O pleno ordinario de xaneiro comezou ás 20 horas, segundo o previsto, incorporándose o concelleiro Manuel Javier Goyanes (PP) no ponto 3. Non asistiu a interventora, supostamente por non existiren “asuntos económicos”, o cal non se axusta, como se verá, á realidade.
No tocante ao público, apenas entre 3 e 5 persoas, no entanto un dos mellores dados de asistencia da lexislatura por triste que sexa. Non houbo presenza da imprensa e só un grupo, Por Chantada-CUP levou propostas ao pleno (3 mocións). O grupo de Goberno non foi capaz de pór na orde do día un só asunto.
1.- Actas anteriores do pleno do 14/11/2016 (ordinario) e do pleno do 05/12/2016 (extraordinario e urxente)
Aprobáronse cos votos de Inta, PP e PSOE. Desde a CUP abstívemonos no caso do pleno ordinario do 14 de novembro, ao non poder asistir por motivos laborais ao pleno o noso único concelleiro, e votamos en contra da acta do pleno extraordinario urxente en sinal de protesta polos motivos que logo se explicarán (falta de motivación da urxencia e falta de documentación sobre todo) e que xa no seu momento subimos a esta páxina.
É de salientar igualmente que as actas seguen sen publicarse no site do concello, outra mostra da opacidade e falta de transparencia deste Goberno. ACTAS:
Acta do pleno ordinario do 14-11-2016
Acta do pleno extraordinario urxente do 5-12-2016
PARTE RESOLUTIVA
2.- Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP relativa á restitución do acceso universal ao sistema estatal de saúde e plano de choque contra a exclusión no concello de Chantada.
Ver texto da moción (PDF): restitucion-do-acceso-universal-ao-sistema-estatal-de-saude-e-plano-de-choque-contra-a-exclusion-no-concello-de-chantada
A FAVOR: 4 (CUP e PSOE) EN CONTRA: 9 (Inta e PP)
Comezou expondo a moción o voceiro da CUP e lendo os acordos propostos ao pleno.
A continuación, intervén a voceira do PSOE para dicir que a Xunta non escoita a Corporación de Chantada. O alcalde di que ultimamente non hai novidades e que en decembro falaron co xerente. Retoma a palabra a voceira do PSOE para dicir que subscriben o ponto 1º e 2º da moción e que hai queixas dos profesionais do centro de saúde. Gostaría de afondar máis no ponto 4º polo que lle pergunta a Cándida Carnero (concelleira de servizos sociais) pola P.O. de emerxencia social que a CUP pretende incrementar. Intervén A. Fente (CUP) para indicar que se debería multiplicar dadas as situacións sociais existentes, existindo necesidades non só nos fogares sen recursos senón en moitos outros por mor da idade e a dependencia dos seus habitantes. O PSOE pergunta se se vai facer ordenanza e traer ao pleno tal e como se reclama desde a CUP e Cándida Carnero di que si. Sobre o ponto 4.2 o PSOE di que se é viábel lle parece ben o banco de vivenda, lembrando que en novembro de 2015 o seu grupo apresentou unha moción en que se aprobou crear un Observatorio da Vivenda Local que segue sen existir. O alcalde di que no rural hai moitos temas, que sería bo comprar o edificio de Santa Ana con orde de demolición, mais que non se dan as condicións económicas. Nega problemas coa vivenda e que existen, en todo caso, as vivendas de aluguer da Xunta por só 120€, que mesmo podería pagar o concello en caso de urxencia. Tamén indica que na moción se mesturan cousas. Contéstalle Raquel (PSOE) dicindo que a pesar de seren dispersos están ben motivados.
Na quenda do PP, o seu voceiro indica que os 3 primeiros pontos son do ideario da CUP, polo que non pode estar de acordo [realmente son propostas de entidades cívicas en defensa da universalidade da sanidade como explica a moción]. A partir de aí pódese debater facendo unha comisión de estudo.
Varela (Inta) di de mirar cousas ás que se lle poda facer fronte e son competencia nosa, falarán o venres co xerente do consorcio. Rexeitan a moción pola mestura de cousas e porque o Goberno, ao seu entender, está traballando moitísimo e non durmindo a sesta. Non ve tampouco tanta alarma nin necesidade como a CUP na sociedade chantadina e só hai algún problema coa gripe, aínda que no centro de saúde de Chantada non hai problemas nin tanto traballo. Falou co médico M. B. e seica está todo ben, sendo o caso desde médico unha discrepancia sen máis. Desde a CUP pergúntanlle polas vivendas do Cantón e di que a Xunta vai aprobar aluguer con direito a compra e que só teñen nos Servizos Sociais do concello dúas peticións de arranxos en vivendas, mais non para residir.
