Resumo do pleno extraordinario do 15 de xuño de 2017

Comezou ás 20:10 ao agardar pola chegada do voceiro do PP, Javier Rodríguez Medela. Asistiron os 13 concelleiros, a interventora, a secretaria municipais e o conserxe do Concello Segundo Navaza. Tamén estivo en boa parte do pleno Televinte. No entanto, e a pesar da importancia dos asuntos tratados, entre eles o Orzamento para 2017, non asistiu ningún cidadán (un fenómeno que non é novo, xa que a asistencia é sempre mínima).

1.- Aprobación da acta da sesión anterior (ordinaria de 8 de maio de 2017)

DOCUMENTACIÓN (acta 08/05/2017 en pdf): ACTA PLENO ORDINARIO 08-05-2017-2

Medela (PP) pergunta se cabe a acta nun pleno extraordinario. A secretaria di que si. Pergunta o voceiro do PP se se pode abterse ou só votar en contra. Aclara a secretaria que é como calquera outro ponto. Di Medela que se van abster xa que non lles deu tempo a lela.

Fente (CUP) indica que na páxina 16 liña 1 debe pór “voltar” e non “chegar”. Engade que o pasado pleno convocouse sen respeitar a formación da vontade do órgano colexiado polo que é nulo de pleno direito tal e como manifestaron xa no seu momento e tamén no recurso de reposición interposto que está aínda pendente de contestación a pesar de superarse xa o prazo legal para facelo dun mes. Por todas esta razóns a CUP vai votar en contra.

A favor: 10 (Inta e PSOE) Abstención: 2 (PP) En contra: 1 (CUP)

2.- Resolución recurso de reposición apresentado polo concelleiro Antom Fente Parada contra o recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2017 aprobado no pleno ordinario de marzo

DOCUMENTACIÓN:

a) Recurso de reposición CUP: Recurso Por Chantada-CUP expediente extraxudicial 2/2017

b) “Contestación” ao recurso: Resolución de recurso de reposición

Inta e PP di que manteñen a posición da comisión.

O PSOE indica que non se poden erguer reparos e usar os recoñecementos extraxudiciais de crédito (doravante REC) como forma de goberno. A interventora di o mesmo nos seus informes, mais incorren unha e outra vez nestes mecanismos. Expóñense así a recursos de reposición continuos. Neste caso a contestación non é tal xa que non afonda en nada do exposto nen dá argumentos sólidos para rexeitar o recurso polo que imos votar en contra da proposta ao Pleno.

O relator do recurso fai a seguinte intervención:

O artigo 124.2 da Lei 39/2015 indica que «o prazo máximo para ditar e notificar a resolución do recurso será dun mes» rexistrándose o recurso da CUP o 23/03/2017 é evidente que se incumpriu o indicado pola lexislación, algo demasiado habitual no Concello de Chantada. Amais, a documentación do expediente 298/2017 está asinada no día 8 de maio, mais non se incluíu no pleno do día 8 de maio a pesar de ir fóra de prazo xa e non se fixo deliberadamente porque nese pleno non se respeitou a formación da vontade do órgano colexiado ao non convocar as comisións informativas. E sábeno.

Por se estes aspectos lexistativos e formais fosen insuficientes, a resolución-proposta ao Pleno do Recurso de reposición apresentado ao recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2017 consta unicamente tres páxinas que unicamente desenvolven algún precepto legal que regula o REC sen contestar absolutamente nada do exposto no recurso de reposición e, portanto, sendo imposíbel asumir esa resposta como válida nen como resolución.

O ponto 2º da proposta ao Pleno di literalmente «desestimar o Recurso Potestativo de Reposición por ser o Recoñecemento extraxudicial un procedemento para aprobar gastos dacordo co artigo 60.2 do RD 500/90». Unha contestación absurda que o único que nos dá realmente é a razón, tal é a súa pobreza e nulidade argumental. Un circunloquio que nen a falacia chega, como se Bárcenas fose absolto porque a pesar dos sobres en B seguiu o procedemento formal contábel da tesouraría tomando nota de todos os pagos. O problema é que o vicio e o delito son previos ao formalismo da anotación marxinal.

Entón desestímase o noso Recurso como se levantan os reparos da oposición, como se incumpre o ROF, como se pasan os informes de fiscalización polo forro, como se usan discrecionalmente e fóra de todo procedemento e controlo dos fondos públicos de todos os cidadáns, etc. Un goberno doutro século instalado no ordeno y mando e que lembra aquel anuncio de Loreal: porque yo lo valgo.

No recurso facemos mención aos Informes de intervención 43/2016 (reparos 33/2016 a 44/2016) e 24/2017 (reparos 9/2017 a 24/2017) que sinalan evidentes irregularidades e incumprimentos da lei: «hai omisión no expediente de requisitos ou trámites esenciais», xa que «son gastos repetitivos no tempo, dos cales Intervención non ten documentación, polo cal, estanse a fraccionar» e que o fraccionamento dos contratos incumpren os requisitos exixidos polos artigos 23.3, 86, 109, 111.1 e 138.3 do TRLCSP e, en consecuencia, é de aplicación do artigo 47.1.e) da Lei 39/2015 de 1 de outubro que configura como nulos de pleno direito os actos ditados «prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente estabelecido ou das normas que conteñan as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados», circunstancia confirmada polo artigo 32 do TRLCSP que recolle as causas de nulidade de direito administrativo dos contratos.

Para 172.400,03€ non existía crédito (nº13 e 14) polo que aprobar os gastos se incumpriu o disposto das proprias Bases de execución do Orzamento 2016 e, xa que logo, son nulos de pleno direito debendo proceder a indemnizar as empresas, descontando o beneficio industrial que, en todo caso, é responsabilidade do ordenante dos pagos. O que se fai, no entanto, é aprobar un REC para que a Facenda pública soporte o que non debe sorportar e portanto prodúcese un dano evidente á mesma. Indícase nos informes devanditos:

a.- abuso dos «contratos menores, tratando todos os suministros e servizos do concello, como contratos menores»;

b.- indicios de fraccionamento do mesmo para eludir a publicidade e a libre concorrencia;

c.- non existe crédito axeitado e suficiente para un contrato administrativo do 24/02/2016 (como pode ser que un contrato de limpeza licitado en 2016 con custe acordado fique sen crédito para 2 meses?) (como se adxudican a dedo e sen crédito 80.000€ a OVIGA empresa xa relacionada co famoso expediente de máis de 600.000€ contratados de palabra e sen orzamento en maio de 2015?;

d.- as nóminas do concello lévaas unha xestoría sen a existencia de contrato e podendo contravir o disposto na Lei de protección de dados, para alén de ter que seren xeridas polo persoal proprio;

e.- o abono de facturas directas e a dedo entidades e empresas sen subvención, convenio ou figura xurídica algunha que regule os termos da contratación e as obrigas e deberes de cada unha das partes.

O informe tamén di que a excepcionalidade do contrato menor, regulada polo TRLCSP, dispón que «na xeneralidade dos casos, o uso da contratación menor e a súa apariencia de legalidade constitúe o cauce habitual que se emprega para incumprir os correspondentes preceptos legais sobre publicidade e sobre procedemento de adxudicación».

Todo isto trai consigo responsabilidades:

a.- responsabilidade patrimonial (disposición adicional 19ª do TRLCSP);

b.- resarcir os danos causados á Facenda pública (Lei 30/1992, artigos 141 e 142);

c.- «a administración após indemnizar aos lesionados, esixirá de oficio ao seu persoal e ás súas autoridades a responsabilidade en que incorreran por neglixencia grave, previa instrución do procedemento que regularmente se estabeleza» (artigo 145.2 da Lei 30/1992) e «a Administración instruirá igual procedemento ás autoridades e demais persoal ao seu servizo polos danos e perxuízos causados nos seus bens ou direitos» (artigo 145.3).

d.- Ao abeiro dos artigos 32 e 138 do TRLCSP son actos nulos de pleno direito aqueles ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente estabelecido ou das normas que conteñan as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

Por todo isto, insisto en que se debe:

a.- declarar a nulidade de pleno direito dos acordos;

b.- enviar informe xurídico-económico con epígrafe conclusiva ao Consello consultivo;

c.- abrir expediente de oficio para derimir responsabilidades e garantir que a Facenda local apenas se fai cargo das indemnizacións que lle corresponden stritu senso (art. 5 do RD 429/1993, de 26 de marzo);

aprobando isto o Pleno o único que fai é amparar irregularidades que o que se debe proceder é á súa inmediata subsanación e ao respeito dos procedementos legais estabelecidos na administración e xestión dos asuntos públicos do Concello de Chantada. Por isto, facemos un chamamento a que recapacitemos e non aprobemos esta resolución solicitando o noso grupo a votación nominal de acordo co previsto no artigo 102 do ROF.

O alcalde di que se procede á votación. Fente lembra como cuestión de orde que procede primeiro facer a votación nominal (art. 102 do ROF). A secretaría confirma isto.

Votación para derimir a votación nominal:

A FAVOR: 6 (CUP, PSOE e PP) EN CONTRA: 7 (Inta)

Votación da proposta ao Pleno de rexeitar o recurso de reposición:

A FAVOR: 7 (Inta) ABSTENCIÓN: 2 (PP) EN CONTRA: 4 (CUP e PSOE)

3.- Recoñecemento extraxudicial de crédito para a aprobación de liquidación “Xantar na casa” 4ºT

O PP manifesta que está a favor ao igual que Inta. Raquel (PSOE) di que as explicacións da comisión foron boas, mais que manteñen por coherencia a abstención que xa manifestaron en relación ao 3º trimestre no pleno anterior.

