Crónica do pleno ordinario do 13/03/2017: Inta ten 9 concelleiros.

O pleno comezou con atraso ás 20:03 horas coa asistencia de 8 persoas no público, a interventora, a secretaria e 11 dos 13 concelleiros, ausentándose 2 de Inta. Isto colocou accidentalmente a Inta en minoría aritmética no Pleno por vez primeira na lexislatura, mais non tivo maiores consecuencias porque o PP facilitiu que saísen todos os acordos agás un ponto que foi retirado polo Goberno.

 

1.- Acta anterior, correspondente á sesión do 23/01/2017.

PDF: Acta do pleno 1/2017 do 23/01/2017

Aprobada por UNANIMIDADE.

2.- Recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2017.

Correspondía cun pagamento pendente do 3º trimestre de 2016 de Xantar na Casa.

Desde o PSOE cuestionaron que algo que chegou en novembro aínda veña para pagar en marzo, que estivo moito tempo sen informar. Cándida Carnero (Inta) deféndese culpando ao Consorcio (Xunta da Galiza) por enviar a factura moi tarde. Contesta Raquel dicindo que houbo moi pouca dilixencia polo que non pode votar a favor.

Desde o PP aclárase que a factura do Consorcio entrou o 25/11/2016 e que a demora foi excesiva aínda que coinciden con Inta en que é necesario pagala.

Canto á CUP dicimos que este recoñecemento extraxudicial vén a ilustra máis unha vez a desastrosa xestión económica do concello de Chantada. Plenos sen propostas, goberno sen iniciativa e continuados problemas de xestión… un Concello totalmente paralizado e inane.

Un programa que leva desenvolvéndose anos, concretamente desde o 11/07/2010, através dun Convenio cuxa cláusula 6ª fixa que o concello debe asumir o 16,67% do custe de cada xantar e que non se orzamenta axeitadamente nin se fai a previsión correspondente cando é un cálculo elementar e cando levan gobernando seis anos inenterrumpidamente. Un requirimento de 1.716,76€ que chega o 25/11/2016 e que non pode pagarse até a súa aprobación definitiva, se hai alegacións xa en abril, ou sexa cáseque medio ano despois.

Non hai vontade nin capacidade de xestionar, nin a mínima dedicación que require unha administración pública xa non digo digna, simplemente que vaia tirando. O alcalde ten que erguer cada día un reparo suspensivo da intervención por irregularidades flagrantes e faino sen ningún problema como logo veremos noutos pontos deste mesmo pleno. Cada día máis entristecidos porque Chantada merece algo mellor. O noso grupo solicita, de conformidade co artigo 102.2 do ROF a votación nominal.

A secretaria consulta o ROF e di que efectivamente se un grupo municipal o pide debe votarse se se procede ou non á votación nominal.

Votación para derimir se se fai ou non votación nominal

A favor: 4 (CUP e PSOE) En contra: 5 (Inta) Abstención: 2 (PP).

Varela intervén após a votación, sen posibilidade de réplica, e di que, en todo caso, cando colleron o Goberno tiveron que facer fronte a dous anos e medio de pagos pendentes do Xantar na Casa e que no 2016 estaba no orzamento o problema é que se lles pasou para o 2017 polo que hai que ir a recoñecemento. Acusa á CUP de falta de cortesía e educación ao aproveitar a falta de dous concelleiros do seu grupo para exercer tretas [o cal é falso].

Votación recoñecemento extraxudicial 1/2017:

A favor: 5 (Inta) En contra: 4 (CUP e PSOE) Abstención: 2 (PP).

[No explicativa sobre “herdanzas”: alén do que xa publicamos no seu día destrozando esta falacia da “herdanza” que invoca cando non ten saída o alcalde, lembrar que Manuel Varela foi alcalde 11 anos, entre 1996 e 2007, polo PP deixando unha débeda de 6.900.000€ e numerosas facturas nos caixóns que explican o actual Plano de axuste e as súas consecuencias. Entre 1996 e 2003 o Concello nin sequera remitiu as contas ao Consello de Contas da Galiza. En 2o01 gastáronse 778 millóns de pesetas e só se recaudaron 575 millóns (aínda que no orzamento prevían recaudar 734 millóns), un desfase que se explica en parte polos máis de 268 millóns de pesetas recoñecidos extraxudicialmente.

En 99, 2000 e 2001 Varela endebedeu o concello en 400 millóns de pesetas por exercicio nos tempos da barra libre do cemento. No ano 2002 aparecen 16 millóns de pesetas de gastos en exceso e até 2006 son numerosas as facturas que procedían de obras que ninguén asinaba, faltándolle a conformidade á realización da obra. Entón, as mesmas eivas e irregularidades son un continuum no tempo.

Todo isto e moito máis fica explicado polo ex-concelleiro Ildefonso Piñeiro nun artigo que publicara hai tempo e que vén moi ao caso: ]

3.- Recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2017.

DOC. (PDF): Fiscalización de intervención 24/2017 e Informe de intervención 43/2016

Varela (Inta) di que o seu grupo mantén o ditame da comisión informativa e que está a favor.

O PSOE di que non é o mesmo caso que o anterior, que se ten que acabar con isto pois sempre hai reparos e hai responsabilidades como dixo a secretaria na comisión informativa. Actúase á marxe da legalidade. Rogan seguir as instrucións e a licitación pública.

O PP di que van manter o voto da comisión informativa, mais piden que se faga caso da intervención xa que observan un abuso de poder da alcaldía. Hai unha factura para “placa xubilzación Manuel Varela”. O alcalde intervén para dicir que é do Queipo que el non quere nin placas nin rúas.

Desde a CUP comézase afirmando que vistos os informes de intervención relativos a este ponto, é dicir, o 43/2016 de 22 páxinas, que contén os informes de reparos 33/2016 a 44/2016, e, especialmente, o 24/2017 de 27 páxinas, que conten os informes de reparo 9/2017 a 24/2017 quedan poucas dúbidas sobre o que se está tratando aquí. É máis chamo ao conxunto da Corporación a mostrar cordura e retirar esta proposta de acordo, por iso quero incidir nalgúns aspectos concretos para logo apresentar unha emenda á totalidade propondo un acordo alternativo ao que trae hoxe aquí o alcalde.

Do informe 43/2016 quero subliñar que indica que hai «omisión no expediente de requisitos ou trámites esenciais», xa que «son gastos repetitivos no tempo, dos cales Intervención non ten documentación, polo cal, estanse a fraccionar» e que o fraccionamento dos contratos incumpren os requisitos esixidos polos artigos 23.3, 86, 109, 111.1 e 138.3 do TRLCSP e, en consecuencia, estamos diante de supostos do artigo 47.1.e) da Lei 39/2015 de 1 de outubro que configura como nulos de pleno direito os actos ditados «prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente estabelecido ou das normas que conteñan as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados», circunstancia confirmada polo artigo 32 do TRLCSP que recolle posíbeis causas de nulidade de direito administrativo dos contratos.

Pola súa banda do informe de intervención 24/2017 destaco que se trata de 172.400,03€ para os que non existe crédito na relación de facturas nº 13 e 14 e que na súa globalidade incumpren as xa cidatadas disposicións do TRLCSP mais o Plano de axuste que dispuña a redución dos contratos menores como lle lembramos en tantas ocasións, incluso mediante mocións que se negaron a debater e a tramitar por urxencia como en maio de 2016.

