Crónica do pleno ordinario do 8 de xaneiro de 2018

Cada un de nós só será xusto na medida que faga o que lle corresponde, Sócrates.

Non podemos viver felices se non formos xustos, sensatos e bons; e non podemos ser xustos, sensatos e bons sen sermos felices, Epicuro.

O home xusto non é aquel que non comete nengunha inxustiza, se non o que podendo ser inxusto non quere selo, Menandro de Atenas.

O home perverso coñécese nun só día, mais para coñecer o home xusto fai falla máis tempo, Sófocles.

O pleno comezou pasadas as 20 horas, asistindo 10 concelleiros concelleiros (Salud Sotelo tomou posesión logo e Héctor incorporouse no ponto 2º tamén), o secretario en acumulación José María Baños Campo, a interventora accidental Susana Martínez López e o traballador municipal Julio Cuñarro Taboada. A maiores, asistiron como público 9 persoas e dous xornalistas (Televinte Chantada) sendo un dos Plenos máis concorridos da lexislatura e manténdose a maioría dos asistentes até o final da sesión sobre as 23 horas.

Pasamos, de seguido, a detallar a información relativa a cada asunto focado nesta sesión.

1.- Acta anterior correspondente á sesión ordinaria do 8 de novembro de 2017.

Acta sesión ordinaria do Pleno de Chantada do 8 de novembro de 2017

UNANIMIDADE.

PARTE RESOLUTIVA

2.- Toma de posesión como concelleira de Salud Sotelo Sotelo.

Após a ritual toma de posesión o alcalde dálle a benvida até xuño do ano que vén, anuncia que traballará no difícil campo da política social e que lle van axudar e facilitar as cousas podendo contar co consello da concelleira cesante Cándida Carnero.

 

3.- Reconfiguración das comisións informativas e designación de representación municipal.

COMISIÓNS INFORMATIVA E REPRESENTACIÓN MUNICIPAL

O secretario explica que a composición da comisión informativa depende unicamente do Goberno e, portanto, dáse conta disto, en canto a representación municipal debe ser ratificada polo Pleno.

A voceira socialista critica que se apagase nesta lexislatura calquera representación da oposición, especialmente que se suprimise a do PSOE no IES Val do Asma polo que non apoian esta proposta.

O PP di que se dan por enterados.

A CUP di que dado que o modus operandi do Goberno é decidir unilaterlamente a representación municipal entenden que non procede apoiar e, en todo caso, é algo da súa conta e risco. En todo caso, se de nós dependese, non se debería, pois non pasa noutros concellos, xunguir a representación municipal no Consello escolar do CEIP Xoán de Requeixo coa pertenza ao centro. E damos a benvida á nova concelleira.

A Favor: 7   (Inta)    En contra: 3 (PSOE)     Abstención: 3 (CUP e PP)

4.- Adhesión á Asociación de municipios do Camiño de Inverno a Santiago.

ESTATUTOS ASOCIACIÓN MUNICIPIOS CAMIÑO INVERNO

PROPOSTA ADHESIÓN MUNICIPIOS CAMIÑO

Voto particular Por Chantada-CUP asociación caminhos inverno

Comezamos desde a CUP explicando o voto particular que inserimos para terse en conta como emenda á proposta de acordo. En primeiro lugar, engadimos no ponto 2º unha explicación para tentar validar a toma dun acordo fóra do prazo (31/12/2017) ao que se comprometera o Concello de Chantada, cando asinou a acta fundacional o representante do Goberno Diego Otero (20/11/2017). Novamente, é dun desleixo preocupante que pasen estas cousas e é unha maneira de que a Corporación convalide colectivamente esta falta de previsión do Goberno.
En segundo lugar, e dado que os Estatutos foron aprobados a priori procuramos mecanismos para, como órgano colexiado, ter capacidade de incidencia alén dunha eventual –e ritual– aprobación. Doutro xeito, estariamos furtando a soberanía e capacidade de decisión desta cámara ao que, cando menos desde o noso grupo, sempre nos negamos.
Por iso, inserimos un ponto 4º que nos compromete (goberne quen goberne) a render contas no pleno e, xa que logo, sermos transparentes de cara a cidadanía, dos acordos adoptados por aqueles órganos colexiados en que o Concello participa. Non é de recibo, pois, que se integre o ente municipal e que a participación e actuación do Concello neses ámbitos sexa totalmente opaca e de costas ao máximo órgano colexiado do Concello: o pleno.
Tamén incluímos un 5º ponto que, acolléndonos aos proprios estatutos (artigo 24) nos permite facer propostas que entendemos que son de mellora nos mesmos. Dunha parte mellorando a democracia interna e a soberanía do novo ente nunha tripla dimensión: a) mellorando propria capacidade de decisión que teriamos como integrantes (ao descender do 30 para o 10% o número de integrantes necesario para forzar unha xuntanza da asemblea xeral); b) mellorando a soberanía da propria entidade dotándoa de recursos mínimos fixos para a súa autonomía sen a cal é imposíbel atinxir os alvos que se marca; c) dando entrada a entidades da sociedade civil que desexen participar. Doutra parte, entendemos que a defensa e promoción do patrimonio debe, antes de máis, comezando polo recoñecemento e posta en valor das linguas que, como dicía Castelao no Sempre en Galiza, son matriz inesgotábel de obras de arte. E só se pon en valor aquilo que se coñece, usa e promove. 

Por estas razóns, entendemos que enriquecedoras e de sentido común, imos rexeitar a proposta oficial e demandamos apoio para adoptarmos o acordo modificado.

Raquel do PSOE fala da importancia do Camiño de Inverno, non vén inconveniente ás emendas, mais apoiarían igualmente a proposta de adhesión orixinal. De moita importancia a transmisión de información ao pleno.