A CUP di que Xunta da Galiza tardou desde que tiña a documentación, o 30 de decembro, dous meses en enviar os documentos (até o 27/02/2017) o cal é bastante lamentábel e obriga, efectivamente, a facer un REC.

Vimos que o programa “Xantar na Casa” ten un custe aproximado de 300€ ao mes atinxindo a poucos beneficiarios no noso concello, sobre 11 persoas. Hai unha serie de cuestións que nos interesan bastante máis que o proprio REC:

a.- En que consiste a ementa e sob que criterios se elabora? Cándida Carnero (Inta) di que non saben.

b.- Quen a supervisa do ponto de vista cualitativo e nutricional? Un nutricionista di Cándida.

c.- O Concello fixo algunha comprobación en todos estes anos (desde 2011) ou ten capacidade para

presionar á Xunta para que se empreguen produtos locais e mesmo se dea a posibilidade de concorrencia a fornecedores locais e non a unha empresa de catering de Silleda como COESCO (sobre 2.000 comidas diarias) que actúa como olipolio no negocio da comida paga con fondos públicos xunto a Serunion e outras cos problemas que todos coñecemos? Dise que non e recoñécese efectivamente que estas empresas deixan moito que desexar.

Prosigue Fente dicindo que o REC para pagar o 4º Trimestre do programa “Xantar na Casa” xa tiña que vir ao pleno de maio, de feito, toda a documentación aprobada foino con anterioridade ao 8 de maio, cando celebramos o pleno ordinario. Por iso, estamos novamente perante un caso deliberado de dilación dos asuntos e de recoñecemento implícito de incumprimento e da nulidade do pleno de maio, ou sexa, dándolle a razón nos feitos ao noso recurso de resposición. Así ningunéase a oposición, mais tamén aos viciños, e, para colmo, aínda se tenta falar de premura e de urxencia cando isto podía levar xa máis dun mes aprobado e non o está por expresa vontade do Goberno municipal, o cal nen é serio nen a mellor forma de xestionar os asuntos públicos para o beneficio colectivo.

Por todas estas razóns imos votar en contra.

A FAVOR: 9 (Inta e PP) ABSTENCIÓN: 3 (PSOE) EN CONTRA: 1 (CUP)

4.- Recoñecemento extraxudicial de crédito 4/2017

DOCUMENTACIÓN: Fiscalización de invervención

O PSOE di que este REC son as problemáticas de sempre, máis do mesmo. Isto tense que solucionar. Falta de crédito e abuso do contrato menor. Cita informe da interventora que indica a nulidade de pleno direito. Menciona gastos farmacéuticos de funcionarios aos que o Concello non debería facer fronte.

O PP anuncia que se absterá e que o alcalde debe comprender que ao existir un reparo da intervención non poden apoiar este ponto.

Fente (CUP) comeza dicindo que mais un recoñecemento extraxudicial de crédito, de feito, este Goberno o único que leva traendo a Pleno desde novembro de 2016, ou sexa máis de medio ano, son recoñecementos extraxudiciais de créditos, erguemento de reparos da intervención, etc. Xa non é parálise, senón desleixo e má xestión, pois novamente aparece abuso do contrato menor, fraccionamento ou gastos sen consignación orzamentar.

Por exemplo a factura nº 291 rexistrada o 24/11/2016, correspondente ás luces das festas do Carme de 2016, por importe de 9.559€ ten un reparo da interventora (73/2017). Como pode non existir orzamento para un gasto que se sabe que hai que asumir todos os anos desde que se poñen luces nas festas? Como pode acontecer isto nun Goberno que leva 20 anos exercendo o poder?

Hai fraccionamento, por exemplo na electricidade. [Varela di que non hai fraccionamento do contrato menor. Que menos de 18.000€ non dá pé a tal circunstancia. Reta a Fente a que poña exemplos deses fraccionamentos para alén da luz].

Pois hai 56.347,87€ (relación de facturas 19/2017) que temos que somar aos REC anteriores (só o 2/2017, como vimos supera os 170.000€ en facturas reparadas e con irregularidades varias). Máis de 600.000€ para dúas empresas sen contrato nin orzamento. [Iso foi en 2015 di Varela]. Entón olvidámonos do tema non? [Non é iso… di Varela, hai que pagar mais non é de agora]. Os 80.000€ de Oviga dos que falei no ponto 2º tampouco contan non? [Pedíronse tres orzamentos]. A factura das luces xa sinalada hai que unir varios recibos da luz, que segue sen licitarse e nas que existe fraccionamento (Reparo 74/2017) [a luz licitámola cando queira pero se só hai fraccionamento niso…]. Cando queira non, o alcalde é vostede a min tocarame facer fronte a reparos ou licitacións se algún día teño esa responsabilidade que non creo, di Fente, porén coñece perfeitamente o procedemento de licitación pública, só que non lles convén. Quere máis exemplos de fraccionamento? O Reparo 77/2017 nas fotocopias [non creo], minte entón a interventora? Pode aclarar isto señora interventora? [A interventora confirma isto que, efectivamente, está no seu informe]. No caso dos medicamentos dos funcionarios –que non habería que pagar nos casos reparados ao non estaren incluídos entre os que financia a Seguranza Social, mais que o Concello paga igualmente– (Reparo 75/2017 dise textualmente: «constan medicamentos non cubertos pola Seguridade Social, coas siglas C.N.»); facturas a Viaqua, concesionaria da auga en Chantada cáseque a perpetuidade e por obra e graza sua (Reparo 76/2017: fraccionamento); etc.

[Dámoslle moita importancia a reparos que son cuestións menores e de pouca importancia deféndese o alcalde]. Parécelle pouco importante que haxa deficiencias e irregularidades na xestión deste Concello que produciron, só entre xaneiro e abril de 2017, 72 reparos da intervención? O informe da interventora é novamente tan clarificador como demoledor, mais vostedes seguen ao seu, erguendo reparos alegremente e facendo caso omiso. Di a interventora:

a.- «abúsase dos contratos menores, tratando todos os suministros e servizos do Concello, como contratos menores». Até mocións lle temos traído desde a CUP neste sentido, mais predícame fraile, por un ouvido me entra e polo outro me sae.

b.- Non vou incidir no que xa expuxen no ponto 2º deste pleno, mais consulten o exposto no ponto 5º da fiscalización da intervención 69/2017 de 10 de maio de 2017 [parte da documentación plenaria para este ponto] e que conclúe do seguinte modo:

«Na medida en que se superaron para as contratacións a que se refiren as facturas recollidas neste ponto as limitacións expostas, tanto no importe global desde o inicio, como de posíbel duración, que en todo caso supera a anualidade permitida polo artigo 138.3 TRLCSP, non pode empregarse o sistema do contrato menor. Portanto, haberá que concluír que o expediente de contratación non se axusta aos trámites esixidos na lexislación sobre a materia vulnerándose os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, debendo o concello instrumentar o oportuno procedemento administrativo de contratación e licitar os mesmos no seu caso.

A estes efectos, atoparémonos portanto nos suspostos do artigo 47.1.e) da Lei 39/2015, de 1 de outubro, que configura como nulos de pleno direito os actos ditados “prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente estabelecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados».

d.- E vexan logo o que sobre responsabilidade patrimonial por neglixencia grave dispón o citado informe (epígrafe 6ª).

En conclusión, corresponde arbitrar o mesmo procedemento indicado desde Por Chantada no recurso de reposición ao REC 2/2017 e incorrendo nas responsabilidades fixadas pola lexislación vixente aqueles concelleiros que procedan a apoiar co seu voto favorábel este ponto polo que, evidentemente, imos votar en contra e solicitamos a votación nominal de acordo co previsto no artigo 102 do ROF.

Votación para derimir a votación nominal:

A FAVOR: 6 (CUP, PSOE e PP) EN CONTRA: 7 (Inta)

Votación da proposta ao Pleno de rexeitar o recurso de reposición:

A FAVOR: 7 (Inta) ABSTENCIÓN: 2 (PP) EN CONTRA: 4 (CUP e PSOE)

5.- Recoñecemento extraxudicial de crédito 5/2017.

Comeza a señora secretaria explicando o ditame da comisión favorábel (votos de Inta) e que se trata de abonar a cota de 2016 do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra por importe de 8.493€ e outra o pagamento da subvención nominativa do Castañazo Rock que aínda non se lles ingresara de 2016 por valor de 1.500€ (50%).

A voceira do PSOE di que chegou tarde o 1º ponto. O alcalde di que máis que tarde o certo é que o Consorcio de Turismo ten que deixar pasar o 31 de decembro para saber os habitantes exactos de cada concello, aínda que ao mellor era máis eficiente facer unha estimación ao finalizar o ano. Continúan os socialistas perguntando polo Castañazo Rock que na comisión houbo mensaxes contraditorias, xa que uns membros de Inta falaban de que a documentación xustificativa chegara en forma e outros que foi por erro na tramitación da mesma. O alcalde aclara que se pensou que estaba pagada ao 100%. Raquel di que se é por mor do Concello non poden apoiar este ponto. O alcalde defende a actuación dicindo que hai asociacións que piden 50% de adianto. Ou 90% di Manuel Diéguez. Varela di que non sabe se o despiste foi deles ou da asociación. Raquel insiste en que se é fallo do Concello non pode apoiar este ponto. Varela di que logo que habería que facer cos despistes das asociación cando non envían a documentación ou vén fóra de prazo. Raquel retruca que iso correspóndelles a elas que no Pleno valoramos o que lle atinxe ao Concello.