Cantas veces lle dixemos nós que contrasta o abuso «dos contratos menores, tratando todos os suministros e servizos do concello, como contratos menores» co rigor aplicado no IBI e na suba de taxas na aplicación do Plano de axuste? Agora dillo a intervención. Cantas veces que había que limitar radicalmente os contratos menores e proceder a contratar publicamente, con concorrencia e publicidade? Como pode existir un contrato administrativo do 24/02/2016 para o que non existe crédito axeitado e suficiente? Como pode xestionar, sen nin sequera existir un contrato, as nóminas do concello unha xestoría cando é competencia dos propio persoal do Concello e incumprindo a Lei de protección de dados?

Alén dos informes como se explica que non exista informe con proposta de resolución que conteña a enumeración dos feitos e disposicións aplicábeis? E como pretende que se poda apoiar un acordo baseado nunha mentira pois hai moito máis aquí que o simple importe e duración dos cotratos menores? Como se paga a entidades e empresas facturas a dedo sen subvención, convenio ou figura xurídica algunha que regule os termos da contratación e as obrigas e deberes de cada unha das partes? Como se pode confiar na limpeza dunha administración que executa a maioría do seu orzamento coa máis total opacidade e sen cumprir coa lexislación, precisamente usando fórmulas propias das mordidas como o tan famoso 3%?

Aquí interrompe o alcalde, Manuel Varela, para instar ao voceiro da CUP a dicir en que facturas hai mordidas nunha tentativa de retorcer as súas palabras, entre outros obxectivos. Contéstalle Fente dicindo que o que dixo foi que o non seguimento da LCSP (Lei de Contratos do Sector Público) é o que permitiu en múltiplos casos a corrupción e as mordidas. Varela tamén di que son facturas pequenas, que diga o valor que teñan. Fente contesta que algunhas superan os 80.000€ como as de Obras y Viales de Galicia (Oviga) adxudicada tamén  como contrato menor, cando é unha das empresas envolvidas nos máis de 600.000€ pendentes de pago desde maio de 2015 e cuxa nulidade de pleno direito foi recoñecida polo propio concello.

Continúa Fente lembrando que o TRLCSP dispón que a figura do contrato menor é excepcional cando Inta a converteu en Chantada no pan de cada día e como di un dos informes citados pola interventora «na xeneralidade dos casos, o uso da contratación menor e a súa apariencia de legalidade constitúe o cauce habitual que se emprega para incumprir os correspondentes preceptos legais sobre publicidade e sobre procedemento de adxudicación».

En moitos casos nas facturas apresentadas non media nada alén da factura directa e percíbese claramente o fraccionamento para eludir a libre concorrencia e repartir discrecionalmente os fondos públicos adxudicándoos a dedo. Este modo de proceder remata por perxudicar á facenda pública producindo desfalco (como se desprende do informe da interventora para o seguimento do plano de axuste por exemplo) e mala xestión, aos cidadáns que pagan cada vez máis impostos para menos prestacións e ás empresas que vén agora como os cobros se atrasan. Os contratos menores e o fraccionamento irregular dos seus obxectos son nulos de pleno direito co cal é preciso restabelecer a legalidade.

Na proposta da alcaldía non se restabelece a legalidade, simplemente búscase un mecanismo para saír da situación á que a súa xestión e non observancia da lei nos conduciu, sendo o Goberno o único responsábel pois son os órganos de contratación os que deben ser conscientes das normas rectoras da contratación pública vinculada ao interese xeral e á garantía dos principios básicos de publicidade, libre concorrencia e transparencia, que só se alcalzan con métodos de contratación aberta e competitiva como os que tantas veces reclamamos en mocións, alegacións e recursos.

Entón é necesario falar das RESPONSABILIDADES:

A Disposición adicional decimonovena do Texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público (TRLCSP) dispón claramente que:

a responsabilidade patrimonial das autoridades e do persoal ao servizo das Administracións Públicas derivada das súas actuacións en materia de contratación administrativa, tanto por danos causados a particulares canto á propia Administración, esixirase con arranxo ao disposto no Título X da Lei 30/1992, de 26 de novembro, e no Real Decreto 429/1993, de 26 de marzo, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos das Administracións Públicas en materia de responsabilidade patrimonial.

Na Lei 30/1992 o artigo 141 estabelece o método da indemnización á Administración como método para resarcir os danos causados á facenda pública, así como o 142 enfoca a responsabilidade patrimonial das autoridades e do persoal ao servizo das Administracións:

1.- Os procedementos de responsabilidade patrimonial das Administracións Públicas iniciaranse de oficio ou por reclamación dos interesados.

2.- Os procedementos de responsabilidade patrimonial resolveranse (…) polos órganos correspondentes das Comunidades Autónomas ou das Entidades que integran a Administración Local (…).

3. Para a determinación da responsabilidade patrimonial estabelecerase regulamentarmente un procedemento xeral coa inclusión dun procedemento abreivado para os supostos en que concorran as condicións previas no artigo 143 desta Lei. No procedemento xeral será preceptivo o ditame (…) do órgano consultivo da Comunidade Autónoma (…).

O artigo 145 da Lei 30/1992 indica que a administración após indeminizar aos lesionados, esixirá de oficio ao seu persoal e ás súas autoridades a responsabilidade en que incorreran por niglexencia grave, previa instrución do procedemento que regulamentarmente se estabeleza (145.2.). Tamén se fixan os criterios que deben ponderarse: dano producido, intencionalidade, responsabilidade profesional e a súa relación co resultado producido. En 145.3) recóllese que «a Administración instruirá igual procedemento ás autoridades e demais persoal ao seu servizo polos danos e perxuízos causados nos seus bens ou direitos».

O que procede e, xa que logo, propoño ao Pleno é a seguinte emenda á totalidade do ACORDO proposto  [non se chegou nin a votar!]:

Vista insuficiencia e inadecuación do crédito orzamentar, o abuso do contrato menor e as diversas irregularidades observadas, cuxa consecuencia é que, ao abeiro do artigo 32 e 138 do TRLCSP, sexan actos nulos de pleno direito ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente estabelecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados:

PRIMEIRO.- Iniciar un expediente de oficio por parte do concello (art. 5 do RD 429/1993, de 26 e marzo) para:

declarar os propios actos como nulos de pleno de direito [art. 47.1.e) da Lei 39/2015, de 1 de outubro e artigo 32 do TRLCSP] remitindo un informe con epígrafe conclusiva e propositiva ao Consello Consultivo e ao Consello de Contas da Galiza para que se pronucien sobre o mesmo.

SEGUNDO.- Determinar as responsabilidades patrimoniais e proceder a resarcilas pola vía procesual correspondente, de tal xeito que non repercutan os custes destas condutas irregulares e non axustadas a direito na facenda pública, ao tempo que se expediente e sancione o seus responsábeis conforme á legalidade vixente e se remita, se procede, aos Tribunais competentes [artigo 145.5 da Lei 30/1992].

Todo o que non sexa facer isto será alongar infrotuosamente o proceso e forzar a conducilo por outras canles que nin favorecen ao concello nin á vida política local. Aclarar tamén que a petición da votación nominal, neste ponto e no anterior, conforme ao artigo 1o2.2 do ROF se fai porque hai consecuencias e responsabilidades, mesmo poderían ser penais, derivadas destas votacións polo que era algo que iamos pedir independentemente dos concelleiros de Inta. De feito recalcamos que impere a cordura e que se retire o acordo proposto.

