Resumo do pleno ordinario do 12 de marzo de 2018

A sesión ordinaria do Pleno municipal de Chantada comezou ás 20:03 horas coa asistencia de  12 concelleiros (todos agás Héctor Rodríguez do PSOE) mais a secretaria municipal María Alvar, a interventora acidental Susana Martínez e o traballador municipal Segundo Navaza. Tamén, como público, asistiron (a partir do ponto 2º) dous xornalistas de Televinte e 4 cidadáns.

 

Se preferes escoitar o Pleno podes facelo na seguinte ligazón: https://drive.google.com/open?id=1KZTMGzklCnfBdojbGf56DzNMuUWk_ejo

 

1.-APROBACIÓN DA ACTA DA SESIÓN ANTERIOR: ORDINARIA DE DATA DE 8 DE XANEIRO DE 2018.

Documentación:

Javier Medela (PP) indica que hai frases que non se recolleron ben, especialmente no ponto 6º, a modificación pontual do PXOU feita á medida do solicitado por Amancio Seijas no seu día, subliñando que defendeu que a lei deseña un procedemento específico.

Desde Por Chantada-CUP tamén se fai unha corrección dun erro material na acta. Na páxina 20, no debate do ponto 7º, dise que «o portavoz do Grupo Por Chantada-CUP, que di que na XGL tomouse razón de que se perdera o recurso». Debería indicar que, conforme ao que expuxemos realmente, se perdeu o contencioso-administrativo e a XGL negouse a apresentar recurso contra a sentenza ou a iniciar calquera outro procedemento para defender a súa posición en relación ao edificio do SAREB.

UNANIMIDADE.

PARTE RESOLUTIVA

2.- RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO 01/2018. (EXP. G-241/2018)

Documentación:

 

Neste ponto comezou falando a secretaria municipal para indicar que, conforme ao artigo 123 do ROF, ditaminouse favorabelmente a proposta na CI cos votos de Inta.

Desde o PSOE indicoused que se faga constar na acta o xa referido en todos os plenos sobre este asunto e cita o informe da interventora canto o fraccionamento que se fai coas facturas. O de sempre. Falta previsión e organización.

O PP di que se dan por enterados e que entenden que este é o mecanismo do que dispón o goberno para aprobar facturas.

Desde a CUP vemos como, máis unha vez, se exemplifica o deficiente e ineficiente funcionamento da administración local en Chantada, pois temos continuados reparos da intervención e REC. Comezamos este curso político vendo como chegan ao pleno 2 REC. En primeiro termo, queremos subliñar que, a diferenza doutras ocasións, non se remetiron as facturas orixinais para comprobarmos que, efectivamente, cumprían ou non os requerimentos. Esta cuestión, de por si, complica que se poda apoiar este ponto porque os órganos colexiados conforman a súa vontade en base a informes e consideracións obxectivas e non de profesións de fe. O que acabamos de asinalar non é en balde, máxime cando a LCSP foi reformada.
Canto ás facturas, que integran a relación de facturas nº1 por importe de 97.689,20€ que sofreu o reparo 4/2018 da intervención municipal, aparecen algunhas rexistradas e emitidas hai meses que non entendemos como, ao final do ano, non foron abonadas tendo en conta a orde de pagos. Tamén figuran da xestoría, facturas continuamente reparadas ao longo de todo o ano 2017 sen que ningunha medida fose adoptada para subsanar tales reparos polo que dificilmente se pode dar cobertura a este REC 1/2018.
A maiores, existen varias facturas que remiten a conceptos que deberían ser licitados por seren gastos de natureza periódica e recorrente no tempo que van alén do ano natural, tratando desde o Goberno todos os contratos municipais como menores e incorrendo nunha flagrante violanción da LCSP canto ao que dispón sobre contratos menores que, por certo, foi obxecto recentemente dun programa televisivo, que analizaba casos de corrupción e clientelismo nas institucións locais. Pésimo exemplo da Chantada mantendo estas condutas que foron reparadas en máis de 100 ocasións pola intervención no ano 2017.
Outras son pagamentos a entidades cívicas sen dispor dun convenio en vigor que dea cobertura xurífica, seguranza e aclare os direitos e deberes das partes que é o mínimo cando falamos de cartos públicos e relacións coas organizacións e entidades da sociedade civil.
O até aquí exposto resulta ser coincidente, en grande medida, co Informe da intervención sobre o expediente 241/2018 de 1 de marzo, que é o que agora nos ocupa. Dispón o citado informe:
• que non existe informe con proposta de resolución contravindo o artigo 175 do RD 2568/1986, de 30 de novembro;
• que se incumpre o Plano de axuste en vigor (aprobado por Inta, PSOE e PP) porque «abúsase dos contratos menores, tratando todos os subministros e servizos do Concello, como contratos menores», e, xa que logo; tamén se afirma que non se respeitan os artigos 23.3, 86, 109, 111.1 e 138.34 TRLCSP, do cal se derivan resposabilidades legais –até de tipo patrimonial– conforme a Disposición adicional 19ª do TRLCSP ou do artigo 8.1 da Lei Orgánica 2/2012.
• que se conclúe no informe que «son gastos repetitivos no tempo, dos cales Intervención non posúe documentación algunha, polo cal, estanse a fraccionar, xa que non hai constancia de que se sacaran a licitación».

En consecuencia, expómonos a adoptar un acordo con elementos constituíntes na súa natureza de dubidosa legalidade e sobre os que paira a nulidade de pleno direito. Portanto, solicitamos a votación nominal (art. 102 do ROF) e imos votar en contra.

