Nova entrega do Observatorio da Inversión Pública de Por Chantada-CUP. Desta volta, divulgamos as conclusións dun estudo sobre os servizos sociais no conxunto do Reino de España intitulado Valoración del desarrollo de los servicios sociales por Comunidades autónomas e de cuxa autoría responde a Asociación estatal de directores e xerentes de Servizos Sociais . Canto a Galiza, cómpre dicir que a nosa nación ocupa o posto 13º na clasificación estatal no desenvolvemento do Sistema Público de Servizos Sociais. Após anos de continua regresión en 2017 rexistrouse unha evolución lenemente positiva, mais aínda por baixo dos níveis de 2012 e xa nen falemos dos níveis precrise. De facto, a inversión das AA.PP galegas manténse sen apenas variacións desde 2015 e a calificación global para 2017 é débil (4.17/10).
Así as cousas, o gasto por habitante/ano do conxunto dos concellos, deputacións e da Xunta en 2016 foi de 274.91€, inferior ao que se rexistraba en 2011 que era de 278.09€, e moi por baixo da medida do conxunto do Estado, que é de 339.69€. Asemade, a porcentaxe do PIB galego que representa esta inversión é de 1.29, unha décima por baixo do rexitrado en 2011 (1.30) e sensibelmente inferior á media do Estado (1.42). Isto, non se explica sen a hexemonía dos partidos da dereita, tradicionalmente contrarios a políticas públicias sociais fortes a pesar do crecemento da desigualdade no seo da nosa sociedade, mais tamén a algúns gobernos locais que se autositúan na esquerda mais sen desenvolver políticas que conecten cos valores e principios ético-políticos históricos da esquerda.
A atención á dependencia ten unha cobertura para 2017 de 6.4% da poboación potencialmente dependente, lonxe do 8.5% da media estatal. A porcentaxe de desatención, o denominado Limbo da Dependencia, é de 26.5%. Tamén se observan importantes eivas nun terreo que achamos fundamental como é o das Rendas Mínimas de Inserción, que pasou de ofrecer unha exígua cobertura de 7.1% da poboación en risco de pobreza en 2014 a tan só 6.1% en 2015, por debaixo da media estatal de 8.7%. Outro déficit notábel é o das prazas residenciais para persoas maiores, co agravante do aumento do gasto pola aposta do privado fronte ao sistema público. A cobertura é de 1.08% fronte 2.16% da medida estatal e no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) os dados son máis converxentes coa medida estatal (3.2% na Galiza fronte 3.8% no conxunto do Estado), non así na teleasistencia (0.85% fronte 2.74%).
O estudo incide en que <<o principal desequilibrio do Sistema Público de Servizos Sociais na Galiza é o que denominamos “direitos de papel“, é dicir, un Sistema ben ordenado (Lei, Catálogo, Plano estratéxico, boa integración entre administracións…), mais unha relevancia económica debil e, sobretodo, unha cobertura moi limitada de prestacións e servizos. En consecuencia, o estudo formula as seguintes recomendacións:
- Incrementar a inversión social por parte das AA.PP (Xunta e entidades locais, incluídas deputacións nestas) co horizonte de achegarse, cando menos, á medida estatal. Para este fin, o conxunto das AA.PP galegas deberían incrementar 23.6% dos seus actuais orzamentos, o que supón invertir cada ano 176 millóns de euros máis en Servizos Sociais.
- O anterior incremento orzamentar debería destinarse prioritariamente a:
- Mellorar a cobertura e dotación do Sistema de Rendas Mínimas de Inserción (SRMI) e desenvolver unha Lei de Rendas Mínimas na Galiza, que fundamente este incremento da cobertura e o axeite ás novas situacións de pobreza, nomeadamente aquelas que non están necesariamente vencelladas a situacións de desarraigamento ou exclusión.
- Continuar incrementando a cobertura do Sistema de Atención á Dependencia (SAD), reducindo a porcentaxe de desatención que segue afectando a máis dunha cuarta parte das persoas que teñen recoñecido o direito a recibir prestacións ou servizos do Sistema (26.5%).
- Incrementar a oferta de prazas residenciais públicas para persoas maiores, xa que a ratio da Galiza (1.08 prazas por cada 100 pessoas) é das máis baixas do Estado.
- Incrementar o servizo de teleasistencia.