Votación nominal:

A favor: 4 (CUP e PSOE) En contra: 5 (Inta) Abstención: 2 (PP).

Votación Recoñecemento extraxudicial 2/2017:

A favor: 5 (Inta) En contra: 4 (PSOE e CUP) Abstención: 2 (PP).

Varela volve falar sen posibilidade de réplica para indicar que cando o señor Fente vexa o remanente de tesouraría para o ano 2017 e a liquidez que hai que vai ter que retirar todo o dito.

4.- Levantamento reparo 8/2017: indefinición traballadora.

O grupo socialista comeza a rolda de intervencións neste ponto dicindo que a actuación do concello foi pouco escrupulosa, matizando que por “escrupulo” hai que entender o sentido de que se non se cumpre a legalidade non se é escrupuloso. Piden moito coidado en materia de contratacións ao estar en plano de axuste. Pergunta pola RPT (relación e postos de traballo) e Varela contesta que neste mes están na fase de comezar coas entrevistas e que pode perguntar na Deputación de Lugo. Raquel (PSOE) prosegue dicindo que as contratacións se dilatan no tempo polo que non lle parecen simples despistes de planificación e organización. A postura do PSOE é respeitar sempre os reparos da intervención.

Inta, por medio do alcalde, deféndese dicindo que teñen que asumir unha competencia impropia e que a poboación envellecida vai en aumento o que lles obriga a facer fronte con máis persoal. Fan probas selectivas todos os anos, só que como prima a experiencia sempre entran os mesmos, non hai outra razón, e aos 3 anos piden a indefinición. O informe da Deputación di que mellor é non ir ao xulgado do social, aínda que incumpra a Lei de Contratos do Sector Público. Terá que volver denunciar a muller, mais “aquí non andamos con tonterías, que está traballando xa” ao quedar na bolsa deste ano e facer substitucións.

Raquel do PSOE di que é difícil encaixar a lóxica de traballo diario coa legalidade, que o entende, mais non podemos apoiar erguer un reparo da intervención.

Varela di que os cidadáns os puxeron a gobernar e a responsabilidade de levantar o raparo é de Inta, que se estiveran na oposición ao mellor tampouco apoiaban e que irán modificando paulatinamente estas cousas.

Medela (PP) di que é unha irresponsabilidade levantar o reparo [curioso após permitir o mesmo nos pontos anteriores] e que todos os anos entran 10-15 persoas novas no plantel do orzamento do concello de Chantada por sentenza xudicial. Isto non pode ser.Varela nega que sexan tantas, algunhas si, mais culpa ao Goberno anterior [Inta leva 6 anos gobernando!]. Medela di que se podería deixar esta cuestión para o seguinte pleno e o informe da Deputación parece máis para unha empresa que par unha administración polo que van votar en contra.

Varela di que desde Inta retiran o ponto vistas as circunstancias e que o traerán para outra sesión ao estar nesta en minoría [á CUP xa non se lle ofrece a posibilidade de intervir sobre este asunto, que explicaremos no entanto, cando se proceda novamente ao seu debate].

PARTE CONTROL DA XESTIÓN

5.- Moción do PSOE sobre as autorizacións para verquidos.

PDF: Moción PSOE Verquidos PDF: Emenda de Inta á moción sobre vertidos

A secretaría fala do ditame da Comisión e de que hai un voto particular de Inta. Raquel (PSOE) discute o texto de Inta e Varela (Inta) indica que o que pretenden é darlle atribución ao Concello senón ir á Confederación ou a Medio Ambiente. O PSOE retruca que con aprobar a moción non se vai levar a cabo. Varela di que facer o propio. A voceira socialista non concorda e di que así fica sen aplicación e Varela aclara que se aplicarían as sancións previstas polo que propón engadir á súa emenda “elaborar un regulamento para pedir…”. A secretaría di que estudar ben a Lei de augas, nos ríos xa nada que é competencia da Confederación. Varela di que facer un regulamento.

A CUP entra no debate dicindo que o urxente e necesario é facer unha ordenanza que regule e dispoña o procedemento para autorizar verquidos, así como o seu seguimento e os direitos e obrigas, incluídas sancións, das partes envolvidas, pois sen iso o que se aprobe non vai ter ningunha aplicación. Aínda así apoiaras a moción do grupo socialista, con emenda ou sen ela, no sentido de que se fai un pronuniamento a prol de regular unha cuestión importante, iso si, coa advertencia de que este acordo de por si non compromete a nada e, portanto, non ten aplicación práctica algunha. Varela di que regulamento pode valer e a secretaría intervén para dicir que se a lei non contempla sancións non poden aplicarse que a ordenanza non a cre necesaria. Fente (CUP) indica que as disposicións de rango menor, como as ordenanzas, non poden contravir outras disposicións, aínda así cabe igualmente a ordenanza para outros aspectos independentemente das sancións, en todo caso se as sancións non se contemplan tampouco ten sentido o regulamento polo que segue pedindo unha ordenanza. O acordo proposto para emenda fica finalmente coas dúas palabras  ordenanza/regulamento. A CUP pergunta quen vai vixiar, a empresa concesionaria Viaqua unicamente? Que lle vai reclamar o Concello? Varela di que si que através de Viaqua sen máis. 

Votación emenda INTA: unanimidade.

O PSOE pergunta pola cantidade de Augas de Galiza e Varela que están agardando polos dados dos últimos 3 anos [!]. Prosegue o PSOE dicindo que tamén lles preocupa o Enviande e que espera que non se leva a cabo. Varela di que esa é unha loita distinta e que se a Condeferación e a Xunta lle dan os permisos hai pouco que facer… O PSOE di que espera que non sexa así. [Neste ponto, que non ten a ver stritu senso cos vertidos mencionados na moción lembramos que a CUP levou esta cuestión aos parlamento galego e europeu e que apresentamos as seguintes alegacións].

Votación moción PSOE: unanimidade.

 

6.- Moción do PSOE sobre a estrada e titularidade estatal 540.

PDF: Moción PSOE sobre estrada N-540

A urxencia desta moción e da anterior foron apreciadas por unanimidade na comisión informativa. Varela di que Inta está a favor. Raquel (PSOE) resume a moción e di que a situación da estrada perxudica a comarca duramente pola vía de alta capacidade por Lemos. Falan da construción da A-56. Varela di que lles contestou o Ministerio a varios alcaldes e que depende do orzamento do Estado (OXE), pois se se prorrogan os actuais só haberá 5 millóns, atrasando todo. Vanse reunir en Chantada varios alcaldes para reinvindicar esta demanda e Lemos quere tamén a autoestrada do Berzo que empalme con Monforte e pode beneficiar se vén dar a de Chantada-Monforte.

O PSOE pide que Chantada leve neste asunto a voz cantante e Inta retruca que ten que ser un partido independente e nen o PP que son a maioría dos alcaldes  nen o PSOE están á altura cando teñen máis medios. Raquel (PSOE) deféndese dicindo que o PSOE ten poucas alcaldías. Varela di que ten bastantes… como Monforte de Lemos ou Coles e o PP moitas como Vilamarín ou Carballedo. A autoestrada a quen máis favorece é ao polígono de Chantada que é un milagro que teña a industria que ten coas infrastruturas actuais. Sería un antes e un despois.