O alcalde cerra as intervencións e di que, a pesar dos reparos, que van sobretodo ligados con Fenosa, que non sabe como se pode facer porque hai mil e pico luces de tanto alzado. Haberá que licitar con varias empresas, aínda que tamén quere dicir unha cousa, que hai moita xente no rural que muda de compañía e, ao pouco tempo, xa está descontenta. Gas Natural tamén contribúe con impostos ao Concello e os reparos veñen por isto e, ao mellor, os técnicos deberían dicir como se fai isto e non só pór reparos. Pasamos logo á votación nominal que vai ter o mesmo resultado ca sempre.

Votación nominal:

A favor: 3 (CUP e PSOE) Abstención: 2 (PP) En contra: 7 (Inta)

Votación:

A favor: 7 (Inta) Abstención: 2 (PP) En contra: 3 (CUP e PSOE).

 

3.- RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO 02/2018. (EXP. G-245/2018)

Documentación:

A secretaria lembra que se ditaminou favorabelmente este asunto en comisión informativa co apoio de Inta.

Desde o PSOE dise que aquí, a diferenza do anterior, non hai reparo, mais figuran facturas de menciñas desde o ano 2014.

O alcalde deféndese dicindo que foi erro do farmaceútico novo que non facturaba e tíñao alí acumulado.

O PSOE di que, contodo se absterá.

O PP di que se dan por enteredados.

Canto á CUP, neste caso, ao exposto no debate da epígrafe anterior, cómpre engadir  -como xa se fixo desde o PSOE- que existen facturas de anos anteriores, concretamente das anualidades 2016 ou até anteriores no caso das menciñas. Isto ten difícil explicación e non debería ter acontecido, sen que se xustifica suficientemente no expediente o motivo de chegarmos a esta situación nen a causa de que non se tramitasen nalgún dos numerosos REC que se aprobaron en 2017 desde o Goberno. Amais, o REC 2/2018 atinxe a Relación de facturas nº2 por importe 5.149€, fiscalizándose no FI 27/2018 de 1 de marzo [doc 1]. Cómpre engadir, que se o anterior REC facía referencia ás FAC nº 1 e este ás nº2 as nº 3, 4, 5 foron obxecto do RI 5/2018 de 6 de marzo indicándose que nestes 153.000€ se volve incumprir a LCSP e, por se isto fose pouco, afírmase que «o artigo 47.1.e) da Lei 39/2015, de 1 de outubro, que configura como nulos de pleno direito os actos ditados “prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente estabelecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados. Circunstancia confirmada polo artigo 32 TRLCSP». En consecuencia, non é sustentábel unha xestión baixo reparos e suspeitas permanentes, unha moi má xestión e un modus operandi que non partillamos, expóndonos a adoptar un acordo con elementos constituíntes na súa natureza de dubidosa legalidade e sobre os que paira a nulidade de pleno direito. Portanto, solicitamos a votación nominal (art. 102 do ROF) e imos votar en contra.

Votación nominal:

A favor: 3 (CUP e PSOE) Abstención: 2 (PP) En contra: 7 (Inta)

Votación:

A favor: 7 (Inta) Abstención: 2 (PP) En contra: 3 (CUP e PSOE).

 

4.- MODIFICACIÓN ORDENANZA FISCAL DA TAXA POLA REDE DE SUMIDOIROS E PREZO PÚBLICO POLA SUBMINISTRACIÓN DE AUGA. (EXP. G- 15/2018)

Documentación:

A secretaria di que o ditame é favorábel.

Desde o PSOE indícase que o informe de secretaría indica que non cabe recurso, mais alegación. A proposta ao Pleno non seguía o procedemento, o que é grave. Paradoxo que se viñese ao Pleno con dúbidas e non se aclarase. Remítese ás actas do Pleno de xaneiro e non se seguiron os procedementos e, por iso, non poden apoiar este ponto. Lembran o comportamento da empresa que deixa moito que desexar.

Medela di que o PP mantén a posición do Pleno anterior, xa que hai formalizado un contrato coa empresa e non entra en máis porque di que non nos compete.

Fente comeza perguntando se entendeu ben e, segundo a proposta ao Pleno, os novos valores apenas son computábeis dous meses após o acordo definitivo e publicación no BOP se a devindicación é bimensual? Entón a partir de xuño de 2018? [Susana Martínez di que a partir do 1 de maio de 2018] E como vai controlar o Concello que isto se cumpre… Curioso, en todo caso, que ningún grupo apoiara o noso voto particular, mais deba regresar ao Pleno dándose nos informes da secretaría e da intervención argumentos que, implicitamente, veñen a corroborar que as nosas dúbidas e argumentos expostos arredor desta cuestión eran certos (pp. 6-7 da Acta que aprobamos hoxe no primeiro ponto).
No ponto 2º do Informe 17/2018 de 1 de marzo da Secretaria municipal dáse a razón á CUP en tanto en canto as modificacións incorporadas ao comezo do pleno do 8/01/2018 non eran a subsanación dun simple erro material ao afectaren á data de devengo e aplicación do acordo –mudanzas provocadas polo voto particular da CUP remitido á CI e que non se tivo en conta–. A maiores, non consta na acta plenaria (non pode constar ao non producirse) que se ratificara a urxencia da mudanza. Por outras palabras, esmágase coa maioría absoluta o debate e a adopción de acordos obxectivos e fundamentados que defendan o interese común. Se se nos fixese caso, tería vido a este pleno, retirándose o ponto, e evitando todos estes problemas e ter que alegar o mesmo en tres ocasións (na CI, no Pleno e no período de alegacións) para rematar conseguindo que se respeite a legalidade e volta ao Pleno. Abondaba con lermos a documentación e o expediente, porque da súa simples leitura deducíase que había cuestións que clarear en aras do interese da cidadanía que é a quen se debe o noso grupo, pondo sempre os intereses colectivos por cima dos particulares.
O noso esforzo serviu en todo caso, tanto para facer ver que non se pode actuar coa forza da maioría sen atender á razón, e para librar dunha aplicación retroactiva aos cidadáns que, só pagarán as novas taxas 6 meses deste 2018 e non a anualidade inteira. A maiores, gardamos á administración local de confrontar un hipotético contencioso por incumprir a irretroactividade das normas, principio consagrado na CE de 1978.