Javier Medela (PP) di que non se concedan as axudas a quen non xustifica axeitadamente e que así non volverá haber erros. Di que se van abster e pídelle máis rigor ao Concello. Varela di que moitas veces ten que andar el chamando para que se fagan as cousas ben.

Fente di que falou co presidente da Asociación Cultural O Castanhazo e o que se lles dixo desde o Concello é que houbera un erro do Concello que se traspapelaron papeis e pensouse que xa cobraran. Varela di que porque era unha factura que meteron logo. O voceiro da CUP acláralle que non, que iso do que fala eran 1.500€ do Castañazo infantil que se lle debían tamén e tiveron que vir no pleno de marzo ao recoñecemento extraxudicial 2/2017 [vid. ponto 2º deste pleno] xunto a moitas outras facturas. Ultimamente, tamén vimos como aparecen papeis no servizo de urbanismo dos que a Secretaría aínda na acta da XGL de marzo non tiña constancia, nen o proprio arquitecto municipal os referiu en varios informes previos entre setembro de 2016 e febreiro de 2017, até que no mes de marzo aparecen oportunamente por arte de maxia estando supostamente rexistrados desde setembro. Pérdense papeis, aparecen cousas por rexistro que non se sabía delas nen están nos expedientes dixitalizados e/ou nos manexados pola secretaría. Isto é un Concello?

Fente di que hai outra asociación que, segundo a Liquidación de 2016, no cobrou que é a Cruz Vermella (500€). Inquere a razón deste feito e díselle que non saben, que sería porque non a xustificaron.

Habitualmente vemos como na promoción que se fai de Chantada aparece o Folión de Carros, a Feira do Viño e o Castañazo como fitos centrais no tocante a festexos locais. Supoño que non digo nada novo se afirmo que as plantas que non se regan acaban murchando ou, se o xardineiro lles ten cariño e a seca semella prolongada, transplántanse e lévanse para outro lugar. Investiguen a involucración doutros concellos galegos con festivais de dimensións análogas como o Son Rias Baixas (Bueu), o Revenidas (Vilagarcía), etc.; ou os circuítos promocionais das deputacións de Pontevedra ou da Cruña, etc. Se non fora a achega da Deputación de Lugo que é a contribución pública máis notoria do Castañazo… un concello moito máis modesto en recursos como Pantón outórgalle ao Festival do Castro 5.000€, cun volume de asistencia menor ao de Chantada.

En relación co Consorcio figuran 17.066€ orzamentados en 2017 a que se debe este aumento? [Ten que ser un erro di Varela. Debe vir duplicado di Cándica Carnero] Imos aprobar algo aquí logo que tamén se orzamenta logo? Non ten sentido [Móstranse sorprendidos, desde Por Chantada díselle á interventora as aplicacións orzamentares concretas (432.489.03 no orzamento de 2017 e 432.489.00 no de 2016) mais non pode aclarar o que pasou di que, en todo caso, o que se aproba agora vai contra o orzamento actualmente en vigor –os créditos prorrogados de 2016- e que eses créditos do novo ficarían sen usarse]. Fente di que entón seguramente aproben un orzamento que se sabe que vai ter que ser modificado, algo que non ten sentido porque eses máis de 8.000€ que sobran poderían dedicarse a cousas que fan moita falta, que non andamos precisamente sobrados de inversións. [Diéguez di que o que debeu pasar é que o orzamento xa estaba feito cando se procedeu a facer o REC. Os cartos quedarían sen gastar]. Sen gastar si, mais quedarán sen executar, como remanente no mellor dos casos, cando hai necesidades. Di que estudará meter unha alegación sobre este ponto aínda que debería saír xa do Goberno.

En todo caso, sobre o Consorcio habería que facer unha reflexión máis xeral, pois gastáronse máis de 200.000€ públicos en medianeiras, viaxes en globo e xogos de mesa. [Varela di que no caso dos globos cada viaxante paga o seu e que eles niso non poden facer nada]. Fente di que non lle consta calquera fiscalización do representante do Concello no seu seo porque se está nos diferentes organismos figurativamente. Contodo, xa aclarou que era unha reflexión alén do REC e que opina que a xestión do mesmo é rendíbel para as empresas adxudicatarias, sen que consten concursos públicos de licitación, mais moi pouco resultado dá para a promoción turística e a conservación do patrimonio. Un patrimonio que segue maioritariamente sen sinalar, sen pór en valor e precisando operacións urxentes de mantemento. Diríxese a Goyanes do PP para pór como exemplo o pombal caído do mosteiro de Pedrafita que urxiría restaurar antes de andar pintando paredes ou o balneario de Mouriscados…

A FAVOR: 7 (Inta) ABSTENCIÓN: 2 (PP) EN CONTRA: 4 (CUP e PSOE)

6.- Aprobación do Plano estratéxico de subvencións para o exercicio 2017-2019.

Documentación: Plano estratéxico de subvencións 2017-2019

O alcalde anuncia que van manter o ditame da comisión para aprobar o plano.

Desde o grupo municipal do PSOE, a sáu voceira di que non reflexa novidades nin atende ás necesidades. Di que a división que se fai (Cultura, Deporte, Servizos Sociais e agora como novidade Educación) deixa fóra ámbitos fundamentais como rural, innovación ou ecoloxía. Por materias os 16.000€ de Servizos Sociais son moi escasos en comparación cos 52.100€ de Deportes e o 1.020.000€ de Cultura e que iso xera subvencións tan pequenas como os 500€ de Cruz Vermella ou os 1.000€ de Chantada contra o cancro. Pergunta que pasa coas Escolas Deportivas e co Folión. Felicita os 12.000€ de educación, aínda que aclara que non estaban en vigor “hai uns anos” como se dixo no pasado pleno, senón cando gobernaba o PSOE. Demanda bases reguladoras específicas con criterios específicos e que ao non estaren feitas hai falta de previsión e andan sempre co traballo arrastrado, por iso van votar en contra por falta de traballo e polas deficiencias globais que presenta o plano.

Varela di que é un plano estrátexico onde hai subvencións que xa veñen de fai tempo e outras que son novas. Cándida Carnero di que Chantada contra o cancro non pediu que foi ela quen lla ofreceu e amais deúselles un local. Manuel Diéguez aclara que as axudas da Xunta e da Deputación a eventos como o Folión se canalizan através do Concello. En 2013 quedou unha anualidade sen abonarlles 3.500€ e foise pagando logo. En 2016 Abanca, logo de teren o orzamento xa aprobado, concedeu 1.500€ que teñen que pasar polo Concello. Se se soma todo iso aos 6.000€ que o Concello dá ao Folión saen os 10.500€ que se dan en 2017 a esta entidade.

A voceira do PSOE pergunta polo caso de Deportes. Castor aclara que nas Escolas Deportivas hai un clube ao que todos os anos se lle daban 14.000€ e que contraba monitores. Este ano vai liquidar o clube e só se orzamentan 7.000€ para rematar a temporada até setembro ao vencer o Convenio que había desde 1998. Isto non lles parecía idóneo. O alcalde engade que así buscan ter maior control e garantir que se piden as tres ofertas. Entón, Raquel pergunta pola Cruz Vermella. Cándida Carnero di que, como xa se dixo, non xustificarfon aínda o do ano pasado. Raquel di que non hai nada para rural, despoboamento, ecoloxía… Varela di que tería que ser traballado con asociacións e non teñen peticións e tamén ten que dicir unha cousa, que está a regra de gasto, que hai que cumprir queira ou non. Raquel pide novamente bases. Varela di que se tentará mellorar as que houbo no seu día. Diego Otero entra no debate indicando que en 2009-2010 se orzamentaron 12.000€ e só se gastaron 4.000€ que tirarán esas bases adaptándoas aos tempos de hoxe. Conta comezar no curso 2017/8 e está estudándoas.

Medela (PP) di que é unha ferramenta positiva que se pode redifinir en calquera momento. Pergunta tamén polos 7.000€ das Escolas e polo persoal. Castor (Inta) acláralle que dos 14.000€ o clube contrataba por obra e agora contrátase un monitor, afórrase e xestiónase directamente. Medela pergunta se o clube xustificaba correctamente a subvención. Castor di que nos últimos anos as memorias viñan a destempo.

A CUP fai fincapé en que novamente a data en que se asinou a documentación deste ponto revela que podería vir ao pleno ordinario de maio sen problema, mais decidiuse adiar para traer un totum revolutum xunto cos orzamentos e lograr así que se fale de todo un pouco sen que se fale de nada. Se nos concentramos stritu senso nas subvencións nominativas hai algúns aspectos que poden ser positivos, como as axudas ao transporte que levamos demandando desde fai tempo e que xa as impulsara o goberno BNG-PSOE. Iso si, haberá que ver as bases e como se conceden, deixando claro para xa que deben primarse criterios económicos para que se axude principalmente a aquelas persoas que máis necesitan eses recursos. Debería tamén negociarse coas empresas bonos cuatrimestrais para o alumnado universitario como existen noutros concellos. Estuden isto.

