[Crónica] Pleno ordinario de xullo de 2016

 

Por Chantada - Participación Democrática Directa

 

O de xullo é o pleno ordinario no que o Goberno chega co chip das ferias, pois é o previo ás vacacións oficiais do alcalde e, habitualmente, ten escasa carga. Isto determinou tamén a súa brevidade. Comezando ás 20:04 horas e rematando sobre as 23:00 horas. O concelleiro do PP Manuel Javier Goyanes incorporouse co pleno xa comezado e o de INTA Diego Otero Veiga non asistiu ao encontrarse de vacacións en Sevilla, a pesar de comezar a traballar aínda o día 1 de xuño, o que xunto á negativa de Manuel Varela de facer públicas as súas funcións, amparándose na maioría absoluta con pouco máis do 40% dos votos, é unha evidente falta de respecto á cidadanía de Chantada e unha concepción da política a desterrar.

A continuación damos unha detallada crónica do mesmo.

1.- Actas anteriores, correspontens ás sesións do 9 e do 31 de maio de 2016

ACTA PLENO 09.05.2016 completa

ACTA PLENO SORTEO 31 DE MAIO DE 2016

Non se fan observacións. Apróbanse por unanimidade (11 a favor).

2.- Regulamento de utilización do auditorio municipal de Chantada. Resolución de reclamacións e aprobación definitiva do texto

REGULAMENTO AUDITORIO DEFINITIVO

O secretario di que se se aproba vai ao BOP. O PSOE anuncia que o apoia como xa fixo en maio. O PP a tamén a favor.

Desde a CUP dicimos a pesar de que se nos denegase a ordenanza que solicitamos para regular a cesión dos espazos públicos,  aínda na XGL de 7 de xuño vemos como hai danos no mercado gandeiro por valor de 412’61€ e resulta máis que evidente que hai que garantir un uso racional e con garantías do espazo público. Con todo, como xa adiantamos na alegación, non ía ser isto óbice para apoiarmos a proposta.

No entanto, existen outros aspectos que tampouco se tiveron en conta. Entre estes, un dos máis importantes é a exclusión das asociacións (veciñais, culturais, xuvenís…) e da lingua galega do artigo 5º “Criterios de utilización”. Pouco importa logo dicir que se valora noutro artigo, creo que o 9º, se non se ten en conta no baremo da concesión e o mesmo ocorre coas asociacións. Chama a atención a mención no artigo 15 á policía local, cáseque superflua e sen aclarar cales son esas competencias e funcións que “corresponden”.

Con todo, aínda non satisfacendo todas as demandas que consideramos debera incluír este regulamento imos votar a favor en recoñecemento da actuación da área de Cultura aberta a propostas e ao diálogo. Iso si, lamentamos que Cándida Carnero non seguirse o mesmo criterio nos alimentos e emprazámola a que reflexione e traia esa cuestión ao pleno.

Varela di que non misturemos allos con cebolas, que non ten nada que ver o auditorio cos alimentos. E agradece o apoio dos portavoces da oposición.

Unanimidade (11 a favor).

3.- Festas Locais 2015

FESTAS LOCAIS 2017

Varela di que se pode estudar outras propostas “para o ano”. Raquel di que se pode estudar doutra maneira para o ano, aínda que as alternativas non son fáciles e iso xa se dixo o ano pasado. Campelo na mesma liña que a súa compañeira, de estudalo para o ano. A CUP apoia e absténse de comentar nada ao respecto [o PSOE ou nós o ano pasado, por exemplo, propuxemos o Entroido Ribeirao, mais a pretensión enunciada na comisión por Varela é fixar sempre a empanada e o Faro en detrimento do San Lucas].

Apróbase por unanimidade (11 a favor).

[O recurso do “para o ano” semella xa o retrouso dunha canción da Roda: Sempre andas decindo pro ano que ven,/
e chega outro ano, e pasa tamén,/e pasa tamén, e pasa tamén,/sempre andas decindo pro ano que ven”].

4.- Bonificación do ICIO liquidado en licenza de obras de adega no parque empresarial dos Acivros

BONIFICACIÓN ICIO

O secretario di que se pagou a liquidación correspondente e que, se o pleno o acorda, aplícaselle a bonificación preceptiva do 90%.

Varela comeza falando. Di que lle hai que dar unha volta a este tipo de bonificación. Neste intre ao estar aprobado non pode ser doutro xeito.

O PSOE pide unha mesa de traballo para revisar estar bonificacións. Hai outros casos da mesma relevancia nos que non se aplican estas bonificacións. Aínda así apoíana como sempre fixeron.