Varela di que viríalle ben asistir ás CCII, pois son cousas xa faladas e debatidas e non teríamos que estar aquí aguantando cousas.

Votación:

A favor: 9 (Inta e PP) Abstención: 2 (PSOE) En contra: 1 (CUP).

 

5.- MODIFICACIÓN PUNTUAL DO PXOM NO LUGAR DE ALEMPARTE-MARIZ. (EXP. G-310/2017)

Documentación:

O expediente íntegro encóntrase agora a disposición da cidadanía para a súa consulta e para formularen as alegacións que estimen oportunas, se ben a semana seguinte ao Pleno non se subira aínda ao site do Concello de Chantada.

A secretaria, María Alvar, di que o ditame foi favorábel.

A voceira do PSOE comeza a quenda de intervencións, segundo a orde estabelecida, afirmando que a APLU ten fixación co Concello de Chantada. A documentación deixa claro que pasou, unha obra feita desaxustada con respeito ao proxecto que pode conducir a unha demolición. Isto condiciona o seu voto, a pesar da gravidade das cousas contidas no expediente. Sublíñase desde o PSOE que esta MP é diferente doutras por mor do informe da secretaría municipal, que afirma que non responde a un interese público e que se incorre en desviación de poder se se aproba esta MP. O PSOE ten que emitir o seu voto en función do único informe xurídico do que dispoñen, polo que non apoian. Contrasta que no pasado pleno a modificación do PXOU que se fixo si contaba cun informe externo da USC.

Javier Medela di que estamos aquí para solventar os problemas da viciñanza e que hai que axudar a esta familia e subsanar o erro, aínda que evidentemente cometeron un erro. O 7 de decembro de 2015 tivemos un caso semellante, debemos actuar dun xeito análogo. No PXOM aprobado inicialmente en marzo do ano pasado estaba contemplada esta modificación polo que van votar a favor.

Este expediente xa o consultamos cando estaba na Consellaría, se ben é certo que agora se fixeron algunhas mudanzas polos informes que chegaron. Deféndese a independencia dos funcionarios do Estado. Compartimos a dimensión humana e non a desporpoción do Leviatán do Estado, se ben Estado tamén é o Concello que debera vixiar e para iso cobra unhas taxas. O funcionamento urbanístico toda a vida en concellos como o de Chantada, non é precisamente un urbanismo do século XXI. Entón, hai unhas inercias, hai unhas crenzas, tamén por parte dos cidadáns de que “toda a vida se fixo así”, que nunca vai pasar nada. Até que un día chega a APLU, un organismo da Xunta, e denuncia. Cando esta acumula ducias de denuncias e a institución local, que tamén é Estado repetimos, non actúa e mira para outro lado créanse cerellos que crean uns problemas gordísimos que repercuten na cidadanía. O máis fácil é chegar aquí, dicir que apoiamos ao máximo, facer populismo -agora que está tan de moda a palabra-. Porén, cómpre ler as máis de cen páxinas do expediente para darse conta de que a pesar dos avisos da Consellaría sobre as previsións de crecemento isto non subsanou como indica o informe de secretaría ao existir unha única demanda de licenza, a da construción afectada. Isto xa acontecía no PXOM e volverá aflorar cando este continue a súa tramitación. Que se fixo? No documento de decembro, a diferenza do de febreiro, quitouse unha parte, mais segue habendo un problema por facer os proxectos a corre, porque podería tentar xustificarse un crecemento mínimo que atinxise parcelas interiores e unha exterior ou dúas ao sumo e non esta proposta totalmente sobredimensionada. Se se compara co PXOU do 85, sen crecemento algún por certo, é desproporcionado para alén de pagar solares inutilmente e van pór problemas seguramente por isto na Consellaría, que non poden estar por cima das leis e facer urbanismo á carta que bate coa comprensión oral que se poda ter. Aquí tamén entra a demora, porque isto tería que tramitarse antes e se co PXOM se coñecían os problemas de EPTISA solventalo antes e non andar con MP cando temos un PXOM en tramitación e as licenzas suspensas. Algo inaudito.