Medela do PP di que apoia os estatutos. Explica que no caso do Camiño Francés existe unha cota por habitante e que propón iso para este novo ente, xa que comparte coa CUP que non se aclaran as fontes de financiamento, mais non apoian as emendas.

Varela de Inta di que hai aspectos da emenda dos que gostan. O galego pódese usar porque no Berzo úsano moito tamén. O importante é pór en marcha o ente. Meter emendas aos estatutos faría volver aos plenos os estaututos. Non ve mesturar asociacións cos plenos. Xustifica que ir fóra de prazo porque o Pleno ordinario era en xaneiro.

A CUP aclara que serían propostas de mellora para anexar ao acordo de aprobación para que a asociación os teña en conta, se o ten a ben e cando queira.

Varela di que de momento non, aprobar así e xa se farán esas mudanzas.

Votación emendas CUP

A FAVOR: 4 (CUP e PSOE)   EN CONTRA: 7 (Inta)   ABSTENCIÓNS: 2 (PP)

Votación proposta de adhesión orixinal:

A FAVOR: 12 (Inta, PP e PSOE) EN CONTRA: 1 (CUP)

 

5.- Modificacion das tarifas do servizo da auga e sumidoiros. Ordenanzas fiscais resultantes.

TARIFAS AUGA E SUMIDOIROS 2018

Voto particular Por Chantada-CUP suba auga

O secretario di que non se ditaminou na CI porque se viron erros, sinalados tamén dun voto particular da CUP. O alcalde entrega unha nova proposta que se deu aos concelleiros unicamente antes de comezar o pleno e que se aplicaría só despois da súa entrada en vigor definitiva.

Medela do PP sinala que segue habendo un erro xa que non é un IPC negativo, senón unha suba do 1’80%. O secretario di que, efectivamente, segue existindo ese erro. A interventora accidenal, Susana Martínez, explica que sempre se facía dentro do ano e aplicábase logo de aprobarse.

Varela explica que o pleno adiantouse en novembro a petición do seu grupo e que isto chegou despois, que collen o IPC de agosto a agosto e non de outubro para que sexa de 1 de xaneiro a 1 de decembro.

O PSOE condena as esperpénticas relacións do Goberno con Viaqua, cuxo último capítulo é que se negan a entregar ao alcalde, segundo este referiu na CI, os dados que solitou a oposición para a elaboración dun informe sobre a venda da auga. Raquel López anunciou que se non hai resposta remitirán un novo escrito e tomarán outras medidas. Pergunta a maiores se limpan os sumidoiros.

Manuel Varela contesta que si e que lle mandou o escrito e máis díxollo varias veces, que non lles debía facer falta escrita. Sen dados a secretaría non pode informar. López insiste en que vai consultar se se lle notificou á empresa por escrito. Varela retruca que non debía facer falta e Susana Martínez di que o escrito non sabe se saiu xa ou non.  Continua a intervención do PSOE evidenciando que a empresa é rápida para unhas cousas e lenta para outras cousas polo que se van abster.

Pola súa banda, o PP di que o ano pasado se aprobou o 14 de novembro e nas facturas aparecer leituras emitidas coas datas de tal forma que favorezan á empresa. Din que hai que cumprir coa empresa polo que votarán a favor.

Na quenda da CUP, explicamos o voto particular remitido, entendendo que cómpre desestimar a proposta da empresa concesionaria Viaqua Gestión de Aguas de Galicia SAU, de tortuosa relación coa política de Chantada: primeiro cunha concesión a 50 anos amparada nuns informes de dous avogados pagos pola empresa e con informes dos técnicos municipais en contra e, recentemente, pola venda de auga en plena declaración de alerta por seca. Non se trata de reiterar o que xa expuxeron os compañeiros do PSOE [Sobre o tema da auga tamén houbo unha moción de Por Chantada e un informe emitido pola intervención municipal sobre unha eventual remunicipalización da auga].

Fundamentamos que debe desestimarse e, xa que logo, debemos rexeitar a proposta que vén ao Pleno por mor de que non poden aplicarse, conforme a direito, aprobacións retroactivas das modificacións das ordenanzas fiscais, producindo estas unicamente efeitos a partir do ano natural seguinte ao da súa aprobación como pasou en Taboada coa bonificación do IBI (aínda que o fixeron moi tarde e deixáronlle á xente só unha semana para xuntar e apresentar os papeis) ou no concello de Muras tamén no mes de decembro. Do contrario, non entraría en vigor até o 2019. En consecuencia, non debería aprobarse en 2018 unha suba que se aplique ao proprio exercicio en curso, polo que entende Por Chantada-CUP que non debe aplicarse neste 2018 a suba da auga do 1’80% asinada polo alcalde Manuel Lorenzo Varela. Nalgún momento, a falta de previsión crónica municipal tiña que favorecer ao conxunto dos cidadáns e non unicamente a intereses particulares.

O alcalde resta importancia á suba do 1’80%, afirma que son pequenas cifras e que non chega aos 4.000€ para toda Chantada, pois nunha casa cun consumo de 15m3 ao mes non chega a 3 euros/ano. Que a van aprobar e non lle hai que dar tantas voltas.

Fente insiste en que hai unha cuestión xurídica que debe ser dilucidada antes de votar.

O Baños Campo aclara que a chave está no devengo de cada tributo: o IAE, o IBI… fano a 1 de xaneiro polo que, efectivamente, entran dentro do campo exprimido anteriormente, en canto outros tributos como o ICIO poden facelo ou non, dependendo do que digan as ordenanzas. Neste caso concreto, o secretario recoñece que, após examinar as ordenanzas a raíz do voto particular, as ordenanzas son moi pouco claras [a estas alturas xa debería estar claro que en Chantada lexíslase pouco e mal], mais tampouco se fala de devengo anual. Na da auga non se di nada e na outra dá a entender que é mensual, sen explicitalo.