O PP di que é favorábel a esta moción e que o PP xa instou á Xunta para apremiar ao Goberno [ínstanse a eles mesmos caralludo]. O alcalde (Inta) di que quen máis pode incidir é o subdelegado do Goberno e que llo dixo xa na… a secretaría aclara na xunta de seguridade para a Feira do Viño. Prosegue o rexedor dicindo que fai falta a rexeneración absoluta na N-540.

A CUP di que apoian a moción en tanto en canto hai que arranxar a estrada 540, mais que noutras consideracións habería moito que falar e que os últimos 40 anos deixaron claro que infrastruturas non son sinónimo de industria, mais ben o contrario. Ao ritmo de inversións actuais a autoestrada estará rematada en 30 anos, non pasa de ser unha arma electoralista e marear á xente xa que nin se rematou o xa licitado cando se paralizou con José Blanco en Fonento.

Votación: aprobada por UNANIMIDADE.

 

7.- Moción e asunto de urxencia.

7.1.- Moción de Por Chantada-CUP para estabelecer unha taxa municipal nas instalacións de transporte e enerxía e outras medidas fiscais para impulsar e financiar un plano de emerxencia social e asinar o convenio da FEGAMP para garantir a luz e o gas nos fogares en situación de vulnerabilidade.

PDF: Escrito de A. Fente valorando a exclusión da moción da orde do día por parte do alcalde a pesar de remitirse con máis de 10 días de antelación

PDF: Moción de Por Chantada-Cup  para estabelecer unha taxa municipal nas instalacións de transporte e enerxía e outras medidas fiscais para impulsar e financiar un plano de emerxencia social e asinar o convenio da FEGAMP para garantir a luz e o gas nos fogares en situación de vulnerabilidade

Varela di que o que máis lle cabreou foi que o concelleiro da CUP estea co mando a distancia, mandando unha moción sen estar presente non é de persoas educadas nin axeitado. A maiores di que se xuntou con 35 alcaldes en Monterroso e unha equipa de xuristas para aplicar unha taxa ás eléctricas na vía pública a raíz da sentenza do Supremo que beneficiou a concellos como Arteixo. No entanto, a equipa de Madrid di que as eléctricas van recorrer isto e poden gañar no Constitucional.
Comeza Fente motivando a urxencia suscintamente, facendo referencia ao escrito xa apresentado. Di que só se aprecia a urxencia entrará nos detalles da moción, pois o que toca agora é falar da urxenciaVarela di que non ve a motivación da urxencia e Fente dille se quere que lle lea as cinco follas do escrito. Varela di que non é necesario, mais que van manter o voto en contra e que non lles parece unha moción urxente nin necesaria.

Votación da urxencia:

A favor: 4 (CUP e PSOE) En contra: 5 (Inta) Abstención: 2 (PP) 

7.2.- Moción de urxencia de Por Chantada-CUP para apertura de expediente de depuración de responsabilidades no concello de Chantada por continuadas irregularidades en relación coa facenda pública.

PDF: Moción de urxencia PCH_CUP expediente de depuración de responsabilidades por continuadas irregularidade en relación coa facenda pública

Comeza Fente explicando a urxencia da moción, fundamentalmente di que se debe a que os informes da intervención e a documentación plenaria, sobre 800 páxinas, é moi extensa e contén irregularidades das que se derivan responsabilidades polo que entende que é obriga da CUP volver insistir na necesidade de abrir expediente de oficio no Concello para evitar que os fondos públicos se xestionen de calquera maneira ou que a cidadanía pague os erros de terceiros.

Varela responde dicindo que o voceiro da CUP, cando aprecie irregularidades, diga cales e vaia a outras instancias.

Raquel (PSOE) di que a anterior moción se mandou por correo, mais que descoñecen os termos desta moción polo que se absterán a respeito da urxencia.

Votación da urxencia: 

A favor: 1 (CUP) En contra: 5 (Inta) Abstención: 5 (PSOE e PP).

8.- Dación de conta de resolucións da alcaldía.

9.- Dación de contas de reparos de invertención 02 a 24 de 2017

[Este ponto inclúese após indicación no pleno de xaneiro e escritos do voceiro da CUP invocando o artigo 218 da Lei Reguladora das Facendas Locais, especialmente após a súa reforma no 2013]

DOC.: FISCALIZACION DE INTERVENCION 2017-0009,  FISCALIZACION DE INTERVENCION 2017-0014FISCALIZACION DE INTERVENCION 2017-0015FISCALIZACION DE INTERVENCION 2017-0021FISCALIZACION DE INTERVENCION 2017-0022FISCALIZACION DE INTERVENCION 2017-0024.

10.- Dación de conta do Plano de axuste 4º trimestre de 2016.

DOC. (PDF): FISCALIZACION DE INTERVENCION 2017-0010 [INF PLAN AXUSTE 4T 2016]-1

Aínda que o propio informe indica as limitacións existentes para unha aproximación con maior detalle o que si se recolle é algo xa moi reiterado neste Pleno que é a “selectiva” aplicación do plano de axuste que en canto se cumpre na creación e elevación de impostos se incumpre na redución de gasto e na limitación dos contratos menores con funestes consecuencias.

Xa sen avaliar iso, o propio informe cifra o desaforro en 320.921’31€ polo que lonxe de saír do Plano de axuste como o alcalde defendía en xaneiro de 2016, cando aprobou Inta en solitario aquela revisión do Plano de axuste que Facenda non aceitou porque era un disparate, o Concello entrou logo nun Plano económico-financeiro.

Agora, a pesar do atraso previsíbel nos OXE a prioridade da débeda vai ser un mantra intocábel das políticas contracíclicas amparadas por Bruxelas polo que esta política económica errática só fará perxudicar a Chantada e manter ao Concello nas bridas do Plano de axuste sine die.
IBI: -252.876,10€ (aínda así 1.467.784,48€ e os impostos directos non chegan para os gastos do persoal algo inédito nos concellos de máis de 7.000 habitantes na Galiza)-

ICIO: -36.090,63, beneficiando ao Casco antigo e ao Polígono, fundamentalmente, con bonificacións do 95%, mais non a agricultores e gandeiros, onde facer unha nave ou establo paga por este concepto sobre 7.000€. Esta é a xustiza fiscal do seu Goberno.

Taxas deportuvas: – 17.473,30€.

Redución custe de persoal: +1.630,12€ (xubilación dun funcionario, descompesado totalmente pola suba de 1% dos salarios e polo continuo incremento do custe laboral)

Contratos externalizados que podería prestar o propio concello: – 11.273,78€.

Viabiliade contratos inversións. Segue faltando un para o primeiro aínda que se di que é preceptivo.

Subvencións nominativas: houbo incremento e desaforro.

Contratos menores: foron a máis como rezaba o lema da campaña electoral de Inta (“Xuntos imos a máis”).

11.-Dación de conta período medio de pago 4º trimestre de 2016.

 

12.- Dación de conta informe de morosidade 4º trimestre de 2016.