Varela di que a CUP está dicindo cousas que aclarou na CI, que se aconsellaron mal os proprietarios e que a licenza estaba ben dada, o Concello dá licenza sen perxuízo de terceiros. Hai este problema e non houbo alegación algunha co PXOU de Chantada por isto e foise falar con Urbanismo que pediu que reduciran o núcleo. Non hai trampa nin cartón. A xente é coma é.  Di que se hai alegacións habería que ver que pasa, mais tampouco é bo saber de todo. El só sabe que non sabe nada.  [Perguntámonos se entre as “aclaracións” está que, na acta aprobada unanimemente neste Pleno, recóllese (p. 9) que o alcalde recoñece que «até o de agora tratouse o uso de oficinas como uso comercial», ou sexa conscientemente incúmprese desde a institución local a lexislación que ela mesma emite, cando é quen debe velar e dar exemplo no cumprimento da lei. Isto ilustra como funcionan en Chantadas as cousas e o ponto que agora nos ocupa determina as consecuencias nefastas deste procedemento historicamente interiorizado na cultura política do ente local, mais propria da época de Cánovas e Sagasta, o século XIX, do que da Unión europea e o século XXI].

Córtasenos por parte do alcalde dicindo que este ponto xa está suficientemente debatido, eivándonos de acollernos ao artigo 92 do ROF solicitamos a retirada deste asunto e que volve ao pleno ordinario de maio, con informes que se centren na posíbel desviación de poder indicada no informe da secretaría, en relación coa documentación deste ponto da orde do día, e das dúbidas formuladas neste debate polo noso grupo.

Raquel do PSOE contéstalle ao PP que en ningunha MP constaba informe de secretaría como este.

Varela responde que se poden basear no informe técnico, que cando se trata de urbanismo el entende que prevalece o do arquitecto e que ten máis amparo legal. Cada un que pense o que queira [obvia que é a secretaria quen debe velar pola legalidade das actuacións do Concello e non o arquitecto municipal que opina sobre un proxecto simplemente].

Medela estamos para axudar aos viciños, estamos en fase inicial e vai haber alegacións.

Varela di que como está suficientemente debativo se pasa a votar.

Votación:

A favor: 9 (Inta e PP) Abstención: 2 (PSOE) En contra: 1 (CUP).

 

 

6.- MOCIÓN DE POR CHANTADA-CUP A PROL DUN NOVO ‘PLANO DE TRANSPORTE PARA A GALIZA” E DO ARRANXO DA 540 (EXP G- 246/2018).

Documentación:

 

Antom Fente exemplificou con esta imaxe as consecuencias terríbeis nos vehículos da viciñanza do calamitoso estado da N-540, que non é cousa de hai meses senón que é unha situación que se arrastra desde hai anos sen unha actuación enérxica das institucións locais da comarca.

A secretaria le os acordos.

A CUP defende a moción mediante unha exposición de motivos e mais fai referencia aos documentos 2 e 3.

Moitos pontos e moi diversos, di o PSOE: unha cousa é a 540 e outra o Casco antigo. Sómanse á reinvindicación. Nesta semana pasada varios altercados con vehículos na 540. Castigo e abandono do Ministerio nunha conexión de dúas capitais e afecta o Polígono. O PSOE foi o promeiro que apresentou unha moción sobre isto, aprobada por unanimidade, antes de que a CUP a levasen a outros sitios. Amais, na Deputación de Lugo e no Congreso. por medio de Margarita Pérez, tamén levaron iniciativas deste teor.  Acusan ao alcalde de actuar unilateralmente sen contar co PSOE que traballou arreo neste tema e dar imaxe de unidade. Critica ao PP. A Xunta debe propor mobilidade e modelo de país, mais non sabe se o problema será o primeiro modelo. AMPAS chantaxeadas polos horarios. Apoian a mesa. Pouco que dicir sobre varias cousas aquí en Chantada. Tamén afirman que a peonalización do Casco ía no programa eleitoral do PSOE polo que apoian.

Medela di que o PP ve que son moitos pontos, como o PSOE. Na 540 apoian e dille ao PSOE que o PP apoiou na Deputación e na Xunta esas peticións. Dise que cando o PSOE apoie os Orzamentos Xerais do Estado (OXE) executaranse os sete millóns. Nas antípodas deste Plano de transporte que propón o señor da CUP e comparten o da Consellaría e aumentou en máis de 700 liñas e sastisfacción nos usuarios.

Varela di que Inta rexeita a moción porque é un totum revolutum difícil de pillar por ningún lado. Prestaríase para traer 20 mocións, ponto por ponto. O da 540 por pedila debería estar xa feita. Na Xunta local de seguranza da Feira do Viño o subdelegado tamén falou dos OXE e di que as obras serán en abril-maio. Tamén pular pola autoestrada Lugo-Ourense. Nós non lle imos facer o traballo á Xunta, xa faremos alegacións. Poden facerse reunións. Aínda hai eivas, transporte escolar Nogueira-Chantada segue sen dar cobertura e servizo. Pontos interesantes que se viñesen ponto por ponto poderían apoiarse.

Votación:

A favor: 3 (CUP e PSOE)  En contra: 9 (Inta e PP)

 

7.-MOCIÓN DO PSG PSOE SOBRE A INSTALACIÓN DE ESTRUCTURAS PARA ANIÑAMENTO DE AVES. (EXP G-246/2018)

Documentación:

O PSOE expón os motivos que o levaron a facer esta moción.

O PP di que apoia.

A CUP tamén que apoia.

Inta di que van facer un estudo e ver onde estabelecer 3-4 pontos. Se callar coa mudanza climática rematan por ser unha especie de praga, como o xabarín que agora é unha praga. Apoian algo que pode ser un verdadeiro problema, coidado.

Votación:

UNANIMIDADE.

