Por Chantada lamenta a desidia do Concello de Chantada na problemática do lixo

 

Foto Roi Fernández para La Voz de Lemos (15/04/2006).

 

Desde a candidatura de unidade popular lamentamos que o Goberno municipal sexa incapaz de adotar medidas no tocante ao lixo: vertedeiros incontrolados en todas as parroquias, taxas de recollida selectiva ínfimas, problemas de recollida do lixo no rural, incumprimento da normativa do ponto limpo, ausencia de planificación….

Por Chantada considera que non é de recibo que se culpabilice a veciñanza, que demostrou con iniciativas cidadás de recollida voluntaria e limpeza dos montes sensibilidade e iniciativa, mentres se obvian as serias deficiencias no servizo e as reponsabilidades do Goberno.  Por exemplo, foi Manuel Varela e non os veciños quen nos conduciu a un modelo privatizado da xestión e tratamento do lixo, máis caro e deficiente que o desenvolvido noutros concellos con xestión pública. Se non se predica co exemplo de pouco valen os brindes ao sol e a situación só empiorará.

Fronte á inacción e a desidia de Inta temos análises e propostas pensadas para o beneficio da veciñanza e feitas desde a aplicación do sentido común. É de lamentar que desde o Goberno con moitos máis medios se sexa incapaz de propor, implantar ou desenvolver políticas para avanzarmos colectivamente e situar a Chantada no lugar que lle corresponde.

AS NOSAS RAZÓNS

A Deputación de Lugo acaba de publicar os resultados dun estudo feito  44 concellos participantes, cunha poboación de 136.075 persoas (40% da provincia) e os tres concellos da comarca declinaron participar. Censuramos que o Goberno municipal nin se moleste a participar dun estudo que repercutiría en recomendacións e medidas para aforrar custes e mellorar o servizo. Chantada non pode continuar cun Goberno instalado na permanente desidia, merecemos algo mellor que a política de terra queimada de Inta.

Segundo o estudo, o custe meio da xestión do servizo é de 64,5€/ habitante, pagando a viciñanza 45,7€ polo que os concellos asumen grande parte do gasto do servizo con fondos proprios, xa que logo, procedentes de impostos, taxas ou transferencias. Con 76,46€/habitante en 2016 Chantada está moi por riba da media tal e como explicamos na nosa Moción de Por Chantada-CUP para impulsar un plano comarcal de compostaxe (PDF), moción que nin sequera se nos permitiu debater a pesar de ser o alcalde quen cometeu a ilegalidade de non convocar a comisión informativa e tela apresentado en tempo e forma.

Amais, a seguinte táboa mostra como o gasto se ten disparado nos últimos anos, xa que  o gasto na “recollida e tratamento do lixo” en Chantada en só dous anos pasou de 66,91€ por habitante en 2014 a 76,46€ por habitante no orzamento de 2016, ou sexa en só dous anos incrementouse o gasto na partida 162 en 9,55€ por habitante. Para pór o dado económico en perspectiva, o Concello de Chantada orzamentou para 2016 6,57€/hab. a “Fomento do emprego” (241).:

Na seguinte táboa pódese verificar como ao longo da lexislatura a tendencia é alcista e xa non só no tomando a referencia de gasto por habitante, que se incrementa de modo natural polo envellecemento e a perda de poboación, senón tamén se observamos o montante total (74.108,98€) ou incluso se tomamos como referencia a porcentaxe dos ingresos totais (propios e transferencias) dedicados a esta partida (incrementándose expoñencialmente 0,65% por ano).

Na nosa moción lembramos que máis de 40% do lixo doméstico é compostábel, é dicir, o lixo diario que se xera nos nosos fogares contén entre 40% e 50% de materia orgánica que se pode reciclar e retornar á terra en forma de humus para plantas e cultivos,  podendo empregarse tanto en uso doméstico como por parte da área de parques e xardíns o que suporía un duplo aforro. De cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense entre 10 e 15 quilos de compost.

