Crónica do pleno ordinario do 14 de xullo de 2017

O pleno non comezou até as 20:06 xa que desde Inta fixeron tempo para que chegasen os seus concelleiros. Asistiu toda a Corporación, agás Manuel Diéguez (Inta) e a interventora, aínda habendo asuntos de índole económica. Tamén asistiu o funcionario Segundo Navaza. Canto a cidadás que asistisen só tres persoas se achegaron na tónica xeral da lexislatura, polo que semella que existe un fondo desisterese polo Pleno e a política local por parte da maioría da sociedade chantadina.

1.-APROBACIÓN DA ACTA DA SESIÓN ANTERIOR: ORDINARIA DE DATA 14 DE XUÑO DE 2017.

Foi aprobada por unanimidade, se ben é certo que se extractan dun tempo a esta parte os debates dun xeito “particular” nas mesmas.

PARTE RESOLUTIVA

2.- MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR LICENZAS URBANÍSTICAS E SERVIZOS URBANÍSTICOS. DITAME DA COMISIÓN INFORMATIVA

ordenanza taxa urbanismo e ICIO publicadas no BOP e propostas de modificación: PROPOSTA MODIFICACIÓN I.C.I.O e PROPOSTA MODIFICACIÓN TAXA.

Este ponto e o seguinte debatéronse en conxunto. A secretaria indicou que o ditame da Comisión Informativa correspondente era favorábel e que se abre prazo de alegacións de 30 días.

Desde a CUP solicitouse a votación nominal polo que en cada ponto se votou previamente ao ponto en cuestión.

Votación nominal: A FAVOR: 4 (CUP e PSOE)      EN CONTRA:  6 (INTA)        ABSTENCIÓNS: 2 (PP)

Votación do ponto 3º:  A FAVOR: 8 (Inta e PP) EN CONTRA: 4 (CUP e PSOE)

DEBATE:

Desde Inta sinalaron que manteñen ditame da comisión.

Comezou, na orde habitual, a quenda de intervencións da oposición o Grupo Socialista. Criticaron o atraso en volver traer este asunto ao pleno e que non houbo mudanzas polo que seguen o pensando o mesmo que en decembro. Lembraron o traballo do PSOE en Antas de Ulla [goberno PP] para rebaixar o IBI ao sector gandeiro. Cuestiónanse as bonificacións do Casco Antigo que neste momento xa non teñen sentido. Outro motivo para votar en contra é que hai un informe de intervención negativo, a pesar de que o alcalde dixo en CI que era favorábel.

O PP di que está a favor de todo o que sexa baixar impostos. É preceptivo informe da intervención? Critica que veña agora por urxencia e dille a Inta que hai que traballar máis. Os módulos están desfasados e por baixo do prezo de marecado para non perxudicar máis o sector lácteo. Apoia se non é preceptivo o informe.

Desde a CUP dise que o acordo-proposta diríxese á CI no seu ponto 1º e non ao Pleno que é o que ten a competencia para a súa aprobación. Isto non é serio, polo que debería modificarse e volverse traer ao pleno, máxime cando hai bastantes máis aspectos que merecen maior detemento e estudo.

1º) Para comezar, volve a mesma documentación e proposta que xa se trouxo ao pleno extraordinario urxente de decembro de 2016 e que se retirou naquel pleno porque faltaba o informe preceptivo da interventora. Agora na CI díxosenos que non facía falta dito informe e, para a nosa sorpresa, entre a documentación do expediente (G-1123/2016) figura o informe da interventora que non é tampouco un nihil obstat como dicía o alcalde na comisión. Mentiras que non veñen a conto porque xa nacen con data de caducidade.

No Informe de Intervención de 3 de novembro de 2016, asinado portanto antes do pleno ao que non se achegou o informe algo inaudito, indica que «tanto as modificacións como o estabelecemento de novas ordenanzas require informe económico-financeiro» e engade que «dito informe incorporarase ao expediente para a adopción do correspondente acordo» (p. 62). Segue sen constar, 8 meses despois no expediente, polo que, de adoptarse hoxe estes acordos, estarase incumprindo o artido 25 do RD lexislativo 2/2004, de 5 de marzo. Tamén se incumpre o artigo 4 da Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril pois non se comproba se a modificación cumpre co principio de sustentabilidade financeira. Na súa epígrafe 3ª a devandita disposición prescrebe que «deberán valorarse as súas repercusións e efeitos, e supeditarse de forma estrita ao cumprimento das exixencias dos principios de estabilidade orzamentar e sustentabilidade financeira» (p. 63). Estas són as razóns polo que a señora inteventora emita un «informe desfavorábel» que, dito sexa de paso, no seu día se nos ocultou.

2º) Para maior abastanza, este é un imposto que, cómpre lembrar, se subiu (do 2 para o 3%) por mor do Plano de axuste en que este Concello segue inmerso, ou sexa, un Concello intervido coas limitacións e consecuencias que iso trae consigo. No informe da interevención sobre o orzamento (Informe de Fiscalización 10/2017) ou no Informe de seguimento do Plano de axuste correspondente ao 4ºT de 2016 (31/10/2017) indícase que o ICIO, dentro da medida de aforro 1 do referido plano, dispúñase un desaforro neste imposto de máis de 36.000€ xa que existían 87.342,61€ de direitos recoñecidos netos e só se recaudaban 45.999,29€ fronte aos 41,343,32€ que se devolveron polas bonificacións existentes (art. 6º da Ordenanza conforme ao art. 103.2 do TRLRFL). Por tanto, a intervención recomendaba que, dado o crecente gasto –nomeadamente en 2017 no capítulo de persoal– e a vixencia do Plano de axuste subsanar isto por incumprirse a medida.

3º) O informe do arquitecto do 14/11/2016 sinala que «estudado o ano 2015 pódese observar que dez licenzas se atoparían dentro dos supostos contemplados no cambio proposto [granxas, naves industriais, alpendres, pendellos, depósitos, graderías e panteóns]» e engade que «se se apliaran os novos valores (…) as taxas do ICIO pasarían de 19.914,30€ a 15.983,49€» (p. 58), ou sexa que falamos sobre 3-5000€ por ano para todo o Concello de Chantada. Isto é vender fumo ou, como dia sabedoría popular, quedar ben sen gastar un peso.

4º) En canto o casco urbano e o polígono industrial (naves industrias xa que logo na práctica) contan con bonificacións do ICIO do 95% (na práctica máis de 40.000€ en 2016) as granxas e establos pagan rigorosamente un imposto que se lles rebaixa agora dun xeito totalmente marxinal. Ao noso entender isto segue discriminando un sector estratéxico e, lembramos, Inta votou contra a nosa proposta de aplicación de 90% de bonificación no IBI para as actividades agrarias. Un duplo raseiro ao que se lle debe pór fin. O rural precisa nestes momentos todo o noso apoio e non cada vez maiores atrancos, máxime cando a inxección de fondos europeos vai pasar á historia.

5º) Non ten sentido seguir mesturando allos con cebolas. As granxas, as naves industriais e os panteóns deben xebrarse en diversos módulos e tampouco as instalacións recreativas, os alpenderes, pendellos, ou panteóns poden homologarse nunha mesma realidade. Non é serio.