Fente di que, dado o exposto, podería aplicarse entón a doutrina xurídica in dubio pro reo. O secretario di que podería de interpretarse o contribuínte

O alcalde insiste en que se pode aprobar sen problema e que se pase á votación.

 

Votación emendas Por Chantada:

A FAVOR: 1 (CUP)              EN CONTRA:  7 (Inta)        ABSTENCIÓNS: 5 (PP e PSOE)

Votación proposta orixinal:

A FAVOR:  9 (Inta e PP)   EN CONTRA:   1 (CUP)            ABSTENCIÓNS: 3 (PSOE)

 

6.- Rectificación do PXOU: uso de oficinas nas diferentes ordenanzas do solo urbano.

INFORMES RECTIFICACIÓN PXOU

PROPOSTA RECTIFICACIÓN PXOU

Anuncio BOP Lugo Rectificación PXOU Chantada (12/01/2018)

VOTACIÓN para decidir se hai votación nominal:

A FAVOR: 1 (CUP)  EN CONTRA: 7 (Inta)  ABSTENCIÓN: 5 (PP, PSOE)

VOTACIÓN:

A FAVOR: 7 (Inta)     EN CONTRA:   1 (CUP)     ABSTENCIÓN: 5  (PP, PSOE)

 

7.- Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP para a adopción de medidas de seguranza e elaboración de informes técnico e xurídico sobre o edificio da praza de Santa Ana de titularidade da SAREB.

Moción Por Chantada-CUP para a adopción de medidas de seguranza e elaboración de informes técnico e xurídico sobre o edificio da praza de Santa Ana de titularidade da SAREB.

O voceiro da CUP fai unha síntese da exposición de motivos e dos acordos que se propoñen.

Desde o grupo socialista tiñan gañas que esta cuestión viñese a pleno para que os grupos se posicionen e lembran que se interesaron moitas veces e teñen o expediente completo que o solicitaron no Concello. Subliñan que existe unha clara responsabilidade por parte de quen permitiu fazer sen licenza este edificio que tamén é un expoñente de feísmo. Hai risco para a veciñanza e para os edificios colindantes, mais non observan medida algunha por parte do alcalde. Están a favor da moción mais coidan que cómpre ampliar os prazos propostos pola CUP.

Fente comparte esa apreciación do PSOE e fala de emendar a moción pondo o mes de maio, cando hai pleno ordinario.

Pola banda do PP, Javier Medela intervén lembrando que xa fixeron varias perguntas sobre este tema e sintetizaría os acordos propostos nun único informe por parte do arquitecto.

Canto a Inta, Manuel Lorenzo di que hai unha proposta chave na moción que é o informe xurídico que cómpre solicitar. Comparten ese ponto, mais non cren que se deba dicir que é ilegal o edificio.

Fente di que se pode suprimir ese adxectivo para atinxir a unanimidade.

Inta di que apoian se só se deixa o primeiro ponto, eliminando os restantes.

Desde a CUP din que para atinxir o máximo consenso e sacar a moción avante aceitan a emenda proposta polo grupo de Goberno.

Votación emenda (ponto 1º):

UNANIMIDADE.

 

8.- Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP a prol das escolas infantís na provincia de Lugo.

MOCIÓN Por Chantada-CUP a prol das escolas infantís na provincia de Lugo.

A CUP fai unha exposición de motivos e explica a súa proposta de acordos.

Efectivamente, di o PSOE en relación ao exposto, que se desmantela a educación e a sanidade públicas polo PP. Lamentábel, despois de todo o que se loitou polo estado do benestar. É necesario recuperar direitos. Apoian a moción. En Chantada son vitais servizos públicos de calidade.

Porén, para o voceiro do PP, a CUP e o PSOE están xa en campaña e fan demagoxia, xa que o Bono Concilia instalouse de acordo coa FEGAMP onde o PSOE podería ter votado outra cousa. Di que se informou e que a listaxe de agarda é de 7 persoas en Chantada, máis das que di a CUP. Contodo, só apoian da moción solicitar máis prazas para Chantada. Defende Medela que nunca se investiu tanto en política social como cos gobernos do PP.

Raquel di que ela é concelleira en Chantada, non está na FEGAMP. E que como traballadora da Consellaría de educación, ao igual que outros integrantes da Corporación, sabe perfeitamente como diminuíu a inversión na educación e como están as ratios.

Medela di que se cumpren as ratios e insiste en que o PP está traballando por unha sanidade e unha educación de calidade.

Varela intervén para pedirlles aos voceiros do PP e do PSOE que non entren “no tema eleitoral”. Gostan da moción desde Inta. Quere lembrar que Chantada foi un dos 3 concellos que primeiro tivo xardín da infancia, nas Hermanas Mercedarias [onde logo estivo o Centro de día polo que se pagaba un aluguer de 4.000€ mensuais!] e logo pasouse a pública cun financiamento de 33% para a Xunta, 33% para o Concello e 33% para as familias (se ben logo descubriron que o Concello pagaba de máis e as familias menos). Tamén foi Chantada o segundo concello da provincia en contar cun Centro de día. A partir de 2005 o bipartito consolidou o modelo de financiamento 33-33-33 e agora o PP quere mudalo para incrementar a participación dos concellos. Di que o xardín da infancia e o centro de día supoñen 106.000€, polo que se achega 900€ por cada cativo e 1.500€ por cada utente do centro. Cre que isto debíao asumir a CA ou que os concellos reciban máis tributos do Estado, pois os concellos non poden seguir asumindo competencias improprias. Queren que Chantada vaia a máis, en 2016 perdéronse 58 habitantes, moreron 113 e naceron 55. Non é para estar satisfeitos, mais piores dados hai noutros concellos con máis de 2.000 habitantes e é unha constante na Galiza interior. Observa melloría demográfica, por iso, demandaron un módulo para a Galiña azul, que se podería facer con fondos de AGADER, polo que non falaría de 10 prazas porque poden facer falta máis, xa que hai empresas como Hotusa que están criando moitos postos de traballo e en poucos anos vanse instalar 400 ou 500 mozos en Chantada cambiando a demografía.