Varela contesta dicindo que sería fácial, tense dado conta de casos no casco antigo de xente que non ten necesidade de bonificacións. Non sabe se se poden facer discriminacións por patrimonio.

Desde a CUP dise que non ao ser un imposto directo regresivo que como tal non permite aplicar progresividade nin tramos de renda. Dous meses despois de negarse esta Corporación a aprobar a nosa moción para declarar de especial interese municipal o sector agrogandeiro, que incluía unha proposta integral de modificación da Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmóbeis para aprobar bonificacións a familias numerosas, para mellora da eficiencia enerxética ou bonificacións de 90 e 95% para o medio rural… ou sexa, toda vez que se negaron a introducir a estreita marxe que permite a lei para aliviar a carga impositiva a quen máis o necesita e toda vez que se negaron a aceptar ter unha ordenanza do século XXI e non do XIX aparece esta proposta de bonificación do ICIO do 95%…

Mais deixemos que falen os datos. Neste caso unha adega paga 9.038’69 de ICIO, mais coa aplicación do 95% de bonificación vai pagar só 361,55€ e un total de taxas de 813,49€. Até aquí en contra do dito estamos de acordo e pode xerar certa carga de traballo. [Varela di que habería que ver o trabalo que xera e que a moción non se podía aprobar sen estudar primeiro]. Retrucamos que deberían coñecer as magnitudes económicas e que para o que queren hai cartos.

[Varela di que non misturemos allos con cebolas] Non misturamos nada, o IBI ou o ICIO son impostos directos e de impostos e progresividade estamos falando, vendo aquí un claro caso de desproproción e discriminación do sector gandeiro, xa que non se procédese do mesmo xeito noutros sectores, cando menos, tan importantes se atendemos ao tecido económico-social realmente existente no concello de Chantada. Novamente, que falen os datos, datos que saen da acta da mesma XGL en que figura o caso que agora temos que votar (21/06/2016):

a.- Expediente G160/2016, licenza de obra maior para ampliación de establo. Aquí non hai bonificacións para ampliar unha explotación nun castigadísimo medio rural: 1.146’49€.

b.- Expediente G175/2016, licenza para cubrir unha foxa de xurro. 915’42€.

c.- Expediente G357/2016, licenza para restaurante no rural: 914,32€

Os números volven darnos a razón e subliñan a pertinencia da nosa moción no pasado pleno, o cal non quere dicir que sexamos contrarios a que se aplique a bonificación no presente caso. Lonxe de axudar ao medio rural aplícaselle unha política fiscal discriminatoria. E xa non vale a escusa do plano de axuste, provocado por vostedes mesmos non o esquezan… [Varela volve interromper dicindo que imos votar e como a CUP vota a favor di que para que nos queixamos]. Retrucamos que non estamos en contra de outorgar esta bonificación senóns de aplicar xustiza e igualdade no trato e non discriminar o sector primario, vital para Chantada. [Por non falarmos de que o comodín do non hai cartos cando lle interesa a INTA non se sostén cando veñen de aprobar unha nova dedicación parcial de 25.000€; cando xa van aló 7 meses das facturas do Expediente de crédito 1/2016, sendo agosto un mes inhábil e tardando o Consello Consultivo máis de 3 meses polo que rematarán pagando 60.000€ só en xuros de demora se van polo contencioso as empresas; cando se negan a substituír a contratación a dedo por procedementos de contratación aberta; cando non se convocou a comisión do leite pasado un ano da súa aprobación; e así seguido].

Aprobado por unanimidade con 11 votos a favor.

5.- Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP para a posta en marcha do consello de saúde de área de Monforte de Lemos

MOCIÓN DE POR CHANTADA. Consellos de saúde

REXEITADA

A FAVOR: 4 (CUP e PSOE) EN CONTRA: 6 (INTA) ABSTENCIÓN: 2

Antes de deixarnos expor os motivos que nos levan a apresentar esta moción, que é o que marca o ROF e o protocolo, comeza a falar xa Manuel Varela que di que aprobaron as mocións da CUP a pesar de non ter ido Fente á comisión que “os seus motivos terá”. [Realmente abstéñense na comisión non aproban nada xa que nas comisións non se adotan acordos, só se elaboran ditames. Amais xa lle lembramos na comisión de contas previa ao pleno que é un escándalo que nas comisións informativas nunca “informen de nada”. No caso das contas, alén das preguntas da CUP pouco máis, non se explican as principais magnitudes nin se dá conta de nada polo que é ir sentar o cú e cobrar 60 euros]. Varela continuou dicindo que visitaron ao xerente da xestión integral e que os tratou moi ben. Ao pasar o verán díxolles que haberá un segundo equipo para os fins de semana pola cantidade de xente que emprega o PAC. Non falou co conselleiro. O outro día en Monforte o equipo médico, a enfermaría e o alcalde estaban contentísimos co funcionamento e sobre o consello da área sanitaria hai disputas en Monforte entre os partidos sobre este tema tal e como referiu xa na comisión informativa. Referíndose ás ambulancias di que o xerente non tiña incoveniente en darlle un toque ao 112 e á empresa de Monforte, até contar coa do Calvo se for preciso, o problema neste último caso teñen un condutor na empresa.