Así o recoñece o informe do 26/06/2017, feito a petición da intervención municipal. No mesmo, indícase por parte do técnico municipal que os valores por m2 para unha nave dunha explotación gandeira, un almacén ou un alpendre son substancialmente diferentes (p. 74), mais na proposta de acordo seguen mesturándose panteóns con naves industriais e granxas; e alpendres con instalacións deportivas.

De por parte, o máis importante, unha reforma da ordenanza do ICIO o que require é revisar todos os módulos atendendo á situación actual socioeconómica e, con especial atención, a sectores económicos estratéxicos. Por outras palabras, non hai que atender só ao valor de cambio, senón tamén ao valor de uso. Hai módulos para operacións sinxelas e “improdutivas” que non se poden gravar de xeito análogo a actividades “produtivas”, máxime cando falamos de impostos ao capital. A consecuencia é que a mairía das operacións que poderían gravarse mediante este imposto escapan ao fisco local porque, na práctica, son un sensentido. Lexislamos sabendo que non se pode cumprir o que aprobamos, como quen fai trampas ao solitario. Perderon desde decembro unha oportunidade de ouro para facer as cousas ben, mais iso sería renunciar ao seu estilo: a lei do mínimo esforzo.

6º) Este asunto tróuxose por urxencia á CI, ou sexa, este xoves tivemos coñecemento do mesmo. Non se contou nen co parecer da oposición a pesar de terlle perguntado por isto reiteradamente desde os grupos da oposición. Depois queíxanse se teñen alegacións.

Comprenderán que coas razóns expostas nos pronunciemos EN CONTRA e dada a ausencia de informes que consideramos preceptivos solicitamos a votación nominal acolléndonos ao artigo 102 do ROF.

Varela di que non é preceptivo o informe de intervención porque nen afecta nen desiquilibria o orzamento. Di que un establo que pagara 6 ou 7.000€ agora pagaría 3.000€ ou menos para a continuación dicir que o Concello só perdería 6.000€ porque só hai 2-3 establos cada ano como máximo. As bonificacións foron importantísimas para remodelar Chantada e sen elas estaría o Casco histórico cheo de maleza e o polígono sen empresas. Tamén que están abertos a novas medidas se mellora a realidade económico-financeira do Concello.

O PSOE di que o casco non é o mesmo hoxe que hai uns anos e non é lóxico bonificar 95%.

Desde Inta retrúcase que non se pode negarlle a uns e darlle a outros e que non é tan necesario, mais faltan cousas por rehabilitar.

3.- MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS. DITAME DA COMISIÓN INFORMATIVA

Votación nominal: A FAVOR: 4 (CUP e PSOE)      EN CONTRA:  6 (INTA)        ABSTENCIÓNS: 2 (PP)

Votación do ponto 3º:  A FAVOR: 8 (Inta e PP) EN CONTRA: 4 (CUP e PSOE)

4.- CREACIÓN E CONSTITUCIÓN DA MESA LOCAL DE COORDINACIÓN INTERINSTITUCIONAL FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO. DITAME DA COMISIÓN INFORMATIVA

Documentos: Proposta MIC ChantadaInforme mesa beaguia_mesas_locais_coordinacion_interinstitucional_vdx e ANTECEDENTES Folleto Ministerio_MESA LOCAL VIOLENCIA GÉNERO.

A secretaria indica que o ditame da CI foi favorábel.

Aprobado por UNANIMIDADE.

DEBATE:

A secretaria xeral do PSOE local lembrou que na CI perguntou se a composición da mesa debía ser a proposta obrigatoriamente. Di que a proposta segue a Guía (vid. doc.), mais pode o grupo de goberno informar ao resto da Corporación. Agardan que abran esa mesa e se estime a periodicidade da xuntanza.

Desde o PP din que apoian.

Antón Fente, voceiro de Por Chantada-CUP, lembra que en xaneiro de 2017 apresentaron unha moción para criar esta Mesa de acordo coa Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero desenvolvida pola Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e no ronsel do proxecto CORE desenvolvido en Murcia e financiado con fondos europeos, nomeadametne Noruega achegou 97%. Desde o PP indicouse daquela que plaxiabamos unha guía aprobada pola Xunta, como se a violencia de xénero fose cousa de direitos de autor, e desde o Goberno que xa se ía implementar de xeito inminente e estamos no mes de xullo, portanto medio ano despois, e novamente o tempo transcorrido foi perdido porque se meteu a proposta por urxencia sen consencuar cos grupos. Política de feitos consumados.

Semella que hai xeracións inteiras que aínda non entenderon que a política do século XXI precisa de consensos en cuestións estratéxicas do ámbito social (por certo vaia lección nos deron os cidadáns de Chantada neste sentido co tema da pediatra, mais os partidos seguimos sendo rémora e non vangarda para a sociedade civil) e só pode haber acordos en que todos os axentes estean cómodos e contribúan lealmente se nacen do diálogo e das concesións mútuas. Mágoa que en Chantada cismemos a contío en andar con décadas de atraso en todos os planos.

O anterior, ao que respecta da Mesa, non vai tanto en relación aos partidos políticos senón a falta de tradición e diálogo coas entidades veciñais, asociacións rurais, etc. que son fundamentais para a detección precoz da violencia de xénero e a sensibilización social. As leis e a creación de comisións ou mesas sectoriais poden facerse para cumprir co expediente e que, en consecuencia, nazan mortas, ou para que sexan instrumentos eficaces e útiles. Un exemplo disto, non é só a falta de diálogo cos axentes sociais e cos grupos da oposición nalgo que nos atinxe a todas como sociedade senón que nen sequera se cumpre a Guía elaborada pola Xunta, cando di (no seu ponto 6.2) que «a persoa titular da concellaría competente na área de violencia de xénero envía unha carta á persoa responsábel de cada un dos ámbitos municipais implicados na loita contra a violencia de xénero» na cal se debe informar da iniciativa, descreber os obxectivos e funcións e solicitar unha persoa titular e un suplemente para o cal a propia Guía dispón dun modelo (anexo II) [foi o persoal do CIM o que fixo os contactos].

Indo ao máis concreto, o máis importante é que sexa un instrumento operativo pra o cal deben estar representados todos os ámbitos municipais. Na proposta ao pleno, no tocante aos integrantes, botamos en falta representantes institucionais dos concellos de Taboada e Carballedo para unha coordenación institucional comarcal; asociacións e entidades cívicas; departamento de Igualdade da Deputación de Lugo; do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar; subdelegación do goberno de Lugo. Por exemplo, se a lexislación que citei recoñece o ámbito municipal como o idóneo pola súa proximidade á cidadanía e coñecemento da situación específica da súa poboación como deixamos fóra as asociacións parroquias ou rurais de mulleres? O problema, se callar, é que seguimos lexislando a centos de quilómetros sobre realidades que descoñecemos. Igualmente hai entidades fundamentais como AMPAS ou o servizo de orientación laboral que deben ter presenza tamén: «A MLC pode ampliar a representación a outras entidades». Tamén é dunha falta de audacia preocupante que un organismo chave para calquera estratexia de sensibilización na comarca, Televinte, non conte con papel algún na proposta que hoxe se trae ao pleno.