No capítulo que liñas de axudas que descenden:

a.- ASDEME (-3.000€): contémplase facturar máis do que xa se vén facendo con esta entidade e por iso se lle baixa a dotación? Varela intervén para falar de 20-25.000€ que investimento da época do bipartito e que isto rematou agora que por iso tamén baixa porque quedaban 15.000€ sen cobrar do bipartivo e que eles asumiron pagar. Fente di que era un compromiso de gasto do anterior goberno que eles decidiron continuar non unha débeda. Corrobórase que, efetivamente, diso se trataba.

b.- Escolas Deportivas (-8.500€): a partir de setembro pasan a integrarse no orzamento directamente como se fai coa piscina. Lamentamos que no Orzamento tanto a piscina, canto as Escolas non se desglosen no resumo por partidas cando é perfeitamente posíbel, xa que son proxectos municipais fornecedores de servizos cuxa contabilidade específica é do máximo interese xeral. Si que se desglosou como pedimos o da biblioteca, polo cal congratulámonos, xa que era unha demanda que fixemos en 2016. Contémplase algunha outra novidade ao respeito das Escolas ou en relación coa área de Deporte? [Vaise contratar un programa para a interventora que vai mellorar a contabilidade, aclara o alcalde]

No capítulo de incrementos:

a.- Os maiores incrementos son para a Casa da música, recebe 5.000€ máis até atinxir os 40.000€ e as Festas do Carme que pasan a dispor de 58.000€ (+18.000€). Pódesenos explicar un pouco destas dúas subas (bastante acusadas se cotexamos coa contención nas restantes liñas de axudas)? [Diéguez aclara que se estaba pagando xa isto (mediante facturas por fóra das nominativas) e que agora se incorporan máis créditos para facelo ben e evitar así REC]

b.- Celebramos tamén que se acollese a nosa demanda de incrementar a axuda ao Entroido Ribeirao, agardando que poda mellorarse en 2018 e 2019 até atinxir un volume axeitado xa que é un dos elementos máis importantes do noso patrimonio inmaterial e cada vez estase tomando máis conciencia da súa importancia, sendo imprescindíbel garantir a súa continuidade e incrementándose a súa sona e impacto cada ano. [Diéguez di que se reuniu cos Amigos do Entroido Ribeirao e que a cantidade foi consesuada. Varela di que ao mellor había que dedicarlle un día a Chantada. Fente di que sen entrar niso a súa esencia é a que é e que sempre viñeron á vila. Diéguez di que este ano aínda houbo mostra de varios entroidos galegos, que estivo moi moi ben. Que tomara se puidese recuperar noutras parroquias como A Sariña ou Camporramiro. Fente di que nos noventa tamén se conservaba en Vilauxe. Varela di que diso temos que mentalizarnos que hai que esquecerse]

Prosegue a CUP falando das liñas deficientes que deberían ter aumentado. Debía terse feito un maior esforzo incrementando outras subvencións nominativas como a de ARCHA, que xa no pasado pleno demandamos que para garantir a súa continuidade o Goberno debería facer unha achega maior dos actuais 1.000€ tentando chegar aos 3.000€, xa que os cortes da Xunta puxeron a entidade en perigo e grazas ao contributo da Deputación. Tamén non é de recibo que a Cruz Vermella reciba 500€, para iso é mellor non dar nada. Ver de conveniar algún servizo como ambulancia para eventos deportivos ou, en todo caso, falar coa entidade e ver que se pode facer. Logo, o CB Chantada de ascender precisaría máis apoio e aínda así… vai receber o mesmo e o mesmo a SD.

O Castañazo Rock vai volver ao formato de dous días para tentar manter a súa competitividade e atractivo nun momento en que hai moitos festivais con axudas moi superiores das administracións públicas. A aposta é arriscada e máis tendo en conta que hai axudas pendentes de cobrar aínda desde 2016 e que a contía das mesmas non se incrementa por parte de ningunha administración, que prefiren facer cousas como o festival que se vai facer na Ribeira Sacra con subvencións de varios organismos e organizada por unha axencia de publicidade con ánimo de lucro (o modelo Xacobeo, alto gasto público en proxectos pontoais en vez de consolidar citas e eventos con personalidade, relación co territorio e populares, sen ánimo de lucro). [Diéguez di que iso había que falalo antes dos orzamentos e que ninguén se dirixiu a eles. Varela di pola contra que teñen falado diso con el en varias ocasións]. A  CUP acha que debería incrementarse a achega municipal que segue por baixo dos 5.000€ da etapa do goberno PSOE-BNG e que é o que un concello moito máis cativo como Pantón destina ao Festival do Castro, bastante máis pequeno. O Concelleiro de Cultura sabe que só un cenario, do máis económico e cun son ruín como o empregado o venres das patronais na Lama das Quendas, xa custa máis. [Diéguez di que é certo e que o que se manexa no Castañazo é un orzamento total como o das festas ou semellante, que ten moito mérito e traballo detrás. Varela di que intentarán chegar aos 5.000€ en 2018, que non o pode garantir, mais que se a situación económica o permite que si. Vano intentar].

Continúa, o voceiro de Por Chantada sinalando que, de todos xeitos, en Chantada abúsase da subvención nominativa. Deberían repartirse máis fondos en concorrencia competitiva mediante proxectos que fosen valorados mediante criterios obxectivos e claros premiand así aquelas entidades que innovan máis e fan maiores esforzos por mellorar (sen cuestionar axudas fixas a entidades que por motivacións sociais, etc. deban ter asignacións fixas). Isto permite premiar a aquelas entidades máis dinámicas e activas e fiscalizar mellor o emprego dos fondos públicos por proxectos. Finalmente, A CUP lamenta profundamente que as numerosas entidades viciñais e do rural continúen sen ningunha liña de axuda municipal á que acollerse. Tamén nos preocupa que nas bases de exución do Orzamento se limite o adianto a 40% cando nos convenios asinados se dispuña o 50%. Non entendemos esta mudanza sen previo aviso.

Medela (PP) di que un antecipo de 50% esixe aval do 110%. Castor di que a Escudaría precisa 100% de adianto porque a subvención vai co seguro da proba. Fente di que no caso do Castañazo e outras entidades os adiantos se solicitan para teren liquidez previa ás actividades que se organizan. Por iso, hai que aclararlles se van dispor de 50% como pon nos convenios con elas asinados enntre outubro e decembro de 2016 e xaneiro de 2017, ou se vai ser só do 40% como pon nas bases do orzamento. Medela insiste no aval e Varela que mellor coller o 50%, modificar e pergúntalle á interventora que di a lexislación dos avais. Fente di que sobre os avais non din nada nen as bases nen os convenios que nos centremos na contía dos adiantos que el non se refire para nada aos avais que é un tema que, por outro lado, descoñece. Portanto, hai dúas cuestións: a primeira é que non vale acollerse ao convenio porque as Bases de execución teñen rango superior aos convenios e, daquela, prima a súa aplicación (a non ser que incumpran os proprios acordos que tampouco é algo novo); a segunda, a legalidade do 50% ou, en rigor, as consecuencias xurídicas que semella que poda ter (aval 110%) e que dubida moito que non sexan as mesmas (consecuencias) que as que poda ter o 40%. En todo caso, que se aclare [a interventora di que non hai rede para consultar a lexislación. Silencio]. A CUP di que é mellor, xa que hai 15 días de exposición do orzamento para alegacións meter unha alegación nese sentido e que se aclare xuridicamente neste tempo a cuestión. Aclara que nas Bases non se di nada da lexislación nen dos avais, que hai que saber o que se fai e o que se aproba, que isto pode ter consecuencias para as entidades sociais e cívicas do Concello. En concreto, trátase da base de execución 50ª do Orzamento de 2017 (“Pagamento das subvencións”) do seguinte teor textual:

En casos concretos en que así o esixa o carácter da actividade a realizar, no momento da concesión da subvención poderase librar polo Concello un antecipo a conta correspondente ao 40% do seu importe total.

(…) O libramento do 60% restante (…) efectuarese previa xustificación documental.

Solicita tamén non enredar co dos avais, que a Deputación e outros organismo tamén os conceden sen aval até onde lle consta e que se para obter 500-1000 euros hai que ter un aval de 110% pode ir o adianto e a subvención para o carallo se iso supón contraer un crédito cando o que se busca é liquidez non máis problemas. A CUP di que, despois, do argumento acredita que fica ben claro que non hai nada estratéxico nesta proposta que se trae ao pleno e que sería irresponsábel non votar en contra.

A FAVOR: 9 (Inta e PP) En contra: 4 (CUP e PSOE)

7.- Aprobación inicial do Orzamento xeral do Concello de Chantada do exercicio 2017: 5.489.801,35€.

A documentación pode consultarse aquí. Actualmente está en exposición pública para alegacións por prazo de 15 días desde a súa publicación no BOP. Se hai alegacións terá que novamente ser ratificado polo pleno da Corporación por maioría absoluta dos seus membros. Unha vez aprobado definitivamente deberá existir copia íntegra a disposición de calquera cidadán que o desexe consultar en canto se manteña en vigor.

Desde o PSOE fálase de demora, aínda que valoran positivamente as xuntanzas que houbo previamente á comisión informativa. No capítulo de ingrésos o Concello nútrese de impostos regresivos como o IBI, do que Inta dixo que ía rebaixarse mais seguimos no plano de axuste polo que imposíbel. Censuran os socialistas que o Goberno non busca axudas doutras administracións. Non se poden queixar desde Inta do Plano Único da Deputación de Lugo. Os números non sustentan o traballo do Goberno. A voceira pergunta tamén polo ICIO, traéndose unha proposta ao pleno mediocre que tivo que ser retirada. Menciona tamén o informe da intervención sobre o orzamento que di que ao non aplicarse nos ingresos o principio de caixa pode xerarse tensión na tesouraría. No tocante aos gastos o Concello debe conseguir o equilibrio e non depender de recursos externos, claro que soster 51% de gasto de persoal é imposíbel. Raquel lémbralle a Manuel Varela que criticou ao PSOE por ter un gasto en persoal inferior ao 40%. Pois Inta ten mala xestión e organización. Media dedicación cunha contía insultante e dentro dun plano de axuste e aprobada por Decreto, sen especificar as competencias nen as funcións que realiza. Debería facerse un informe trimestral di, algo que inicilamente aceitaban e agora néganse a facelo. Tamén dicían que a dedicación era temporal e negábanse a dar o nome do destinatario, vostedes saberán porque.