Fente propón inserir as propostas de Inta para atinxir o consenso modificando o lapsus calami do ponto 1º (engadindo despois de remate 2018, para que entre nos Orzamentos da Xunta da Galiza de 2019); no 2º modificalo para que diga “Dotar a escola infantil de Chantada de medios materiais e humanos para ampliala cun novo módulo”; e, finalmente, no ponto 5º escrever “Que os concellos non asuman competencias improprias“.

Votación da moción coas emendas aceitadas polo propoñente:

A FAVOR:  11   (CUP, PSOE e Inta)     ABSTENCIÓNS: 2 (PP)

 

9.- Moción do grupo municipal socialista relativa ao problema de despoboamento na España interior.

MOCION PSOE relativa ao problema do despoboamento da España interior.

A voceira do PSOE expón a moción e pide desculpas polo erro do ponto 8º da proposta de acordo que está en castelán. Incide en que cómpre asentar poboación e que é unha moción dirixida ao goberno central que se apresenta tamén noutros concellos. Aínda que o Goberno estatal non a escoite seguramente non podemos abandonar a loita.

Medela di que  é un tema que lles preocupa e que comparte o 5º ponto da moción, mais outros xa non dado que xa se están facendo esforzos por parte do PP nese sentido. Amais, é unha moción feita para Castela e non para a Galiza. Di que se fan moitos planos xa actualmente para combater o despoboamento por parte do Goberno e que, por iso, van absterse.

Desde a CUP comparten a apreciación de que é unha moción-tipo que non aterra na nosa realidade inmediata, no avance do deserto verde na Galiza, aínda que non se trata de pórlle paus na roda á moción ao entender que se enfoca a nivel estatal por parte do PSOE e que a van apoiar.

Desde o Goberno local o alcalde di que non gosta das mocións-tipo como esta que trae o PSOE. O fondo da cuestión, contodo, está ben e apóiana. Mais hai oportunidade de que 800 persoas novas veñan para Chantada grazas ao grupo Hotusa e estámoslle pondo pegas ou, máis ben, algúns estanlle pondo pegas cando lles hai que dar todas as facilidades posíbeis. Non é doado así. Se todos somos áxiles e deixamos que se asente xente… di que se imaxine a 400-500 persoas mozas en Chantada, que nen chegaría o novo módulo da gardaría que pretendemos.

Votación da moción:

A FAVOR: 11 (CUP, PSOE e Inta) Abstención: 2 (PP)

 

10.- Mocións e asuntos de urxencia.

Non se produciron.

PARTE DE CONTROL DA XESTIÓN

11.- Dación de conta de nomeamento de membro da Xunta de Goberno Local.

Sobre este asunto só se pronunciou  a CUP. Para Por Chantada non entendemos que criterios seguiu Inta para inserir na XGL o sétimo da candidatura nas pasadas eleccións (Juan Alberto Diéguez) cando hai un integrante (Diego Otero Veiga) que está percebendo unha dedicación a cargo de fondos públicos e ía de sexto na listaxe, co cal se pouparían os cargos das dietas por asistencia á XGL. Os cidadáns non deben pagar a factura dos problemas internos de Inta. [Novamente, demostramos como Inta non exerce nunca o rigor e a austeridade que lle exixe aos cidadáns a través do Plano de axuste, con subidas como a do IBI nos últimos anos (de orde superior a 600.000€ por ano só neste imposto).Amais, como pode entenderse e xustificarse que unha persoa con dedicación non participe do máximo órgano colexiado? ]

12.- Dación de conta de resolucións da alcaldía (art. 42.1 do ROF).

Que conste na acta que non conseguimos acceder, como trasladamos á secretaría, aos decretos 500, 501, 502, 505, 506, 510, 512, 514, 515, 518, 525, 527, 530, 532, 536, 541, 544, 549, 550, 554, 555, 556 e 560/2017 polo que rogamos se nos encamiñen a maior brevidade e se volva dar conta deles na seguinte sesión do pleno.

O secretario di que se traslade á seguinte sesión do pleno.

 

13.- Información específica de resolucións da alcaldía que levantan reparos de intervención (art. 218 da Lei Reguladora das Facendas Locais).

[Cómpre lembrar que esta dación de contas foi unha das conquistas de Por Chantada-CUP na presente lexislatura, a pesares de contarmos cun único representante: ].

Sobre este ponto o PSOE quixo reterar o que xa dixeron en plenos precedentes. Desde o PP non fixeron calquera valoración ao respeito.

Por Chantada defende que asusta ver que no 2017 o Concello de Chantada anda nunha media de 20 reparos cada mes, sinálase que hai omisión no expediente de requisitos ou trámites esenciais e, concretamente, indica a intervención que se viola a lexislación sobre o contrato menor (artigos 86, 109 ou 138.3 TRLCSP). Pergúntalle ao alcalde como explican estes 10.654,19€ que recibe AFA Chantada polo servizo do SAF e que superan as previsións do que se ía contratar como contrato menor mediante suposta licitación para cubrir baixas? Contesta Varela perguntando que facemos, xa que tiraron de bolsa mais non chega e que non se pode desatender o servizo, que é outra competencias impropria. Fente di que sacar concurso, ou modificación orzamentar e ampliar a partida cando menos… que unha cousa é a urxencia e outra diferente que se deixar ficar así a cousa sen máis. Susana di que houbo licitación e só concorreu AFA, só que logo non desglosaron o IVE e non se rematou o proceso porque tardaron en achegar a exención de IVE. Ábrese un pequeno debate sobre facturación, actividades económicas e a suposta exención das asociacións, etc.