 

8.- MOCIÓN PSG PSOE SOBRE A REGULARIZACIÓN CATASTRAL E O IMPOSTO DE BENS INMOBLES. (EXP G- 246/2018)

Documentación:

A secretaria comeza indicando que o ditame da CI foi favorábel.

A voceira do PSOE procede a expor os motivos que a levan a defender esta moción. Di que o 0’6 de urbana lle parece axeitado e que o que propoñen é un acordo-marco, que logo debería concretarse a semellanza do que se fixo noutros concellos. Pasar de 0’4 a 0’3 en rústica. Noutro pleno xa trouxo a CUP a cuestión para de declarar o sector primario como estratéxico e así podermos aplicarlle as pertinentes bonificacións. Se agora o Concello está saneado como di Inta non hai excusa.

O PP di que ve complicado poder facer isto no medio dun plano de axuste co IBI afectado, aínda que eles apoian sempre baixar impostos [isto dio o do partido do Catastrazo, da conxelación das pensións…].

En nome de Inta o alcalde, Manuel Varela, di que hai que ser responsábeis con este tema, se a economía funciona pódese, senón non e, por iso, van facer un estudo. En rústica pouco suporía a baixada de 0,40 a 0,30 e, como as condicións económicas son totalmente saudábeis a pesar de estar en Plano de axuste, poderían liquidar a débeda de 1.600.000€ que ten aproxidamente hoxe o Concello de Chantada. O remanente de tesouraría é de máis de 2.000.000€, real, porque o total sería de 4.000.000€ [difícil manipular máis]. Baixando impostos para os cidadáns e para nós tamén. A revisión fíxoa o ministerio e Cadastro, non a imos facer nós. O Concello bótalle unha man a quen crea que estea mal feita a revisión. Na medida do posíbel tomaran medidas para xullo ou setembro, co fin de que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2019.

Desde o PP pídese un informe e simulación do que suporía.

Varela di que teñen que facer os números, que xa na CI lle botaron contas a baixar do 0’40 para o 0’30 en rústica son por volta de 20.000€. Bonificar 95% os establos teñen que calcular co censo e ver canto se recauda.

O PP afirma que afloraron máis de 200 expedientes en Taboada coa bonificación do 0’40 (e non do 0’95 como pide o PSOE), ou sexa afloraron novos establos polo que se aumentou así a recaudación.

O PSOE defende que outros concellos con plano de axuste tomaron medidas e aplicaron bonificacións. Por que non se sae do plano de axuste?

O alcalde di que para iso hai que cumprir todos os parámetros, que xa o intentaron unha vez e non o conseguiron [en 2016 aínda co anterior interventor e cun desenlace do que xa advertimos desde a CUP].

A interventora accidental, Susana Martínez, di que é imprescindíbel liquidar a débeda [contraída na secuencia do pago a provedores e polo que se entrou no Plano de axuste].

Desde a CUP pídese a plabra, que aínda non se lle concedera a pesar das numerosas intervencións dos restantes grupos o que contrasta logo cos tempos e cos cortes que sufrimos en todos os plenos. Lémbrase que o Catrastrazo comeza cunha lei de Aznar do 2003 [o que serve de excusa a Inta para interromper a intervención] e que coa crise se aplicou para sanear as contas municipais e as débedas contraídas nos tempos de alegría mediante planos de axuste. En setembro de 2015 xa o PSOE trouxera unha moción nun sentido análogo á de hoxe. Inta votou en contra. En marzo de 2016 instamos desde Por Chantada a tomar medidas estudando o que se estaba facendo daquela en concellos como Lalín ou Silleda. Non se fixo nada. Despois, pedimos tamén que se contratase unha empresa para asesorar a xente que xa bastante tiña con pagar como para gastar tamén para reclamar e facer valer os seus direitos: tipos de usos, ponencias de valores e todas estas historias. En maio do 16, Por Chantada-CUP trouxo ao Pleno unha Moción apresentada polo grupo Por Chantada-CUP en maio de 2016 para declarar o sector agro-gandeiro como actividade económica de espeical interese ou utilidade municipal e impulsar unha nova ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmóbeis, incluso cunha proposta de ordenanza no sentido das bonificacións e medidas que hoxe novamente se piden aquí e que tampouco foi apoiada naquel intre. Un tema candente que percorreu toda a lexislatura e sobre o que sempre solicitamos medidas sen que se fixera nada ao respeito e o pasotimos do Goberno é indiscutíbel. Se imos ver os informes de seguimento do plano de axuste o que se nos dixo en todo momento, até cando se foi ao PEF, é que coa suba do IBI non había nengún problema entón veulle moi ben. Agora con estes pagos retroactivos estamos falando de máis de 900.000€ que van vir moi ben no ano eleitoral de 2019. Máis de 200.000€ por ano.

Varela di que non.

Fente retrúcalle que son dados de Cadastro e que, en todo caso, tornen públicos os documentos de Cadastro para ver o que é ou deixa de ser.

Varela di “si home si”.

Canto suporía baixar o 0’1 o tipo da urbana pergunta retoricamente Fente. 260.000€.

Da urbana pergunta a voceira do PSOE.

Fente di que si, que a rural apenas son en total algo máis de 100.000€ anuais.

Varela di que son noventa e pico mal.

Fente corríxeo, dicindo que agora son máis segundo as liquidacións de 2016 e 2017.

A interventora confirma  mutatis mutandis as magnitudes económicas dadas pola CUP.