3.- Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP para a mellora e ampliación da biblioteca municipal
Ver texto da moción (PDF): mocion-de-por-chantada-cup-para-mellora-e-ampliacion-da-biblioteca-municipal
Aprobada por UNANIMIDADE após aceitar a CUP a retirada dos pontos 3, 7, 8 e 9 (condición para obter o apoio da maioría)
Comezou expondo os motivos da moción, con fincapé nos problemas e que se trata dunha moción a raíz de queixas dun colectivo de estudantes de Chantada. Fente tamén leu a proposta de acordos que CUP propuña ao pleno.
Desde o PSOE móstranse bastante de acordo coa moción, aínda que as peticións deberían someterse a un informe económico. Di que o Goberno debería elaborar un proxecto e estudo e que se analice a ubicación para a biblioteca xa que ve incompatíbel coa proposta da CUP [situar a biblioteca no edificio da rúa Ribeira Sacra en que está a policía local] a creación dun albergue que ten anunciado Inta. Pregunta tamén pola subvención na que se fala na moción e Manuel Diéguez (Inta) di que se vai pedir mais outra para mellora de colección.
Desde o PP din que van apoiar a proposta, ao partillar as demandas da moción, o difícil e como se consegue e coincide no informe económico que pede o PSOE.
Inta di que lle gostaría facela na Casa da música, na zona onde está a madeira e mercar a casa de dona Amalia no fondo do Cantón a 5-6 anos para casa do concello e biblioteca. Un proxecto de futuro di o alcalde, onde está a local terá que escollerse entre albergue ou biblioteca preferindo o albergue. Diéguez [Cultura] di que a P.O podería xebrarse como pide a CUP e que pode apoiar pontos como o 2º, o 3º, o 5º e o 6º. O difícil e mudar a ubicación. O alcalde pede deixar a moción para mellor ocasión. Medela (PP) advirte que a subvención do eficio onde está agora a local era finalista para turismo, que se mire ben iso. Diego Otero (Inta) di en referencia aos pontos 8º e 9º que hai colaboración fluída e diaria entre a OIX e a Casa da Xuventude. Di que o horario está ben así, aínda que podería ampliarse a media xornada. Escápaselle que no verán hai máis afluencia [o que coincide coa diagnose da CUP de que non ten sentido ter a OIX no mesmo horario que o lectivo]. Raquel (PSOE) di que se son asumíbeis todos os pontos menos a ubicación que se vote. Diéguez (Inta) comparte moito, de feito recuperar a Feira do libro ía no programa, mais habería que vero que vale.
A CUP di que se faga un estudo concreto para viabilizar no orzemento de 2017 a feira do libro e propón retirar os pontos 3º e 9º para que a moción saía avante. Diéguez comprométese a mirar o da feira do libro para o orzamento que vén e pide tamén retirar os pontos 7º e 8º. A CUP aceita aínda que solicita que por favor se corrixa o ruído do chan e da porta con pequenas intervencións para evitar ruído e se mellore o isolamento. O da Internet foi algo pontual di Diéguez. En aras de conseguir algunhas melloras no sentido das demandas estundantís a CUP aceita retirar a maior parte dos pontos da moción para que se aproben os restantes por unanimidade.
4.- Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP para impulsar a creación dunha mesa local de coordinación institucional fronte á violencia de xénero.
Ver texto da moción: mocion-para-impulsar-a-creacion-dunha-mesa-local-de-coordinacion-interinstitucional-fronte-a-violencia-de-xenero
A favor: 4 (CUP e PSOE) En contra: 7 (Inta) Abstención: 2 (PP)
O portavoz da CUP comeza expondo os motivos que xustifican a moción, cuxos acordos tamén le por cima. Lembra que é algo que a Consellaría xa fixo noutras partes e que tenta seguir esas indicación para evitar pretextos. Lamenta que nesta semana Montoro aforre un millón de euros nos incentivos á igualdade para as PEME’s. Tamén que desde o CIM lle din que, após enviarlles a primeira versión da moción, a Consellaría se puxo en contacto para iniciar a posta en marcha desde mesa.
Desde o PSOE dise que nesta cuestión imos a pior. O PP debería reflexionar sobre os recortes. Cándida (Inta) di que o recollido na moción máis ou menos é o que se vai implementar, aínda que a periodicidade non ten porque ser semestral.
Desde o PP din que a moción é unha copia da guía da secretaría xeral de igualdade que depende de Vicepresidencia e non de Benestar. Di que a mesa é local non comarcal e que desde xuño do ano pasado se fan cousas desde a Xunta. Hai un anexo da guía que di o que debe facer o pleno e o Concello. O alcalde retruca que que aproba el por resolución ou a XGL. Os socialistas, pola súa banda, lamentan que o máis complicado é chegar á denuncia. Formación, educación, apoio psicolóxico e axuda económica deben ser as medidas.
Inta di que non vai aprobar a moción para cumprir co organigrama que apresenta a Xunta. Contacto permanente co CIM e poucos casos en Chantada, aínda que pode haber algún problema para denunciar. Non ten sentido instar a facer algo que xa se ten feito.