O PSOE di que lle parece interesante [chega o concelleiro do PP Goyanes] e que votaran a favor.

O PP di que lle van dar “un voto de confianza ao alcalde” e as súas “xestións” e anuncian a súa abstención.

Neste ponto é cando desde a CUP dicimos que imos proceder a explicar o sentido da moción. Comezamos por lembrar que o PP desatendendo o exposto pola OMS e a OCDE inviste só 13% do gasto total en sanidade na atención primaria, cando estes organismos aconsellan ir a un 25% para evitar que as zonas rurais sexan discriminadas. A lexislación permite impulsar os consellos de saúde e é sintomático que en todo este tempo Inta nunca fixera nada ao respecto a pesar das mocións de xaneiro e maio. É máis, agora tráense aquí unhas “xestións” sen ningún timpo de compromiso e de xaneiro a maio non se fixo nada cando está en risco a saúde da veciñanza.  Un consello no que tendo voz se poderían canalizar as demandas das zonas afastadas do hospital como a comarca de Chantada ou a montaña do leste. O 19 de xaneiro constituíuse o Consello municipal de saúde de Compostela e unha iniciativa análoga é o que demandamos para solventar problemáticas do noso centro de saúde ou eivas como a das ambulancias. Con todo, hai que demandar que ese consello sexa da área de Lemos e non de toda a área da xestión integrada e que se conte co tecido social e cívico envolvido nas loitas por unha sanidade pública, digna e universal como SOS Sanidade Pública ou Revolta Sanitaria trascendendo apenas os cargos instititucionais e creando un ponto de encontro realmente participativo. Lese o acordo proposto na moción.

Varela di que lle van dar un tempor ás xentións pertinentes e que votan en contra. Hai que agardar a setembro din.

6.- Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP sobre o uso de produtos fitosanitarios

MOCIÓN PCh-CUP PRODUTOS FITOSANITARIOS

REXEITADA

A FAVOR: 4 EN CONTRA: 6 (INTA) ABSTENCIÓN: 2

Comezamos coa exposición de motivos desde a CUP e logo dando leitura ao acordo da moción. Comezamos explicando que tanto a moratoria europea ao glifosato, canto a problemática dos carnés para produtos fitosanitarios son vitorias dos lobbyng. Por exemplo,  un mesmo produto en diferentes envases e tributando distinto IVE poderá ser subministrado por persoas sen carné. Entón, o carné profesional para dar fitosanitarios só é conditio sine qua non para os envases máis grandes que contan cun menor IVE, en canto se se paga un IVE do 21% e se opta por envases pequenos poderá empregalo calquera persoa. O RD 1311/2012 desenvolve a directriz europea e as obrigas e requisitos para o usuario como caderno de explotación, uso racional dos produtos… Algúns destes, como o glifosato, de probada cancroxénese. Desde o ano 2009 a Xunta tiña obriga de prepararse para o actual cenario e o desleixo foi total véndose agora apurada polo que tirar a Resolución do 4 de maio de 2016 da Consellaría de Medio Ambiente. Amais, desde outubro de 2015 a Xunta non ofertou cursos para obter o carné, nin sequera na modalidade en liña contribuíndo a fraudes como o do Bierzo. Igualmente non hai puntos de ITV suficientes para as máquinas de máis de 100 litros de capacidade, cuxo prezo oscilará entre os 65 e os 90€ e  o prazo remata en novembro. Tamén queremos reincidir en que adoptamos nesta Corporación unha moción, proposta pola CUP  no pleno ordinario de setembro de 2015, para prohibir o emprego de herbicidas para usos non agrarios  -que após o debate plenario ficou reducida a só glifosato- e aínda hai pouco se empregou a plena luz do día no centro da vila e sen sinalizar. Dicimos isto porque preguntamos en maio que clase de produto era e aínda non se nos aclarou, polo que a conclusión que temos que tirar é clarísima. Rogamos que se cumpran os acordos e se demande da Xunta e, sobre todo da Deputación, que non empreguen herbicidas no noso termo municipal e moito menso glifosato. A propia sociedade chantadina está impulsando unha iniciativa Non no meu nome (https://nonnomeunome.wordpress.com/), asinada xa por eurodeputadas, deputadas, alcaldes e concelleiros, para alén de numerosos cidadáns. O 29 imos facer un acto informativo. Lemos o acordo da moción.

