A CUP lamenta a “Fronte do koala” en que participa a Deputación de Lugo

cartaz-vivir-e-producir-pchcup

 

Con tristura e estupor é como recibimos a nova de que a Deputación de Lugo e varios alcaldes da provincia de Lugo, fundamentalmente do PSOE, participen dunha plataforma que aposta por permitir a plantación de eucalipto no interior galego. Opóñense así á idea inicial da Consellaría do Medio Rural de prohibir o eucalipto na provincia de Ourense e en 29 concellos da provincia de Lugo. Aínda máis indignante é que a Deputación vaia destinar fondos públicos para unhas xornadas onde expor “diferentes pontos de vista sobre a especie”, ou sexa pura e simple apoloxía do eucalipto.

Por Chantada-CUP celebra que no proxecto de decreto se contemple deixar a Chantada entre os territorios onde este cultivo fica prohibido e só pode comprender esta fronte ou no servilismo ás empresas extractivas ou na ignorancia. Non sabemos o que é pior. É máis parécenos insuficiente que en toda a Galiza o eucalipto só se restrinxa na provincia de Ourense e na de Lugo nas montañas orientais, nos concellos da Ribeira Sacra e do Val de Lemos e en boa parte dos concellos do interior lucense, como os da comarca de Sarria, coincindo por certo coas áreas onde o nitens tan caro a ENCE ten máis difícil prosperar.

Un pouco de historia e perspectiva para entender o problema

Precisamente cando o goberno portugués ben de restrinxir severamente o eucalipto no seu territorio, cando menos até 2030, un cultivo desterrado do resto de Europa dito sexa de paso (FIG. 1 e FIG. 2), convén lembrar algúns dados.

15241903_1320103514701686_4375257564923902585_n
FIG. 1: hectáreas destinadas ao eucalipto na Península ibérica. A pesar de estar a cola na maioría dos capítulos (pensións, salarios, etc.) Galiza lidera a produción de eucalipto.
15319189_1320103841368320_5325957327234186278_n
FIG. 2: distribución do Eucalyptus globulus en millerios de ha no mundo. Sendo orixinario de Australia destaca que o Estado español, fundamentalmente Galiza, e Portugal a superen amplamente. Outros estados que o cultivan teñen igualemnte unha inserción subalterna e colonial na economía do actual sistema-mundo.


Tradicionalmente, na Galiza o monte non foi unha superficie forestal, mais agrícola e pecuaria inserida no que Bouhrier descrebeu como complexo agrario das sociedades tradicionais, onde o monte tiña un papel de fornecedor de materia orgánica que, convertido en estrume polos animais, servía para fertilizar as terras de cultivo. Sabémolo ben en Chantada co uso tradiconal do toxo. Amais, o monte tiña moitísimos máis usos: lugar para as estivadas e a plantación rotatoria de cereais, para o pasto do gando, para fornecer froitos silvestres e plantas medicinais, para obter pedra e carbón, para a vaza e para obter madeira. Moitos destes usos eran colectivos, manténdose aínda áreas do noso concello comunais.

As repoboacións forestais comezaron a finais do século XIX e no XX, por razóns que nada tiñan a ver coas dinámicas propias do rural galego senón para abastecer de maderia á industria estatal e mesmo moitos terreos de mancomún foron forestados á forza no franquismo, especialmente na montaña oriental lucense. Que agora se reclame o eucalipto para non ter unha Galiza de dúas velocidades é tan ridículo canto historicamente refutado. É como pedir un encoro en Erbedeiro ou en Chouzán para que volvan os viciños.

Precisamente o que se tenta na actualidade, ao compás do despoboamento e da crise do agro, é converter o monte exclusivamente en terreo produtor de madeira, un deserto verde ao servizo das transnacionais, implantando masivamente especies e técnicas importadas e alleas á unha xestión silvícola racional e respectuosa co noso medio.

Porén, o certo é que o monte debe observarse desde outra perspectiva máis próxima aos nosos avós e menos aos koalas. O monte pode ser zona de pastoreo, especialmente nas zonas máis afastadas das aldeas onde hai extensións sen cultivar que poderían dar rendementos agro-pecuarios acollendo rabaños que limpasen o monte. De feito, Maceda de Tribes creou mesmo postos de traballo públicos con este sistema, xestionando dun xeito eficiente e racional o monte ao tempo que mantén as tradicións.

A lacra dos lumes custoulle á Xunta 173 millóns de euros en 2016, calculan a socialización deste impacto os que fan apoloxía do eucalipto? Véxase a evolución do gasto en incendios na Galiza que como o propio eucalito é o paradigma dunha xestión externa cunha estrutura allea ao local e aos indíxenas do rural, cuxo único papel é proporcional unha eventual e precaria man de obra (e até para iso hai que ter “padriño”):

Fonte: La Voz de Galicia
Fonte: La Voz de Galicia

Con todo, aínda deixando o gravísimo problema dos incendios forestais a cerna do problema é que incentivar a monocultura forestal, como a Lei de montes de 2012, empobrece, polo que o efecto é precisamente o contrario ao que persegue supostamente a fronte do koala.

O eucalipto non lles deixa ver a fraga: dados que obvia a fronte do koala

A produción forestal supón por volta de 450 millóns de euros e dous terzos expórtase, cáseque todo ao resto do Estado, polo que é un sector extractor de materia prima sen transformación. Unha grande produción que non se centra no país nin xera valor engadido. En postos de traballo xera sobre 6.000 directos e 15.000 indirectos aproximadamente, bastantes menos do que o sector agrícola e pecuario a pesar da profunda crise e do abandono que sofre por parte das administracións.

A terceira parte da superficie galega (a que podemos considerar Superficie Agrícola Utilizada) xera un valor engadido aproximado de 1.300 millóns de euros, o que representa sobre 1,3€/ha. Os outros dous terzos dedícanse xa a superficie forestal producindo un valor engadido de 325 millóns, ou sexa, sobre 0,2 ou 0,3€/ha, segundo contabilicemos toda a superficie forestal ou só a arborizada. Se alén diso lle imputamo os custes externalizados que pagamos toda a cidadanía para apagar os lumes cada verán o rendemento é mesmo negativo. En conclusión, está demostrado que o valor engadido xerado por unha ha de superficie agrícola é entre 5 e 8 veces maior que o xerado por unha ha de superficie forestal e precisamente cando moitas explotacións se reorientan ben para o extensivo, ben para unha maior autonomía forraxeira precisando terras próximas o que se está fomentando é o abandono as terras tradicionais de labradío para inzalas de eucalipto.

Por Chantada-CUP acredita nun monte multifuncional e solicita que a Xunta faga unha valoración integral específica dos montes galegos como xa fixeron Extremadura ou Euskadi ao tempo que o que a Xunta, a Deputación, os concellos e os denominados “partidos” deben facer polo ben do país, sen maior demora, é aumentar os lucros obtivos polas funcións recreativas e ambientais do noso inmenso patrimonio natural que fan que Asturies e Cantabria teñan unha renda por ha de monte moi superior á da Galiza.

Que os eucaliptos nos deixen ver e valorar o noso patrimonio natural e ambiental. O eucalipto é sinónimo de deserto verde, de probreza para a maioría social deste país.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s