5.- Mocións e asuntos de urxencia
Ningún grupo referiu ningún.
PARTE DE CONTROL DA XESTIÓN
Desde a CUP insérese unha cuestión de orde, lembrando que, como xa fixemos constar antes do pleno ao revisar a documentación que se nos remeteu, existen por volta de 50 reparos da interventora Cristina González Santín, que demostran tamén as deficiencias da intervención anterior.
No entanto, lamentamos que esta non asistise ao pleno xa que quixemos manifestar para que conste na acta da sesión que a CUP considera, ao abeiro do artigo 218 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLRFL), que estes reparos deberían transmitirse coa restante documentación plenaria para cumprir o alvo declarado polo lexislador cando inseriu a reforma neste artigo en 2013: o reforzo das prerrogativas de control e fiscalización por parte do pleno.
Para a fiscalización e control é vital coñecer o contido íntegro de cada reparo de xeito que se permita fiscalizar e controlar a natureza de cada un deles e, se procede, demandar aclaracións ou esixir responsabilidades. De por parte, consideramos que o informe ao que se alude no TRLRFL debe ter unha periodicidade equivalente á das sesións plenarias ordinarias como máis un elemento para o desenvolvemento do traballo dos concelleiros ao igual que os informes de morosidade, seguimento do plano de axuste, etc. O precepto legal é moi claro ao respecto.
En consecuencia, quero que se faga constar na acta que propomos que os reparos da intervención se insiran na parte de control e xestión dos plenos ordinarios e que se nos remita aos concelleiros a totalidade dos mesmos desde o 1/2016.
O secretario indica que desde o 1 de xaneiro de 2017 se fai libro conxunto entre intervención e secretaría e que enviou a todos os concelleiros, porque tiñan direito ao mesmo, o Reparo 1/2016 ao ter noticias del polo concelleiro da CUP. Porén, non era consciente de que existían ducias máis. Dálle a razón a Fente lembrando que a reforma de 2013 insere no 218 que a dación de reparos ten que constituír ponto na orde do día. De feito, en Monforte de Lemos fan así, sen prexuízo do que se di sobre un informe anual e a remisión ao Tribunal de Contas. Particularmente ele pensa que debe vir a todos os plenos a cuestión dos reparos, de existiren.
O alcalde di que sen RPT vai haber reparos seguido. Non hai problema de dar conta deles. Desde o PP preguntan quen é competente para levantar o reparo. O secretario di que, agás cando hai carencia de crédito, é o alcalde. Iso si, algúns terán que vir ao pleno.
A CUP di que isto é cuestión de orde e que sobre os reparos e a sua natureza pronunciaranse máis adiante.
6.- Dación de contas de resolucións da alcaldía.
Ver rogos e perguntas
7.- Deliberación sobre a urxencia acordada o 05/12/2016 para os asuntos tratados na sesión do pleno por petición na Comisión Informativa do concelleiro da CUP (art. 126.2 ROF).
Toma a palabra o señor secretario, José María Baños, dicindo que mirou o artigo invocado polo concelleiro da CUP na comisión informativa e que por iso elaborou un informe que pasa a explicar. O PSOE di que se reiteran no dito o día 5 de decembro. O secretario corta para dicir que primeiro hai que decidir se se dan todos os membros da comisión por enterados, co cal excusa volver a comisión esta cuestión, ao deliberar sobre ela no pleno. Aceítase por asentimento.
Toma a palabra Antom (CUP), que comeza parabenizando ao secretario polo seu informe, sucinto e á par esclarecedor, do que é importante pór de relevo que o artigo 126.2 do ROF que invoquei na Comisión de Goberno está pensado polo lexislador para actuar como freo á posíbel utilización indebida do trámite de urxencia. Quero lembrar que o noso grupo cuestionou a validez dos acordos plenarios do pleno extraordinario urxente do 05/12/2016 por terse producido a convocatoria sen a antelación necesaria para garantir a asistencia e, especialmente, pola falta de motivación da urxencia e da entrega da totalidade da documentación no momento da convocatoria.
Esta desconformidade fixémola constar mediante un escrito enviado, antes da celebración do pleno, mediante unha Reclamación previa a denuncia administrativa dos acordos do pleno do 5 de decembro de 2016 e tamén mediante escrito dirixido á Valedora do pobo (Expediente N.7.Q/64111/16 que motivou escrito da alcaldía de 30/12/2016. Tanto nese escrito, canto na acta correspondente hoxe aquí aprobada, non figura a xustificación da urxencia ficando esta tamén totalmente desacreditara na exposición detallada dos feitos (20 páxinas) que elaborou Por Chantada-CUP na Reclamación en trámite de exposición pública de expedientes de Suplemento de crédito 02/2016 e 03/2016 (18/12/2016), que ao ser apresentado en tempo e forma e non resolverse por parte do Goberno nin convocarse outro pleno en 2016 constataron na praxe que dita urxencia plenaria non foi máis ca un recurso político para subtraerse da canle e do procedemento normal por enésima vez.