O PSOE intervén por medio da súa voceira. Raquel indica que tamén anotou o episodio do uso de glifosato na vila. Esta moción parécelle moi asumíbel e encamíñase a evitar que a xente se volva tola. Van votar a favor.

Javier Medela (PP) di que hai que facerse unha composición de lugar, que hai 10 anos que se facían cursos desde a Xunta o que pasa é que a xente sempre espera ao final. Di que haberá que pedir unha moratoria e que xa o vai facer o goberno central polo tema das ITV. Por isto, vanse abster.

Varela di que se empregou un produto inócuo e Castor sinala que é sen glifosato, segundo o informe. [Interrumpimos desde a CUP para pedir que se nos faga chegar ese informe -non se nos responde-]. Continúa Varela facendo referencia á moratoria da UE e que isto é unha loita de formigas contra elefantes. En todo caso, o concello de Chantada fai un suo responsábel das máquinas e a Deputación comeza hoxe a limpar as gabias e el pediulle que comezaran pola pista de Merlán por mor da Subida. Pensa que non usa herbicidas. Van rexeitar a moción.

Héctor (PSOE) acláralle que depende do concello emprégana ou non e que aquí non a van usar este ano polo tempo en que estamos e o risco de incendio.

Varela di que eles non poden facer nada. Falou con Mariano de UU.AA e teñen 240 persoas para facer cursos no Telecentro, por iso lle denegaron o permiso para facer cursos a unha empresa de Tui que cobraba 120€ máis o título. Di que o de UU.AA vai ser gratuíto [esquéce explicar o convenio deste sindicato cunha empresa para pasar as ITV…]. Estámonos envenenando, niso está de acordo con Por Chantada, mais eles fan un uso responsábel da herbicida. Votan en contra

Fente retrúca que si que se pode facer desde os concellos. Desde presionar e facer chegar o malestar se non se cumpre o acordo plenario até pedir o plano de actuación da empresa que empregue estes produtos. No caso de que o concello non teña persoal calificado pode remitilo á Consellaría de Medio Ambiente para que analicen se todo é correcto. Se se quere hai marxe polo menos para mostrar malestar e pór difícil o emprego destes produtos. O que hai que ter é vontade. En Franza algunha cidade está deixando xa malas herbas pequenas nas beirarrúas, etc. para deter o uso destes produtos. Claro que falamos de Europa, que nos queda moi lonxe.

Varela [encólles de ombreiros]. Pasamos á votación.

 

PARTE DE CONTROL DA XESTIÓN

7.- Dación de contas de resolucións da alcaldía

O secretario aclara que en intervención se atrasorn co envío polo que faltan os Decertos do 14 de xuño en diante. En todo caso dáse conta do efectivamente entregado aos concelleiros.

8.- Rogos e preguntas PSOE

Comeza a quenda de rogos e preguntas o grupo socialista.

8.1.- PXOM

O PXOM saíu xa? – pregunta Raquel-. Varela di que non sabe se saiu xa no DOG. Fente di que non. Varela di que está funcionando Televinte. Para visitar as parroquias o mellor medio é Televinte polo que o fara á volta das vacacións, na segunda semana de agosto e na terceira. Raquel contesta que é mala época e veñen as festas. Varela di que dá tempo. Raquel di que como van organizar as visitas. Varela di que por colexios electorais e que van avisar ás asociacións. Raquel pregunta polos medios cos que se vai contar nesas visitas. O alcalde di que co arquitecto, el mesmo e un membro de cada grupo se queremos, que logo anotan o importante e pásanlle os 12-15 casos máis importantes á empresa. Anuncia que o chamou Alfredo de EPTISA e lle dixo que os mapas están na páxina web. Medela di que non hai ningún xeral na web e Raquel di que non e que a empresa ben pode permitirse un mapa íntegro despois do que cobrou. Varela di que se llo permiten que o chama agora mesmo [saca o teléfono e ponse a chamar no medio do pleno. Aos 5 segundos di que lle salta o buzón de voz – un clásico-. Berlanga vive]. Fente di que é perfectamente factíbel facer un mapa xeral nun pdf, aínda que se perda algo de calidade [de feito a CUP xa o ten subido á web]. Raquel pregunta se se vai facilitar impreso para alegacións e Varela di que si, os modelos previstos.