Informe morosidad 4 trimestre 2016-1

O PMP do Concello é totalmente enganoso xa que o informe de morosidade do 4º trimestre é demoledor. Cúmpre nas inversións reais que representan grandes pagos co cal a media oculta que a maioría das operacións ou fican pendente de pago ou se pagan fóra de prazo andando por riba dos 60 días en moitos casos, especialmente a maioría das operacións concertadas cos pequenos provedores, ou sexa, coas empresas locais.

Tamén nisto a xestión segue sendo deficiente e de feito hai 28 pequenos provedores cuxas facturas estaban sen pagar ao feche do 4º trimestre, por valor superior a 50.000€. Isto é unha constante neste concello.

13.- Dación de conta execución trimestral 4º trimestre de 2016.

PDF: Execución orzamentar 4º trimestre de 2016

Da execución parece desprenderse o seguinte:

a) Polo lado do ingreso que nos impostos directos xeridos desde a Deputación de Lugo xa neste 2016 non houbo unha substancial mellora existindo un desfase entre os Direitos recoñecidos netos e a recaudación líquida de 209.247,45€ máis que todas as transferencias correntes que fai o concello a entidades sen ánimo de lucro (asociacións, subvencións, etc.). Novamente mentiuse, algo sistemático no terreo económico para levar á xente onde se quere coas contas da leiteira. Máis grave aínda é que o Concello recauda en impostos diretos e indirectos 40.000€ menos do que gasta só en persoal: 2.417.759,65€.

No tocante a autonomía financeira do concello, daquela política, as transferencias de capital e correntes ficaron por baixo do estimado pola perda de poboación e pola falta de traballo na atracción de fondos públicos doutras AAPP e organismos. No conxunto representanta o 46,7% do ingreso total e hai dous dados especialmente preocupantes no tocante ao futuro: dunha parte o ingreso en transferencias correntes (299€/hab.) está por riba da media galega para os concellos de máis de 7.000 habitantes (266€) polo que a perda de poboación só fará minguar e con ela a autonomía financeira; e, doutra parte, as transferencias de capital, que son os recursos que se conseguen captar por parte dos xestores públicos, están moi por baixo da media dos concellos galegos de máis de 7.000 habitantes 45,6€ fronte a 79€ e iso que 2016 foi ano eleitoral en que historicamente a Xunta é máis xenerosa.

b) Polo lado do gasto, alén do xa referido para o persoal acrescentar que en 2012 representaba 231€/hab. e en 2016 xa máis de 286€ ( un aumento de 55,7€ máis por habitante en só 4 anos!).

Pola contra, as inversións reais que xa de por si eran paupérrimas (655.461,13€), o pior dado desde o orzamento de 1997, ou sexa desde hai 20 anos. Poden estar fachendosos. E o máis triste é que ficaron até lonxe do que prometeron cunhas obrigas recoñecidas netas por valor de 458.650,29€… cáseque 200.000€ menos do previsto ou o que é o mesmo un pobrísimo 70% de execución. É máis desde que vostede é alcalde no grupo INTA só superou os 600.000€ en inversións reais no 2012 e habería que ver se non foi cos métodos cos que quixo facelas en 2015, que supuxeron actos nulos de pleno direito por valor superior aos 600.000€, por non falar dos 6.900.000€ que deixou de débeda, o canon sen cobrar e os eólicos regalados cando deixou de ser alcalde do PP.

Non é unha xestión mala, é simplemente un desastre que non hai por onde collelo e que lles debería levar á reflexión de que o seu proxecto rematou e é hora de facerse a un lado polo ben de Chantada e o seu futuro.

14.- ROGOS  E PERGUNTAS

14.1.- Rogos e perguntas PSOE.

14.1.1.- PEP

Na CI do martes perguntaron sobre isto após escrito do 3 de febreiro de 2017 en que facían constar irregularidades. Parece ser que houbo un erro. Cando e que prazos para que se volva a iniciar. [Varela di que mellor tramitalo novamente, que foi un fallo non unha ilegalidade intencional polo que haberá que tramitalo de novo e remitilo aos grupos completo. Seguramente veña cos orzamentos a un pleno extraordinario en abril]. Raquel coincide con Varela en que é oportuno facelo así e que facer peonil o casco histórica é beneficioso e apóiano pois ía no seu programa. O que non entenden é o do aparcadoiro polo que piden aproveitar o reinicio do proceso para subsanar isto. Cal foi o motivo da demora para notificar aos viciños? [Varela culpa aos funcionarios, concretamente aos servizos técnicos e xurídicos daquela altura que pensaban que o PEP non era como o PXOM. O aparcadoiro é anteciparse e naquel intre a equipa de EPTISA falou del e todos os grupos calaron a boca, tamén o PSOE, polo que non entende agora esta mudanza de postura].

14.1.2.- Rosalía de Castro.

En febreiro de 2016 o PSOE sacou adiante unha moción polo día de Rosalía, mais non se fixo nada do acordado. [Varela di que houbo un acto no auditorio]. Raquel pide que para o ano que vén se mire isto e [Varela dille que fale directamente coa responsábel da Biblioteca municipal].

14.1.3.- Pasos elevados no IES Lama das Quendas.

[Desde Inta o alcalde di que lle contestou á Deputación e que pode solicitar outro. O problema maior é cando aparcan os autocarros, ogallá só se pudera aparcadar nunha beira para maior seguridade, aínda que hai que ir con tempo e tranquilos. El pasou moitas veces e nunca rascou o carro] Raquel fai fincapé en que a policía local ten que traballar e facer un informe. [Varela di que é complicado, hai que ir sen presa e ter paciencia].

14.1.4.- Festas particulares na Carambola.

O PSOE denuncia que hai queixas viciñais por festas particulares nun local da vila con menores, alcohol e disturbios sen que o concello concedese ningún permiso. Pide que se extreme a vixiancia. [Varela pensa que se fala doutro local e di que ese local xa deu problemas en fin de ano e que cando se enterou de que o sábado de entroido fixo outro concerto se enfadou moito…] Raquel aclara que ese é outro local, que este que di ela está fechado ao público [Cándida Carnero aclara que é a Carambola e Varela di que aí tivo que intervir a Garda Civil e que é un serio problema polo que haberá que falar co dono, aínda que descoñece se segue coa licenza de actividade en vigor. Parécelle moi boa idea a proposta do PSOE de prohibir ese tipo de festas e mirarano] Raquel di que se queixan os pais [Varela di que a esas horas a culpa é nosa dos pais ollo]

14.1.5.- Denegación Telecentro.

En xaneiro denegouse polo horario o Telecentro e logo no pleno díxose que fora porque se presupuña lucro. Poden explicalo? [Varela di que falta Manuel Diéguez para explicar iso]. Raquel di que agora hai cursos na Casa da Cultura e se descoñece se hai ou non lucro [Cándida Carnero di que se son os que ela pensa eran da Xunta e non se chegaron a facer]

14.1.6.- Consellaría de Medio Rural- Lourizán

O PSOE pide explicacións sobre este decreto e [Varela aclara que hai moitos montes a nome do concello, parcelas cativas en montes e camiños e que non sabe quen os anotou así, agás na zona de Requeixo e Casteda que hai algún grande].

14.1.7.- Aval camiños

O PSOE viu que se devolveu un aval por arranxo en camiños, mais non pudo comprobar se fai referencia ás facturas pendentes de pago. [Varela di que os que estás sen pagar non teñen aval, só faltaría]

14.1.8.- Camión mercado gandeiro.

