Posicións de Por Chantada e crónica do pleno ordinario de novembro de 2016

Hoxe, luns 14, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro de 2016. Coma sempre, ás 20 horas na Casa da Cultura de Chantada e foi o primeiro da nova interventora e a secretaria municipais como xa informamos.

 

logo-por-chantada

Desde Por Chantada queremos que vaia por diante que, por motivacións laborais, o noso concelleiro non asistiu a este pleno, o menos concorrido desta lexislatura ao ausentárense tamén Héctor Ledo do PSOE e Manuel Javier Goyanes do PP. Do grupo de INTA estaban os 7 concelleiros cos que conta na corporación e que lle outorgan maioría absoluta. Foi tamén o pleno ordinario que menos duración tivo da lexistura (unha hora escasa) e ordinario tamén no sentido de que PP e Inta seguen votando xuntos na súa  superlúa de mel.

Dado que xa sabiamos de antemán que non poderiamos asistir non apresentamos ningunha moción para este pleno aínda que convén lembrar que seguimos agardando a que se nos entregue resposta das preguntas apresentadas por escrito hai 4 meses, cando o ROF marca un prazo moi concreto ao remitírense con 24 horas de antelación.

No tocante ao contido do pleno, dado que ningún grupo apresentou mocións, o máis salientábel é que Inta levaba a pleno a moficación de quatro ordenanzas fiscais: dúas de trámite e que supoñen o incremento das tarifas da auga de acordo co IPC a proposta de Viaqua (0’20%, ver: modif-ordenanza-auga) e dúas relativas á taxa por licenzas urbanísticas e o ICIO. Mais vaiamos ponto por ponto:

1.- Aprobación da acta anterior

O primeiro ponto aprobouse por unanimidade.

2.- Modificación de ordenanzas fiscais: das reguladoras da taxa por licenzas urbanísticas e servizos urbanísticos e do imposto sobre construcións, intalacións e obras (ICIO) 

No tocante a este segundo grupo, segundo ponto da orde do ía, INTA apoiouno na comisión informativa baseándose exclusivamente nun informe do arquitecto dunha única cara  (informe-arquitecto-modificacion-icio-tasa-urbanistica).

No entanto, nin a eles lles debeu convencer demasiado cando, ao comezo do pleno, repartiron un novo informe na súa clásica política de improvisación permanente. En todo caso, a mudanza proposta seguía facéndose sen calquer baremo económico da mudanza.

Curiosamente sen antender a aqueles aspectos que, supostamente, impedían modificar ordenanzas fiscais, que se invocaron para deitar a nosa proposta de reforma da Ordenanza fiscal reguladora do IBI para axudar ao medio rural e ás familias, se ben propostas semellantes á nosa foron aprobadas en días pasados nos concellos de Láncara e Muras. As mentiras e as falsedades de Inta teñen as patas ben curtas, pois agora pretendían facer unha reforma da ordenanza fiscal ás presas (haberá que pretuntarse cal é o motivo indeclarado despois de 3 anos en vigor das mesmas) sen unha proposta da alcaldía que renda contas  (proposta-alcalde-comision-informativa-facenda) nin tampouco o fai o informe do arquitecto co cal se quere dar unha apariencia de mudanza técnica a unha decisión estritamente política.

Unha proposta moi controvertida en tanto en canto segue a ser lesiva fundamentalmente co medio rural e as instalacións máis custosas e abondosas do sector primario (paga máis un establo que unha empresa que se instala do polígono ao ter 95% de bonificación do ICIO, mais negáronse a aplicar a proposta de bonificación de 90% do IBI para instalacións no medio rural que propuxemos no seu día) e cun informe de intervención en contra por non seguiro o proceso e os estudos que marca a lexislación vixente e máxime tendo o concello de Chantada  intervido cun plano de axuste e un plano económico-financeiro polos continuados incumprimentos e a mala xestión económica (inf-modif-of-icio-tasa-urbanistica).

Isto último foille lembrado desde o PSOE no pleno de hoxe, ratificando a intervención a súa oposición a pesar do “novo” informe do arquitecto municipal. Nestas circunstancias o alcalde retirou o ponto anunciando que se debaterá no pleno extraordinario que ten previsto convocar “antes de rematar o ano” para o orzamento de 2017. Desde Por Chantada-CUP tiñamos previsto apresentar no período de exposición un recurso polo xa exposto, veremos aínda como remata o asunto.

3.- Ratificación Decreto 218/2016 Transferencia de crédito 3/2016 do 31/10/2016

O terceiro ponto é a enésima modificación de crédito (expte-transferencia-de-credito) que nos volve a pór negro sobre branco a improvisación crónica deste goberno e o pouco rigor e previsión contemplado do deseño dos orzamentos, se ben si existen modificacións inevitábeis e de trámite como as que son consecuencia da percepción de axudas doutro organismos e que requiren modificar o gasto para xustificar o ingreso equivalente. Non é este o caso por iso é preceptivo que pase polo pleno.

Con todo,  lembremos que aínda está pendente o ditame do Consello Consultivo de Galiza sobre os máis de 600.000€ que se gastaron mediante modificación e suplementos de crédito 1/2016 sen consignación orzamentar e fóra das canles regulares en 2015 ao tempo que se fraccionaban dun xeito escandoloso para acollerse á obra menor para poder saltar así os constrinximentos do plano de axuste (e que supoñen un importante sobrecusto para a facenda pública ben no pago directo de xuros ben no cobro diferido). No pleno de hoxe anunciouse que xa chegou o ditame do Concello consultivo xerando malestar na voceira do PSOE que non se lle transmitise, retrucando o alcalde “que se pase a consultalo cando queira a velo”. Para máis INRI desde a alcaldía negouse a revelar nada sobre o seu contido. Estamos falando dunha irregularidade e de moitos cartos públicos como para negarse a pór luz e taquígrafos sobre algo tan importante.