8.2.- Piscinas

Abríronse o 27 de xuño e saíuse nos medios anunciando e resulta que teñen graves deficiencias e desde o San Xoán pasaron varios días. Castor (Inta) di que non se identificaron os responsábeis e o de mantemento estaba de días libres. Até houbo risco de electrocución porque meteron un cable na piscina e grazas que saltaron os automáticos, co cal a depuradora non funcionou e a auga estragouse, de aí que tivese esa cor. Fente di que haberá que tomar medidas para que non se poda entrar con esa facilidade, ou vallas máis altas ou dalgún outro tipo porque pudo haber unha desgrazas. Varela di de pór cámaras. Raquel di que lle dixeron que hai insectos, concretamente pulgas, no céspede. Varela di que é porque non se poden levar os cans e a xente que é maleducada lévaos. Raquel di que non estaba todo en perfecto estado porque hai humidade nos teitos dos baños, descorches… Castor di que entrou auga, hai que lixar e pintar, mais non afecta ao uso das instalacións.

8.3.- Punto de recollida de animais

Castor di que sabía que lle ía pregunta por iso e que só lle falta ir ao ferreiro e a luz. Logo que a Xunta veña e dea o visto bo [este tema xa lle preguntamos na CUP en setembro e desde entón sempre hai unha pregunta no pleno. A primeira vez faltaban 15 días para abrir e medio ano máis tarde seguimos nas mesmas].

8.4.- Circo en Chantada

Raquel comeza lembrando que Inta votou en contra dunha moción da CUP porque consideraba que o circo era “educativo”, mais dúas educadoras do PSOE que estamos aquí dicímoslle que non o é. Interrompe Varela para dicir que está moi cabreado e que animais fóra. Porque non é normal que fagan coincidir coa subida o circo, non ten sentido e xa lles falou mal. O secretario aclara que xa hai cartaces postos e non teñen autorización municipal aínda. Varle adi que van para unha finca privada tocarse o carallo. O secretario di que lle mandou os requerimentos legais ao circo e se cumpre haberá que darlle licenza. Non sabe se aparecen animais, na documentación non figura. Raquel di se ten ou non animais e se fixeron controis. O secretario contesta que na solicitude non figura que inclúa animais e é posíbel que os teñan e, xa que logo, podería paralizarse desde o concello. En Monforte déronlle a licenza. Medela di que no cartaz hai animais. O secretario di que iso non aclara nada. Varela di que de aquí vai para Sarria. Fente roga que faga xa unha ordenanza e que no próximo pleno se aprobe tirando de Chantada o circo con animais. Raquel anima a prohibir o circo. Varela di que na próxima comisión informativa que se tratará este asunto e que ao coincidir coa subida vai xerar conflitos familiares, por exemplo se unha filla quere ir ao circo e ti queres ir comer á ribeira e ver a Subida, como fas? Medela di que nese caso tocaría ir ao circo. Raquel di que o pior son os animais e celebra a disposición e tómalle a palabra ao alcalde. Varela di que o terá que falar cos compañeiros e que eles guíanse por principios democráticos [os compañeiros rinse].

8.5.- Recibos Deputación de Lugo

O PSOE denuncia que está habendo problemas cos recibos remitidos pola Deptuación de Lugo. A Deputación díxolle que usa os dados facilitados polo concello. Ao anular domiciliacións moita xente pagou fóra de prazo e paga recargo. Manuel Diéguez (Inta) di que lle pasou con vehículos da súa empresa. A recadadora, Susana, di que se cruzaron os dados. Raquel (PSOE) pide que se anule o recargo e que no IBI aínda é pior ao haber xente que mudou o enderezo. Revíseno. Varela di que “nós temos que dar os dados que temos” e a Deputación sempre vai dicir que é culpa do concello. Castor (Inta) di que ten razón Raquel e Diéguez insiste en que lle pasou na súa empresa, que é certo o que se di e que xa acabou o prazo. Varela di que o prazo do IBI é menor e non de 3 meses. Raquel pregunta pola minusvalía que tamén deu problemas. Varela di que a minusvalía só vale para o seguinte ano non para o actual [Refírese á bonificación para persoas con mobilidade reducida]. Raquel di que hai casos que, aínda téndoa recoñecida, se lle pasou o recibo.