Varela di que se non vexa ningunha manobra, xa que foi cousa dos servizos económicos e da secretaría que querían rematar esta cuestión antes do fin do ano. Agora haberá que esperar a ter o remanente de tesouraría de 2016, na primeira quincena de marzo, co que van amortizar débeda, pagar esas facturas e comprar unha casa no Cantón.
Desde o PSOE din que esa “urxencia” contrasta coa falta de previsión de pensar que non se ían facer alegacións. O alcalde contesta que a mudanza de secretaria e interventora complicou todo. A voceira socialista di que con esta interventora iso xa non pasaría. O PP di que manteñen a súa posición contraria á urxencia e que esperan pola liquidación.
A CUP fecha esta deliberación aproveitando este laño que a lexislación permite, previa solicitude na correspondente comisión informativa, para censurar a actuación do alcalde de Chantada Manuel Lorenzo Varela e para pedir publicamente a apertura dun expediente de oficio para a depuración de responsabilidades, tamén patrimoniais, en relación co Expediente 1/2016 e os máis de 600.000€ fraccionados abusivamente en contratos menores, sen consignación orzamentar e prescindinto totalmente do procedemento estabelecido.
8.- Rogos e preguntas
A) Rogos e preguntas do grupo socialista
1.- Reparos da intervención. Di que se levantan alegremente e que se abusa do contrato menor obviando o dito pola oposición en mocións e alegacións. Varela deféndese dicindo que se non os levanta os funcionarios non cobran nin se paga a luz. Raquel pregunta como se solucionan os reparos. Varela di que co tema da luz, empresas enerxéticas advertiron á interventora que se saca a concurso a luz subiría entre 30-35%. A telefonía rebaixaron custes ao pasar ao débito directo. Tamén engade que en Foz houbo 146 reparos, depende de cada funcionario polo que non ten importancia. O PSOE pide que se xustifique por escrito, dalgunha maneira, o levantamento do reparo e Varela di que iso xa se fai no informe da interventora. O PSOE di que se abusa do contrato menor e Varela di que como non vai usalo o Concello. Dálle mágoa ter que ir a xuízo xa que os reparos xudicializan a política.
2.- Perguntas CUP sen responder. En novembro díxoselle que se ían entregar por mail. Varela faise o sorprendido. Dieto Otero di que xa están [enviáronse ao día seguinte, cinco meses despois: preguntas-sen-resposta-xullo-2016-recibidas-o-24-de-xaneiro-de-2017].
3.- Decretos autorizando vertidos. Pregunta por dous vertidos autorizados a unha gasolineira e unha fábrica de bolachas. Quen vai facer o seguimento. Varela faise o sorprendido. Logo di que a Confederación ten que facer informe e a empresa Viaqua o seguimento, xa que o Concello non ten medios. O PSOE cuestiona pola capacidade da depuradora e Inta di que en época de choiva non e que xa o sabe a Confederación. Falta unha depuradora como é debido di o alcalde, aínda que a EDAR do polígono xa axudou algo. A CUP pídelle ao PP que faga algo no tocante á depuradora, por exemplo aprobar a emenda ao orzamento da Xunta para comezar a facer a depuradora (500.000€). Varela di que non chegan e Medela (PP) que a subvención para a nova depuradora na estrada de Monforte xa a hai. Varela di que non, só cento e pico mil euros na do Polígono. O PP di que se investigue iso. Varela di que faltou axilidade no Goberno local do PSOE e do BNG para conseguir unha nova depuradora, daquela cifrada en 7’5 millóns de euros. A CUP di que con 500.000 podería comezarse, en canto con 0 seguiremos igual. O PSOE di que polo menos hai terreos en só 4 anos de goberno e co PP nada toda a vida.
4.- Telecentro denegado. Diéguez (Inta) di que foi porque había ánimo de lucro, aínda que non lle respondeu iso.
5.- Cese actividade Pazo das Casas. Pergunta polo informe desfavorábel do arquitecto. Pamela (Inta) di que, sobretodo, son problemas de accesibilidade e Varela que hai trámite de audiencia e ten mala solución.
6.- Caducidade expediente mellora regato da Retorna en Argozón. Castor (Inta) di que xa vén de moi atrás o expediente. O PSOE insiste en se se deixou caducar. Desde a CUP crese que non é algo municipal, porque sería contraditorio tramitar un expediente sen consignación orzamentar algunha…
7.- Informe augas residuais “O noso lar” (abril-xullo 2016). Varela di que son os de Viaqua.