Continúa o PSOE volvendo ao informe da interventora. No relativo ao persoal, non hai RPT, cita as problemáticas anotadas no tocante aos laboral-indefinidos, praza de tesoureiro habilitado que non se cria… o Goberno non soluciona estes problemas. As inversións reais son de 308.000€, ridícula se se compara con Taboada e Carballedo e vendo as partidas ás que se destinan faltan inversións noutro tipo de políticas, por exemplo, e como xa adiantaron anteriormente, as subvencións de asuntos sociais deben ser maiores e unha política que busque maiores recursos e máis eficacia en campos como o turismo, o rural, o emprego… O PSOE di que Inta vende grandes logros económicos e seguimos nun plano de axuste e con moita débeda. A mellora experimentada é unicamente grazas á intervención estatal.

Moito máis parco na súa análise e exposición foi o voceiro do PP, Javier Rodríguez Medela. Comezou dicindo que a débeda pública local é exaxerada. Felicita polas reunións previas, mais este pleno fíxose sen deixar tempo para estudar tanta documentación e asuntos, os orzamentos requiren dun pleno monográfico. Son orzamentos continuistas co 51% para persoal e pouca inversión, só 300.000€. Até cando hai prazo para amortizar a débeda pergunta. Cando vai vir a RPT cuestiona. Di que non hai cadro de persoal coma o do ano pasado e así non se ve a xente que entrou en plantel por sentenza xudicial. Aínda así, vanse abster porque o orzamento é unha ferramenta necesaria para pagar a provedores.

A intervención da CUP comeza dicindo que o Orzamento para 2017 chega en xuño de 2017 e entrará en vigor, no mellor dos casos, en xullo, ou sexa con máis de medio ano vencido e moi lonxe do prazo que estabelece o artigo 164.8 do TRLRHL: o 15 de outubro do ano anterior. Que isto aconteza nun Goberno que levase só desde 2015, que estivese comezando, ou en minoría podería entenderse. Ora, Inta con maioría absoluta, leva 7 anos gobernando sen interrupción e con dúas dedicacións exclusivas. Xa non é parálise é má xestión. O informe da Secretaría e da Intervención do 15/05/2017 di que non consta anexo con información relativa a convenios en materia de gasto social. Porén, existen dados, do 2016 polo menos, cos subscritos nesta materia coa Xunta no tocante ao SAF (216.969,60€ no orzamento de 2016), por exemplo, ou o subscrito o 11/07/2010 de Xantar na Casa (P.O. 231.489.03 dotada de 9.000€; 11.757,20€ en 2016 na P.O. 231.489.00) ou a traballadora social (22.519,50€ no orzamento de 2016). Entón como se explica isto?

[A interventora, Cristina Santín, di que non hai convenios nos servizos sociais. Cándida Carnero di que o de 2010 polo menos si que existe. Fente lembra que é información que estaba no orzamento de 2016. Varela di que o convenio llo van o luns en Santiago, pois a Xunta busca cambiar o financiamento dos servizos sociais e pode custarlle 100.000€ máis a Chantada pola festa das autonomías, que os servizos sociais son competencia da Xunta e se transferen, mais que curiosamente todos os concellos queren ter estas competencias aínda que log nos colan o persoal e 35-40% do gasto das Galiñas azuis queren meter agora e o mesmo coa dependencias. Fente di que é normal que os concellos queiran executar iso, que se non hai unha política social axeitada a democracia non ten sentido. Dille a Varela que teñen que unirse os alcaldes e pór por riba das siglas a demanda dun financiamento axeitado para aplicar as políticas sociais por parte das institucións locais máis achegadas aos cidadáns. Segue falando do informe que di que se observan, segundo as previsións do Orzamento, competencias que non lle son proprias ao Concello, cales son e porque non se especifican? E debido a que nunca se seguiu o procedemento explicado no informe para a súa xustificación? Pois por exemplo os servizos sociais, di Varela. Non todos, pois tamén parte é competencia local propria, deberían especificarse. Pois o SAF por exemplo, mais non quer interromper. A CUP di que ao contrario, que as aclaracións agradécense sempre.

Perguntamos onde se vai encontrar a copia do orzamento e das súas modificacións a disposición do público? [Non se aclara, dise que un resumo no taboleiro e quen queira velo inteiro que pergunte] E a da masa salarial porque non se colgou na web en 2016? [Non se sabe. Este ano si]. Dicimos que é irreal falar de contención no gasto cando segue persistindo abuso do contrato menor e a contratación a dedo, aínda que cousas como a podoloxía se inclúan agora con aplicación orzamentar axeitada, polo que, en boa medida, sabemos que este Orzamento é irreal e que serán necesarias numerosas modificacións orzamentares, recoñecementos extraxudiciais e suplementos de créditos. Un clásico na xestión de Inta, lembremos cando para obter liquidez na tesouraría se procedeu a operación de outorgar a Aquagest o máximo permitido de concesión ao tempo que se destrozou Xoan XIII e cun informe desfavorábel do secretario que se contrarrestou con outro feito polos avogados da empresa. Por certo, expediente que anda perdido na Audiencia Nacional entre o macrosumario da Pokemon.

Gasto de persoal. Increméntase até atinxir 51% do gasto (2.801.870,70€), ou sexa un incremento a respeito de 2016 de cáseque 400.000€, unha auténtica animalada. Exactamente 363.180,8€. Amais, cómpre engadir que o Concello de Chantada segue sen implementar un método de controlo dos horarios e do labor, por exemplo mediante sumarios e rexistro de entrada e de saída, deixando constancia do realizado en cada xeira. Tampouco existe un informe onde se detalle o persoal coa descrición minuciosa do seu labor e dos seus horarios, algo básico en calquera empresa. Porén, o máis grave é que o informe da intervención e da secretaría subliña que «non se sabe exactamente que variacións se produciron xa que detectáronse prazas que non estaban dotadas e existían, e non existe unha Relación de Postos de Traballo, que faga unha adecuada valoración dos postos, nin un estrito plantel de persoal». Repetimos «non se sabe exactamente que variacións se produciron xa que detectáronse prazas que non estaban dotadas e existían». Impresionante. [Varela di que non imposíbel que no concello saben perfeitamente o que fai cada traballador. Fente di que non se porá en cuestión á interventora e que non mente, que ela é técnica e non emite xuízos políticos senón fiscalizacións da xestión que se fai e se están con arreglo ou non á lei. Diríxese á señora interventora para que aclare isto para todos (estaba comentando algo con Cándida Carnero). A interventora aclara que, por exemplo o traballadora social non estaba no cadro de persoal de 2016…]. Só isto xa é suficiente para que este pleno devolva o orzamento até que se subsanen estas graves deficiencias e se explica detalladamente este brutal incremento, di o voceiro de Por Chantada.

De por parte, o Reparo 72/2017 (FI 56/2017 de 27/04/2017) asinala que «non se atopa ningún gasto en fase AD, que é como debería estar todo o persoal contratado» e que «non existe relación de postos de traballo». Ningún gasto en fase AD que é como debería estar todo… Tamén se indica que «faise constar, que a xestoría non efectúa as nóminas mediante procedementos normalizados e segundo debería facerse na Administración, o que provoca grandes problemas á hora da fiscalización, e ademais non existe contrato algún coa mesma, o que pode afectar á protección de dados de carácter persoal. Debendo ser o persoal do Concello o que debería facer as nóminas». E non se detén aí:

– non existen expedientes de recoñecemento de compatibilidade;

– «a abundancia de sentenzas que declaran a determinación do persoal laboral temporal como indefinido, no Concello, pon de manifesto as irregularidades dos contratos temporais, e a realización dos mesmos en fraude de Lei» co cal non se cumpre o art. 91.2 da LRBRL garantindo a selección de persoal respeitando os principios de mérito, igualdade e capacidade (algo que desde a CUP levamos reclamado e advertido xa non sei cantas veces):

– «contrátanse auxiliares a domicilio sen seguir ningún procedemento legal» [di que todos se contrataron ben que non hai trampa nen cartón. Vólveselle perguntar se entón a interventora mente. Di que sería pola bolsa de emprego que se acabou e contrataron directamente do INEM – como se fose a ETT do Concello…-];

– non existe convenio en vigor que regule os trienios; [Varela di que cos trienios houbo traspapeleos, mais agora xa está solucionado desde hai 10 días]

– algúns traballadores págaselles máis do que lle corresponde e a outros menos [Di que ten que ser a suba do 1% fixada nos orzamentos do Estado, se hai casos que pasen isto que llo diga, que fóra dun erro non pode ser. Fente di que aprecia subas maiores en vários casos se cotexamos cos dados de 2016, claro que sospeita que levaban anos traendo as cousas daquela maneira, por iso este desfase de 400.000€ sen novos servizos];

En xullo de 2010, cando se aprobaron os orzamentos para 2011 en tempo e forma por un importe de 5.500.000€ aproximadamente, o señor Manuel Varela, desde a oposición, criticou ao Goberno do PSOE e do BNG por un elevado gasto en persoal que naquela altura era de 38% e que debería ser de 30-35%. Hoxe, sete anos despois, cun importe de gasto total semellante (5.489.801,35€), o gasto en persoal é do 51%, ou sexa, un incremento de 13% en sete anos e de máis de 400.000€ nun só ano!