8.6.- Dedicación parcial de Diego Otero Varela

O PSOE interésase polas competencias do concelleiro que percibe a dedicación parcial. Enviaránse por escrito preguntan. Van facer un informe mensual tal e como pedimos no pleno? Hoxe non está. Se colabora nas tarefas da aclaldía como reparten estas? O que non se entende é que non teña competencias, etc. Pide informe mensual e en xaneiro Varela dicía que estaba disposto a facelo. Varela contesta dicindo que podería haber 2-3 dedicacións e que lla ofreceu a Castor como tenente alcalde . Terá que facer de todo. Pamela ten moito traballo e non podía e Penela tampouco e non quixo. Podo dicir o que fai todos os meses, el como alcalde ten que facer viaxes e queda Diego no concello. Cati e Castor chámano para pedirlle cousas tamén. Amais, “os cidadáns falan cada 4 anos. A ver que pasa nas próximas eleccións” máis alá do ruxe-ruxe que anda pola vila. Cobra a metade do que cobro eu. Varela di que cobra 1.850€ (obvia que para o concello o custe é maior pola Seguridade Social). Engade Varela que en vez de 60.000 gastan 50.000€ e que hai concellos que gastan 120.000€ con pouco máis de 4.000 habitantes. Amais, é unha proba que están facendo e se non funciona pode ser reversíbel. Raquel di que nas eleccións non falou diso xa que o menciona. Castor di que si que o dixo. [A hemeroteca deixa claro que non, que unicamente falaron da dedicación de Manuel Varela]. Varela engade que podía ter un secretario particular ou xefe de imprensa como nalgúns concellos gobernados polo PP, o PSOE ou o BNG. Raquel pregunta como queda de alcalde Castor ao irse Varela de vacacións. Varela di que porque ten máis experiencia e Cándida afirma efusivamente que claro que é así. A xente ten que ter oportunidade de aprender, di Varela, aínda agora na brigada de incendios os que non teñen experiencia é imposíbel que entren. Raquel retruca que logo a dedicación é para que vaia aprendendo.

8.7.- Auxiliares de policía local

De onde sae o financiamento e o custe exacto? Castor di que está orzamentado para 4 meses, mais que contaban coa subvención e ao non tela serán 3 meses e 2 persoas a xornada completa, en vez das 4 previstas a media xornada. Varela di que se fai porque hai 6 policías locais de vacacións e cómpren estes auxiliares mentres non se convoque outra praza ou dúas. Non subvencionan a todos os concellos da costa como para facelo aquí, aínda non somos tan turísticos.

8.8.- Festas patronais

Hai persoal suficiente para a seguranza o día da empanada? Hai protocolos para tal efecto? Horarios de actuación? Manuel Diéguez di que se fixo un plano de seguridade e que é obrigatorio agora, desde que houbo queixa ao Valedor do Pobo dun veciño. Castor di que nas festas non hai locais de vacacións, o que pasa é que se restas os que fan gardas de noite e os das fins de semana quedan os que quedan.

8.9.- Limpeza de gabias

Raquel pregunta se comezaron coa limpeza das gabias. Varela di que hai máis dun mes o que pasa é que non está moi práctico o que anda co tractor. Fente di que había un traballador do concello para o tractor que porque non anda con el. Responde Castor que ese traballador agora é multitarefa e Diéguez di que xa leva así un ano [realmente autoimpúxose como xefe de obras no rural]. Fente pregunta a que se dedica exactamente entón se no contrato orixinal era para andar co tractor. Castor di que anda co que lle certa e que anda o Carcacil co tractor agora, que foi dos readmitidos do GRUMIR e que non está moi práctico. Fente di que como non se lle dá un curso formativo que  andar cun tractor desbrozando que é perigoso. Varela aclara que é persoal do concello.

8.10.- Limpeza de solares

Jesusa (PSOE) di que segue sen limpar o solar desde o que se falou no pleno no seu día. O de Uxío Novoneyra número 64, xunto ao Sylt. Outro solar na rúa que baixa cara o Gamallo. Diéguez di que tamén tivo queixas. Raquel pide que se cumpra o aprobado. Varela di que se mandaron comunicacións e que a ordenanza é clarísima.

8.11.- Arranxos pistas

A que une San Fiz con Amedo piden que se arranxe. Varela di que lle hai que botar formigón. Vanlle adxudicar as obras cos 110.000€ que dá a Xunta e os 20.000€ que pon o concello. Vano facer mediante concurso e di que anotemos pistas e a ver se lle manteñen o prezo por metro que nos deran as empresas da outra vez. Outra alternativa é pór a funcionar a maquinaria municipal con 5-6 persoas se a Deputación lle dá cartos. Héctor (PSOE) di que a xente ten que estar formada.AS pistas non se limpan os cauces da auga e desfanse todas. Varela di que van mercar unha moto niveladora para limpar as gabias ao tempo que se desbrozan. Hector di que hai que concienciar aos cidadáns para que poñan tubos. Varela di que sobre ese tema falou cun primo seu para que puxera tubos en Faluche. Goyanes (PP) di que os tractores e camións do leite pesan moito e as pistas non resisten. Varela di que no inverno lle van dar unha volta á leña que cae na estrada. Héctor di que os gálipos quedan sen facer, mais vale cartos cotnratar unha empresa para que o faga ben.