8.- Piscinas. O PSOE transmite queixas pola temperatura e a ausencia dun monitor. Casttor di que, como xa lle explicou ao voceiro da CUP en pasados días, trátase dunha avaría que vén desde, polo menos, hai un mes e pico. Viñeron técnicos e segue sen solucionarse. Gases da climatizadora e turbina tendo que intervir o servizo técnico de Roca, un técnico de Rodeiro… Din que xa mellorou algo a temperatura, aínda que a xente que está en rehabilitación pode ter algo de frío. Fente (CUP) pregunta se iso tamén afecta a vestiarios e corredores. Castor (Inta) di que nos vestiarios non hai problema ningún e que o paso á piscina non ten climatización, mais que a temperatura a veces até é demasiado alta. Medela (PP) di que un pouco de frío é sano. Castor (Inta) di que o monitor mudou o horario e faltou un venres, mais xa está solucionado, foi cousa dun día.
9.- Accidente ciclista arame farpado. Saíu na imprensa o 17/01/2017. Xa houbo máis casos e reclaman ordenanza. Varela di que xa a hai, que están prohibidos. A CUP di que tamén aconteceu cun quad, mais que é moi difícil dar coa persoa que atravesa iso nun camiño.
10.- Aparcadoiro ambulatorio. Pintadas as prazas en vertical e cria problemas, no proxecto non aparecía nada das prazas. Castor di que se pode mirán e Varela que falta educación na xente que se se aparca todos ben non hai problemas.
11.- Camión municipal abandonado no mercado e caseto. Diéguez (Inta) di que non o queren nin para chatarra e que o caseto é do sobriño dun feirante local. Hai que retirar todo si.
B) Rogos e perguntas do grupo popular (PP)
1.- Aparcadoiro grupo de arriba. Desde o PP coindicen coa necesidade dun aparcadoiro para o grupo de arriba, mais din que o material non estaba homologado o cal é moi grave ao haber na zona mananciais. Castor (Inta) di que o material entubouse e saneouse. Javier Medela (PP) retruca ue o prensado ndas estradas é contaminante e que está prohibido en moitos lugares, que estuden iso.
2.- Uso de auga ilegal para lavado de cisternas. Medela denuncia que no mercado e na Avenida de Portugal, á altura do antigo mesón Celanova, se están aclarando cisternas. Pergunta de quen son, o cal non se lle aclara aínda que se sabe, e o alcalde defende que Viaqua lles dá licenza.
3.- PEP. Medela pergunta polas cartas que recibiron en decembro algúns viciños do casco histórico de Chantada. O alcalde di que só poden alegar agora os propietarios, que se trata do PEP. Medela di que lle extraña que un documento de novembro de 2014, aprobado en abril de 2015, se notifique aínda agora (decembro de 2016) aos propietarios e que contén moitas barbaridades no tema das alturas co cal se destrozaría o casco histórico. Varela di que se aplica a lei e non ten porque ficar mal, empraza ao PP a modificar a Lei do solo. Medela pergunta tamén polo aparcadoiro que se contempla facer na parte posterior do casco histórico. Expropiaríanse os terreos? Tamén inquire polo acceso pola rúa do Forno e advirte que xeraría colo de botella. Intervén Raquel (PSOE) para dicir que elimina os xardíns por tras desas vivendas. O alcalde di que unha área deportiva (as piscinas) precisa de aparcadoiros e que agora non hai diñeiro para expropiar, mais que poden facerse desenvolvementos urbanísticos sen diñeiro.
4.- Castro Candaz. O PP di que hai problemas en Pedrafita co tránsito, que cómpren indicacións e aparcadoiros. Varela di que hai que buscar un prado e Goyanes (PP) que xa se usaron todos. Varela (inta) di que é competencia da Garda Civil.Goyanes pide vallar no cruceiro e que se acceda a pé desde alí que se hai un problema nin unha ambulancia pasa. Segue a polémica sobre o tránsito. A CUP é a única intervención que solicita acudir urxentemente a patrimonio para restrinxir o acceso a Castro Candaz e deter antes de que sexa demasiado tarde o destrozo desde elemento patrimonial chantadino.
5.- Postos ambulantes. O PP pide unha ordenanza para os postos ambulantes na rúa Xoán XXIII.
C) Rogos e perguntas orais da CUP
8.1.- PEP do Casco Histórico
O 13/04/2015 o Pleno do Concello de Chantada aprobou o Plano Especial de Protección do Casco Antigo de Chantada (PEP), porén non é até o 1 de decembro que se notifica aos titulares catastrais dos bens afectados que o expediente está ao seu dispor no concello.
a) A que se debe semellante demora? (Sen resposta, doravante SR)
b) Que custo total tivo a elaboración do PEP por parte de EPTISA? Non se dá unha cifra. Fálase unicamente de que houbo unha subvención da Xunta da Galiza.
c) Porque se hai dous meses para formular alegacións non se remite dito documento aos concelleiros da Corporación municipal nin se sobe ao site do Concello de Chantada? Varela di que xa non está exposto.
d) Rogamos que se nos remita o PDF completo do PEP e que se suba ao site municipal para consulta cidadá, xa que é algo perfeitamente viábel. Inta di que quen queira pode ir ao concello.
