Por Chantada-CUP apresentará unha moción para taxar as eléctricas e financiar un plano de emerxencia social

 

Por Chantada-CUP apresentará no pleno ordinario de marzo unha MOCIÓN PARA ESTABELECER UNHA TAXA MUNICIPAL NAS INSTALACIÓNS DE TRANSPORTE E ENERXÍA E OUTRAS MEDIDAS FISCAIS PARA IMPULSAR E FINANCIAR UN PLANO DE EMERXENCIA SOCIAL E ASINAR O CONVENIO DA FEGAMP PARA GARANTIR A LUZ E O GAS NOS FOGARES EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE. Trátase dun paquete de medidas das que se beneficiría non só a facenda local senón tamén cos novos ingresos  pór en marcha políticas sociais concretas e aplicar bonificacións fiscais no caso do IBI para paliar os efeitos do catastrazo.

Por Chantada-CUP leva propondo ao longo da lexislaturas medidas que, por unha banda, procuran sanear as finanzas e, por outra banda, lanzando iniciativas para mellorar o benestar da cidadanía, especialmente políticas de inclusión social e equidade fiscal na secuencia do combate da desertificación demográfica e da depresión económica que atinxe a nosa comarca.

Xa que logo, a presente moción incardínase nesa vía dupla: axir para mellorar os recursos do
concello facendo pagar a quen máis ten, e non abusando da fiscalidade regresiva como no Catastrazo –que tentamos paliar con bonificacións para o medio rural e as familias numerosas
rexeitándoa a maioría minoritaria que ocupa o Concello–.  A tal efeito, a CUP aposta por, dunha banda, aplicar ás empresas subministradoras de enerxía unha taxa municipal pola utilización do dominio público local nas súas instalacións de transporte de enerxía eléctrica e gas, para alén de graver os caixeiros bancarios estabelecidos na vía pública así como, en xeral, o emprego privativo da vía pública para fins lucrativos; e, doutra banda, subscribirse ao convenio da FEGAMP para garantir a subministración de luz e gas nos fogares vulnerábeis.

Aprobar a nosa proposta para facer pagar as transnacionais  suporía un feito histórico, unha inxección económica importantísima para as arcas municipais que permitirían reforzar as políticas sociais, o coidado do patrimonio material e inmaterial e a súa promoción ou o fomento de fixación de poboación moza no rural con axudas a creación e mantemento de negocios, etc. Tamén é un acto de xustiza histórica polo impacto que o concello de Chantada ten soportado coa produción maciza de enerxía.

Canto ao convenio da FEGAMP  c alquera persoa advertida dun corte de luz ou gas pode poñerse en contacto cos Servizos Sociais do Concello ou coa súa empresa subministradora, que o informarán da existencia e funcionamento deste convenio. Unha vez os técnicos dos Servizos Sociais municipais constaten que se trata dun caso de urxencia social e llo notifiquen á firma enerxética, esta comprométese a manter a subministración durante dous meses. Deste xeito, o corte do subministro non chega a producirse e o concello emprega ese tempo para tramitar a axuda de emerxencia, afrontando as facturas cos mecanismos que determinará o Plano de Emerxencia Social do Concello de Chantada, que deberá aprobarse ao carecer na actualidade do mesmo malia as reiteradas peticións da CUP.

Da crise ou saímos todos xuntos ou fracaseremos colectivamente para beneficio dunha minoria.

#SomosAlternativa #CUPChantada

Preme na ligazón para descarregares o TEXTO íntegro e acordos da moción en PDF:

MOCIÓN de Por Chantada-CUP para estabelecer unha taxa municipal nas instalacións de transporte e enerxía e outras medidas fiscais para impulsar  e financiar un Plano de emerxencia social e asinar o convenio da FEGAMP para garantir a luz e o gas nos fogares en situación de vulnerabilidade. 

cartaz-cupchantada-mocion-pobreza-enerxetica

2 comentarios en “Por Chantada-CUP apresentará unha moción para taxar as eléctricas e financiar un plano de emerxencia social

Deixar un comentario