8.12.- Alimentos

Raquel diríxese a Cándida Carnero de Inta para preguntarlle sobre as bases de alimentos que non pasaron polo pleno. A aludida di que entregou un borrador aos portavoces e que non lle chegou ningún retorno, só de Fente. Raquel di que aquel borrador puña regulamento e que, xa que lgoo, ía vir ao pleno. Cándida di que aquilo sería un erro se callar dos servizos sociais. Non lle bota a culpa, sería confusión. A súa idea é que fosen unhas normas. Ao non ter correo entendeu que estaba todo perfecto. Veu unha inspección e dixo que non había porque ter regulamento. Diéguez aclara que el fixo regulamento porque queda o auditorio perdido de xente que come e fai de todo alí.

 

9.- Rogos e preguntas PP

9.1.- Regulamento edificio de usos múltiplos

Queda a porta aberta di Medela. Varela di que quedan luces acesas tamén. Varela di que se vai facer el cunha chave. Hector di de pór un temporizador dixital e Fente que se faga un horario cos usuarios e se subliñe non deixar luces presas nin portas abertas.

9.2.- POS

Varela di que van pór a beirarrúa Merlán camiño de Basán na marxe esqeurda e en Pardo Bazán arranxar un tramo de beirarrúa. Medela roga que lle informe. Varela di que chegou tamén para expropriar a fican de menos de 200 metros cadrados e que se destina a zona verde no novo PXOM. Vai chegar cun valor de 26.000€ e aínda se pode alegar para que baixe.

9.3.- Modificación puntial do PXOM 2013

Varela di que é para Gas Natural. Fente indica que o fai así a empresa e que se recolle no novo PXOM, polo que este fose abaixo quedaríalle a modificación aprobada. Así gañan de todas todas. Medela pedía que lle informase. Varela di que é de interese público.

9.4.- Diego Otero e dedicación parcial

Roga que se declare a Diego Otero como concelleiro de relacións institucionais para que avise aos membros da Corporacións dos diversos actos e inauguracións. Tamén pode vixiar os cans para que non haxa deposicións nas rúas.

9.5.- Pista Senra-Ermida

Medela roga que se arranxe.

9.6.- Limpeza de sumidoiros

Medela di que o outro día foi excepcional, mais… Varela di que hoxe á mañá “oíronme” os de Viaqua. Todo atascado. A treboada non lle hai que facer porque a auga sube. Fente intervén para dicir que o río desprendía un cheiro nauseabundo porque non se separaron fecais de pluviais. Varela di que nalgunhas rúas si. Fente di que xa en setembro se inundaron edificios por estar os rexistros atascados e ser de insuficiente capacidade noutros casos. Varela defende a actuación de Viaqua.

9.7.- Lixeiras

Que se distribúan mellor na vila. Caastor di que hai bastantes sen colocar porqeu son de plástico e que haberá que mercar metáticas.

10.- Rogos e preguntas Por Chantada-CUP

Como ao longo da lexislatura testamos que moitas das preguntas ficaban sen resposta e esta non se producía no seguinte pleno decidmos acollernos ao ROF, enviándoas por escrito, co cal son de obrigada resposta. O secretario – ao entraren o sábado pola mañá- non as viu até o luns co cal a resposta quedará para o pleno de setembro aínda que, en rigor, remitímolas antes de 24 horas da celebración da sesión plenaria tal e como marca o ROF.

Consulta aquí as preguntas que apresentamos por escrito: preguntas pleno ordinario de xullo por escrito. Desas preguntas, algúnas foron contestadas.

Concretamente a pregunta 1 foi contestada por Castor indicando que se recolocou a mesa de pin-pong como lles pareceu xa que non demos quedado e que o quilo do penso calórico das piscinas anda a 0’22 céntimos, que podería ser máis barato mais só entra o camión de 12 toneladas no sitio.

Na pregunta 7 dinos que hai a ordenanza para feirantes está en camiño que hai 20 días colleron 3 ordenanzas e que xa llas pasou á policía local e ao punto limpo para faceren unha en Chantada. Tamén hai que inclúir o mercado gandeiro. Rogamos desde a CUP para que se teña en conta tamén os feirantes e atraccións das festas.

Por último, Castor deu conta da pregunta 10 indicando que o parque non está nun estado lamentábel, senón que está vello e que se foi gastando. Deteriorado e a ver se conseguen subvención. Desde a CUP rogamos que se retiren os obxectos punzantes.