Por último, tamén sería bo acordar que se renda contas ao Pleno das actas da Mesa. Tomara nos equivoquemos desta vez e non pase como coa Mesa do sector lácteo que foi efémera flor dun día. Esperamos que esta Mesa sexa un éxito e funcione ben doravante, aínda que comece con mal pé, van ter a nosa mao tendida e un si crítico pois hai cousas que exixen altura de miras e traballar nelas a conciencia.

5.- MOCIÓN POR CHANTADA-CUP PARA APERTURA DE EXPEDIENTE DE DEPURACIÓN DE RESPONSABILIDADES NO CONCELLO DE CHANTADA POR CONTINUADAS IRREGULARIDADES EN RELACIÓN COA FACENDA PÚBLICA, DICTAME DA COMISIÓN INFORMATIVA

A secretaria comeza indicando que o ditame da CI é favorábel e os pontos do acordo da proposta. Desde Por Chantada lémbranlle que o ditame da CI é desfavorábel polos votos de Inta (5) fronte ao único voto favorábel da CUp (1) e a reserva de voto do PSOE e do PP para o pleno (3).

MOCIÓN POR CHANTADA DEPURACIÓN RESPONSABILIDADES

A favor: CUP (1) En contra: INTA (6) Abstención: PSOE e PP (5)

DEBATE:

O voceiro da CUP sintetiza a exposición de motivos da moción.

Desde o PSOE din que se trata dun compendio de temas aos que tamén se opoñen con rotundidade: o expediente de camiños, o abuso do contrato menor… non se poden levantar con tanta alegría os reparos, ter continuamente contenciosos, etc. Hai cousas sorprendentes nos reparos que veñen a este pleno. Non subscribe que sexa deliberado e que haxa indicios delitivos, iso debe ditaminarse noutras instancias. Si se debe seguir as recomendacións da intervención. Tamén din que non ten sentido pedir novos informes cando xa os existentes se incumpren. Actuarán xa noutro plano e non van arranxar nada as mocións de Por Chantada polo que se van abster.

O PP di que se van abstar e que comparten o sentir do PSOE. Exixen rigor e control no gasto.

Inta di que algún erro pode haber, mais que a transparencia é absolutae calquera cidadán pode revisar o que queira. A alcaldía pode levantar reparos e o pleno. Cada un ten a súa maneira de traballar e non van deixar de pagar as nóminas. Tiveron que asumir “herdanzas” do bipartito como os contratos de 2011 e 2012 e actar setenzas.  A RTP solucinará todos os problemas e faranse exames totalmente libres. Desde o PSOE din que tamén eles tiveron que admitir traballadores da etapa de Varela no PP e con informe a favor. O alcalde di que agora non hai ese informe porque esta interventora funciona doutra maneira (sic.) e non había a espada de Dámocles de Montoro sobre os funcionarios. Os concellos son a nena pobre, cando realmente asumen competencias improprias. A voceira do PSOE di que comaparte esas críticas. O alcalde di que entre as perguntas por escrito da CUP, que non contestou porque non tivo tempo, viu unha que falaba sobre os servizos sociais e o novo convenio coa Xunta: queren cobrarlle aos concellos atrasos e as porcentaxes da época do bipartito que o PP tampouco mudou, 30% da participación. Tamén critica que non se modificase a APLU que lles causa problemas a eito. Nega que se abuse do contrato menor “que contratos menores”, di, “un muro de 3-4000€ con tres ofertas? A brocha da Buxarda?

Desde a CUP retrúcaselle que a brocha debe ser moi gorda cando 90% dos contratos do concello son menores, moitos sen nen sequera repeitar o formalismo das tres ofertas. Insístese na licitación e nos pregos como fan outras adminsitracións para cumprir coa LCSP.

Varela dille ao voceiro da CUP que lle mire máis para a cara e que se ten queixas que hai outros estamentos. Di que hai que ter moi “mala leche” para criticar así a súa xestión e que el mira á cara.

Desde a CUP dinlle se o que desexa é que en vez de resolver polo administrativo estas cuestións o que intenta o alcalde é xudicializar a política local co conseguinte prexuízo tamén para as contas do concello, como se xa non lle chegase co que lle causa el.

6.- MOCIÓN DE POR CHANTADA-CUP PARA IMPULSAR UN PLANO COMARCAL DE COMPOSTAXE DE RESIDUOS

Moción en pdf: Moción compostaxe pleno xullo

O ditame da CI é favorábel. Discuten o alcalde e a secretaria en castelán sobre se se debe ou non ler o acordo (a secretaria baseándose no ROF di que si e o alcalde di que non).

A favor: CUP e PSOE (4) En contra: Inta (6) Abstencións: PP (2)

DEBATE:

O voceiro da CUP sintetiza a exposición de motivos da moción e aclara as novidades a repeito da moción apresentada en maio de 2017, cando Inta impediu o debate destas mocións ao convocar o pleno irregularmente sen se celebraren as preceptivas CCII.

O alcalde di que o citaron ás 10:45 para achegar pros e contras para a recollida e botou 45 minutos. Estivo en dúas reunións.

O PSOE di que lles gosta a moción porque toca unha das maiores problemáticas de Chantada. Informouse a raíz da moción e semella prometedora e todo un reto para a sociedade. Aínda así o grupo socialista emenda a moción da CUP propondo unicamente unha orde distinta, ao entender dos socialistas máis lóxica, por exemplo porque non ten sentido remunipalizar sen saber antes outras cousas [contodo a orde dos acordos nas mocións non indica xerarquía na súa aplicación]: o ponto 1º para o terceiro, o 2º para o cuarto, o 3º para o primeiro, o 4º para o séptimo, o 5º para o 6º e o 6º para o segundo.

A CUP di que aceita todas as propostas dos socialistas para conseguir o apoio á moción e solicita o proprio aos restantes grupos.

O PP di que acredita en SOGAMA e que o bipartito tampouco mudou ese modelo, o problema é que os cidadáns non usan ben os contedores, que hai que concienciar aos cidadáns mediante un bando da alcaldía.

Inta, por medio de Castor, di que lles gostaba a moción inicialmente e que hai 3 anos fixeron unha campaña de compostaxe e fíxose coa Xunta e falouse de como reciclar. Refugallos do contedor verde non poden ir ao composteiro. Non gosta dos dados económicos da moción. Os 3.000€ de ESCOR son materiais non reciclábeis que non poden ir a un composteiro. Chantada non debería pagar tanto, mais hai empresas que nen usan empresas propias de residuos e usan ao proprietario para eludir a reciclaxe no tratamento do lixo. Engade que reciblar ben é esencial para facer compostaxe. En Chantada recíclase mal, así que é imposíbel. A empresa non vai recoller improprios e a policía local todos os días anda dando toques de atención sobre esta cuestión, problemas do lixo. Igualmente engade que en Chantada coñecen os dados non como di a Deputación de Lugo. Di que en Ecoembes Chantada poupou 19.351€ en 2014, 19.359€ en 2015 e 20.195€ en 2016 polo que cada ano defende que se aforra máis [totalmente marxinal o “aforro”, por exemplo 8 euros entre 2014 e 2015]. No tocante a Ecovidro di que a media son 15,3 quilos por habitante fronte aos 15,2 da Galiza ou os 14,3 de Lugo [obviando as dimensións de Chantada fronte aos concellos de menos de 5.000 habitantes que baixan a media]. En 2015 recolléronse 107,6 toneladas de vidro e en 2016 128,70 toneladas polos contedores da feira do viño (17,19%). No ponto limpo 4,52 toneladas a custe 0, o cartón tamén a custe 0 totalizando 47.178 toneladas. Todo isto quítaselle o contedor verde que é o que se lle paga a SOGAMA. A compostaxe é boa para abonar fincas. No rural fíxose sempre. Van repartir composteiros no rubano novamente e facer unha campaña. A moción parecía atractiva, mais a a curto prazo non pode ser e mistúranse moitos dados. Inta xa está traballando. Non é o momento polo que votarán en contra.

