Nesta sesión extraordinaria urxente (convocada sen respeitar os prazos habituais portanto) convocada para ás 13:30 horas da sexta-feira 18 de agosto o Goberno usou a maioría absoluta para aprobar definitivamente o Orzamento co apoio do PP e para resolver negativamente ou dun xeito sui generis as alegacións apresentadas.
O pleno comezou con minutos de atraso, pasadas ás 13:45 horas. Asistiron todos os concelleiros (13), a interventora accidental (Susana), a secretaria, dous xornalistas (Televinte) e dúas cidadás.
1.- Aprobación, se procede, da urxencia da sesión
A Favor: 12 (Inta, PP e PSOE) En contra: 1 (CUP)
O voceiro da CUP solicita quenda de palabra para explicar o sentido do seu voto, sendo a única intervención que se rexistra neste ponto. Explica que non entende que como téndose convocado Comisión informativa para un pleno extraordinario, finalmente se faga extraordinario urxente, sendo algo que só pode explicarse en base a improvisación e ao xogo interesado cos tempos (neste caso imputábel á emenda de última hora que o proprio grupo de Inta fixo contra o ditame da comisión respaldado unicamente cos seus votos!).
2.- Resolución de reclamacións e aprobación definitiva do orzamento de 2017 (Exp. G-51/2017)
A secretaria comeza expondo que o ditame da comisión informativa foi favorábel ao acordo proposto cos votos de INTA, as abstencións do PP e PSOE (reserva para voto no Pleno) e en contra da CUP. Di que se recibiu unha emenda ao ditame dunha concelleira da equipa de goberno e que procede votala en primeiro lugar e logo o acordo orixinal se hai quen o defenda.
A voceira do PSOE pergunta se é preceptivo votar todas as alegacións xuntas. Contesta a secretaria dicindo que agora está para facelo conxuntamente, mais podería facerse separadamente sendo atribución do alcalde decidir iso. Prosegue a voceira socialista dicindo que van pensar o sentido do seu voto, xa que agora se muda o rumbo desde o Goberno emendando o que se defendía na comisión con unllas e dentes e tampouco entende a emenda se só se van incluír no orzamento 10.000€.
Desde o PP móstranse satisfeitos coa mudanza de dirección, se callar polo que se falou na comisión informativa. Di que as sentenzas xudiciais son palabras maiores, sexa a vía penal ou criminal.
Desde Por Chantada-CUP reiteramos o xa exposto na comisión informativa canto ás nosas alegacións. Estímase unha, xa que pola lexislación non fica outro remedio, e desestímanse as demais sen molestarse a contestalas para o que se recorre ao artigo 170.1 do TRLRFL cando nalgunhas das mesmas faise referencia á insuficiencia do crédito ou por existiren eivas de maior ou menor gravidade, nalgúns casos mudanzas de sentido común que non entendemos como non se aceitan. Fican 8.431 euros mortos de risa do Consorcio cando xa se aprobou un suplemento contra o orzamento prorrogado, as bases de execución reducen até 40% o adianto ás entidades que perciben subvencións municipais cando isto xa o advertimos no seu momento e solicitamos que se subsanasen, mantéñense erros de redacción e epígrafes contraditorias nas bases de execución, etc. Porén, prefiren tirar para avante coa súa maioría absoluta en piloto automático e cando veñan mal dadas culpar á oposición, a algún funcionario ou ao home do tempo.
Canto ás alegacións que apresenta unha cidadá, desde a CUP entendemos que se na CI decidiron desestimar a alegación, a pesar das nosas advertencias e, sobretodo, das formuladas pola secretaría e a intervención municipais agora chegan cunha pantomima metendo 10.000€ para orzamentar unha obra que vai ter supor un investimento moito maior. Unha cifra inventada e, xa que logo, contraria á lexislación. O procedente sería ter feito os deberes hai moito tempo e non escorregar os bultos até que a bóla de neve nos esmague. No pior dos casos debería terse orzamentado a cifra, sabemos xa que insuficiente, do anteproxecto elaborado por Viaqua 207.000€, só que iso requería un substantivo reaxuste do orzamento e lavorare stanca. Igualmente cómpre asinalar que a indemnización e os xuros de demora, estes últimos por non facer as cousas ben recaerán sobre a facenda pública en exclusiva, só se abonaron toda vez se interpuxo a alegación. Non deixa de ser paradoxal cando o Goberno, con maioría absoluta, acusa á CUP de entorpecemento, por certo un goberno que aínda así ten que andar tirando de plenos extraordinarios urxentes e do rodillo da maioría absoluta para sacar uns orzamentiños na segunda quincena de agosto. [Interrompe o alcalde dicindo “ten que ir rematando”]
O artigo 173.4 do RD Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da LRFL é suficientemente explícito dando o prazo de 3 meses desde a notificación da resolución xudicial para solicitar crédito extraordinario ou suplemento de crédito para o cumprimento da sentenza. Tendo en conta que o último, e segundo o xulgado derradeiro, requirimento para a execución é de 24 de maio de 2017 o Goberno municipal xa perdeu practicamente o prazo sen que se aclare legalmente cal é o procedemento e optando neste orzamento por unha vía de moi discutíbel legalidade ao ser, a todas luces, unha posíbel fraude (10.000€ para unha obra que pode rondar o millón de euros). [Interrompe o alcalde novamente dicindo “ten que ir rematando”]
Polas razóns expostas pronunciámonos EN CONTRA e dada a contundencia dos informes que consideramos preceptivos e as dúbidas sobre a legalidade da proposta que se trae hoxe ao Pleno da Corporación solicitamos a votación nominal acolléndonos ao artigo 102 do ROF e estudaremos a adopción das medidas pertinentes.