[Castor di que segue alí e Varela que se lle dixo a un industrial da vila que o viñese buscar]

14.1.9.- Ponto recollida de animais.

O PSOE aposta para desenvolver convenio coa Deputación para ampliar o ponto de recollida de animais e asumir así o concello o custe dun convenio cunha protectora para varios concellos. [Castor retruca que con outros concellos imposíbel porque non hai capacidade, é moi cativo. Amais, sería carísimo dito convenio, sobre 46.500€ cada ano e a maiores un tanto por cada can máis outros gastos. Isto é 4 veces do que se gasta actualmente] Raquel di que hai 37 animais abandonados de media en Chantada, cans [Castor di que non chegan a 20 normalmente]. Raquel deféndese dicindo que 46.000€ para un convnio cunha protectora ao ano entre varios concellos non é moito [Castor volve explicar que non é viábel porque en cada cancil collen dous cans e a capacidade máxima sería de seis, polo que malamente dá para Chantada. A maiores, que se faría logo cos cans se non hai adoptantes? Para eles o mellor é seguir como ponto de recollida e ao pasar 2-3 días que os leve a protectora coa que teñen o convenio (Xinzo de Limia)]. O PSOE aclara que canceira non é o mesmo que protectora [Castor di que hai animais sen saída e non se poden sacrificar polo que o concello buscaría un problema. Varela dálle a razón e di que é buscar problemas onde non os hai] Raquel di que a problemática haina igual [Varela di que nós temos que solucionar o noso] Raquel retruca coa existencia de subvencións europeas [Castor di que o van estudar ben, mais que é moi caro e que só falta un papel teoricamente para a reapertura].

14.1.10.- Modificación ordenanza ICIO.

Fixeron a xestión xa? [Varela di que tamén virá ao pleno extraordinario de abril co orzamento e mais co PEP]

14.1.11.- Entroido Ribeirao.

Ten unha grande importancia cultural hai que conseguir que sexan Festa de Interese Turístico axudando desde o concello. [Varela di que se reuniron con Juan Carlos e lle deron todo o apoio]

14.2.- Rogos e perguntas PP.

14.2.1.- Resolucións.

Felicita á secretaria e á interventora por estaren ben numeradas.

14.2.2.- Reparos.

Que se cumpran os trámites e se lle faga caso á interventora e o invorme do Plano de axuste igual, que hai un grande desaforro. O PMP tamén pode mellorar. A morosidade van moitas facturas fóra do período legal.

14.2.3.- Pleno de marzo.

Debérase adiar o pleno e pide que se mude isto porque así veñen co pleno mal preparado, que tanta documentación non se dá manexado nunha semana. [Varela di que non se cambiou porque faltaba na comisión algún (en referencia ao voceiro da CUP)]

14.2.4.- Vallas praza da Galiza

O temporal motivou que estiveran 6 días tiradas as vallas e que dá moi mala imaxe e máis onde hai un tanatorio e sendo concello de interese turístico. [Varela di que as tirou o vento e até a xente, que viu a algún tirándoas. Un empregado do concello levantounas varais veces e el tamén ergueu varias]. Medela di que el tamén levantou varias.

14.2.5.- Bando entroido.

O PP pide que se emita un bando no entroido prohibindo tirar alimentos, ovos e fariña principalmente, durante o Entroido e máis nestas épocas de necesidade [Varela di que este ano case non houbo] Medela pide erradicalo [Varela di que como farán en Verín coas formigas].

14.2.6.- Camións que cargan auga.

Pergunta novamente por esta cuestión que xa levou ao anterior pleno. [Varela di que calquera pode falar con Viaqua e pagar por levala] Medela pergunta se non se paga corrente. [Varela di que desde a ampliación da concesión a Viaqua que el fixo non se subiu un céntimo aínda que se leven camións e camións de auga. Só paga quen leva. No mercado gandeiro si que non deixan porque aí paga o Concello  canon de auga] Medela di que arriba, xunto ao Celanova, tamén é perigoso porque cria capas de xeo.

14.2.7.- PEP.

O PP pide que veñan os técnicos falar cos viciños e cos grupos políticos.

14.2.8.- Intensidade das luces.

Os viciños dos 4 camiños, José Antonio Primo de Rivera (Avenida de Ourense actualmente) e da praza Mariano Cedrón piden máis intesidade nas luces.

14.2.9.- Mobiliario bares Santa Ana.

Deíxano alí amontoado e dá mala imaxe [Varela di que alí o que cómpre é darlle unha volta ao pavimento]

14.3.- Rogos e perguntas CUP.

14.3.1.- Mediante a Resolución da alcaldía 1179/2016 REC aprobouse a relación de facturas nº 259 e erguéronse os reparos da intervención desde o 07/2016 até o 20/2016, ambos inclusive.

 Na relación de facturas a nº 1958, 1959 e 1960 corresponden a horas de excavadora  sen especificar cantas. O total de ambas ascende a 2.141,7€. Onde foron estas actuacións e de cantas horas falamos? [Varela di que non sabe quen é] Fente aclara que é Orlando Otero Fernández  [Di que non sabe  polo número de factura. Dille ao señor Fente que vaia ao Concello a comprobalo. Non sabe as horas]

 Tamén se factura por desborce de gabias na factura 1.609 unha soma de 23.292,50€. Novamente descoñecemos as horas e os lugares de actuación. Rogamos se aclaren. Porque un contrato deste volume non foi licitado?

Figuran tamén máis de 5.233,25€ facturados (factura nº 1692) co concepto “pista Casdemiro”. Que se fixo e porque se adxudicou tamén a dedo este contrato? [Foi o Conde onda o Faro. A pista estaba perdida e deúselle unha volta para canalizar augas e máis zagorra] Pena do Carro SC factura 2.589€ (factura 1723) en Erosa, Penasillás, Campo de Tiro Pereira, explanada Faro e San Lucas. Novamente adxudicado a dedo. Cantas horas? [Non contestan]

Confección de nóminas por empresa externa  que leva ingresados, só desde xullo máis de 3.600€ sen que exista contrato nin documentación de ningún tipo, e violación da Lei de protección de dados, segundo informe da intervención que, aliás, engade que deberían facerse con persoal propio. Como explican isto? [Recauda a Deputación agora así que queda o persoal máis libre, a ver se o poden subsanar]

14.3.2.-  Resolución da alcaldía 1401/2016 REC

Tamén se aproban as facturas número 1931, 1992 e 1991 pola que se abona a Obras y Viales de Galicia, S.L (unha das empresas do “famoso” Expediente de crédito 1/2016) un total de 80.300€ por mellora de camiños (Vilauxe, Fornas, Monte, Sabadelle e Adá; Laxe; Amedo e San Fiz) novamente a dedo e fraccionando unha contratación para eludir os requisitos de concorrencia e publicidade (non o di a CUP como tantas veces levamos advertido, senón o informe da interventora). Entón, a citada resolución ergue novamente os reparos da intervención (30/2016, 31/2016 e 32/2016) que indican que se excede o límite estabelecido no Real Decreto Lexislativo 2/2011, de 14 de novembro, para a contratación menor. Esta empresa é unha das implicadas no Expediente de crédito 1/2016 de máis de 600.000€, o cal nos parece moi grave observando mesmo indicios delitivos. Teñen algo que alegar? [Tirouse de orzamento, di Varela. había diñeiro e é a empresa que fixo as obras da Xunta e da Deputación e mantíñalles o prezo e alí si que foi a concorrencia e con 14-20 empresas podía saír pior o concurso] A CUP di que esa explicación é unha trapallada e que a lexislación e os procedementos non amparan ese tipo de actuación.