Con todo, a nova modificación obxecto do terceiro ponto non ten esa dimensión lesiva, senón que se trata da parte que o concello de Chantada debe pór para contemplar as actuacións da fase II do selado e clausura do vertedoiro de residuos de construción e demolición (algo máis de 26.000€), cuxo montante total supera os 100.000€ (o resto póñeno outras administracións). Reparen os lectores que na páxina 4 do expediente (cronoloxicamente é o primeiro acto) dise que é para arranxar camiños noutro clásico deste concello: facer as cousas de calquera maneira e mediante copy-paste. O proprio alcalde recoñeceu que isto hai moito tempo que viña esixido e que non previron unha partida no orzamento de 2016 o que, claramente foi un erro(decreto-2182016).

A modificación retira uns 27.000€ de dúas partidas da administración xeral de vivenda e urbanismo, concretamente de soldos do grupo A2, ao non existir aparellador na actualidade (150.120.01); e de arrendamentos de maquinaria, instalacións técnicas e utillaxe (150.203.00) para transferilos á aplicación orzamentar 162.629.00, ou sexa Recollida e tratamento do lixo e, concretamente, a “Outras inversións asociadas ao funcionamento operativo do servizo” co cal na conta xeral que se remite ao ministerio aparecerán subsumidas nesa área de gasto ao tratarse de actuacións ligadas co selado do vertedoiro de refugallos e non arranxos de camiños.

A FAVOR: 8 (7 Inta e 1 PP) EN CONTRA: 0 ABSTENCIÓN: 2 (PSOE)

4.- Ratificación acordo Xunta de Goberno Local 19/10/2016, “Addenda ao convenio da Xunta e da Fegamp en materia de xestión de residuos de aparellos electrónicos”

O ponto 4 é novamente aderirse ao convenio da Xunta e da FEGAMP para a xestión de residuos, xa que foi modificado o acordo inicial e precisa de pasar novamente polos plenos dos concellos que manifesten interese na adesión e teñan pontos limpos (addenda-xestion-de-residuos-de-aparellos-electricos-e-electronicos).

A FAVOR: 8 (Inta 7 e PP 1) EN CONTRA: 0 ABSTENCIÓN: 2 PSOE
5.- Modificación da ordenanza fiscal nº 10 da Taxa pola rede de submidoiros e da ordenanza fiscal nº12 da Taxa pola subministración de auga por mor da actualización de tarifas

Neste ponto o PSOE lembroulle os problemas relacionados coa auga e o malestar cos abusos de Viaqua sen resposta por parte do alcalde. Xustificaron a súa abstención en que este ano sube ao contrario que en anos anteriores en que votaron a favor porque baixaba. Quen falou por boca do goberno foi o voceiro do PP que dixo que os compromisos coas empresas hai que cumprilos e que a suba da taxa estaba máis que xustificada na suba do IPC.

ROGOS E PREGUNTAS

Nos rogos e preguntas saíron varios temas como as xuntanzas sobre o PXOM no rural, fóra do prazo de alegacións. Dixeron que se celebraran todas e que só na primeira non asistira ninguén. De feito, dixeron que en Vilauxe, Brigos e San Fiz houbera “moita xente”. Inta tamén anunciou que está pendente das alegacións e que quere axilizar o novo PXOM o máximo posíbel.

Outro tema foi  o da venda ambulante, xa que se produciu unha liorta entre dous feirantes. Tamén en relación con isto o PSOE preguntou se non había outro lugar onde vender castañas, como o mercado gandeiro, que a estrada de Monforte agravando o caos circulatorio e pondo risco os peóns. O alcalde defendeuse primeiro preguntando se a oposición non estaba polo “desenrolo (sic.) económico” e logo culpou á policía local de darlle un permiso que el non outorgou e que para o ano non pasaría. Outro clásico de Inta.

Nestes compases finais do pleno tamén saíu o edificio de Vialmar, sobre o que pesa orde de derribo. A alcaldía escúdase en que o concello non pode facer nada e que pertence á SAREB, mais non ten licenzas polo que hai unha situación certamente complicada. Porén, cómpre lembrar que a orde de derribo é firme e quen é responsábel de executala legalmente está igualmente claro. Tamén en relación co urbanismo anunciouse que o edifico do Capitol foi adquirido por un propietario “que non é bon para nós”, sen maiores aclaracións.

Outro tema foi a problemática ligada co vertedoiro privado e a ausencia de alternativa pública. Inta di que é complicado pedir os permisos para a xestión pública e que terían un alto custe inasumíbel.
Tamén achamos que este resumo é unha oportunidade para lembrar que pedimos explicacións sobre as declaracións do ex-alcalde de Monterroso, condenado pola xustiza, Suso Otero e o ínclito Barreiro, tránsfuga que xerou graves prexuízos desde a Deputación, de formar unha fronte política con Manuel Varela. O pior da vella política xunguido  empregando a Chantada como panca para as súas artimañas particulares: http://elprogreso.galiciae.com/noticia/623437/el-alcalde-de-chantada-estudia-sumarse-las-candidaturas-independientes-impulsadas-por

 

 

 

Un comentario en “Posicións de Por Chantada e crónica do pleno ordinario de novembro de 2016

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s