Desde a CUP queremos deixar constancia, igualmente, da nosa preocupación polos continuos procesos xudiciais que confronta o Concello e que demostran unha moi deficiente xestión e tratamento do persoal laboral.
Amais, como demostran recentes reparos da intervención sobre a contratación de persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) (RI 141/2017) ou sobre a contratación do traballador social, praza que todos os anos apresenta irregularidades sen que se faga nada por remedialo. En ambos, entre outras deficiencias que conducen a que haxa «omisión no expediente de requisitos ou trámites esenciais», deíxase claro que «a contratación non ten carácter temporal, podéndose constituír un fraude de lei». As consecuencias para a facenda local son de extrema gravidade, por exemplo, a Sentenza 310/2017 do Xulgado do Social nº3 de Lugo condena ao Concello de Chantada a abonar ao traballador municipal Modesto Varela Pérez 5.992,68 euros mais xuros do 10% (559,26€), totalizando 6.551,94€.
A Sentenza 200/2017 de 30 de xuño do Xulgado do social nº2 de Lugo recaída no Procedemento ordinario 423/2015, instado pola traballadora municipal María Isabel Pereira López, ascende a 2.433,73€ mais xuros do 10% (243,373€), totalizando 2.677,103€. Outros procedementos con consecuencias análogas están pendentes de sentenza, un deles relacionado coa praza de traballador social, e moitos outros foron saíndo nesta lexislatura, polo que estamos falando de milleiros e milleiros de euros.

 

14.- Rogos e perguntas.

14.1.- Rogos e perguntas PSOE.

14.1.1.- Relación de postos de traballo (RPT). Existen novidades?

O alcalde di que falou con Manuel García Mel da Deputación de Lugo e quedou de chamarlle. Raquel lembra que os traballadores do Concello denunciaron o convenio colectivo, que hai varias demandas en cursos, contenciosos, etc. O alcalde deféndese dicindo que sen RPT feita é imposíbel atender ben todas estas cuestións e que isto xa vén de vello. Raquel retruca que leva anos como alcalde, que non acuse a ninguén.

14.1.2.- Vao na estrada de Lugo.

A voceira do PSOE interésase por un vao denegado ao non saber o Concello de quen é o camiño. Pergunta se se pode facer relación de camiños. O alcalde di que está feita unha sen contrastar aínda co Cadastro e que se adxudicou en 2016. [O Concello non ten inventario nen relación de camiños municipais, precisamente unha das cousas que se debería ter aprobeitado para inserir no novo PXOM e non se fixo, como demandamos no seu día desde a CUP.]

14.1.3.- Festivos locais sen pasar polo Pleno.

Denuncia o PSOE que se aprobaron sen pasar polo Pleno como sempre se facía e que mesmo se quedara que este ano ía existir debate e consenso entre os grupos sobre os feriados. O voceiro da CUP engade que aínda por riba se incumpriu o ponto 3º do acordo da XGL do 3/10/2017 ao non render contas no pleno seguinte (o de novembro) do acordo nen tampouco neste de xaneiro polo que anularía o proprio acordo. Varela deféndese responsabilizando á secretaria que está de baixa, polo que é normal que se lles pasara. Argumenta que o comentara nunha CI e que o PSOE era máis conservador ca eles en relación aos festivos locais. A voceira do PSOE retruca dicindo que iso non é certo. Fente, canto á legalidade, solicita aclaración do secretario. Intervén o secretario para aclarar que é unha cuestión que, efectivamente debe aprobar o plenario, só que a Xunta da Galiza vén aceitando tanto os acordos plenarios como da XGL, sempre e cando non se muden as datas dun ano para outro. No entanto, aquí tiña que ser o Pleno quen tomase este acordo, mais non sabería dicir se o acordo da XGL é legal ou non porque habería que ver se di dar conta ou ratificar. De todos xeitos xa se publicou no DOG, polo que non lle ve solución. Raquel pide que para a próxima vez se produza ese debate pendente. Varela dille que llo lembre no mes de setembro de 2018.

14.1.4.- Verquido Viaqua.

Pergunta sobre os informes da Policía Local que demanda a empresa sobre verquidos no polígono. O alcalde non ten claro se xa se remitiron eses informes. O PSOE lémbralle a súa moción aprobada no pleno que foi precisamente emendada por Inta para facer repercutir sobre as empresas os custes dos verquidos. Pergunta López se está o protocolo feito e que se via facer. O alcalde expresa que se reformou a depuradora e non se avanza, porque a destilaría vai lenta no cumprimento. Contodo, aínda que hai que apoiar as empresas, recoñece que deben cumprir cos parámetros.

14.1.5.- Ordenanza animais.

Perguntan se o padrón de animais perigosos está rematado e se chegou a documentación da Xunta que faltaba para o ponto de recollida de animais. Castor di que falta a licenza desde hai un ano e pico. Ao voceiro do PP deúselle o expediente para facer xestións na Consellaría. Medela aclara que hai carencias e van examinar esa documentación. Varela lamenta que o PP en vez de aclarar o que falta para un refuxio de 1-2 días para os animais anden mareando. Medela retruca que a foxa séptica non cumpre cos permisos necesarios. Castor contesta que mandaron 4 peticións, cumpríronse e, agora, ano e medio despois, non contestou. Lamentábel e mentres facendo peripecias cos cans e envíanse a Xinzo. Raquel insiste na ordenanza e no padrón de animais perigosos. Castor di que xa se fai un rexistro no Concellos dos animais potencialmente perigosos.