14.3.3.- Zona verde Rúa Taboada.

No seu día fixemos un estudo documentado sobre a situación da zona verde da rúa Taboada e como é aniquilada na proposta do PXOM, unha das súas múltiplas eivas que o fan inasumíbel para nós. Agora no Decreto da alcaldía 39/2017 de 7/2/2017 dáse aprobación a un informe do arquitecto sobre calificación urbanística das parcelas catastrais propiedade do colindante cos terreos que defendemos que é público. 

Segundo o devandito informe só unha desas parcelas está, segundo o PXOU en vigor, baixo a Ordenanza 6: zonas verdes e as restantes en Ordenanza 2: edificación fechada ou en liña. Iso si, como xa advertimos no seu día todas ficarían na redacción actual do PXOM como Solo Urbano non consolidado D1-AR-03 podendo, xa que logo, desaparecer totalmente esa zona verde ou zona libre levándose para o río Asma cando a vila ten tanta falta de espazos verdes no centro. [Ficaría como zona verde ao Asma só se leva moito verde polos edificios feitos no pasado]

Fente di que o PXOM non di iso e que podería perderse a zona verde e, en todo caso, fan falta áreas verdes no centro da vila e non todo acementado. [Varela di que o desenvolvemento urbanístico viría a pleno e entón xa se vería] Tamén en relación con este asunto o señor alcalde saíu en Televinte dicindo con total flema que estaba “negociando” un aparcardoiro, cando entendemos que a propiedade pública debería destinarse a zona verde como queren os viciños. En que situación están esas negociacións” de costas aos viciños? Cercenáronse de que a propriedade municipal está cadastralmente e no rexistro da propiedade conforme é debido?

[Varela di que xa viu 2-3 proxectos, máis ben anteproxectos ou proxectos de proxectos. Un deles o dun supermercado para facer desenvolvemento urbanístico con 6o ou 70 prazas en subterráneo e que podería ser libre nalgunhas horas e o resto de pago e con zona axardinada]

14.3.4.- Como explican que tendo un servizo de axuda no fogar tiveran que subcontratar na última semana de decembro? Que explicación hai para os reparos da intervención que indican que non se garante a igualdade nin as mínimas garantías no acceso ao emprego público tamén neste caso ou que as bases fosen impuganadas e estivesen cheas de deficiencias? 

[Varela di que si para cubrir unhas baixas… que se contratou a Albores. Cándida intervén para dicirlle que non, que foi a AFA Chantada. Varela di que así se cubriron as baixas como se fose unha empresa temporal] Fente di que non consta contrato algún. [Varela séntese ofendido. O servizo hai que dalo e había urxencia] Fente di que a falta de previsión ou facer unhas bases mal, que logo son paralizadas non é urxencia, é incompetencia [Por favor vaia remantando di Varela].

14.3.5.- Rogo aprobación bonificacións para establos e granxas

Volvemos reiterar que se está discriminando as granxas e ao sector primario no cobro do ICIO en relación con outros sectores. Vemos, por exemplo, o Expediente G223/2016 que foi á XGL do 17/01/2017 e no que se graba con 6.747,34€ só en impostos municipais a construción dunha estabulación libre de vacún de leite.

Rogamos que se modifique a ordenanza fiscal do ICIO para 2017 de xeito que se favoreza ao sector primario, solicitando novamente tamén a aplicación do exposto na nosa Moción para declarar o sector agro-gandeiro como actividade económica de especial interese ou utilidade municipal e impulsar unha nova ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmóbeis.

[Varela sae polos Cerros de Úbeda e di que Chantada ten o IBI máis baixo posíbel do 0’40 (oculta que iso só é para rústico) e que ninguén se queixa]

14.3.6.- Disciplina urbanística Expediente G412/2016 (3.2.1/025/2016) no lugar do Coto

No pasado ano paralizáronse unhas reformas maiores nunhas granxas porque se pedira licenza de obra menor e, após saír no xornal El Progreso pola acción dos viciños, «na inspección efectuada comprobouse que as obras que se están executando superaban as solicitadas xa que existía modificación estrutura» (informe arquitecto 2/1/2017) e agora aparece o Decreto da alcaldía 7/2017 que aproba un informe emitido polo arquitecto en que se dá autorización a esta actuación acolléndose á disposición transitoria 4ª da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do Solo da Galiza ao ser unha actuación «de conservación e reforma». Tamén se aforma que non é necesaria a Declaración de incidencia ambiental (artigo 38 da Lei 9/2013, do procedemento e da competitividade económica da Galiza). No entanto, desde a CUP manifestamos a nosas dúbidas e a nosa disconformidade con este informe do técnico municipal xa que o artigo 38 da Lei 9/2013 asinala que se consideran substanciais as modificacións nas instalacións ou procesos vinculados na actividade cuxa realización supere o 50% da capacidade produtiva da instalacións (non da súa extensión limitada pola LSG), haxa un incremento no consumo de auga e enerxía superior a 50% e o mesmo para a vertedura de augas residuais e tan só 25% para as emisións contaminantes atmosféricas. Xa que logo, rogamos que se revise o proxecto e se informe debidamente porque coidamos que si que podería ser necesaria a Declaración de incidencia ambiental.

14.3.7.– Material aparcadoiro en Outeiro Pedraio

Fíxose un aparcadoiro xunto ao CEIP Xoán de Requeixo perguntando o voceiro do PP, o señor Rodríguez Medela, sobre a homologación do material empregado no pasado pleno. Cuestión que a día de hoxe segue sen aclararse cando hai mananciais na zona e, xa que logo, risco na saúde pública. Que pensan facer ao respecto? [Varela di que queren facer analíticas, que meterán formigón porque é fresado e fai o burro alí a xente. Para tranquilidade dos viciños a captación do acuífero está fóra e fíxose analítica] Fente di que os efeitos nunca son inmediatos.

14.3.8.-Disciplina urbanística en Rosalía de Castro.

En relación co acordo do 04/11/2016 da XGL consistente en acordar a suspensión inmediata da actividade de Casa Líncora na rúa Rosalía de Castro e incoar expediente de legalidade porque a 13/03/2017, ou sexa 4 meses despois, non se adoptou ningunha medida efectiva para alén de “buscarlle” desde o concello baixos á empresa como se recoñeceu no pasado pleno? [Estase seguindo o expediente non hai nada alarmante]

O 13/12/2017 a XGL, no ponto 3.8, acordou que «por parte do arquitecto do servizo de urbanismo se informe acerca das alegacións formuladas por dona Paula Regal Montes constatadas por acta notarial número 742, de 08/09/201065, de don Eduardo Díez Fernández-Barbé». Foinos entregado hoxe e só pudemos ler a conclusión. Agora o arquitecto dálle a razón e antes non, claro nunca rende contas no pleno polo que non podemos saber a que se debe esta mudanza de parecer.