Desde a CUP afírmase que non hai xustificación de ningún tipo para non aceptar daquela a proposta de declarar o sector primario como estratéxico. 100.000€ de rústica nun orzamento anual de máis de 6 millóns de euros e con bonificacións que deben pedir quen ten a actividade agraria, polo que non era unha rebaixa fiscal desmesurada. Inexplicábel.

 

Varela intervén novamente para acusar, nun exercicio de demagoxia claro ao bipartito de cobrar  60.000€ en 2016 polo Centro de día e a Escola infantil e que, polo tanto, eses 100.000€ compren. Agora por cada praza no Centro de día o Concello paga 1.600€ e por cada crianza 900€ á Xunta da Galiza. Hai que facer eses números cando falamos destas cousas. Amais, non podemos superar o teito de gasto polo que non imos apoiar esta moción.

Retruca Fente mencionando a execución orzamentar, que se desprende da Liquidación de 2017 que vén hoxe ao Pleno, e os máis de 800.000€ que ficaron sen executar. Entón cartos debe haber cando lles sobran 800.000€ e os deixan sen executar.

Varela di que teñen un teito de gasto e que non poden incrementar o gasto máis do 2,4%. Que queren que faga? Reta ao voceiro da CUP a ocupar o seu lugar e que gaste o que queira e entra pola porta do xulgado.

Fente lémbralle que no ano eleitoral de 2015 superou o teito de gasto e non foi ao Xulgado [máis de 600.000€ gastados sen contrato e de palabra con dúas empresas en camiños, cuxas facturas foron declaradas nulas de pleno direito polo proprio Concello e polo Consello Consultivo da Galiza]. Apoiamos a moción.

Varela di que reciben a luba da moción para xuño ou setembro, o que non van é aprobar a moción nos termos en que vén, porque non se poden comprometer xa.

 

Votación:

A favor: 3 (CUP e PSOE) Abstención: 9 (Inta e PP).

Apróbase por maioría simple por erro de Inta ao votar, non se atreven a pedir unha nova votación. O voceiro do PP invoca unha cuestión de orde para perguntar se a moción fica aprobada e o voceiro da CUP di que si ao existir maioría simple (3 votos a favor e 9 abstencións), extremo que confirma a secretaria ao perguntarlle o alcalde pola maioría simple. Varela recoñece que é unha metedura de pata. Raquel dille que traia a proposta para xuño.

 

9.- MOCIÓNS E ASUNTOS DE URXENCIA.

Non se rexistran, aínda que o PP di que tiñan unha sobre a cadea perpétua revisábel.

PARTE DE CONTROL DA XESTIÓN

10.- LIQUIDACIÓN ORZAMENTO 2017.

Decreto 82/2017 Liquidación orzamento

Fiscalización de intervención 21/2018 

Fiscalización de intervención 22/2018 sobre a estabilidade orzamentar da Liquidación 2017 

Sobre este asunto perguntan desde o PSOE porque non veu a Pleno para ser aprobada, que anteriormente viña nos anos que ela leva de Concelleira.

Varela di que a Liquidación do orzamento é o ponto 10.

O PSOE di que porque non o traen a Pleno, que xa sabe que non é obriga mais que ten vido.

O PP di que mesmo houbo algún pleno monográfico sobre iso.

Fente intervén para aclarar que o que vén a Pleno é a Conta Xeral, que a liquidación sempre se aproba antes do 1 de marzo, segundo o TRLFL.

Susana Martínez corrobora o anterior.

O PP roga que se lle faga caso á intervención e as súas recomendacións sobre a contención do gasto e pergunta polos 2.000.000€ de remanente de tesouraría e o seu destino.

Varela di que veremos se lles deixan investilos, as previsións son que si que os van deixar.

11.- DACIÓN DE CONTA DE RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA.

 

12.- DACIÓN DE CONTA DE REPAROS DE INTERVENCIÓN 1 A 5 DE 2018.

 

13.- DACIÓN DE CONTA PLAN DE AXUSTE 4º TRIMESTRE 2017.

 

14.- DACIÓN DE CONTA PERÍODO MEDIO DE PAGO 4º TRIMESTRE DE 2017.

PERIODO MEDIO DE PAGO PROVEEDORES 4º TRIMESTRE 2017

O PSOE di que o PMP se disparou até ultrapasar os 70 días.

Susana explica isto polas facturas de 2016 que se pagaron co SC de novembro de 2017.

Varela di que isto distorsionou o PMP que andaban en 13-14 días.

A CUP di que o PMP está outra vez fóra dos límites legais.

15.- DACIÓN DE CONTA INFORME DE MOROSIDADE 4º TRIMESTRE DE 2017.

Informe morosidade 4º Trimestre 2017.

Lembra a CUP que son máis de 358 pagos feitos fóra do período legal, a maioría pequenas empresas e provedores locais. E 214 pendentes fóra do prazo legal, ou sexa, máis de 500 pagos fóra do prazo legal! Se aínda por riba se gaba Inta  de que hai cartos cando falamos de máis de 800.000€ de atrasos pois algo falla na xestión.

 

16.-DACIÓN DE CONTA EXECUCIÓN TIMESTRAL 4º TRIMESTRE DE 2017.

 

17.- ROGOS E PREGUNTAS.

11.1.- Rogos e perguntas PSOE

11.1.1.- Contratacións en fraude de lei.

Que conste en acta o referido pola intervención sobre as contratacións en fraude de lei que fai o Concello de Chantada.

11.1.2.- Relación de Postos de Traballo (RPT)

Contrataron unha empresa.