A CUP di que, en todo caso, agradece os dados fornecidos polo concelleiro de Medio ambiente e lamenta a falta dun maior compromiso para sacar avante este acordo.

O voceiro do PP di que ten un colchón na casa que como fai. Castor (Inta) di que chame ao concello, que pasan unha vez ao mes, ou que o leve ao ponto limpo. Varela di que non está satisfeito e que hai que concienciar a poboación. Castor deu unha palestra no Eloísa Ribadulla para implicar aos nenos desde a base e educar. Castor fala dos improprios que se disparan en febreiro polos restos de poda e céspede (celulosa), entre 16 e 26%, tamén polos cueiros da residencia da 3ª idade.

O PSOE di que comparten o valor da cocienciación, mais que facilidades se dan no rural para reciclar?

Varela di que en Limiñón hai conteor de vidro e que a voceira do PSOE vén a Chantada todos os días. Non se pode ter contedor en todos os sitios. Castor di que Ecoembes vai pór máis baldes do lixo. Hai moitos e poden dicir onde están.

O voceiro da CUP indica algúns pontos onde os baldes do lixo están nun pésimo estado, mesmo caindo e ocupando a estrada. Castor contesta que van comprar novos contedores para repor agora non hai para repor.

 

7.- MOCIÓN DE POR CHANTADA-CUP PARA IMPULSAR UN ESTUDO SOBRE A INCIDENCIA DO CANCRO NO CONCELLO DE CHANTADA E A ADOPCIÓN DE MEDIDAS PREVENTIVAS FRONTE ESTA DOENZA. DITAME DA COMISIÓN INFORMATIVA

Doc. (pdf): MOCIÓN DE POR CHANTADA ESTUDIO INCIDENCIA DO CANCRO

O ditame da CI é favorábel co voto da CUP e a reserva de voto dos restantes grupos.

A favor: CUP, PSOE e PP (6)  En contra:  Inta (6, voto de calidade do alcalde desfai o empate) 

DEBATE:

Desde a CUP extráctase a exposición de motivos.

O PSOE di que a saúde pública é un tema moi importante e delicado. Un tema de tanto calado debe tratarse dun xeito diferente e non á lixeira como fai Por Chantada, que inqueda e fomenta o alarmismo social sobre o tema. Raquel di que é lamentábel que se cide a unha asociación sen falar con ela nen coñecer o ponto de vista dos familiares sobre o tema. Raquel engade que estas cuestións deben traerse ao pleno adxuntando informes médicos e non transmitir alarmismo e tratar o tema como o fai Por Chantada. Non van votar en contra, mais pide no sucesivo a maior das delicadezas. Tamén propoñen alterar o acordo: retirar o ponto 2º e 3º e modificar o 7º para que sexa “Apoiar ás entidades cívicas locais relacionadas coa saúde”.

O PP dá a entender que xa coñecía a emenda que ía formular o PSOE, aínda que se fixo in voce, e di que a apoia porque é positiva.

Inta d ique gostan dalgúns pontos como as analíticas da auga. Houbo medida da Xunta para o cancro de colon, xa se fan cousas, estar tranquilos e non vir con mocións que poñen medo e alarman aos cidadáns de Chantada e non o merecen. Amais, son competencias improprias do Concello.

Jesusa do PSOE di que gau 8 anos fíxose mediación e que no mapa de La Voz Chantada non está na pior zona de radon polo que non hai unha maior incidencia. Sinala as wifis e a alimentación. A asociación que preside (Chantada contra o cancro) non alarma como fai Por Chantada. Cómpre mudar hábitos de vida.

O alcalde di que dá medo ver equipas médicas que din que 51% dos homes e 33’3% das mulleres van padcer cancro. Jesusa di que é polo aumento da esperanza de vida.

Desde a CUP din que se aceitan as emendas para que saia avante a moción, partillando até emendas como as do ponto 7º que melloran o orixinal. No entanto, cuestionamos que as mocións sexan lidas por tantos cidadáns como para criar esa “alarma” da que se fala, por non dicir que o que se di na moción é verídico e fundamentado.

O alcalde di que se non se len as mocións nin chegan á xente entón para que se traen ao pleno.

Antón Fente respóndelle que as mocións tráense ao pleno para sacar adiante medidas que, na prática, melloren as condicións de vida dos veciños, que ese é o seu sentido, e que o que siga cismando en que as mocións son lidas polos cidadáns e non por unha minoría (5-30 persoas?) é un cínico.

8.- MOCIÓN DE POR CHANTADA-CUP PARA APROBACIÓN DUN PROTOCOLO DE ACTUACIÓN DO CONCELLO DE CHANTADA PERANTE A APLICACIÓN DE FITOSANITARIOS NO SEU TERMO MUNICIPAL. DITAME DA COMISIÓN INFORMATIVA

A secretaria di que o ditame da CI é favorábel e conforme ao artigo 93 do ROF debe ler os acordos integramente. Fente dille que non é preciso ler o anexo (o protocolo proposto) xa que o pode extractar-sintetizar el.

MOCIÓN DE POR CHANTADA APLICACIÓN FITOSANITARIOS

A favor: CUP e PSOE (4)  En contra: Inta e PP (8)

DEBATE:

O voceiro da CUP expón os motivos da moción relacióndoos coa moción do cancro, debatida anteriormente, e apresenta brevemete o protocolo. Faise tamén referencia a unha nova de La Voz de Galicia do 4 de xullo de 2017 (“Os solos galegos teñen restos de 78 substancias tóxicas prohibidas fai anos”).

A voceira do PSOE formula ao voceiro da CUP varias cuestións sobre as que teñen dúbidas. Após as aclaracións mostran a súa conformidade. Unha é sobre pór a marca comercial empregada nas sinalizacións e aclárase que é porque os principios activos acompáñanse de compostos diversos duns produtos a outros que poden xerar alerxias e potenciar efeitos perxudiciais.

O PP di que xa están as leis e as ordenanzas [non hai ordenanza!] que se apliquen e pronto, non fai falta este protocolo.

