No Día nacional da Galiza apresentamos reclamación contra a aprobación do SC 2/2018 por valor de 630,406,65€ en concepto de indemnización a dúas empresas (Fevisa e Oviga) por obras contratadas verbalmente en maio de 2015. No comezo da lexislatura puxemos o grito no ceo con esta cuestión, sendo unha das primeiras e principais batallas que mantivemos desde Por Chantada-CUP na defensa dos intereses do común.
Como sempre defendemos, as facturas foron declaradas nulas de pleno direito, decisión ratificada polo Consello Consultivo en 2016 ao abeiro do artigo 47.1.e) da Lei 39/2015, de 1 de outubro, que configura como nulos de pleno direito os actos ditados «prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente estabelecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados» e, xa que logo, é mester a depuración de responsabilidades por neglixencia grave que atinxe á facenda pública local, a anulación de oficio do SC e a súa remisión ao Consello Consultivo da Galiza e ao Tribunal de Contas.
Inta pretende, así, indemnizar as empresas sen descontar o beneficio industrial das facturas nulas de pleno direito fundamentándose nun informe do arquitecto, segundo o qual as empresas privadas farían as obras contradas verbalmente e adxudicadas a dedo, a perdas. Un caso único, certamente digno de estudo.
Novamente, toca aos chantadeses pagar a factura da desastrosa xestión e o pouco respeito pola Lei de Contratos do Sector Público e demais lexislación do alcalde Manuel Varela.
Podes consultar a nosa reclamación íntegra (PDF) premendo na seguinte ligazón:
Reclamación de Por Chantada-CUP na fase de exposición pública ao Suplemento de Crédico 2/2018