14.1.6.- Rogo limpeza Cantón días de feira.

O alcalde argüe que polo menos agora algúns traen cartóns, agás un. Raquel engade que tamén no Cantón unha xardineira ten ferros á vista, que o que non pasa nun ano pasa nun día, e debe arranxarse. Insiste tamén en relación co polbeiro que se coloca fronte á Ascensión. Di que é a terceira vez que o di. Manuel Lorenzo defende que non se pode recuar porque na rúa das Chedas hai aparcadoiros. Raquel di  colocalo aí ou estudalo, que pode haber un atropelo ou accidente. Ábrese un pequeno debate sobre a ubicación sen que o Goberno pareza que vaia adoptar medidas.

14.1.7.- Trámite canalizacións Xoán XXIII.

Di que a viciñanza dos números 34 e 36 seguen agardando a autorización do Concello para as canalizacións de Gas Natural. O alcalde di que non coñece que exista tal solicitude e que, cando se producen, se solventan coa máxima celeridade.

14.1.8.- Obras Plano único Deputación de Lugo.

Raquel lembra que o Goberno pediu unha prórroga e pergunta se comezaron as obras. Varela di que a primeira obra que se vai adxudicar é o pavimento do pavillón deportivo. A voceira do PSOE incide en que en marzo vence a prórroga.

14.1.9.- Actuación musical Deputación de Lugo.

López pergunta por unha actuación que o Concello rexeitou o 2 de xaneiro. Manuel Diéguez di que xa había outra actividade, aceitándose sempre o que propoñen, só que con catro días de antelación e data fechada pouco se pode facer.

14.1.10.- Camiño de Pesqueiras.

Héctor roga que se extreme a atención sobre o arranxo do camiño de Pesqueiras que destrozou o guindastre que marchou polas ribeiras. Varela di que se fará cargo dos danos nas ribeiras e no camiño a compañía de seguros. Héctor di se o camiño é de titularidade municipal acredita que o propietario ten un prazo para comunicarllo a compañía ou esta desenténdese. Varela di que xa está comunicado e que esperan que non faga falla demanda para que arranxen todo.

 

14.2.- Rogos e perguntas PP.

14.2.1.- Documentación pleno.

Medela di que bota en falta información sobre o plano de axuste, liquidación trimestral, etc. Susana explica que ten que vir ao pleno de marzo non a este.

14.2.2.- Declaración BIC da Ribeira Sacra.

Medela solicita xuntar os voceiros dos partidos para solicitar que se integren elementos do patrimonio inmaterial que non están incluídos. Varela contesta que nas reunións ás que asistiu defenderon incluír 1-2 exoámbitos senón complicaría moito a declaración. Medela di que hai que loitar polo Folión de Carros, para que se inclúa no patrimonio inmaterial, que do material entende que non se engada na da máis. Varela di que se vai conseguir que Chantada sexa patrimonio da humanidade en 2022 e xa quedaría todo o relacionado co concello, aínda que por facer esa alegación non ve problema.

14.2.3.- Seguranza viaria.

O 30 actuou unha banda en Chatnada, mais correu perigo ao vir carros de frente e que se deu unha má imaxe. Castor di que na cabalgata estaban todos os locais e 2 de protección civil e Diéguez engade que non contaban que fosen tantos os da banda, que xa eles se deron conta.

14.2.4.- Feche piscinas municipais no día 5.

Diego Otero explica que é un día que estaba asinalado en amarelo pola cabalgata dos Reis.

14.2.5.- Carpas García Árias.

Di que non se corresponde o período da licenza con este tempo. Fente dille que hai un erro é que hai que contar ao revés para que dea o cómputo dos meses.

14.2.6.- Excrementos animais.

Queixas polos excrementos dos cans en zonas onde xogan os nenos e rogan medidas.

14.2.7.- Concurso desbroces.

Pergunta polo sorteo. Varela di que houbo un empate entre as empresas. Susana engade que está na lei. Varela di que o importante é que quedou moi ben o traballo.

14.2.8.- Devolución aval.

Pergunta polo edificio ao que se refere a devolución do aval a Antonio Framiñán. Incide en que se examine ben o expediente. A CUP lembra o acordo plenario sobre o edifico da música. Medela di que desta volta aínda está sobre a mesa a cuestión.

 

14.3.- Rogos e perguntas Por Chantada-CUP.

14.3.1.- Mámoas monte Faro.

A pergunta xira encol se se  tomaron após advertirlles hai dous meses da situación e rogarlles que actuaran? Varela contesta que falaron co alcalde de Rodeiro e que ían ir velas, mais aínda non tiveron tempo. [Aquí un informe sobre o acontecido].

14.3.2.-APLU.
No pasado pleno, dous meses despois dunha moción que aprobaron Inta, PP e PSOE e que cuestionamos por insuficiente propondo alternativas, non se adoptara ningunha medida fronte as ducias de denuncias existentes por parte da APLU e a problemática asociada a estas.  Catro meses despois, cumpriuse o acordo daquela moción que consistía nunha simple entrevista? Vai corrixir todas estas cuestións a declaración BIC.

Fente tamén cuestiona pola natureza e consecuencias para o Concello, se as houber, do acordo de remisión do expediente administrativo relativo ao procedemento ordinario 290/2017-S referente ao recurso interposto pola APLU contra a concesión dunha licenza outorgada polo Concello de Chantada a José Antonio Fortes López para a legalización, remate e adecuación á normativa vixente dun almacén agrícola no lugar da Ermida, parroquia de Belesar, que figura na acta da sesión ordinaria da XGL do 5/12/2017. Varela di que enviaron o expediente e que non cre que afecte. O secretario non partilla este ponto de vista e informa que existe diferenza de criterio entre o Concello e a APLU por unha licenza e que, por mor diso, se vai ao contenciso-administrativo polo que non se arrisca antes de que exista sentenza a enxergar se vai existir indemnización e cal pode ser o seu montante. Varela di que até é bon este contencioso, xa que se o perde a APLU senta un bon procedente.