En INTA, Castor, din que están totalmente en contra dos herbicidas e que desde a moción de Por Chantada, aprobada por unanimidade en 2015, non se usa glifosato e así se lle dixo á empresa que usa herbicida selectivo (sic.). Contodo, non aproban este protocolo porque se cumpre a normativa e dáselle máis traballo aos servizos técnicos municipais. Calquera veciño pode pasar polo concello e ver os produtos que se usan, non fai falta polos, e se alguén ten alerxias que vaia ao concello (sic.). O do abono o ano pasado é certo, mais é inocuo (sic.). Non apoian os glifosatos e a UE vainos prohibir [en rigor existe unha moratoria de 3 anos! E xa veremos se non se prorroga]. Parques e xardíns están xa traballando ben. É certo que houbo pulgas no parque que tratou a empresa de desratización enviando a un traballador que aplicaba o produto sen protección de ningún tipo polo que se paralizou a aplicación en canto o souberon e após pedirlle a ficha do produto. Inta defende tamén que todos os fitosanitarios que emprega o Concello de Chantada son inocuos polo que o cartaz se deixa estar un día e quen queira saber a ficha do produto que vaia ao Concello. En contra.

9.- MOCIÓN DE POR CHANTADA-CUP, REFERIDA Á RENDA DE INCLUSIÓN SOCIAL DE GALIZA (RISGA). DITAME DA COMISIÓN INFORMATIVA

moción risga

A favor: CUP e PSOE (4) En contra: Inta (6) Abstención: PP (2)

DEBATE:

A secretaria aclara que na CI o ditame foi favorábel tanto á moción tanto a súa inclusión por urxencia na comisión preceptiva celebrada antes do pleno.

Desde o grupo socialista din que a súa posición é favorábel á moción. Lembran que demandaron unha ordenanza para o reparto de alimentos que segue sen existir e que partillan a demanda da CUP de máis orzamento para políticas sociais. No ponto primeiro din que non teñen esperanza algunha na Xunta do PP.

Pola súa banda, o PP di que o primeiro ponto non é competencia do Concello e no segundo oferécese a colaborar na mesa de traballo onde estean entidades sociais e partidos políticos.

O alcalde desde Inta di que a Risga é moi áxil na tramitación. Que se perciben 403€. Non se debe dar nomes e apelidos di para logo demandar da CUP que diga casos concretos que non se cumpran. Continá dicindo que en Chantada 35 persoas cobran a Risga e que solicitaron a axuda de 75% para contratatar a persoas nesta situación. Engade que para dar contías maiores desde o Concello para todo o mundo de onde sai o diñeiro. Aínda así recoñecen a disposición de aumentar partida se fai falla e que prefiren facer unha modificación orzamentar a meter demasiado. Varela di que quen merece a Risga a recibe ipso facto o que non pode é baixar impostos e manter axudas.

Fente dille que impostos baixou o Concello cando os leva subindo dúas lexislaturas. Varela di que era un falar. Fente continúa lembrándolle gastos suntouosos ou incumprimentos do plano de axuste que permitirían ter máis fondos. Fala tamén de que hai que priorizar e xerarquizar o gasto e aquilo que é máis importante e que non hai sociedades xustas e con futuro se se permite a miseria, a extrema desigualdade e a necesidade polas políticas obtusas.

 

10.- MOCIÓN PSG-PSOE PARA INSTAR Á XUNTA DE GALICIA Á MELLORA E INCREMENTO ECONÓMICO DOS PLANS DE MELLORA DE CAMIÑOS MUNICIPAIS. DITAME DA COMISIÓN INFORMATIVA

Moción para instar á Xunta de Galiza á mellora e incremento económico dos plans de mellora de camiños municipais.

Votación da moción coa emenda da CUP: Unanimidade (Inta 6; PSOE 3; PP 2; CUP 1)

DEBATE:

A secretaria indica que o ditame da CI foi favorábel cos apoios da CUP e do PSOE e a reserva de voto para o pleno de Inta e PP. Tamén indica que a CUP inseriu un voto particular na comisión para engadir máis un ponto (3º) do seguinte teor: “Instar á Xunta a aumentar a partida de fondos destinada ás actuacións do Plano Marco do bienio 2017/2018 a 40 millóns de euros, cifra semellante á do anterior plano 2016”.

Desde o PSOE na intervención explicativa queíxanse de que non se lle remitiu o voto particular da CI. Di que os dados da moción están ben, considerándoos anualmente.

O PP excusa á Xunta dicindo que agora só hai fondos propios. Di que pasar de 17,5 a 15 millóns foi un grande esforzo para a Xunta e que agora Feader non investe. Porén di que para o próximo ano, se se mantén o PDR podería vir mais. Di que os criterios se consesuaron coa FEGAMP, que o reparto dos cartos foi exemplar e que o PP cumpre con Chantada. Defende que sexa bianual e non anual para evitar probleamas nas xustificacións das subvencións.

A CUP di que xa apoiou a moción da comisión, independentemente de que se aceite ou non a súa emenda, e chama aos outros grupos a apoiar. Di que hai que deixar os circunloquiosde mesturar os fondos europeos coa cantidade abeirada pola Xunta e fronte aos 16 millóns de euros de 2016 o que temos agora son 7.999.343,50€, ou sexa menos da metade que o ano pasado. Fente lémbralles tamén que a execución real diferiu, en número de quilómetros arranxados, en 38% xa nen falemos do que vai acontecer este ano. Engade que, se ben Chantada non é dos concellos máis afectados -pola súa extensión e envellecemento- esta batalla é importante porque os Concellos teñen cada vez menos recursos para facer fronte ao mantemento das súas infraestruturas e en concellos coma o noso o rural carece aínda no século XXI de servizos públicos básicos. O ponto que inclúen procura incedir en que se dote o plano para o orzamento próximo evitando o recurso retórico á imposibilidade de facer a modificación de crédito no orzamento vixente da Xunta que poderían dar ao acordo tal e como se formula no orixinal. Os 40 millóns que se solicitan sería, por tanto, manter a contía de 2016 para 2017 e 2018 incrementando lixeiramente dados os minguantes recursos e transferencias dos concellos do interior devastados polo despoboamento e o envellecemento.

Inta, por medio do alcalde, móstrase satisfeito coa contía e que AGADER vai tentar en 2017-2019 aumentar a contía. DE todos os xeitos apoia a moción e tomara haxa sorte.

O PSOE aclara que aceita e emenda da CUP.

11.- MOCIÓNS E ASUNTOS DE URXENCIA

11.- MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL INTA SOBRE O SERVIZO DE PEDIATRÍA NO CENTRO DE SAÚDE DE CHANTADA

A moción, na comisión falarase de facer unha declaración institucional cando a CUP perguntou sobre que ía facer o Goberno sobre esta cuestión, entregouse xusto neste momento en papel, sen ter consensuado portanto nada co resto dos grupos. Leuna integramente Pamela (Inta) dicindo que era simple para conseguir ter o apoio de todos.

Votación da urxencia: unanimidade.

Votación da moción: unanimidade.

O PSOE di se hai novidades ao respeito.

Dsde Inta dise que se reuniron coa Xerencia [máis concretamente reuníronse co vicexerente, nen co conselleiro nen co xerente cuestión que non aclararon] e que esta defende que o servizo non se suprime e que non hai pediatras. Din que conseguiron que en xullo haxa dous días pediatra e en agosto tres días. Tamén que no día do pleno os representantes dos pais ían reunirse co xerente. O alcalde engade ao exposto anteriormente por Pamela que o problema é que non hai pediatras e falta previsión nos MIR. Que llo dirá ao conselleiro na reunión que van ter con el os alcaldes de Chantada e Carballedo para que saiba da problemática (sic.). Di que na reunión coa xerencia lle dixeron que se saben dun pediatra que se contatra…

A voceira do PSOE di que conto é ese e que a xestión sobre o tema vén de atrás.