Por outra banda, continúan após sete anos gobernando sen relación de postos de traballo (RPT) incumprindo o disposto nos artigos 90.2 e 91.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local (LRBRL). A maiores «as prazas que continuamente estánse a sacar tódolos anos (sic.) que son repetitivas no tempo, no son (sic.) de carácter temporal. Senón estructural (sic.)». [Varela argumenta que tiveron que facer persoal municipal a moito por sentenza. Casos da época do bipartito ao levaren tres anos. Fente di que por esa regra de tres nas Escolas Deportivas o Goberno de PSOE e BNG tamén tivo que facer fronte a persoal da súa etapa no PP. Varela recoñece que é así e que a RPT vai ter unha reunión para a semana coa Deputación e de aquí a outubro a ver se a teñen. Que tamén se poderían amortizar prazas, mais que mellor mantelas segundo lle din en Lugo até ter a RPT. Precisan brigada de obras. A RPT vainos dar a relación de traballadores para cada servizo. El aposta polo emprego público e de calidade. Se privatizamos servizos como SAF ou piscinas 34-35% de gasto de persoal, que aínda así non é de calidade para algunhas persoas] Fente di que tocante á amortización de prazas hai tamén moito que falar, pois urxe racionalizar o plantel municipal, algo difícil de facer sen ter asignadas tarefas e funcións específicas a cada posto de traballo. Por exemplo, amortizar a praza vacante de policía local suporía liberar a nada desprezábel soma de 40.000€ para outros fins e outros 85.000€ do auxiliar e aparellador da administración xeral de urbanismo vacante. Só con estas amortizacións disporíamos 125.000€ podendo amortizar aínda algunha praza máis até rondar 155.000€ co que se podería criar a brigada de obras que vostede di ou estudar outras necesidades. 

Logo sorprende tamén que o funcionario de alumeado público se orzamentase con 36.899,62€ en 2016 e agora só con 29.660,47€, merece cando menos unha explicación semellante desfase de por volta de 10.000€ nun só traballador. Tamén un membro da administración tributaria pasa de perceber 52.386,11€ a 41.578,54€, variacións nos emolumentos que deben explicarse con detalle xa que son cartos públicos. A maiores, como pode aparecer como indefinida a traballadora afectada polo reparo da intervención 8/2017 se o devantido ponto se retirou do pleno ordinario de marzo? [A interventora fala que unha cousa era o recoñecemento de atrasos e outra o salario. Varela di que houbo confusión, que non aprobou as probas, mais quedou na bolsa e logo chamárona. Había dúbidas de se cobrar dúas veces, mais vese que non]. Fente di que o que se dicía na documentación do pleno era que para evitar xuízo, que supostamente se perdería, o pleno aceitaba facela indefinida e así aparece agora no persoal laboral do Concello sen que o Pleno tomase ese acordo, que contraviría a lei xa que non pode facelo sen sentenza xudicial no marco actual.  Neste sentido a CUP lembrou que o artigo 28.4 da Lei 2/2015, de 29 de abril, estabelece no ponto 4º que «incorrerán en responsabilidade nos termos previstos pola presente lei, as persoas que coa súa actuación irregular den lugar á conversión en indefinida dunha relación laboral de carácter temporal ou á adquisición da condición de empregado público por unha persoas que non a ostentase». O reparo 8/2017 di explicitamente:

En xeral observamos tamén que os salarios máis baixos do Concello case non se moven en canto os dos funcionarios e o persoal fixo se incrementan moito máis. A xestión do persoal é tan deificiente que até as nóminas as elabora unha empresa externa, por non falar que todo o persoal das piscinas non figuraba no anexo de persoal do orzamento de 2016. Son cuestións gravísimas que poñen en causa toda a xestión de persoal deste Concello e aconsellan unha auditoría urxente para a súa racionalización. Haberá que comezar polo básico neste Concello se se quere que funcione. Tamén lembramos que as piscinas nunca as poderían privatizar porque ningunha empresa vai xestionar algo que dá máis de 30.000€ de perdas anuais, sen discutir os beneficios de saúde e sociais que teñen, por iso apoiamos que sexa servizo público. [Varela di mellor público, que tiveron malas experiencias no pasado. Poderían privatizarse pondo o concello 100.000€ todos os anos. Fente di que así estariamos nas mesmas ou pior, que nada adiantaría. Non confundamos os cidadáns]

Segue a CUP falando de débeda pública. Daquela tamén criticaba que o Concello destinaba a carga financeira a pesar de ser menos da metade do que hoxe se paga aos bancos: 519.501,91€ ao que cómpre somar o Suplemento de crédito 1/2017 doutros 500.000€ Por outras palabras, en 2017 Chantada abonará máis dun millón de euros de débeda pública, mais diso falaremos noutro ponto.

Pola contra, só destinará 308.057,04€ a inversións reais. En 2010 era 16% (896.000€) e non 5,6% do orzamento. Movémonos, pois, excluíndo os exercicios do Plano de axuste con investimentos aínda máis ridículos de 45.000€ (1,4%), nas piores cifras das últimas dúas décadas. Por outras palabras, Manuel Varela leva 20 anos gobernando para cada vez facelo pior. En 2011, hai seis anos, Taboada e Carballedo destinaron a inversións reais 265.721€ e 264.476€, ou sexa, estamos a niveis de concellos con 5.000 habitantes menos e nos piores anos da crise. E aínda é pior que a Liquidación de 2016 revela que nese ano só se executaron 179.234,82€ dos 411.772,98€ orzamentados. Este ano orzaméntanse máis de 100.000€ e xa veremos o que se executa realmente a vista dos precedentes. Estamos, portanto, bastante por debaixo de Taboada e Carballedo e así están abandonadas as 36 parroquias, a maioría sen saneamento e coas vías públicas de titularidade municipal nun estado lamentábel. Por non falar do lamentábel suceso que aconteceu onte, o enésimo vertido ao Asma.

Ingresos. No que concirne aos ingresos, asinalan a interventora e a secretaria que «os orzamentos dos últimos exercicios resultaron en certo xeito insuficientes para recoller a totlidade de gastos xerados polo Concello. Proba diso son as diversas modificacións orzmentarias realizadas ao longo dos exercicios». Tamén sinalan que os ingresos ao non realizarse baixo o critrio de caixa poden xerar tensión de tesouraría e faltas de liquidez e, en consecuencia, demoras nos pagos a provedores. Novamente un clásico na súa xestión. Hai que felicitarse iso si porque os ingresos, en xeral non sempre, axústanse á recadación neta e non ás obrigas. Tamén en relación cos gastos correntes advertíase que «debido ao incumprimento do prazo de pago das obrigas, pode que o crédito dotado non sexa suficiente para satisfacer as cantidades que sinala a Lei, que debe facerse efectiva a todos aqueles acreedores que non se lles pague en prazo».

Varela di que se fixeron varias xuntanzas cos membros da Corporación e que lle dá pena que haxa cousas que non se expuxeran alí para entre todos melloralos. Di que un concello ten que nutrirse de impostos directos e indirectos para manter servizos. En 2018 estudarán baixar o IBI un pouco, se ben o do rural xa está no 0’40 e o mínimo é 0’30 fóra bonificacións que poderían aplicarse. O urbano do 0’60 tampouco é moi alto. Recoñece que os orzamentos chegan tarde, mais en outubro serían unha previsión e así son máis realistas e esperan en 4-5 meses traer xa os de 2018. Defende que non os inflan metendo o Plano único, como fan outros concellos nos investimentos, os 50.000€ do Fondo de compensación ambiental, os 170.000€ do antigo PEIN. Fente di que pasa a ser bianual o Plano marco é que realmente baíxannos a Chantada. 

Segue o alcalde dicindo que as transferencias correntes tamén son importantes e que en 2016 viñeron moi ben os 116.000€ que tiveron que devolver do Estado por retraerllos indebidamente a Chantada no seu día. Os impostos en Chantada son elevados, mais pouco por riba están da media galega. Sobre os pasivos financeiros din que en 3-4 anos melloramos. En 2011 andábase polo 145% e agora andarase polo 40%. A partir do 75% calquera banco concede crédito. No investimento átanos a regra do gasto, dentro duns anos quen estea aquí poderá dotar de aglomerado en quente as pistas. A FEMP protesta pola regra de gasto. En relación coa pergunta do voceiro do PP, Varela di que en 2022 vence o pago do pago a provedores e a débeda se non se amortiza voluntariamente antes. Remataríase 2017 con 1.700.000€ se vai ben todo. Sobre a cuestión do persoal é unha contía elevada, mais a precisa se non se quere privatizar servizos. Tamén hai prazas dotadas que seguen no plantel mais que poderían amortizarse, mais están pedentes da RPT. A praza de tesoureiro haina que estabelecer.