e) Contemplan algunha medida como soterramento do cableado, redución da contaminación lumínica e eliminación do tráfico rodado que contén o PEP tal e como xa lle temos lembrado nesta cámara desde a CUP? Varela di que xa se leva feito bastante.
f) Que hai de certo no desexo municipal de construír un aparcadoiro nunha zona do casco histórico colindande cunha área de reparto do novo PXOM na zona das piscinas? Varela recoñece que é certo e xustifícaa en base a que é un proxecto e que permitiría tirar os carros do Cantón. A CUP contesta que así non se pon en valor a zona sen actuacións globais e contribuíndo ao feísmo. De feito, nas alegacións ao PXOM solicitamos eliminar tamén esa zona de reparto e convertela en zona verde.
8.2.- Avaría piscinas municipais
a.- Solucionouse a avaría das piscinas municipais? Castor (Inta) explica o proceso e a problemática. Esperan dar coa solución nos próximos días.
b.- A veciñanza tamén refire frío nos vestiarios e nos corredores. Ten a mesma orixe este problema? Estudanse medidas temporais para paliar esta situación? Négase que haxa frío neses espazos.
8.3.- Muro en Arcos
Na parroquia de Arcos a Asociación Torre de Arcos restaurou unha fonte cunha subvención da Xunta facendo tamén un espazo para o tránsito rodado. No entanto, a actuación municipal subseguinte facendo un muro de formigón e non un balado de pedra conforme é debido é puro feísmo.
a) Porque non se fixo ben? Diego Otero (Inta) contesta que os informes da Deputación son favorábeis e que permite empregar formigón e logo revestir [realmente estes informes permiten facer esa actuación ao pé da estrada provincial máis nada. Tampouco se vai revistir nada].
b) Existe proxecto municipal para esa actuación? Non din que foi unha obra a raíz da feita pola asociación, de feito fixeron as actuacións a mesma empresa.
c) Como se adxudicou, a dedo? NR
d) Canto custou esta “actuación”? Non sabe.
e) Que órgano aprobou esta factura? Abonouse? Con que número? Vai ir á XGL.
f) Que empresa realizou o muro? O formigón púxoo o Voces o resto coa subvención da asociación. Agora di Diego Otero que cada obra a fixo unha empresa [contradicindo o dito anteriormente e sen aclarar os nomes]
Tamén en relación con esta actuación púxose unha placa de latón moi fea na fonte e aínda por riba só puña concello de Chantada ocultando que se restaurou a fonte con fondos da Xunta, algo arranxado logo cun remendo aínda máis espantoso.
g) Quen foi o responsábel concreto desta actuación e que explicación nos pode dar? Diego Otero deféndese dicindo que aínda máis feo é o STOP posto pola Deputación de Lugo.
8.4.- Decreto 297/2016
O noso grupo entende que o Decreto 297/2016 vulnerou a norma 5ª do acordado por este Pleno cando aprobou o REGULAMENTO DE UTILIZACIÓN DO AUDITORIO MUNICIPAL DE CHANTADA2 ao ceder este espazo á empresa Hotusa para a «formación anual de contábeis», actividade da que claramente obtén un lucro. A norma 5ª do devandito regulamento di que se exclúen as actividades que teñan ánimo de lucro, como é o caso.
As normas das que nos dotamos son de aplicación en condicións de igualdade para todos os administrados non podendo estar uns por riba doutros. Rogamos que se cumpran os acordos plenarios e a igualdade e non discriminación dos cidadáns perante as administracións públicas.
[Neste ponto só Diéguez de Inta di que hai que facer ordenanza fiscal senón o regulamento do auditorio queda en nada.]
8.5.- Informe sobre FUSIÓNS da Deputación Provincial de Lugo
O 7/03/2016, como consecuencia dunha moción apresentada polo noso grupo municipal, solicitouse á Deputación Provincial de Lugo un informe que nos chegou como agasallo de Nadal. Iso si, agardamos por el até o 21 de novembro de 2016, ou sexa máis de 8 meses para quedar como estabamos para alén de recomendar a lectura do Documento 5/2016 da Rede Localis, facer un percurso superficial sobre a lexislación básica e concluír que as análises deste teor deben facerse no marco galego.
Rogamos que, en consecuencia, se solicite á Xunta de Galiza un informe máis detallado para información dos concelleiros e da cidadanía en xeral. [NR]
8.6.- Reparo 1/2016, 2/2016 da intervención municipal
O noso grupo xa solicitou o 18/01/2017 as ducias de informes de reparo da intervención municipal. No informe 1/2016 sinálase, entre outros aspectos os reparos da intervención fan referencia a: pago de subvencións encubertas mediante o abono de facturas directas; pago de facturas sen a existencia de contratos nin convenios de ningún tipo; violación da Lei de Protección de dados pola externalización do servizo de xestión de nóminas que debería realizar o propio persoal municipal; abono de subvencións nominativas sen acordo plenario; gastos recorrentes e periódicos xeridos irregularmente como contratos menores evitando a debida publicidade e libre concorrencia que redunde na escolla da oferta máis vantaxosa; violación da normativa legal polo uso do débito directo na administración pública; existencia de “monopolios” por parte dalgúns fornecedores de servizos en diversas áreas no tocante á facturación; fraccionamento de contratos para eludir os requisitos de publicidade e libre concorrencia ou até os constrinximentos derivados da intervención financeira á que está sometida o concello polo Plano de axuste en vigor; etc.