O alcalde comparte que é unha mala xestión e debían ir a Chantada a explicar o que ocorreu, que o recoñeceron.

O PSOE di que apoia.

O PP di que até hoxe había médico puericultor e en xullo e agosto servizo que vén de Monforte e logo van tentar de cobrir o servizo se a titular non se reincorpora, que podería facelo polo que deixar de facer cábalas. Di que non se pode cair en alimentar unha plataforma por algúns grupos e infiltrada por elementos que buscan o que buscan.

Varela contesta que a el a rendibilidade política non lle preocupa.

Javier Medela (PP) retruca que a información que deu Pamela a pode dar el con catro chamadas.

Pamela (Inta) di que a mobilización é axeitada e o alcalde engade que non se fixo previsión desde a Xunta e que non se cobren nen as xubilizacións o problema vai a máis e o MIR como mínimo tardará 5 anos.

Desde a CUP lémbrase que trouxeron varias mocións relacionadas coa pediatría e coa defensa do centro de saúde de Chatnada, unha en maio de 2016 feita desde a CUP en parcería con persoal do proprio PAC incluía facer unha declaración institucional e Inta negouse. Nunca é tarde se a dita é boa, aída que sexa por oportunismo.

Pamela di que aquela moción era diferente a esta.

Fente di que outra moción, xa en setembro de 2015, para defender o servizo de pediatría en Monforte, que xa arrastra importantes eivas como para agora derivarlle Chantada en canto se nos priva do servizo. Saiu por unanimidade, mais pouco se fixo. Logo máis mocións sobre o PAC e votaron en contra. Quitouse a ambulancia, o fisioterapeuta e agora o pediatra. Que virá logo? A moción non inclúe nengunha medida específica. Non se falou cos grupos sempre tarde, mal e arrastro e apreséntase como moción partidaria e non como declaración institucional de toda a Corporación. Aínda sí, por altura de miras, van apoiar aínda que non teña percorrido se non se adoptan compromisos concretos.

A continuación o alcalde abre un debate, ao noso entender entre berlanesco e absurdo, sobre facer declaración institucional de agradecemento ao conselleiro de educación pola sección da EOI aberta en Chantada. O PSOE négase e di que o seu deputado Docasar e o seu partido o solicitou durante moitos anos. O PP que apoia a declaración. A CUP di que é un direito e son cartos públicos non un “favor” persoal para agradecer, que faga Inta o que queira mais non no noso nome. Todos os grupos si acordan felicitar ao directo do IES Lama das Quendas polas xestións. Varela di tamén que Castor tivo que ver.

PARTE DE CONTROL DA XESTIÓN

12.- DACIÓN DE CONTA DE RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA

13.- REPAROS DE INTERVENCIÓN

14.-ROGOS E PERGUNTAS

14.1.- Rogos e perguntas PSOE

14.1.1- Reparos. A contratación do socorrista non se axustou a direito e asinálase por parte da interventora a gravidade da situación tirándose dunha bolsa que a intervención descoñece. Non hai informe no Concello. Castor escúdase en que a primeira vez hai informe da directora da piscina, esgotouse a bolsa de febreiro de 2016. De monitor-socorrista non había bolsa [isto é mentira], só de socorrista e a directora di que só fai falla socorrista. A piscina non se pode fechar. Esta motivada a urxencia e hai bolsa de socorrista, este ano como non hai bolsa dísenos que non. O alcalde di que con Palas rifaron o socorrista, porque non hai. Castor engade que fan falta 4 socorristas senón faltan horas e hai que fechar. O PSOE di que a interventora di que non se xustificou. Varela di que a interventora é unha persoa e que se pode equivocar (sic.).Raquel engade que os reparos lle causan pánico, por exemplo que nunhas probas se pasen ao segundo exame sen ter aprobado o primeiro. Varela di que el non está en ningún tribunal senón que collería a outra xente.Raquel di que le o que di o informe.Varela retruca que pobre tribunal, que ninguén vai querer estar nun. Raquel exixe explicación disto por escrito. Varela di que vai falar coa interventora e que llo explique.

14.1.2.- O PSOE pergunta logo polo tesoureiro (agora a lei solicita que sexa funcionario con habilitación estatal). Varela di que ue o van solucionar, aínda que até entón seguirán vindo os reparos. En Compostela din que se pode seguir así sen problema até que saia a praza en 2018. Até pode asinar por en canto executiva outra cousa é que queira. Javier Medela (PP) di que está delegada na Deputación de Lugo. Varela di que hai cousas que se asinan aínda aquí. Raquel di que hai reparos da intervención incomprensíbeis. Varela di que se le os reparos non fai outra cousa e que hai que ter sorte coas compañías ás veces [bochornoso que un alcalde recoñeza que nen le os reparos].

14.1.3.-Pergunta sobre o Decreto 487. Varela di que é sobre a poupanza enerxética da piscina.

14.1.4.- O PSOE parabeniza a Inta pola limpeza de solares. Varela di que aínda fican algúns por limpar. O PSOE parabenízao tamén polo tema do circo aínda que lamentan que se puxera a publicidade sen ter os permisos. Varela deféndese dicindo que a colocaron sen permiso, que hai xente de toda índole e que sen ter os permisos tentou celebrar igual póndose nun terreo privado. Ora, sente mágoa polos rapaces do circo, de que van comer? En Portugal acabáronse os circos con animais, mas permiten que os que hai sigan actuando até morreren e aquí faise dunha tacada e non se sabe que facer cos animais. Melllor como fan en Portugal. Raquel di que non é problema local a xestión dos animais, que é cousa da Xunta e que se o circo non tiña os permisos non hai máis que dicir. Varela di que non tiña permiso autonómico nen do Concello.

14.1.5.- Subida a Chantada. Pergunta sobre o motivo da nova ubicación dos vehículos. Varela di que nunha reunión entre a policía local, representantes da subida, protección civil… dixeron que só tiñan seis persoas da organización e que tráfico só daba a saída. O Concello estaba disposto a pór o persoal das obras, mais cumpría buscar alternativas para non colapsar Chantada e que a xente veña comer aquí e non vaia comer fóra, o que se vai conseguir coa nova ubicación. Din que decidiu a Escudaría. Castor di que tiveron dúas reunións de seguridade.

14.1.6.- Rogo para reubicar o pulpeiro nos días de feira que está fronte a Ascensión e dificulta aparcar. Varela di que hai risco até de atropelo. Raquel di que se estude unha alternativa mellor, por exemplo oco en Xoán XXIII.

14.1.7.- Rogo camiño de Liñares para que se arranxe. Varela di que é unha teima sen sentido o dese camiño que saiu en Televinte, aínda que tentarán arranxalo coa equipa do Depuemprego (entre xullo e 31 de outubro). Di que tomara estivesen todos os camiños do Concello coma ese… e que só pasa un viciño por el.

