Descarga o texto íntegro da moción en pdf.: Moción sobre o uso de produtos fitosanitarios
Antón Fente Parada, portavoz do grupo municipal POR CHANTADA-CUP apresenta para o seu debate no pleno do concello de Chantada a seguinte MOCIÓN SOBRE O USO DE PRODUTOS FITOSANITARIOS e procurando suscitar o apoio de toda a CORPORACIÓN elaboramos a EXPOSICIÓN DE MOTIVOS que segue:
O vindeiro día 29 de xullo a candidatura de unidade popular Por Chantada organiza unha xuntanza informativa sobre as mudanzas na normativa dos produtos fitosanitarios, concretamente no que atinxe ao Real Decreto 1311/2012, coa presenza dun funcionario da Consellaría de Medio Rural. Dado o interese suscitado noutros concellos, por actos análogos impulsados polas CUP’s da Ribeira Sacra, consideramos transcendental axudarmos a clarificar as dúbidas que poidan ter os usuarios dos produtos fitosanitarios perante a evidente falta de información.
Desde o 26 de novembro do ano 2015 é obrigatorio estar en posesión do carné de “manipulador de produtos fitosanitarios” para mercar ou empregar produtos fitosanitarios. O RD 1311/2012 estabelece que o «agricultor profesional» está obrigado a ter este carné, igual que calquera persoa non profesional pode aplicar produtos, mais sempre con envases especiais e cun custe superior, gravados polo 21% do IVE.
Para alén disto, o RD de 2012 implica obrigas e requisitos para o usuario, que deben coñecer e saber aplicar: caderno de explotación, saber como se lavan as máquinas aplicadoras, transporte seguro dos produtos, almacenamento, distancias de aplicación a cursos de auga, entrega dos envases na casa comercial subministradora, actuación perante derrames…
Desde o ano 2009, cando se aproba polo parlamento europeo a Directiva-Marco para o uso sostíbel dos praguicidas e, especificamente, desde o RD 1311/2012, a Xunta de Galiza tiña a obriga de prepararse para o escenario actual, mais non realizou campña informativa algunha e agora vese na obriga de remendar a situación coa Resolución do 4 de maio de 2016 da Consellaría de Medio Rural.
Para mais INRI, desde outubro de 2015 até marzo de 2016, a Xunta de Galiza non ofertou nin permitiu ofertar cursos para obter o carné por suposta falta de demanda e nin tan sequera autorizaba a modalidade en liña.
En consecuencia, no ámbito rural da Ribeira Sacra que precisa deste carné para o uso de produtos fitosanitarios recorreuse aos cursos ofertados pola empresa RABCOR 2014 SL en Castela e León, empresa que impartía a parte presencial dos cursos na fin de semana, tanto no Bierzo como en Zamora, por entre 100 e 150 euros. Igualmente, verifícase unha falta de puntos de ITV suficientes polo que seguramente non sexa posíbel finalizar a inspección de sulfatadoras de máis de 100 litros antes de novembro de 2016, data límite de acordo coa lexislación.
Os produtos fitosanitarios, nomeadamente os que levan glifosato son moi perigosos para o ambiente e a saúde, polo que é precisa formación específica para a aplicación con cautela e limitando ao máximo o seu uso. Cómpre lembrar que o concello adotou por unanimidade unha Moción para prohibir o emprego de herbicidas para usos non agrarios no concello de Chantada no pleno ordinario de setembro de 2015. Aínda así a plena luz do día usouse un produto aínda non identificado desde o concello e polo que xa preguntamos no pleno ordinario de maio.
A sociedade debe tomar en conciencia esta cuestión, pois trátase de preservar o medio e de evitar graves problemas sanitarios, ao tempo que se da un tratamento axeitado ás plantas cando o precisen, por iso desde a sociedade civil a Plataforma #NonNoMEuNome impulsa unha campaña para reclamarlle ao concello de Chantada que non empregue glifosato e vixie polo correcto emprego dos produtos químicos: https://nonnomeunome.wordpress.com/
A iniciativa xa foi asinada por eurodeputadas, deputadas, alcaldes, concelleiros e cidadáns o cal dá idea da repercusión e preocupación que suscita entre os cidadáns e segue aberta a novas adesións.
Polo exposto, desde Por Chantada-CUP propomos a adopción do seguinte ACORDO:
1.- Instar á Xunta da Galiza a impulsar unha campaña informativa no territorio da Ribeira Sacra sobre a normativa de uso e aplicación de produtos fitosanitarios.
2.- Dirixirse á Xunta de Galiza, ao Sindicato Labrego Galego e a Unións Agrarias para que promovan cursos na zona da DO Ribeira Sacra sobre a loita integral contra as pragas, coa filosofía dun manexo eficiente dos produtos fitosanitarios e como elementos de último recurso. A tal efecto o concello brindará locais e medios para a difusión axeitada destas actividades.
3.- Regular especificamente no concello de Chantada, de acordo coa moción aprobada por unanimidade xa en setembro de 2015, que a limpeza de gabias nas estradas se realice por parte das administracións implicadas mediante o rozado mecánico e se prohiba o uso de praguicidas con glifosato.
4.- Dar traslado destes acordos á Deputación Probincial de Lugo, por ser a administración competente no mantemento das estradas provinciais.
Antón Fente Parada, voceiro do grupo municipal Por Chantada-CUP