-Monforte) e diante da Consellaría de Sanidade. Agardamos presupor correctamente que, vendo os servizos sanitarios cada vez máis degradados para a veciñanza de Chantada, todos os concelleiros desta corporación consideremos imprescindíbel aprobar esta moción e esixirlle á Xunta que, cando menos, o que se aproba e saca no DOG se cumpra.

Así pois, desde a candidatura de unidade popular Por Chantada SOLICITAMOS ao pleno da Corporación municipal de Chantada que adopte o seguinte ACORDO:

1. Instar ao Equipo de Goberno á trasladarlle esta Moción ao Xerente de Xestión Integrada e á Consellería de Sanidade solicitando que empecen a funcionar ou ben se creen os Consellos de Áreas de Saúde, e non quede en papel mollado o que eles mesmos aprobaron.

2. Instar ao Equipo de Goberno a loitar pólas necesidades sanitarias das nosas veciñas/os facendo aquelas xestións necesarias ante o Xerente de Xestión Integrada Lugo-Cervo-Monforte e ante a Consellaría de Sanidade para constituír o CONSELLO DE ÁREA DE SAÚDE e priorizar as asistencias en zonas afastadas dos Hospitais Comarcais.

3. Instar á Corporación Municipal do Concello a loitar póla recuperación de servizos sanitarios xa perdidos como unha das quendas de fisioterapia, que se foi para Monterroso no seu día, ou un servizo suficiente de ambulancias para as urxencias así como un financiamento suficiente e axeitado para a atención primaria.

4.- Impulsar desde o concello de Chantada a creación dun Foro polos Servizos Públicos onde participen todos aqueles concellos da Ribeira Sacra que o desexen co gallo de deter o continuo devalo dos nosos servizos públicos.

En Chantada, a 4 de xullo de 2016

Antón Fente Parada, portavoz de Por Chantada-CUP

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s