Ditos reparos foron levantados, sen subsanar, pola alcaldía ao amparo da doutrina de evitar un enriquecemento inxusto da administración, doutrina da que xa se abusou no pasado como da fe a problemática derivada do Expediente 1/2016, polo que se abonaron máis de 600.000€ abusando do contrato menor e sen consignación orzamentar nun acto nulo de pleno direito e polo que seguen sen depurarse de oficio responsabilidades.
A.- Que consecuencias legais poden ter estes reparos e a súa non observancia?
B.- Rogamos que se emita un informe explicativo e conxunto da secretaría e da intervención municipais sobre o procedemento do reparo así como o marco legal que o regula e as consecuencias derivadas da súa non observación.
C.- Rogamos que se inicie un expediente de oficio para depurar responsabilidades, tamén patrimoniais se for o caso, en relación co Expediente 1/2016.
[NR as cuestións. Tampouco veu a interventora ao pleno nin ás comisións informativas].
8.7.- Decreto 264/2016 (18/11/2016)
O citado decreto declarara a ruína dun inmóbel no lugar do Bañal, na parroquia de Camporramiro.
A) Pasados os 15 días que tiña a interesada para actuar en que estado se encontra a cuestión?
Varela di que un viciño está facendo unha xestión que falou cos donos e parece que van comprar aquilo co cal se solventaría a cuestión.
8.8.- Decreto 283/2016: desafectación camiño en Laxe
No Decreto 283/2016 iníase un expediente para desafectar un tramo dun camiño público no lugar de Vilaseco, na parroquia Laxe.
A) Ponde informarnos mellor sobre esta actuación e en que estado de tramitación se encontra a elaboración dos preceptivos informes? Varela di que están pendentes dos informes, mais que ten pouco percorrido ao ficar inutilizado.
B) Cando vai vir a pleno? O alcalde di que ía vir a este pleno, polo que virá para o de marzo.
8.9.- Entroido Ribeirao (vid. Anexo)
No Pleno do 02/02/2015, ponto 7º, aprobouse unha Moción sobre o novo decreto de Turismo. No entanto, o Goberno non fixo un labor rigoroso polo que pouco se axuda así á asociación do Entroido Ribeirao na súa loita por conseguir a declaración de interese turístico, loita que debe ser tamén municipal ao ser un elemento patrimonial de primeira orde.
a.- Rogamos máis axuda para o entroido, xa non só económica (só recibe 600€ en subvención nominativa menos que o entroido convencional sen valor patrimonial), mais tamén material. Diéguez (Inta) di que van mellorar a axuda.
b.- Rogamos que o concello se dirixa a Consellaría de Cultura interesándose polo estado da declaración de interese turístico do Entroido Ribeirao e, ao tempo, pór a dispor da asociación os medios municipais para contribuír a conseguir este importante fito.
c.- Rogamos ao concelleiro de cultura, brindándolle a nosa colaboración se é precisa, que traia ao próximo pleno ordinario unha proposta para facer unha Declaración plenaria do Entroido Ribeirao como ben de interese local e especial protección.
d.- Rogamos que o concello de Chantada se acolla á Resolución do 29 de decembro de 2016 pola que se estabelecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico da Galiza (DOGa, nº13 do 19/01/2017] co cal se pode axudar ao Folión de Carros.
8.10.- Obradoiro Serra do Faro II
O Decreto 314/2016 (28/12/2016) aproba a conta xustificativa do módulo B do obradoiro “Serra do Faro” comprendido entre o 01/12/2016 a 31/12/2016, cuxo orzamento de execución é de 179.134’20€.
a.- Que custo exacto tivo a actuación na praza da Galiza? Desde Inta aclaran que 70.000€.
b.- Que máis se pensa realizar? Acabouse din.
8.11.- Casa Líncora
Para alén do xa perguntado por escrito e rexistrado o 11/10/2016, queremos perguntar en relación co expediente de actividade e obras ilegais por parte de Casa Líncora na rúa Rosalía de Castro, porque non se procedeu aínda por parte da alcaldía á paralización inmediata da actividade de oficinas a pesar de existir un acordo firme da XGL desde hai máis de dous meses e un informe da Secretaría que informe ao alcalde do marco legal de aplicación? Danse conta de que hai familias sufrindo ansiedade, ruídos e danos nas súas vivendas en canto a pasividade do alcalde favorece a quen comete ilegalidades urbanísticas moi graves?