Como explican, por coller un exemplo da última acta da XGL de 21/02/2017, que noutro expediente, o 115/2016 (2.1.1/191/2016) entre o escrito de 20/10/2016 e a incoación de expediente de reposición da legalidade (21/02/2017) “só” mediaron 4 meses? Cantas varas de medir hai no concello de Chantada? [A afectada solicitou información e deúselle pensa. Probabelmente lle legalicemos o baixo e xa falaron para coller outros baixos (falso a afectada levaba desde xaneiro agardando polo informe do arquitecto e o día do pleno aínda non o recibira a pesar de estar recoñecida como afectada)]

14.3.9.- Obradoiro de emprego

Acolléronse á Orde do 8 de febreiro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2017 e remitiu a correspondente documentación e solicitude o concello de Chantada? [Está en fase diso, esta volta serán 9 meses] Fente di que se podería pedir en solitario desde Chantada, xa que cumprimos, infelizmente, co requisito 3.2 que é ter unha media superior aos 500 desempregados en 2016 (de feito comezamos 2017 con 513 desempregados). [Varela di que aínda así vaise pedir con CarballedoA pensan dedicar este obradoiro de emprego? [Aínda non o saben]

14.3.10.- Probas de galego nos procesos selectivos

En diversos procesos selectivos figura que para aquelas persoas que non acreditan o nivel de galego a través do correspondente CELGA se fai un exame de galego. Pois ben, segundo as bases, este exame consiste en traducir un texto de castelán para galego sen dicionario elixido libremente polo tribunal. Di moito da concepción da lingua que se ten propor unha “tradución de castelán para galego” e non exercicios de comprensión e expresión oral e escrita da lingua galega que é como se manifesta o nivel lingüístico en todo o mundo e como consta nas diversas leis e documentos-marco de referencia, tamén os da propia Consellaría. Rogamos que se mude isto de inmediato.

14.3.11.- Irregularidades no proceso selectivo da Bolsa de emprego de postos de oficiais e peós especialistas para traballos en eventos culturais no concello de Chantada

Dado que houbo até 5 persoas que apresentaran reclamacións a este proceso, e sen ser isto determinante, si que pode manifestar indicios de que as cousas non se fixeron ben. Por iso decidimos investigar máis e hai varios aspectos que nos suscitan dúbidas e que merecerían unha explicación diante do Pleno:

Axuda a que se cuestionen as bases o feito de que o señor alcalde asine no día 9 de febreiro de 2017 dous decretos (43/2017 e 45/2017) mediante os cales se modifica a composición do tribunal. [Varela di que eles non poden ir aos tribunais e que a este ritmo non vai haber ningún funcionario que queira ir a eles, pois os que van pásanas canutas para valorar a viciños. Non sabe explicar porque se mudou o tribunal]

Na listaxe definitiva, previa ás reclamacións inclúese unha persoa encabezando a lista de peóns especialistas para logo aparecer entre as “persoas con minusvalías”. Cal é o motivo xa que, de ter apresentado a certificación de minusvalía ao comezo das probas, non debería xa aparecer na listaxe errónea e se no o fixo estase recollendo documentación fóra de prazo en canto a outros aspirantes se lle rexeitou coller méritos. Por non cuestionar xa porque alguén que queda de primeiro alega a minusvalía, ou sexa, é altamente sospeitoso que alguén alegue unicamente para perxudicar a un terceiro. [Silencio] Alguén pode explicar isto? [Varela di que se lles colou isto ao xurado]

Tamén fixemos desde a CUP unha comparación entre as pontoacións en formación dos peóns de cultura do mes de xullo, xa que entendemos que é algo máis obxectivo polo que determinar a seriedade dun proceso selectivo. Levamos algunhas sorpresas que achamos merecen explicación: como é posíbel que persoas coa máxima cualificación en xullo aparezan agora por baixo doutras persoas que naquela lista ficaran a distancia no mesmo baremo. Como poden aparecer agora con 0’25 e 0’5 pontos quen tiña máis pontoación en xullo e con 2 pontos quen tiña menos naquela altura? [Novo silencio. A interventora, integrante do tribunal, di que moita xente non entregou a documentación ou toda a documentación de méritos. En xullo que non sabe que pasou porque ela non estaba]

Como explican que a proba práctica consistise en mover unhas vallas de madeira (en grupos simultáneos de 6) e logo haxa pontoacións individualizadas cun abano entre 9 e 5? Ou sexa, faise a proba de 6 en 6, mais valórase individualmente. Con que método? Cangaba moito a valla para un lado ou cal é o criterio seguido?  Para máis INRI o resto de concorrentes estaban presentes que é como se nunha oposición os últimos van vendo as respostas de todos os concorrentes anteriores.

Porque é que no Decreto 81/2017 de 23/02/2017 se proceda a contratar unhas persoas e no Decreto 93/2017 aparezan varias mudanzas alén das dúas especificadas no texto por renuncia expresa?

Despois extrañámonos do desprestixio da institución e de que sexa  vox populi o clientelismo no concello de Chantada. A desconfianza crónica nos cidadáns dos procesos selectivos e na súa institución máis próxima corroe os principios mesmos da democracia.

14.3.12.- Comisión de apoio ao sector lácteo

O 14 de outubro de 2016, en cumprimento do compromiso adquirido na sesión plenaria do 12 de setembro de 2016 após un reiterado e deliberado incumprimento do acordado xa en setembro de 2015 por medio dunha emenda de Por Chantada-CUP a unha moción do PSOE aprobada por unanimidade, celebrouse unha sesión, por agora a única, da Comisión de apoio ao sector lácteo.

En dita sesión, cuxa convocatoria e composición foi unilateralmente decidida, o único acordo foi que se faría unha en marzo a seguinte, durou menos de 20 minutos. Ten pensado cumprir a palabra dada? [Varela di que lle presta toda a axuda ao señor Fente para que a convoque que da outra vez non foi a xente]. Fente di que só faltou representación da CUP e de ICOS. [Varela di que ICOS estaba] Fente di que non, que Héctor que foi en representación do PSOE [Héctor confirma isto] e que quen debe convocar é o Concello.

14.3.13.- Rexistro municipal de asociacións

Constan  inscricións de asociacións que reciben subvencións nominativas deste concello no rexistro municipal. Porque se produce isto aínda agora após anos de recepción de fondos públicos? [Téñeno que facer todas aquelas que queiran ter subención di Varela e busca a aprovación da interventora. Esta di que obriga a lexislación] Entón até o de agora incumpríase a Lei? [Silencio] Avisouse a todas as asociacións do concello? [Non

14.3.14.- FEIRA DO VIÑO

Comerciantes rúa Leonardo Rodríguez.

Houbo algunha queixa porque se enviou a policía local a paralizar unha campaña de venda na rúa que lanzaron para animar a rúa peonil os comerciantes. Como non temos un coñecemento axeitado da cuestión queriamos coñecer a versión do Goberno.[Élle moi fácil, di Varela, non había licenza. Todos os comerciantes van á carpa da Asociación de Empresarios e pareceulles mal. Poden facelo cando queiran sen ser na feira do viño]

Tanatorio.

A instalación das carpas na Feira do viño complicou a saída dun cadaleito do Tanatorio. Acho que, no posíbel, debe mellorarse a previsión e a distribución para evitar estas situacións. [Non pasou nada porque mandoúselle ter a carpa recollida ás 6 tarde ao Viadilla]

Un comentario en “Crónica do pleno ordinario do 13/03/2017: Inta ten 9 concelleiros.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s