Pola súa banda o concelleiro Manuel Diéguez fíxonos chegar ao día seguinte do pleno as facturas que explican o exposto na pregunta 12, aclarando así o concepto dubidoso remitido como concepto pola intervención municipal.

A maiores, fixemos as seguintes cuestións:

10.1.- Órganos de goberno

O 31 de maio a alcaldía, mediante o Decreto 108/2016, aprobou unha dedicación parcial para un membro desta Corporación en base a un acordo, adoptado en solitario por Inta, do pleno do 18 de xaneiro de 2016. No entanto, debe ser un caso único en que se perciben uns emolumentos e existe unha relación contractual co concello de Chantada sen ter especificadas as súas funcións nin facer ningunha relación ao respecto no citado Decreto. Xa non por respecto ao Pleno, que baleiran sistematicamente de contido cando debería ser o centro da vida política local, mais por deferencia cara os cidadáns deberían explicar e reflectir por escrito as funcións desta dedicación parcial, o seguimento que se vai facer desas actuacións, etc. Do contrario, trátase dunha dádiva concedida a dedo como se dun favor persoal se tratase, iso si con cargo ao erario público.

O réxime de dedicación non é un secretariado, nin persoal de confianza e debe delimitar as súas funcións.  Vai concepción da política máis nefasta que agardamos vaia desaparecendo. Se fose para algún tenente alcalde aínda se entendería, mais para o concelleiro de educación e xuventude coas competencias actuais pois non. [Varela di se cuestionamos a súa capacidade] Non é unha mágoa que non estea hoxe [estaba en Sevilla de vacacións comezando a traballar o 1 de xuño!], mais nin o deben ter vostedes moi claro cando lle deron tantas voltas a esta dedicación e mesmo se negaron en xaneiro a dicir para quen era, aínda que por certo xa ve que non me equivoquei cando lle dixen para quen. [Varela di que sempre facemos oposición co mesmo] A CUP lémbralle que aínda no pleno de hoxe rexeitou dúas mocións nosas ou a bonificación que propuxemos no pasado pleno para o IBI do medio rural e que Inta rexeitou. [Varela di que lle parece mal o das competencias, que el fai de todo, até varrer. Tenlle tocado incluso limpar o water, que calquera pode ter un apuro. Teñen maioría e xa os castigarán os cidadáns se lles parece tan mal o soldo. Os cidadáns votan cada 4 anos mais non dan permiso para facer co seu voto o que nos pete e gobernan con pouco máis de 4 de cada 10 electores.

10.2.- Emerxencia social e alimentos

Facemos un rogo para que se elaboren ordenanzas para a emerxencia social e os alimentos, xa que as bases non recollen para nada as nosas aspiracións nin se corresponden co que se comprometera no seu momento a raíz do debate dunha moción do PSOE que, acolléndose con grande rexeitamento por parte do Goberno, parece levaba razón cando o procedemento seguido é de costas totalmente ao pleno e caracterizado pola opacidade. Teñen disposición para facer estas ordenanzas? [Cándida di que son cousas distintas] Efectivamente, por iso falamos en plural, vano facer?

10.3.- RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se fan públicas as axudas concedidas ao abeiro da Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galiza para o ano 2016, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (DOG número 247, do 28 de decembro)

Na mesma figuran os concellos da nosa contorna coas seguintes cantidades:
Monforte, Pantón, O Saviñao, Sober e Quiroga= 40.000€
Courel= 38.680€
O Páramo= 33.057,85€
Sarria= 26.446,26€
Taboada= 17.663,47€
Chantada 0€ e nin aparece na relación, pedírona? [Varela di que deberían aparecer con 50.000€por ese concepto, o cal é mentira se consultades a listaxe definitiva – na cal non figura o noso concello-]

11.4.- Cuberta pista de pádel

No Decreto 137/2016 solicítase unha subvención de 42.126’19€ para cubrir a pista de pádel. Se é denegada vai asumir o concello este gasto? [Varela contesta dicindo que non].

11.5.- Poda castiñeiros

No Decreto 110/2016 autorízase a poda de dous castiñeiros como obra menor. Non correspondería autorización de Medio Ambiente? [Varela di que non que así está correcto]. Non pensan desenvolver, tal e como lle pedimos nas alegacións ao PXOM figuras de protección como o catálogo de árbores senlleiras? Que agardamos a que corten un souto ou devesa de incalculábel valor por ausencia de catalogación? [Varela di que iso só o fai un tolo]. Insistimos en que se faga xa que é o cometido da institución [Varela insiste en que iso só o fai un tolo e el faise moi ben o tolo e evita aceptar a necesidade dese catálogo].

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s