Se os residuos sólidos representan máis de 40% do peso do lixo e cobrando SOGAMA sobre 90€ tonelada podemos cuantificar os beneficios económicos e xa non só ambientais que pode ter a compostaxe para o noso Concello, podendo representar facilmente por volta de 130.000€ de aforro por ano. Unha cantidade que permitiría premiar a quen recicla con baixadas no recibo do lixo, por exemplo, pór en marcha sen dilacións o transporte baixo demanda para non deixar o rural sen o direito elementar ao transporte público de calidade e a prezo asequíbel ou pór en marcha a remunicipalización do servizo e mancomunizalo comarcalmente seguindo o existoso modelo da Mancomunidade do Barbanza (sen queima e con altas taxas de reciclaxe e recollida selectiva) nas antípodas do depredador, caro e ineficiente modelo de SOGAMA e do PP (só recupera 3’3% dos residuos que xestiona -fronte a 24% de media da UE- emitindo 133 millóns de quilos de CO2 e 18.600 quilos de dióxido de xofre en 2015, medrando os dados de ano para ano. Un modelo fracasado que só se mantén porque é un lucrativo negocio, dada a súa xestión privatizada, para uns poucos amigos do PP).

Non é difícil cuantificar a poupanza na factura do lixo se reducimos o peso deste nun 40%. Diversos estudos estiman que a implantación da compostaxe comunitaria aforraríalles aos concellos ata uns 40-45 euros por familia e ano, mais inexplicabelmente o Goberno municipal négase a debater as nosas alternativas e aínda a participar do estudo da Deputación de Lugo.

Mancomunizar a recollida e tratamento do lixo é para Por Chantada esencial non só porque acreditamos nos servizos públicos e na descentralización, mais tamén pola necesidade de dar pasos para a creación dun único concello na comarca e porque canto máis preto aproveitamos os restos orgánicos menos contaminamos o medio ambiente.

Ao tempo, xestionar o lixo desde o público e na nosa comarca permitiría xerar empregos locais de calidade e é retornar ao modelo de xestión dos residuos orgánicos propio do noso medio rural e, xa que logo, da nosa identidade, onde a maior parte do lixo sempre tiña un fin e se reciclaba: para consumo animal, para abono de morteiros, para rollas… Está demostrado que separar as diferentes fraccións do lixo na casa fai que tomemos consciencia de todo o que tiramos e que reduzamos a cantidade de residuos que xeramos.

AS NOSAS PROPOSTAS

Como é habitual non nos limitamos a unha diagnose dos problemas, senón que propomos medidas e alternativas sistematicamente obviadas polo goberno municipal. Os plenos de xaneiro ou maio só contaron no seu contido coas mocións de Por Chantada-CUP, negándose Inta, tanto no pleno de marzo canto no de maio, a tan sequera permitir que se debatan no pleno -máximo órgano de expresión da votande popular entre eleccións- recorrendo para iso mesmo a manifestos incumprimentos da lei.

As nosas propostas ao respeito, trasladadas ao pleno, e nas que seguimos insistindo son as seguintes:

1. Instar á Deputación de Lugo a impulsar un programa análogo ao da Deputación de Pontevedra para, en parcería cos concellos, lanzar planos comarcais ou locais de compostaxe.

2.- Solicitar da Deputación de Lugo e da Xunta da Galiza información sobre o procedemento que permitiría a posta en marcha da Mancomunidade de concellos País do Faro para a xestión e tratamento do lixo comarcal, se así é estimado polos concellos da zona.

3.- Dirixirse á Mancomunidade do Barbanza para solicitar información sobre o seu modelo de tratamento de lixo, estatutos da mancomunidade e outras informacións de interese para licitar un modelo semellante.

4.- Elaborar un informe deste a secretaría e a intervención municipais sobre o procedemento e custo da remunicipalización do servizo do lixo e dos prazos idóneos para facelo en virtude dos contratos vixentes.

5.- Remitir á Deputación de Lugo os dados precisos para participar do estudos co fin de poder ser asesorados para reducir custes e mellorar a eficiencia.

6.- Saudar afectuosamente as corporacións de Carballedo, Taboada, Saviñao, Portomarín, Pantón, Rodeiro e San Cristobo de Cea informándoas do contido e dos acordos da presente moción e sondando o seu interese nos mesmos.

Servizos ineficientes, falta de propostas e capacidade de innovación, urbanismo sen control, abuso dos contratos menores e irregularidades na facenda pública, continuos reparos da intervención municipal, proxectos disparatados que poñen en perigo o casco histórico, etc. Chantada non se pode permitir seguir secuestrada por unha minoría que leva 20 anos instalada no poder deixando tras de si un deserto verde.

#SomosAlternativa #CUPChantada

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s