Sobre a dedicación din que eles intentan facelo o mellor que poden. Diego Otero Veiga e mais el estanse pagando a si mesmos pois fan de central de compras, todo pasa por eles para garantir que vaia ben (chamadas telefónicas para pedir tres orzamentos). Medela (PP) di que lles encomenda outro traballo apagar as luces que quedan acesas. Varela di que haberá que pedirlle responsabilidades a quen se lle cede os locais. Raquel pergunta polo ICIO. Varela di que o informe técnico está feito, falta o estudo económico da interventora e que virá ao pleno de xullo. Cristina Santín aclara que xa o ten elaborado. Pouco muda di Varela.  Raquel insiste en que deben buscarse novos recursos e que os impostos deben ser progresivos. Cuestiona novamente a nova dedicación e que esa explicación non lle vale. Recunca no informe trimestral e fala dos vertidos ao río que xa mencinou outro grupo e é prioritario invertir niso. Varela di que solicitou entrevista co presidente da Confederación Hidrográfica para solicitar 3 cousas: a.- unha nova depuradora (mellorouse algo a actual o ano pasado, algo lle fixeron e pagouse cánon de vertido directo só por 3 meses que querían cobrar o ano inteiro); b.- tanque para decantar cando hai treboadas (e xa se subsanarons as inundacións nos baixos que persisten en moitos concellos), pois as pluviais podían ir directamente ao río e non mesturadas coas fecais como acontece en case todo Chantada agás zonas da Avenida de Monforte e do Bon Xesús; c.- canalización do regato de Centulle até Zaquín ao que nos obriga unha sentenza do Tribunal Superior e xa están facendo o anteproxecto. Van pedir axudas a Augas de Galicia e á Deputación de Lugo tamén. De todas formas tamén ten que dicir unha cousa que é que onte alarmouse o que non é normal nos medios. As rúas baixan a tope de auga cando chove. Se houbese boa condución de pluviais non pasaría. Leva pasando sempre. Raquel discrepa di que alarme é xustificada. Varela deféndese dicindo que hai inundacións noutros lugares que non pasa só en Chantada e que en 2006  e 2007 se se fose máis áxil desde o PSOE ao mellor Chantada xa tería unha nova depuradora. Medela di que había proxecto, que se pida e se comprobe se aínda está en prazo ou caducou. Di que unha setenza é prioritaria. Varela di que xa se informou do que se está facendo, prioritaria até certo ponto. Se nos mandan canalizar do Faro ao Miño e vale unha burrada e non se pode facer que? E se non que veñan os xuíces gobernar de alcaldes, que pensa que na sentenza non mediron o gasto que implica. Engade que é unha herdanza mala doutros tempos que lles quedou, como eles deixarán outras. Raquel di que esta actuación non está no orzamento. Cristina aclara que ao ser por sentenza hai que executala co remanente ou co que sexa, que non habería problemas nese sentido.

A FAVOR:  7  (Inta)      EN CONTRA:     4   (CUP  e PSOE)      ABSTENCIÓN: 2 (PP)

8.- Aprobación inicial do Suplemento de crédito 1/2017 por importe de 500.000€

DOCUMENTACIÓN: Providencia da alcaldía, Memoria-proposta, Proposta ao pleno, Fiscalización de intervención 63/2017 sobre SC 1/2017 

Comeza intervindo o PSOE. A súa reflexión xiran encol a conexión entre a amortización da débeda e a xestión económica de Inta. Remanente para débedas e aínda fica pendente a débeda de 2015. Lémbralle ao alcalde que na comisión informativa previa ao pleno non as tiña todas consigo para aprobar a amortización e tamén que foron as políticas que se realizaron no pasado as que nos levaron a esta situación.

No entanto, para Manuel Varela “a política é boa, o malo sería ter que pedilos para pagar débedas”. Engade que o que está pendente de pagar (máis de 600.000€ de 2015 “contratados” verbalmente e sen orzamento) hai liquidez e remanente para facerlle fronte. E hai liquidez porque é un remanente de ingresos reais e incluso depuraron en parte o que era incobrábel polo que se está moito mellor que no pasado. O que non se pode facer é investir, algo que reclama a FEMP. Sobre o do SC 2/2016 dos máis de 600.000€ di que no pecado foille a penitencia e que o lamenta, que non volverá acontecer.

Javier Medela di que o PP apoia o pago da débeda, que segue sendo moi elevada e que o primeiro sempre é pagar  a débeda.

A CUP comeza citando textualmente as palabras que por escrito obran na documentación do ponto asinadas polo alcalde:
«Debido ao alto volume de endebedamento que posúe o Concello de Chantada en cumprimento da Lei, o noso Remanente de Tesouraría para Gastos Xerais está afectado a amortización da débeda, polo que procedemos a facer un suplemento de crédito para amortizar a débeda do Concello». Varela di que non é tanta. O voceiro da CUP dille que as palabras son súas, que saberá o que asina. En todo caso, e
sas palabras, de Manuel Varela, deixan claras, cando menos, dúas cuestións: que o Concello de Chantada ten unha débeda elevada e que por imperativo legal o Goberno debe amortizar parte da mesma. Será a segunda grande amortización despois da de 2015 e suporá que neste 2017 destinemos máis dun millón de euros ao pago da débeda pública. Varela di que non é tanto. Fente dille que bote contas entre os 500.000€ deste SC 1/2017 (500.000€) e o que vai nos orzamentos. Varela di que si, que van máis de 500.000€ no orzamento para iso e non 300.000€ como pensaba.

Evolución da partida de gastos da Débeda pública 011

ANO

Cantidade (en euros)

2014 (CX)

1.124.422€ (22,42%)

2015 (CX)

189.256,55€

2016 (L)

467.944,42

2017 (REC+O)

1.064.501,91*

2.846.124,88€

Evolución da Débeda pública

ANO

Cantidade (en euros)

31/12/2014

3.761.000 (439,72€/hab.)

31/12/2015

3.361.000 (395,74€/hab.)

Débeda a longo prazo

31/12/2016

2.885.890,88 (342,29€/hab.)

31/12/2017

2.407.888,92* (285,59€/hab.)

Fente cita dados doutros anos e vai comparando. Conclúe que entre 2014 e 31/12/2017 levaremos pagado, se as previsións se cumpren, 2.846.124,88€, mais unicamente reducimos a débeda viva en 1.353.111,08€. Por outras palabras, de cada 3 euros que pagamos de débeda 2 son para xuros e gaños da banca e só 1 para reducir o que debemos no longo prazo. Hai que ser conscientes disto. Amais, esta débeda ten a súa orixe nos 6.900.000€ de débeda pública que deixou vostede cando abandonou a alcaldía, daquela no PP, no período das mal chamadas “vacas gordas”, voltando á alcaldía con dous millóns menos. En todo caso, acabamos de ver que non temos case inversións e que hai moita falta de recursos para atender necesidades fundamentais en canto dedicamos máis dun millón de euros (de 5’5 millóns dos que disporemos en 2017) aos bancos. Portanto, o que había que facer, dado que a lei obriga a destinar parte do remanente a amortizar, era executar ben o orzamento para que non ficase un orzamento tan grande, afinando nas partidas e investindo nos viciños (quedou máis dun millón de euros do orzamento de 2016 sen executar!!!).

A CUP di que baixando dos 300€/hab. e con 3 millóns de euros de débeda estamos en dados que hai moitísimo tempo que non se daban no Concello de Chantada. O volume actual non é un volume tan elevado xa polo que a prioridade ten que ser recuperar o investimento, manter as infrastruturas, pór freo ao urbanismo incontrolado, limpar as gabias do rural e atender ás necesidades da viciñanza antes que entregar máis dun millón de euros aos bancos. Varela comparte parte da reflexión de Fente, efectivamente é execesivo dedicar tantos recursos cando cómpren para outras cousas. Fala de que ao final de ano a débeda estará por debaixo dos 2 millóns de euros. Resulta incríbel que o Estado con máis dun billón de eruos de débeda pública, máis de 100% do PIB, substraia dos concellos tantos recursos para os seus amigos dos bancos. De feito, levamos máis dunha lexislatura perdida entre plano de axuste e pago de débeda e hai que virar de política.

A FAVOR    9  (Inta e PP)               EN CONTRA   4 (CUP e PSOE)

9.- Ratificación do acordo segundo “Subvención obradoiro de emprego” Xunta de Goberno Local celebrada en sesión extraordinaria do día 30/03/2017.

Varela di que é unha previsión contando de que concedan a subvención. Os outros dous anteriores (Serra do Faro I e Serra do Faro II) foi o Concello da vila do Asma o que fixo de administración.

O PSOE di que fai moita falta o obradoiro de emprego aínda que preocúpalles que a intervención asinale que o impacto na Facenda local poda xerar desiquilibrios e que non hai proxecto do Concello remitido. Varela aclara que se fixo memoria valorada de obras e se dan a subvención farase o proxecto. Cristina aclara que cando fixo o informe o que había era unicamente previsión. Raquel segue insistindo en que debería haber proxecto. Varela deféndese dicindo que non van gastar 3 ou 4.000€ nun proxecto ao tonto se logo non lle dan a subvención. Javier Medela do PP entra no debate para incidir en que neste tipo de subvencións (el é xerente do GDR) as memorias valoradas son suficientes. Varela dille ao voceiro do PP que lles bote unha man e presione ao seu partido en Lugo para que veña aprobada a subvención. Medela di que a ver se lle fan caso e que o PP de Chantada vai apoiar este ponto. Varela di que el se quere pode apoiar dobremente aquí e en Lugo.

A CUP comeza pertuntado pola cláusula 5ª do convenio de 30/03/2017, ou sexa, sobre a composición da comisión de seguimento do obradoiro.  Varela di que serán os dous alcaldes e directores do obradoiro. Seguimos interesándonos polo que vai facer exactamente no mercado gandeiro. Explica o alcalde que na nave máis antiga van darlle unha coberta nova e dividir unha zona para maquinaria e vehículos municipais, que agora xa non é mester toda para outros usos.