Varela di que xa fixeron as entrevistas e que a proposta a farán en 3-4 meses.

11.1.3.- Decreto 362/2017: pago a Confederación Hidrográfica.

Imaxina que é por un regato que se canalizou na rúa do Rego. Agora para evitar máis problemas levantouse.

11.1.4.- Denuncia da viciñanza do 16 de outubro de 2017 a unha empresa de transportes. Que se fixo desde o Concello e como se encontra a cuestión?

Di que non se dá conta o alcalde.

Aclara a voceira do PSOE erguéndose e ensinándolle a documentación.

Varela di que enviaron os servizos técnicos para ver se esa empresa pode regularizar a actividade e comentoúselle que non. Agardan da Consellaría pertinente a denuncia que lles meteron.

11.1.5.- Informe solicitado polos grupos da oposición sobre Viaqua.

Faltaban  dados doutras vendas de auga.

Varela di que Viaqua informou que vendera a esta empresa, mais a policía local incriminaba a outras dúas a maiores. Non pode asegurar se fixo negocio.

Os informes cando se encargaron?

O alcalde di que viu el mesmo a Cooperativa Lemos e que a policía local ten dados doutras. Debían ter constancia que isto se fixo antes da denuncia do PSOE.

A voceira do PSOE di que entón isto é máis grave.

Varela di que foi despois do aviso, que se lles mandou controlar.

Entón seguiuse producindo despois da denuncia a venda

Non paralizouse entón. Non aclara ben o alcalde de cando é o informe nen cal foi a secuencia dos acontecementos.

A secretaria di que non sabe cando pode facer o informe.

Varela di que non pode ser outro que o que de a empresa adxudicataria.

11.1.6.- Limpeza na praza do Cantón após as feiras. A situación non mudou.

Varela di que fale con propriedade que é un viciño, non viciños.

Raquel di que é un negocio e un viciño.

Varela di que fixeron algo xa.

11.1.-7 Rogo estrada A Ponte-Gasolineira.

Adxudícase mañá ou a quinta-feira di Varela. Non sabe se vai no plano da Deputación ou no da Xunta.

11.1.8.- Plano único. A prórroga remata o 21 de marzo, imos lentos.

Varela di que van ben.

11.1.9.- Noraboa ao concelleiro de cultura pola Feira do viño e celebrar o ponto de recollida de animais.

11.1.- Rogos e perguntas PP

11.2.1.-Ordenanza de plantacións no Concello. No capítulo 5º prohibe plantar árbores nos socalcos, mais están proliferando plantacións, nomeadamente de oliveiras. Concretamente di “prohíbese a plantación de calquera tipo de árbore nas ladeiras do río Miño nas zonas destinadas a viñedo”. Pide vixilancia se imos ser BIC. O olivo pode ser unha planta ou un frutal…

11.2.2.- Asesoramento legal externo. Sempre se encomenda o Concello aos Servizos xurídicos da Deputación, mas na reforma do PXOU do anterior pleno non se solicitou contratando informe externo.

Varela di que non mostraron interese estes servizos.

11.2.3.- Decreto 48/2018: subvención para o proxecto de azude por importe de 86.000€.

Varela di que é para legalizar a captación de auga de Chantada.

Medela pergunta polo alumeado do polígono.

Fente aclara que é de poupanza enerxética.

11.2.4.- Decreto 84/2018: contrato JL Consulting para RPT. Non a facía a Deputación?

Varela di que ía moi lenta a cousa, porque teñen varias. Aínda andan coa de Monterroso e que anda levantando todos os meses reparos polas nóminas sen necesidade. Esta empresa xa fixo en máis de 100 concellos RPT. Di que, aínda así, está contente coa Deputación de Lugo e coa axuda desta ao Concello.

11.2.5.- Decretos 94  e 95/2018 programas Musiqueando e Buxiganga. A Deputación dá axuda para a Escola de música como noutros Concellos?

Diéguez di que non lle consta.

Medela di que se pida, que Chantada non vai ser men0s.

11.2.6.- XGL do 16 de xaneiro de 2018: contrato emnpresa de limpeza en centros educativos.

Varela di que segue a empresa actual até que se volva licitar.

11.2.7.- Existe algún expediente sancionador na traída do Polígono?

Varela di que non, que só coa estación de bombeo. Alí suminístrase coa captación de pozos [feitos sen permiso da Confederación o que nos custou unha multa importante].

11.2.8.- Praza de Santa Ana.

Varela di que cómpre agardar o bon tempo para facer as obras e que están estudando o tratamento con formigón impreso.

11.2.9.- Excrementos caninos.

Varela di que é incríbel, que non lle fale diso.

Medela insta a adoptar medias.

Varela di que dá pena.

11.3.1.- Rogos e perguntas CUP

11.3.1.Vertedoiros incontrolados.

A pesar de que nesta lexisaltura a cidadanía impulsou a limpeza dos vertidos incontrolados non nos consta que se adoptaran medidas encamiñadas a erradicación dos existentes nen a prevención da formación de novos vertidos.

Non existe unha ordenanza que regule unha problemática crecente que vai ter un impacto negativo crecente na promoción integral do patrimonio natural, material e inmaterial do país do Faro.