Varela di que lle chegou denuncia por obras e actividade, mais que as obras deben ir as afectadas (presentes no pleno) pola vía civil através da comunidade. A actividade di que non é de Casa Líncora, xa que esta aluga e non ten actividade. Di que lle aluga a Hotusa e a outras empresas [Realmente Casa Líncora é unha das ramificacións de Hotusa polo que minte]. Di que o baixo se pode legalizar e que andan [desde o concello!!!] buscando outros baixos para resolver o problema. A policía local non pode entrar só o xuíz. Acusa á CUP de perxudicar ao pobo con estas cuestións e que ao mellor Fente valoraba doutro xeito as cousas se se tivese reunido con Amancio Seijas como o resto dos grupos.
8.12.- Bar Sylt
Como se encontra o estado doutra actuación de disciplina urbanística en que o concello acordou dar trámite de audiencia e paralizar as obras nun estabelecemento hosteleiro da vila? Di que está aínda no trámite de audiencia e que non vai entrar en detalles.
PREGUNTAS POR ESCRITO DA CUP: rogos-e-preguntas-por-escrito-pleno-xaneiro
A pesar do que indica o ROF, ao seren apresentadas con máis de 24 horas de antelación, as perguntas non se traían contestadas nin se querían contestar no pleno. O voceiro da CUP diríxese ao secretario para que faga constar este feito na acta e aclare o que di o ROF ao respeito. Finalmente desde Inta o alcalde contesta as cuestións (en 2 minutos). A continuación pomos as respostas:
1.- Xa se falou. 1.1.- En vez de subirlle a subvención compensouse así. 1.2.- Parélles importante financiar estes actos.
2.- 100 quilos, a 100€ cada un. Haino a 8 en Madrid, mais hai que traer un trailer inteiro.
3.- En comidas afforaron moito, só Folión de carros e Feira do viño. Outra cos dos drons cando buscaban un desaparecido. Ponse de mal humor cando lle falan de comidas.
4.- O telefone xa se solucionou.
5.- Os postos cada vez hai que pór máis. 500€ cada un. O voceiro da CUP di que son máis de 1.500 euros por dous postos. Varela di que ten que haber “algo máis” nesa factura.
6.- 9.000€ polos fogos parécelle normal ou non se botan ou é o que hai. Diéguez explica mellor o tema. Di que o Folión recibiu 13.000€, 3.500€ por unha factura de 2015 e 9.500€ onde 6.000 son do concello e 2.500 dun convenio entre Abanca e a Xunta para festas de interese turístico. Débenselle 1.000€ por falta de orzamento.
7.- As horas de picador a 40€ e as outras a 30€.
8.- Asesoría enerxética, previndo unha caldeira de penso calórico para o centro de día. Van “mañá” falar para adxudicala.
9.- Verquido río Enviande apresentaron alegación o 05/01/2017. A CUP di que o traxecto non toca a Chantada polo que a alegación é un remendo chafalleiro. Varela di que é o que di o técnico que estarán vixiantes e denunciarán se ven algo mal.
[Pode xulgarse a alegación dunha única carilla e apresentada por Inta o 5 de xaneiro, en prazo porque os sábados xa non son días hábiles:
Aquí poden verse as alegacions da CUP , quen tamén levou esta cuestión ao parlamento europeu e ao parlamento galego. ]
9.2.- O Asma cómpre reforzar a depuradora e houbo proxectos autorizados pola Confederación, aínda que lles cobraron moito, 40.000€ que logo baixaron en máis da metade.
10.1.- A Ponte vaise facer a análise e está limpa. Déronlle hoxe a analítica das piscinas e da fonte do pavillón, as dúas da da Ponte, a do campo de fútbol, a de Soilán… Medela pide tamén que se analice a de Abral.
11.- Piscinas. Xa está. Castor di que non é deficitaria xa que é un servizo. Ofrece datos económicos e a falta aínda de varias facturas o concello vai ter que pór sobre 20.000€ e esperan mellorar estes números vermellos nos próximos anos. Nos gastos das piscinas hai máis de 22.o00 en luz, máis de 36.000 en gasoil, sobre 3.0o0 en reparacións, 5.000 en subministros varios, 654 en análises… En total sobre 210.786,88 euros (faltan facturas de penso calórico e luz) máis 143.174,45 euros de persoal.
12.- NR
13.- O das multas tomouse un acordo. Fíxoo o interventor. O concello ten as portas abertas para quen queira velo. Hai que mover o cú e ir alí a anotar non esperar a que nos fagan o traballo.
14.- Hai un borrador de ordenanza para terrazas. Di que para venda ambulante hai [o que contradí o dito noutros plenos].
15.- Sempre se fixo. Son problemas.
16.- As perguntas de disciplina urbanística non se responde di que xa se falou antes diso.