Por Chantada contínua sinalando que na proposta de acordo ao pleno fálase de «premura». Non semella que o Goberno tivese precisamente premura cando os informes da secretaría e da intervención datan do 29 de marzo. Por certo nesa altura a interventora aínda non recibira o proxecto de obras e servizos nen podía certificar a existencia de crédito suficiente e axeitado; engadindo «nestes momentos aínda existen facturas no Concello de Chantada, consecuencia do Obradoiro anterior, “Obradoiro de emprego Serra do Faro II, que non teñen dotación orzamentar suficiente». Fente demanda que se explique isto. Varela contesta dicindo que hai 68.000€ en facturas sen pagar e que se van abonar porque axuda a Deputación con tres partidas que ficaran do cánon que totalizan sobre 67.000€. Elena Candia e o PP tamén van apoiar isto no pleno da Deputación, xa que falou con PSOE e PP. Fente di que entón en 2017 volveremos estar na mesma e non haberá eses remanentes xa. Varela recoñece que si, que vai pasar o mesmo. É inevitábel se tes que pór materiais e facer obras. Evitariase só destinando o obradoiro, como fan noutros sitios, a SAF ou actividades que non requiran materiais e gastos alén do persoal.

A CUP lembra a dada de sinatura do convenio, o 30 de marzo. Ese mesmo día a XGL toma o acordo en sesión extraordinaria de encomendar a xestión ao Concello de Carballedo para o Obradoiro de emprego “Serra do Faro III”. Por certo, o acordo da XGL fala de beneficio industrial cando non pode existir tal cousa cando é a propria administración quen executa as actuacións… se callar cousas do subconsciente… Varela di que hai dúbidas porque as empresas forneceroda de materiais si que obteñen beneficio industrial. Javier Medela di que hai que ter coidado que o día que se fixo a reportaxe fotográfica do anterior obradoiro estaba unha empresa externa alí. Fente di que se efectivamente son necesarias non se vai agochar a realidade para que fique a foto bonita. Medela di que como é a administración quen fai a obra en teoría… Varela di que o obradoiro era de xardinaría, que eles fixeron esa parte, mais que o resto da praza requiría outras contratacións.

Prosegue a CUP falando de que esa mesma XGL tamén acordou (ponto 6º) dar conta ao pleno na súa próxima sesión que foi a do 8 de maio, mais o asunto non veu ao pleno. Dilatouse até xuño cando se tería que resolver, no pior dos casos, no pleno ordinario do 8 de maio. Novamente, vemos como deliberadamente se fai e se desfai ao antollo do Goberno pasando até por cima dos seus proprios acordos e da lei, dado que o proprio alcalde é perfeitamente inconsciente de que incumpriu a lei e da nulidade do pleno de maio.

A FAVOR   9 (Inta e PP)               ABSTENCIÓN  4 (CUP e PSOE)

10.- Ratificación da resolución da alcaldía 182/2017 de solicitude de subvención da Xunta da Galiza para a prórroga de contratación de persoal técnico para actividades de orientación laboral no 2017

Varela comeza dicindo que fai 3 anos que se vén facendo con Carballedo e que este ten o persoal.

A voceira socialista, pola contra, di que se a subvención é para os 2 concellos debería incidirse en melloras para os viciños e que a atención sexa en Chantada senón Chantada é convidada de pedra nisto como en tantas outras cousas.  Varela di que isto podería estudarse que o reparto era de cando eles xestionaban o obradoiro. Que o falar el con Julio (alcalde de Carballedo). Agora isto mudou polo que pode pedirse que veña para Chantada a orientadora. Insiste Raquel en que Chantada debe ser a sé onde traballe a orientadora, como mínimo que durante algúns meses se atenda en Chantada e que recibiu moitas queixas de viciños por este tema, que é un transtorno ter que ir até Carballedo. Varela di que el non ricibiu queixa ningunha. Raquel insiste en que ela si. Varela di que comprenderá que se ela fose alcaldesa tería tamén que ter relacións cordiais con Carballedo, concello limítrofe. Fai a brincadeira de que hai que levarse ben para fusionar os dous concellos.

Javier Medela só intervén para dicir que o PP, como non podía ser doutro xeito, apoia tamén este ponto. Non hai problema en que estea en Carballedo, el foi usuario.

A CUP comeza novamente perguntando polo órgano de coordinación (base 6ª). No entanto, non o entenden e explica que se refere ao convenio asinado que di que estarán os dous alcaldes e dous técnicos. Di se ten relación e experiencia o do Concello de Chantada coas políticas de emprego. Varela di que adoita ser Luz que fora técnica de emprego, aclara Cristina que fora axente de desenvolvemento rural. En Carballedor Xesús di Varela.

Prorrógase a contratación de persoal técnico, mais como prorrogamos unha encomenda de xestión – competencia do pleno- que non aprobamos plenariamente. Novamente hai confusión coa pergunta e téntase explicar a problemática (xa que puido haber adopción dun acordo por órgano manifestamente incompetente, xogándose a sobrevivencia dun servizo e prexudicando así a outros concellos por vulnerar a lexislación). Non se aclara para nada a cuestión e só se insiste en que o que se debanda agora é unha prórroga e que se pide todos os anos. O voceiro da CUP di que debe ser parvo e por iso non o entende. Insiste en que novamente os informes da secretaria e da interventora municipais estaban prontos no mes de abril e tería que traerse a cuestión ao pleno de maio, mais deliberadamente decidiuse esvaciar ese pleno toda vez que o proprio alcalde é perfeitamente coñecedor da súa nulidade ao non respeitar a conformación da vontade do órgano colexiado e tendo como resultado a vulneración dos direitos cívicos dos concelleiros da oposición, entre estes o direito fundamental á participación.

Noutra orde de cousas, xa no pleno de marzo lle lembramos que tendo Chantada unha media superior aos 500 desempregados, infelizmente, podía acollerse en solitario a esta liña de axudas. Dados por certo terríveis cando temos unha poboación minguante, unha emigración da poboación activa elevada e que moitos desempregados de longa duración por non dicir crónicos xa non renovan a tarxeta do paro. Contodo, e de acordo coa nosa filosofía de que na comarca de Chantada debería existir un único concello, celebramos que se faga a xestión conxunta do servizo xa que é máis racional e mesmo debería integrarse Taboada. Mostra desa racionalidade é que vén até xente de Monterroso e Antes polo que ter varios técnicos na comarca sería discutíbel. Ora ben, o que non é “racional” é que o servizo se xestione centralizadamente como se for un único concello o que solicita e usa o servizo. Deberían existir espazos para poder antender aos demandantes de emprego por días en cada concello da comarca. Iso si, non confundamos ao persoal dicindo que se vai pedir non sei que porque a Orde da Xunta e o convenio deixa claro que obrigas debe ter o local, a conexión, etc. Varela di que ao mellor cun portátil podería atender algúns días en Chantada. Fente di que non, que nas bases pon as obrigas de cada Concello e que ou modifican o convenio ou olvidarse do asunto, que se se queren facer as cousas e facelas ben habería que actuar xa e que o que vai pasar é que seguirá todo coma sempre. Tamén desde Por Chantada se fai unha reflexión sobre o IOPE. De pouco serve o IOPE se non se arbitran mecanismos e dotacións orzamentares específicas para contribuír a reforzar o seu labor a fin de conseguir, efectivamente, a integración laboral dos desempregados da comarca. En 2016 orzamentáronse 56.209€ e recibiuse unha subvención da Xunta de 51.209,72€. En 2017 orzaméntanse 39.301, 56€ destinándose a un salario e que logo pode verse incrementado por subvencións da Xunta para a contratación de persoas perceptoras da RISGA, etc. Porén máis nada se fai de motu proprio para fomentar o emprego. En conclusión, habería moito que falar do enfoque e da calidade do servizo e falo con total coñecemento de causa. Pouco vale que che manden buscar nunha páxina… Sen cursos de formación, seminarios de asesoramento, técnicas de procura, obradoiros, etc. que complementen o IOPE a efectividade deste é limitadísima e está a orientadora de mans atadas…. xa sabemos que  como concello non podemos contratar novo persoal, mais si facer cousas para mellorar a formación e a empregabilidade. Ou adoptamos outras estratexias ou non pasa dun simulacro para vender que se fai sen facer realmente nada.

A FAVOR: 9 (Inta e PP)  EN CONTRA: 3 (PSOE)  ABSTENCIÓN: 1 (CUP)

PARTE DE CONTROLO DA XESTIÓN

11.- Dación de conta de resolucións da alcaldía. 

12.- Liquidación orzamento exercicio 2016.

13.- Reparos de intervención. 

14.- Plano de axuste 1º trimestre de 2017.

15.- Execución trimestral 1º trimestre 2017. 

16.- Período medio de pago 1º trimestre 2017. 

17.- Informe de Morosidade 1º trimestre 2017. 

Varela di que se da conta destes asuntos, que tomen nota e fagan as perguntas que queiran para o próximo pleno. Que as poden entregar por escrito para que se lle contesten. Medela cuestiona que nun pleno extraordinario se meta isto aquí. Fente di que estes asunstos tiñan que vir ao pleno de maio. Varela di que non todos tiñan a documentación lista. Fente di que todos ao ser do 1º T do ano ou a liquidación. Igualmente os reparos viñeron ao de marzo, após escrito demandándoo desde a CUP en xaneiro, para en maio desaparecer. Ao final nos feitos dásenos a razón sobre o que dixemos a raíz do pleno de maio. O PSOE tamén se queixa de que é moita documentación e que non hai rogos e perguntas. Varela di que ao ser extraordinario non ten porque pór rogos e perguntas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s