14.3.3.- Ponte no Bairro da Ponte.
Por Chantada interésase polo estado en que se encontra a proxección da construción da nova ponte no Bairro da Ponte, toda vez que as últimas informacións fornecidas referían a finalización do traballo dos topógrafos e o comezo imediato das obras. Rogamos que se acelere este proceso no máximo dado que é urxente. Varela di que non se vai facer porque non queren. Fente di que se aclare isto. Varela di que os viciños non a queren, que só queren a de arriba e que é difícil entender o persoal. Fente pergunta que veciñanza e a que non a quere. Varela responde que os que solicitaron arranxar o problema da circulación.

14.3.4.- Requerimento informe complementar por parte da Valedora do Pobo.
Por processo incoado pola Valedora do Pobo solicitouse informe complementar en relación co expediente de disciplina urbanístico iniciado a instancia de Marina Vila González, viciña desta vila. Dado que a XGL do 17/10/2017 tomou razón desta demanda, enviouse este informe?

14.3.5.- Requerimento de documentación por parte da  Valedora do pobo sobre disciplina urbanística.

A CUP interésase polo estado en que se encontra o expediente de disciplina urbanística, pois tendo en conta que a propria XGL acordou no seu día a paralización inmediata da actividade, e, dado que non se executou, coidabamos que se chegara a unha solución. Varela di que non sabe dicir se se enviou a documentación porque era un tema que levaba a secretaría María Alvar. O secretario alcara que se enviou estes días, aínda que recoñece que para cumprir, mais que para chegar ao fundo do asunto que segue sen revolver.

Vimos na  XGL do 5/12/2017 a solicitude de remisión do expediente administrativo relativo ao Procedemento abreviado 278/2017-D do Xulgado Concencioso-administrativo nº2 de Lugo, referente a recurso interposto por Segundo Fernández Calvo contra o Concello de Chantada sobre urbanismo. Poden explicar exactamente cal é a orixe desta demanda que que se solicita concretamente ao Concello? É por un camiño en Nadulfe, di Varela, un balado que se meteu no camiño e o Concello limítase a trasladar o informe técnico.

14.3.6.- Pinturas de Nogueira.
Grazas ao labor de Xosé Antón o público, previa concertación da cita, pode desfrutar das pinturas renacentistas do XVI e aínda anteriores do gótico e tardo-gótico mellor conservadas da Galiza e Norte de Portugal. Iso si, non busquen un espazo na web do Concello, indicadores para chegar nen nada semellante, porque aquí o turismo é unha palabra-mantra e non algo que hai que cultivar e traballar cualitativa e cuantitativamente.
Xosé Antón e a viciñanza teñen constituída unha asociación e expuxeron perante o Concello que, a carón da Igrexa, demandan a xestión da antiga casa da escola ao Concello para facer unha sala-museu, con cantina e albergue para o Camiño de Santiago. Porén, resulta que a solicitude se apresentou xa hai moito tempo, con varios recursos posteriores, e nunca se obtivo resposta. Nin resposta afirmativa nin negativa. Rogamos se lles responda coa maior celeridade posíbel. O alcalde di que están facendo rotas guiadas desde o Concello e que se reuniu con eles hai pouco e cos viciños do monte comuncal, existindo desavinzas.

14.3.7.- Edificación ruinosa no lugar de Mosteiro, parroquia de Pedrafita.

En que situación se encontra o expediente que declarou en ruínas (XGL do 4/10/2016) o inmóbel sito no lugar de Mosteiro e que contén as Dilixencias 175/2016 da Policía local e o informe do arquitecto pertinente? Castor di que o asunto está liquidado. Goyanes do PP di que aínda restan algunhas pedras. Castor di que os traballos xa se deron por concluídos.

14.3.8.- Rogo ameazas á saúde pública na rúa da Paz e na praza da Paz.
O 14 de marzo de 2017 rexistrouse unha instancia veciñal, que segue a día de hoxe sen contentar e que, atestando fotograficamente o exposto, demostra que mesmo é imposíbel que as ambulancias accedan ao interior da rúa peonil ao estaren todas as entradas bloqueadas por vehículos. Daquela, a veciñanza solicita unha correcta sinalización e que o Concello execute as súas competencias.

Escrito viciñanza da rúa e da praza da Paz ao Concello de Chantada (PDF)

Desde Por Chantada-CUP insistimos por enésima vez que a solución é a peonalización do Casco histórico como se fai na maioría de vilas para recuperar as zonas históricas e dinamizalas social e economicamente ao tempo que se mellora o atractivo turístico e se revalorizan os inmóbeis. Para a peonalización non é mester agardar ao PEP nen escusas relacionadas co aparcadoiro nunha vila de 4.000 habitantes, é cuestión de capacidade e vontade: haina ou non a hai. O 22 de novembro de 2017 novamente se dirixen os viciños ao Concello solicitando resposta, non producíndose esta aínda o cal é indicativo de como se relaciona esta institución cos seus administrados. Portanto, unímonos á voz das veciñas e veciños que, con todo o sentido común, demandan medidas de control e sinalización nas entradas do Casco antigo.