Concretamente, traemos algúns dos vertidos que, nos últimos tempos, teñen suscitado unha maior atención e rogamos que se adopten medidas ipso facto para a súa eliminación e prevención de novos vertidos deste tipo.

a.- Na estrada provincial entre Vilardamos e Trasar, xa no límite co termo municipal de Carballedo existe un grande vertido e varios menores na área do monte da Purreira.

b.- Entullo de obra e plásticos no cruce da aldea de Lamela de Abaixo coa pista de Camporramiro a Pereira. Foto cedida polo xornalista Roi Fernández.

c.- Entre a aldea de Lamela e o polígono dos Acivros na freguesía de San Salvador de Asma. Foto cedida por Roi Fernández.

d.- Entullo no Monte da Serra en Pradeda (Pereira).

e.- Capela do Faro: restos de lixo das romarías de agosto e setembro.

f.- Colchóns no Alto de Ramos. Refere a viciñanza que levan alí varios meses.

Varela fala de educación e denunciar, mais non concretan ningunha medida. Din que o do Faro non puido ser da romaría, senón noutro momento. Non se van ter 100 policías locais. O de Carballedo que o quite Carballedo, en Chantada di que non pode haber ningún que leve anos, xa que cada pouco tempo os limpan todos.

Castor di que por riba do Ponto Limpo tamén enchen todo e a 20 metros hai un vertido recente.

Facer un bando informativo para a recolla no rural de lixo.

11.3.2.- Caixas do lixo na rúa da Paz. Nesta lexislatura retiráronse caixas do lixo, concretamente tres, da rúa e da praza da Paz, concretamente unha estaba xunta ao Román e outra por onde o Cedrón. Pasaron xa máis de dous anos e a viciñanza quere saber cando é que van devolver estas ou substituílas.

Castor di que están para arranxar, poranse agora na primavera.

11.3.3.- Valedora do pobo praza da Paz. Sen movernos desa praza vimos na acta da XGL do 16/02/2018 que a Valedora do pobo se interesou polos problemas de saúde pública que provoca a situación de abandono e má sinalización que sofre esta zona, cuestión que xa denunciamos no pasado pleno e que, tocante ao tránsito, podería aplicarse por analoxía a outras áreas da vila con problemas de índole semellante. Na resposta falan dun acordo do 4/4/2017 que tomaron desde Inta en XGL e que, a día de hoxe, segue sen executarse. Cando teñen pensado pintar e sinalar correctamente esa zona? Rogamos que se faga coa máxima urxencia.

Diego Otero fala dun informe da policía local sobre sinalización e pintados.

Varela di que a Valedora vén o día 22 de marzo e quere reunirse coa Corporación.

11.3.4.-Baldosas beirarrúas Xoán XXIII e anexas. Recebemos queixas da viciñanza porque se empregaron baldosas de reposto que son bastante escorregadizas e perigosas. Que criterios seguiron para empregar este tipo de baldosas?

Castor di que non se substituíron. Varela fala dos traballadores do RISGA contratados e a súa actuación na Avenida de Monforte.

11.3.5.-Estrada de saída para Lalín. Por seguranza vial o Concello debe encarregarse de conseguir que se pinten as liñas antes de pasar Centulle, xa que con néboa varios usuarios referen que puxeron en risco a súa integridade. Especialmente existen queixas do estado tamén da rotonda que liga a N-540 co corredor rápido até o Faro en días de néboa, ao estar sen pintar nen correctamente sinalizado con material reflectante.

11.3.6.- Acto de concialización por despidementos improcedentes no xulgado após denuncia de traballadores municipais.

Non sabe sobre o acto de conciliación.

11.3.7.- Mámoas Monte da Cabeza do Faro.

Falou co alcalde de Rodeiro, Luís, e quedaron de ir alí, mais aínda non foron. Eles pensan que son deles.

11.3.8.- Plano orzamentar a medio prazo. Rogamos que se remita sen sinatura.

11.3.9.- Alegación BIC do Concello, en que consiste?

Poñen un tipo de adega para calquera parcela e queren que quere difinido que tipo de adega e para que tipo de parcela. O que defende Inta é que a máis metros e terra maís grante a construción e a adega.

11.3.10.- Execución forzosa camiño en Laxe. Foron 4 empregados municipais e non se fixo nada. Como é o tema?

Complicado o tema, di Varela, sobre todo para quen non deixou facela.

Mais se é público como é que non se deixou facer, ou entrouse en terreo privado.

Varela di que non que é un terreo público que ficou da concentración parcelaria. Deixan cada tomate… O señor que o aproveitou até agora púxose diante da pala.

Vanse aplicar as paralizacións en temas urbanísticos coa mesma premura e procedemento? Varela di que non se lembra cales di. Fente retruca que unha até hai unha modificación do PXOU en marcha relacionada con ela. A paralización está acordada e a secretaría di que os actos administrativos teñen que ser executados de inmediato. Varela di que non.

11.3.11.- Reinaguración parque eólico Malpica o 5/02/2018.

O Concello de Chantada e Malpica fixeron unha irmandade. O ex-alcalde estivo na Feira do Viño incluso. Convidoúselle para ver o que se pode facer en Chantada, reducindo aeroxeradores producir máis potencia. Pode facerse aquí dentro duns anos, sobre 2023. Neste momento non hai nengún proxecto en marcha.

11.3.12.-. Iberólica de Abella saíu no DOG con sede social na AV. de Lugo, 26, 3º en Chantada. Hai algunha licenza outorgada a esa empresa?

Pode ser alguén que traballa en Alemaña nunha transnacional e van promover un parque que colleron entre varios socios. Diso sabe moito un cidadán de San Vicente de Argozón.

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s