Alegacións da CUP ao anteproxecto de transporte para a comarca de Chantada

 

Por Chantada-CUP apresentou no día de hoxe (08/06/2017) alegacións ao Plano de transportes da Galiza, nomeadamente a aqueles anteproxectos que atinxen a nosa comarca (códigos XG548 “Lalín-Monforte-Lugo, con anexos” e XG549 “Chantada-Carballedo, con anexos”) e que consideramos que pecan de improvisación após o fallo do Tribunal Supremo de marzo de 2016, que anulou 129 concesións de transporte público por estrada.

Así as cousas, estas propostas non nacen dun período de exposición e participación real que mapee o rural da nosa comarca e garanta o direito e as necesidades sociais dos habitantes do rual, senón que unicamente fan primar criterios economicistas que só farán empiorar a situación e contribuír para o avance do deserto verde. Entre 2006 e 2016 Chantada perdeu 8’8% da súa poboación a pesar de ser cabeceira comarcal, pasando de 9.249 habitantes a 8.431, se ben a cifra real de residentes habituais é moi inferior. No caso de Taboada a caída demográfica é de 19%, pasando de 3.614 habitantes a tan só 2.928. Por último, en Carballedo, para o mesmo período, a mingua é de 22,2% (de 2.929 habitantes en 2006 a 2.280 en 2016). Un verdadeiro inverno demográfico cunha caída comarcal de 14% da poboación.

Por todo isto, nas nosas alegacións apostamos por garantir o direito ao transporte público de todos os cidadáns, non só os das grandes urbes, impulsando fórmulas reais de transporte baixo demanda que demandan a implicación de todas as administracións e unha participación seria e en condicións do tecido cívico e social na elaboración dun plano integral de transportes para a Galiza.

En consecuencia, valoramos urxente atender ao conxunto da comarca xa que estas liñas parciais asociadas ao transporte escolar non solucionan o centro da cuestión: o direito dos cidadáns do rural ao transporte público e a un transporte público que atenta ás súas necesidades. Así, en canto, os nosos políticos se desfán en prometer o Tren de Alta Velocidade(TAV) o rural esmorece sen un servizo de transporte e as conexións entre Chantada coas 7 cidades galegas e con Monforte son cada vez máis fracas e deficientes e o Goberno de Inta nen sequera foi capaz de contestar ao inquérito da Xunta: ir de Chantada a Vigo supón, por exemplo, por volta de 6 horas con transbordo en Ourense, ou sexa, chégase antes a
Lisboa ou a Madrid.

Rematamos cun parágrafo das nosas alegacións:

Por dicilo todo, isto é un efeito máis da corrupción sistémica engarzada no aparato xurídico-político do Reino de España, onde unha oligarquía vive de depredar os recursos públicos. Non é unha afirmación no ar, senón que o emprego da obra pública como fonte de negocio e lucro é a única explicación ao estado de cousas actual onde en canto a maior parte do territorio non ten servizos de transporte dignos o Reino de España é o estado europeo con máis quilómetros de autovías e autoestradas (máis de 20% do total da UE) e só 2 estados no mundo teñen máis quilómetros totais: EUA e China, iso si con entre 7 e 30 veces máis poboación. Igualmente, somos o primeiro estado europeo e o segundo do mundo con máis quilómetros totais de alta velocidade ferroviaria, aínda que só con 20% e con 7% dos viaxeiros que teñen Franza e Xapón que nos seguen de cerca. Por outras palabras, durante décadas en vez de vertebrar territorialmente o Estado e a nación galega os poderes públicos gastaron billóns de euros en infraestruturas inútiles (aeroporto de Castellón), infrautilizadas, privatizadas… socializando as perdas (autoestradas de Madrid) e privatizando os beneficios (AP-9 amortizada hai longo tempo). E mentres Holanda, Bélxica ou os estados desenvolvidos realmente vertebrados territorialmente teñen un servizo ferroviario de proximidade extraordinario o Estado español desmantela na Galiza as proximidades e o tren segue sen chegar as principais vilas e cabeceiras comarcais do país.

 

#SomosAlternativa #CUPChantada

PDF coas alegacións aquí: Alegacións ao Plano de transporte público de Galiza

 

 

4 comentarios en “Alegacións da CUP ao anteproxecto de transporte para a comarca de Chantada

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s