O alcalde di que a persoa que apresenta a emenda non estaba na comisión informativa e fixo xestións nuns servizos xurídicos e coa propria alegante. Di que a partida orzamentar pode ser a que queira segundo os informes deses servizos xurídicos, xa que logo o informe da Condeferación hidrográfica determinará o que sexa e teñen 6 meses para facer o informe aínda que parece que van demandar unha actuación de 2×4 que é inviábel para o Concello de Chantada polo que van estudar outras posibilidades. Tamén di que os servizos da alegante están de acordo.
A voceira do PSOE di que o único informe xurífico que consta no expediente é o da secretaria e é claro: deberían incluírse máis de 200.000 euros do anteproxecto de Viaqua.
O alcalde contesta que ese anteproxecto xa non é viábel, que hai que agardar pola Confederación, agora póñense 10.000€ e logo modifícase. O Goberno ten que facer o seu labor.
A voceira do PSOE lémbralle que na CI defendeu non incluír nada a pesar das advertencias da oposición e agora veñen por tras e consultan outros servizos xurídicos. Que servizos?
O alcalde contesta que non está obrigado a aclarar ese ponto e que non vai dicir de que servizos xurídicos se trata.
Medela do PP di que se se aceita a alegación lle parece ben.
Varela di que teñen dous anos para executar a sentenza.
Votación da votación nominal: A favor 4 (CUP e PSOE), en contra 7 (Inta) e abstencións 2 (PP)
A voceira do PSOE pede a palabra antes de que se someta a votación a emenda xa que antes só se falaba da urxencia. Di que o informe foi débil porque non valora as restantes alegacións dun grupo político, aceitando unha e rexeitando sen máis 23. Varela di que sobre esas alegacións que fale o voceiro da CUP. Raquel contesta que xa o fixo e que deberían votarse as alegacións por separado e non en bloco.
O alcalde retruca que fixo varias reunións previas do orzamento e non houbo ningunah emenda aos orzamentos por parte do PSOE, molestándolle agora que veña con exixencias. Di que o voceiro da CUP non asistiu á reunión, que non é obrigatorio ir e que cada un vai ao que pode, mais que as alegacións eran cousas sen pés nen cabeza, aínda que algunha cousa si que valía. Engade que non se debe estar xogando con cousas serias e entorpecendo ao Goberno, se ben recoñece que o Orzamento chega tarde. O de 2018 chegará en tempo en outubro para traballar nel e aprobalo en decembro, aínda que recoñece que por lei debería estar xa en outubro.
A voceira do PSOE pergúntalle se está culpando á oposición? Di que se outro grupo fai alegacións, independentemente das reunións previas, é lóxico demandar informacións.
O alcalde di que entenden que fagan o seu traballo. Lamenta os paus nas rodas e dá por rematada a sesión.
[A CUP quere subliñar que os informes dos servizos xurídicos do concello son claros e contradín ao Goberno de extremo a extremo. Igualmente non é certo que se falara coa alegante e que exista un acordo cos seus servizos xurídicos, argucias do Goberno para saír do paso no debate plenario, máis nada. Compárase o afirmado no pleno, co que se declara logo por exemplo en Televinte].
DOCUMENTACIÓN de interese:
1.- Alegacións ao orzamento 2o17: Alegacións POR CHANTADA-CUP ao Orzamento municipal de 2017 e alegacións apresentadas por particular
2.- Proposta ao Pleno aprobada por Inta na comisión informativa e emenda de Inta ao ditamen comisión informativa para contestación de alegacións e aprobación definitiva orzamento 2017
3.- Modificacións do Orzamento 2017: 02 Orzamento de gasto. Resumo por partidas 2017 e ANEXO INVESTIMENTOS
4.- Informes técnicos municipais: informe técnico arquitecto municipal, FISCALIZACIÓN DE INTERVENCIÓN 2017-0102 e LIBRO INFORMES SECRETARIA 2017-0028.
RESUMO DO PLENO en TELEVINTE