14.3.9.- Rogo AMPA Xoán de Requeixo.
Rogamos que o Goberno lembre que debe atender a toda a veciñanza e que, portanto, é impresentábel que a AMPA do CEIP Xoán de Requeixo leve máis dun ano solicitando unha xuntanza e que Inta, lonxe de ter a deferencia de reunirse co colectivo, lle conteste cunha total descortesía e sen parangón en calquera outra comunicación oficial por parte do Concello (Ponto 3.6 de 7 de novembro de 2017). Rogamos se atenda á súa petición e se produza a xuntanza que demandan coa maior brevidade. O alcalde di que non se reuniron coa AMPA porque son asuntos que se tratan no Consello escolar polo que non procede. Castor di que as medias verdades que di Fente son mentiras. Eles queren algo que desde o Concello non se pode facer e propoñen medidas irrealizábeis. O 2 de setembro de 2018 reuniuse a directora do CEIP coa policía local e  partir de aí está todo acordado. Prosegue lembrando que hai dez anos estaba en Cea e que é a súa vida persoal, pois se era membro do Consello escolar era porque estaba na equipa directiva. Acusa a Fente de misturar o persoal co político ao dicir que se “solapan” funcións pois xa era representante do Concello no Consello escolar antes do seu traslado e non é membro do mesmo por profesional senón por representante do Concello. Iníase un pequeno debate sobre a cuestión entre os dous intevenientes e Fente solicita desculpas se se malinterpretaron as súas palabras, pois nen confunde o persoal co político nen pretendía molestar. Se dixo a palabra “solapar” retíraa, mais ratifica que considera inconveniente a distribución actual da representación municipal.

14.3.10- Recuncho Solidario.
Tamén tiveron problemas co Recuncho Solidario que tivo que mesmo que apresentar un recurso de reposición contra un acordo deste Goberno e que se aceitou en XGL o que demostra que levaban razón.  En que estado se encontra a cuestión? Varela di que non sabe dicir. Pamela aclara que é un tema que levaba a secretaria e que no recurso se aceitou que pedían novas datas, non todo o recurso. Fente di que o que consta é que se aceitou todo o recurso e pergunta se lles notificou aos afectados. Pamela di que entende que si.

14.3.11.- Axudas para libros.
Acolleuse o Concello á Orde de 22 de novembro de 2017 pola que se estabelecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais da Galiza para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas con destino ás bibliotecas públicas de titularidade municipal? Contestan que afirmativamente.

14.3.12.- Denuncia do convenio colectivo para 2017 o persoal laboral do Concello.
Na acta da sesión ordinaria da XGL do 17 de outubro de 2017 figura unha denuncia do convenio colectivo para 2017 do persoal laboral do Concello. Fente pergunta se é un paso preceptivo para obrigar ao Concello á súa renegociación e a asinar un novo convenio ou se ten outras implicacións xa inmediatas. Contéstase que non, que está no certo.

14.3.13.- Ordenanza terrazas.
Contestouse finalmente a un rogo que formulamos varias veces nesta lexislatura, sobre a necesidade dunha ordenanza para as terrazas, dicindo que se estaba traballando no tema. Que novidades hai ao respeito e cales son as grandes liñas que se contemplan? Está sen rematar aínda. Tamén se pergunta que opinión lles merece que a Taxa por ocupación de vía pública con mesas, cadeiras, plataformas, etc. (OVP) de 2017 sexa de 2.855,66€? Contesta o Presidente dicindo que é unha cifra ridícula.
A CUP lembra que nas zonas monumentais e nos principais destinos turísticos da Península estase vedando a instalación de terrazas que permanentemente ocupen a vía pública, debendo montarse e desmontarse, para alén de pular pola homologación das mesmas con materiais que descartan o plástico e buscan uniformizar. No entanto, vemos con preocupación como Chantada vai na dirección contraria. Contemplan axudas e normas para uniformizar as terrazas da vila? En que sentido? Comparte que é ridículo o que está pasando. Rogamos informe xurídico da secretaría sobre o número de licenzas actualmente vixente e os condicionamentos acutais para a instalación de terrazas nos espazos públicos, nomeadamente as fixas, de acordo coa lexislación vixente.

14.16.- Rogo arranxo pistas.
Recebemos solicitude no rural de arranxo de numerosas pistas, algunhas nun estado verdadeiramente lamentábel con numerosas fochancas e un firme insofríbel: Andemil – Lagoa, Vilauxe – Ponte de Santa Lucía (Camporramiro), Estrada de Santo Estevo (O Convento) e Vilardamos (no interior do lugar) en Santa Cruz de Viana. Di o alcalde que todas esas pistas se van arranxar este ano con cargo ao Plano Único da Deputación de Lugo e ao da Xunta para 2018.

14.17.- Declaración BIC da Ribeira Sacra.

A CUP fala que para ser todo mel e leite hai moi pouca información e participación real da viciñanza e instan ao Concello a estudar o expediente e alegar. Tamén que o expediente debería estar en Chantada a disposición da viciñanza para que o coñezan e aleguen o que consideren oportuno. Sublíñase a necesidade e informar dos pros e dos contras e non facer simplemente propaganda como está pasando. Inquírese pola posición do Goberno. Manuel Varela di que nas reunións dise que todo é bon, que non van ser máis estritos ca Patrimonio na actualidade e que parece que vai ser bon, mais que el tamén ten as súas reservas. Pensa que está colgado o expediente. Contesta alguén que non é así. Di que se deixará pór carrís nas zonas de especial pendente e que se poderá arranxar adegas prexistentes. Tamén defende que se poderán ampliar nun 50% [isto último sabemos que é falso, só é aplicábel no novo PXOM de Chantada aprobado por Inta tamén, no caso daquelas adegas con adtividade indutrial, non o que a maioría da poboación entende por “adega”]. No Douro, en Portugal, xa é patrimonio e vailles moi ben, a zona mellorou moito.

E non habendo máis asuntos que tratar o secretario dá fe da finalización da sesión.

 

Outras ligazóns que poden interesarche:

#SomosAlternativa #CUPChantada

2 comentarios en “Crónica do pleno ordinario do 8 de xaneiro de 2018

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s