14.1.8.- Pergunta sobre a biblioteca. Di que fai moito calor na sala de estudo da Casa da Cultura e que hai queixas como xa se dixo nunha moción [Moción da CUP sobre a biblioteca que non saíu aprobada]. Varela di que teñen algo pensado para no inverno que non fagan frío (pór unha estufa de penso calórico), mais pergunta retoricamente para onde levan a biblioteca. Patrimonio non deixa mudar o teito. Porta de vidro na sala infantil. Raquel di que hai queixas cos horarios. Varela di que os traballadores fan 37’5 horas como máximo, iso limita o que se pode facer. Di que había propostas para pór a biblioteca no edificio onde está a policía local [proposta da CUP], mais que tamén hai para facer un albergue para o Camiño de Santiago.

14.1.9.- Pergunta sobre a limpeza do Camiño de inverno. Varela di que é o máis limpo de todos os concellos, teñen que copiar os outros concelllos e vai actuar a brigada de incendios niso.

14.1.10.- Escolas Deportivas. Non se inscribiron os rapaces nos xogos do Eixo Atlántico con 2.000 participantes e si están Monforte de Lemos, Sarria e Lugo. Varela di que os monitores están de ferias e non se lle dixo nada tampouco, onde non convidan será que non queren a un.

14.1.11.- Vertidos. Pergunta sobre a balsa da que falou o alcalde en Televinte.  Este di que é para decantar e con 1.500 m3 de capacidade para evitar vertidos e botar as pluviais directamente ao río sen pasaren pola depuradora evitando así que colapse. Perguntan tamén sobre a recadación de Augas de Galiza e Varela di que en breve saberán a soma. Que o decandatora andará sobre os 500.000€ e até 2020 non estaría feito segundo Viaqua.

 

14.2.- Rogos e perguntas PP

14.2.1.- Dánse por informados dos reparos da intervención. Varela di que van tamén ao Consello de COntas que non entende tanto ruído con este asunto. Campelo di que está tranquilo a non ser que se demostre que hai prevaricación.

14.2.2.- O PP lamenta que o CB Chantada non tivese unha recepción oficial pola vitoria na liga EBA e darlle máis visibilidade así para sponzorizarse.

14.2.3.- Rogo para o Concello investigue o termo chantadés. Que se faga un estudo sobre o xentilicio para tomar medidas e que o PP non quere o uso de chantadés.

14.2.4.- Parabeniza polos solares a Inta. Pergunta polo muro do CEIP Xoán de Requeixo e Castor di que lle comunicaron que o farán en agosto.

14.2.5.- Parabeniza a Inta pola colocación dun banco xunto á residencia da terceira idade e di que era unha vella demanda do PP.

14.2.6.- Pergunta sobre os expedientes da APLU, cantos son e como están. Varela di que é complicado, que serán 7-8 moi lonxe das ducias que teñen concellos como Vilalba.

 

14.3.- ROGOS E PERGUNTAS POR ESCRITO CUP

A pesar de enviarse na sexta-feira non se contestaron. Fente non fixo causa e pediu que se contestasen nos seguintes quince días ao pleno, aínda que conforme ao ROF podería demandar que se contestasen na propria sesión plenaria. A pesar disto nas perguntas orais ao chegar á oitava o alcalde demandounos acabar a pesar de levar menos perguntas que os restantes grupos e ter a deferencia de darlles prazo para as perguntas por escrito.

Rogos e perguntas Por Chantada-CUP pleno xullo 2017 (por escrito)

14.4.- ROGOS E PERGUNTAS ORAIS CUP

14.4.1.- Pista entre Rio e Arcilleiros

a.- Quen fixo o traballo de pala da obra entre os lugares de Río e Arcileiros na parroquia de Arcos consistentes en sacar a maleza dun camiño de paso? Após titubeos e indicisións din que a comezou o Gayoso.  Fente reitera a pergutna de se foi unha actuación pública e do concello ou privada. Varela di que do Concello.

b.- Porque non figura a factura aprobada nin por decreto da alcaldía nin pola XGL? Din que a factura está á espera da aprobación dos orzamentos.

14.4.2.- Contratación SAF para prestación do servizo cando non existe persoal na bolsa de traballo

a.- Porque non se abre a bolsa de traballo este ano e se contrata a unha empresa por 8.000€? A resposta de Cándida Carnero (Inta) é que foi con carácter urxente polas vacacións.

b.- Entón porque cando se contratou a AFA Chantada en decembro de 2016 non se aprobaron condicións de contratación senón que se fixo a dedo? Danse de conta que acaban caendo nas súas proprias trapalladas? Cándida di que en decembro era urxente e Varela que non hai xente coa titulación suficiente e responsabiliza á CUP por apresentar un recurso de reposición ás bases que paralizou o proceso. Fente di que se lle esquece un pequeno detalle: as bases incumprían a lei.

14.4.3.- Plano de transportes
O PP demandou unha maior implicación de Concellos e Deputacións na reordenación do mapa de transporte de viaxeiros lanzado pola Consellaría de Infraestruturas, no colmo do cinismo pois a situación actual deriva dun fallo xudicial polos seus incumprimentos. No pleno de marzo, mediante pergunta do noso grupo, soubemos que o Concello de Chantada nen prevé abeirar fondos para garantir o direito ao transporte público do rural nen sequera respondeu os inquéritos da Consellaría.
a.- Apresentaron polo menos algunha alegación na fase de exposición pública como si fixemos desde Por Chantada-CUP? Desde Inta din que non.
5.2.- Entón como pensan despois presionar á Xunta para termos uns servizos públicos minimamente dignos? Varela dá como lacólica resposta  que xa hai moitas queixas das empresas.

14.3.4.- Pergunta sobre obradoiro de emprego

q.- En que estado se encontra de tramitación o expediente? Varela di que asinou o mesmo día do pleno o último pago do anterior obradoiro entre 130 e 140.000€.

b.- No ano electoral de 2015 houbo que facer un PEF por excederse en 636.709,81€ na regra do gasto.

Segundo o documento que entón se trouxo ao pleno (marzo de 2016) e que logo soubemos que non é válido sen que o Goberno emende o erro a pesar de ser avisado desde a Xunta, Intervención e desde Por Chantada-CUP; unha das causas foi a Resolución nº12 de 02/01/2015 polo que se aprobou o expediente de moficación de créditos 01/2015 por incorporación de remanentes de crédito por importe 143.711,60€, 55.592,99€ foron para o obradoiro de emprego “Serra do Faro I”.

Novamente, en 2017, o obradoiro de emprego “Serra do Faro II” suscitou a problemática ao ficaren 68.528,11€ en facturas sen pagar en concepto de material. Desta volta, contornouse o problema recorrendo á Deputación de Lugo, que por acordo en sesión extraordinaria de 16/06/2017, autorizou o uso dos derradeiros remantes do Plano do canon no Concello de Chantada, contra o que o alcalde de Chantada voutou no seu momento cómpre lembralo, para pagar estas facturas. No entanto, hai que censurar que se faga após o gasto e que no acordo se fale como dunha actuación futura, amparando portanto un procedemento irregular.

Por último, neste 2017-2018 vaise tramitar e executar un novo obradoiro de emprego e, outra volta, non hai disposición de fondos para facer fronte ao material. Daquela, a pergunta obrigada é a seguinte, que xa formulamos no seu momento sen termos resposta: como contempla o Goberno de Inta pagar as facturas do obradoiro se nen está orzamentado e cando xa ten xerado isto tantos problemas no pasado? Varela di que terán que facer unha modificación orzamentar ou metelo no orzamento de 2018 que o remanente é abundante que non hai problemas económicos e que a súa xestión é moi boa.

14.3.5.- La Alegre Pandilla

O 13 de maio de 2017 no auditorio municipal desenvolveuse o espectáculo La Alegre Pandilla. A base quinta “Criterios de utilización” do auditorio municipal di que fican excluídas autorizacións de uso para actividades con ánimo de lucro ou actividades comerciais. No entanto, cobrábase 10€ na billeteira e 8 a entrada antecipada.

a.- Poden explicar isto poir era un circo privado encuberto con ánimo de lucro que vendía dentro fotos, paus de luces… hai pais que acreditan que o Concello debería asegurarse ben de que espectáculos promove no auditorio. Desde Inta din que ao non estar Manuel Diéguez presente non poden contestar.

b.- Vaise entón a partir de agora ceder o auditorio a concertos que cobren entrada ou calquera actividade? Lembramos que xa se cedeu a empresas para actividades formativas e lucrativas e agora isto. Para isto aprobamos e elaboramos un regulamento?

14.3.6.- Bairro da Ponte 
No mes de xaneiro, a través do grupo parlamentar de En Marea, trasladamos a demanda á Xunta para que se orzamentase unha ponte que solucionase os problemas do bairro en canto Inta solicitaba xuntarse coa Deputación para promover unha pseudosolución, un parche nefasto de 40.000€, que só faría agravar os problemas e que conseguiu unha inédita unanimidade veciñal que se opuxo a esta solución tallantemente e da cal non se rendeu contas en nengún momento ao Pleno da Corporación.
Paralizadas as obras, após as mobilizacións e presións da cidadanía perante a nefasta proposta lanzada polo alcalde, e prometidos estudos por parte da Deputación sen maiores concrecións de cando e quen vai construír a ponte…

a) en que estado se encontra e que xestións fixo desde a xuntanza con Manuel Martínez do 24/05/2017 o Concello de Chantada? Está como estaba. Fente di se non se fixo nada entón. Varela di que os topógrafos xa viñeron para facer o estudo.
b) Van deixar esta oportunidade sen facer nada, como tantas outras, cando ampara a lexislación a presión cidadá ás administracións para adotaren medidas e solucionar esta problemática?
c) Cando vai recoñecer a súa responsabilidade na xestión nefasta deste asunto e que vostede é o responsábel da proposta segundo os informes da Valedora do pobo? Varela di que “vostede saberá que se escrebe moito coa valedora”. Fente di que son informes anuais públicos da Valedora e que á cidadanía lle conta unha cousa que é falsa, mais que remata sabéndose a verdade. Varela dille que vaia rematando que xa é tarde e leva xa moitas perguntas. Fente di que leva menos que outros grupos e que nen lle respondenron as perguntas por escrito. Varela insiste en que vaia rematando.

14.3.7.-Vertidos fecais ao río Asma.

O 13/06/2017 o colapso da depuradora de Chantada trouxo consigo graves vertidos ao río Asma, un problema recorrente cada vez que se producen choivas de certa intesidade, mais que se dixo que era algo “pontual”.

O 22/06/2017 rexistrouse outro vertido na depuradora nun día totalmente seco, supostamente porque houbo un fallo eléctrico “pontoal”. Ese mesmo día no Sangoñedo a cidadanía alertaba doutro vertido que dura xa anos e días antes a imprensa alertaba de que a praia fluvial do Sangoñedo ten unha concentración elevada de bacterias fecais con risco para a saúde.

Por un lado constatamos os que xa advertimos cando a problemática do Enviande, temos un problema crecente coa calidade das augas e esta vai ser un ben cada vez máis escaso e importante.

Hai meses tamén nos enteramos de varios vertidos autorizados por Viaqua, cun alto impacto ambiental e problemáticas recoñecidas pola propria empresa que aínda así os autoriza.

Por outro lado,

a.- que medidas teñen pensado adoptar ao respeito? Non se contesta.

b.- porque non se dá conta dese proxecto de balsa e como se pensan custear os 500.000€? Non contesta. Fente insiste e conclúe que non deben saber se non teñen nada que dicir.

c.- que resultados deron as xestións da Conferencia hidrográfica e a que se espera por parte do Goberno para traer un proxecto o máis completo e fundamentado posíbel ao Pleno da Corporación para demandar todos os grupos unha nova depuradora e investimentos urxentes para sanear os nosos ríos das diversas administracións? Varela di que non lle pode dar esa información.

d.- porque non se emite un bando ou se vai a T20 cando hai alertas sanitarias e/ou augas cuxas analíticas aconsellan advertir á veciñanza non tomándose decisións ao respecto até a XGL do 04/06/2017? Non se contesta.

e.- Rogamos que a empresa Viaqua renda contas nun ponto da orde do día do seguinte pleno desta Corporación sobre a súa xestión e que se abra expediente por parte do Concello polas anomalías detectadas. Di que non se vai expedientar á empresa. Fente di que xa lle extrañaba que este Goberno movese un dedo contra Viaqua.

14.3.8.- Disciplina urbanística

a.- Remitiron xa ao Xulgado de Chantada a documentación que se lles solicitou en relación coa caso de disciplina urbanística que leva protagonizando a vida municipal desde, cando menos, o mes de maio de 2015 e que apresenta numerosas deficiencias e irregularidades? Di que non sabe de que se fala. Fente dille que é un expediente de disciplina urbanística en Rosalía de Castro. A secretaria aclara que si que se acaba de enviar a documentación.

b.- Non consideran que debería coñecerse publicamente que a fiscalía e o xulgado solicitaron documentación en relación a este caso? Non.

14.3.9.- Sentenzas do xulgado do social

Seguen aparecendo sentenzas que condenan ao Concello de Chantada pola súa má xestión do persoal, por exemplo en xuño soubemos que Chantada pagará 800€ máis abono dos atrasos e xuros. Totalizan máis de 1.000€. Se facemos contas de todos estes procesos, que ascenden a varios cada ano natural, estamos falando de moitos cartos por non xestioanr o persoal axeitadamente. Varela di que non depende do grupo de Goberno.

14.3.10.-Fiscalización intervención 75/2017:  “táboas de embutidos e comida Feira do Viño 2017”

Figuran numersoas facturas do Concello con reparo, como de costume, mais hai unha que supera os 2.600€ e o concepto é “táboas de embutidos e comida Feira do Viño 2017” e que, segundo indica a interventora non aparece xustificada debidamente. Que prezo tivo cada prato e cantos comensais houbo nesa comida? Varela di que nin idea, será da comida oficial.

Neste ponto non se nos permite facer máis perguntas após reiterarse que debemos rematar, isto impediunos falar dos reparos da intervención e as graves eivas e formular outras cuestións previstas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s