A candidatura de unidade popular Por Chantada componse de veciñas e veciños que non se resignan a que o país do Faro esmoreza. Durante catro anos demostramos con traballo e propostas que existen alternativas e ideas realistas para xestionar mellor o noso concello e denunciamos todo aquilo que perxudicaba os nosos intereses colectivos como pobo. Esa foi e segue sendo a nosa filosofía. Unha política desde as persoas e para as persoas asentada na ética e non na política-espectáculo e nas promesas baleiras de contido.
Catro anos despois, após ser o grupo que máis iniciativas e propostas elevou ao Pleno, temos o pracer de partillar con vós Unha alternativa integral por Chantada, o noso programa para as #municipais19, aprobado definitivamente na concurrida asemblea do pasado sábado 13 de abril. Antes de máis queremos agradecer o elevado volume de achegas e a participación durante todo o proceso, que foi aberto a todas aquelas persoas que o desexaron: ora presencialmente, nas nosas xuntanzas, ora por vías telemáticas. Isto posibilitou un grande debate encol das propostas e, desta arte, foron máis dun cento de emendas coa participación de máis de cen militantes e simpatizantes nas diferentes xuntanzas que mantivemos até a súa fasquía actual, un volume de achegas e participación sen precedentes na política local que abala a nosa aposta pola participación cidadá e a democracia de base.
Agardamos que todas e todos vos sintades reflectivos nel e podermos contar co voso apoio para dotar a Chantada dun goberno das viciñas e dos viciños, que responda aos diversos desafíos que temos por diante.
Accede e baixa o noso programa (PDF): Unha alternativa integral por Chantada_Programa municipais 2019
1. Política social. Progreso e futuro sen deixar ninguén atrás.
Chantada debe incrementar o gasto social por habitante para axeitalo ás necesidades realmente existentes, converxendo coa media dos concellos cunha entidade semellante á nosa. Loita contra a pobreza, nomeadamente pola erradicación da infantil no termo municipal. Defensa dos grupos sociais máis desfavorecidos e vulnerábeis.
1.1.- Estabelecer unha taxa municipal nas instalacións de transporte de enerxía e outras medidas fiscais para financiar un Plano de emerxencia social. Asinar o convenio da FEGAMP para garantir a luz e o gas nos fogares en risco de exclusión.
1.2.- Impulsar un Regulamento de axudas de emerxencia social, transparente, xusto e público.
1.4.- Creación dunha bolsa de vivendas de paso através da rehabilitación de vivendas.
1.5.- Reforzo dos servizo de SAF (Servizo de Axuda no Fogar) e do Centro de día para ampliar a súa cobertura.
1.6.- Exixencia dun novo módulo para o Xardín de Infancia municipal, xa que Chantada conta coa segunda listaxe de agarda máis alta de Lugo a pesar do noso problema demográfico.
1.7.- Apoio total ás demandas das traballadoras do PAC de Chantada: loita por unha segunda ambulancia e un servizo digno de pediatría e fisioterapia.
1.8.- Reclamar a xestión pública do xeriátrico de Chantada.
1.9.- Sinatura de convenios e apoio económico cos colectivos sociais chantadeses que ofrecen servizos para a cohesión social.
1.10.- Reclamar a cesión ao Concello das vivendas do Cantón construídas para alugueiro.
1.11.- Impulsar un Banco de alimentos con produtos locais e políticas de residuos 0.
2. Mobilidade e transportes. Por unha Chantada accesíbel e segura para tod@s.
A recuperación do transporte público interurbano e a modernización dos espazos públicos son un imperativo que debemos afrontar para incorporarnos paulatinamente ás demandas das normativas galega, estatal e europea sobre mobilidade e seguridade vial.
2.1.- Peonalización integral do casco histórico favorecendo os servizos aos negocios existentes e o desenvolvemento da vida cidadá na zona.
2.2.- Impulso tanto do transporte baixo demanda, redactando un proxecto de axudas municipais para facilitar a mobilidade desde o rural, como de medidas institucionais para recuperar e incrementar as rutas de autocares con destino ás cidades galegas.
2.3.- Creación do Camiño escolar seguro con medidas que faciliten a autonomía do alumnado no acceso aos centros escolares.
2.4.- Redución da velocidade máxima permitida para vehículos en zonas conflitivas a 30 kms/h., e 20 kms/h. naquelas rúas con plataforma única de calzada e beirarrúa.
2.5.- Eliminación inmediata de barreiras arquitectónicas e de mobilidade: altura das beirarrúas, macetas en desuso, semáforos non funcionais, etc. Incremento paulatino do ancho das beirarrúas, elevación paulatina de pasos de peóns e cruces que favorezan a preferencia peonil, elevación inmediata dos sinais de tráfico que incumpren a normativa de altura (2´10m.) e eliminación do tránsito nos puntos perigosos da vila onde non altera extraordinariamente a circulación: treito da Praza dos Catro Camiños que vai por diante do Casino, interior do Parque Eloísa Ribadulla e Rúa Castelao.
3.- Urbanismo. Por unha Chantada habitábel e atractiva.
Un urbanismo pleno, do século XXI, debe pór en valor o mellor do noso pasado e prepararnos para crear unha contorna atractiva para o futuro. Esta necesidade deriva do direito que teñen os cidadáns a vivir nun entorno que favoreza as relacións sociais, a gratificación que implica un entorno esteticamente agradábel,cómodo e seguro. Chantada non pode esperar máis para solventar as súas graves eivas urbanísticas por mor da ausencia de planificación.
3.1.- Desenvolver con urxencia unha reconfiguración racional do PXOM e do PEP de Chantada.
3.2.- Fomento da rehabilitación e as enerxías renovábeis a través de bonificacións e asesoramento.
3.3.- Adopción de medidas xudiciais para solventar, dunha vez, o lamentábel espectáculo do edificio propiedade do SAREB na Praza de Santa Ana.
3.4.- Plan de humanización para diferentes zonas da vila que precisan especialmente de actuacións urbanísticas que permitan recuperar o atractivo e a racionalidade da vila no seu conxunto.
3.5.- Suprimir o tránsito pesado polo centro do casco urbano en determinadas franxas horarias.
3.6.- Plan de recuperación para a Praza de Santa Ana, antigo centro da vida urbana da vila e convertida hoxe en circunvalación e aparcadoiro.
4. Emprego. Partir das potencialidades para construír emprego digno.
Precisamos innovar partindo do que sempre foi o noso sinal de identidade: a produción de alimentos de primeira calidade.
4.1.- Impulsar o Polígono dos Acrivros pondo o foco na transformación de produtos alimentares para así crear unha rede que active a retroalimentación e o converta en referencia.
4.2.- Impulso dunha cooperativa, participada polo Concello, que permita o tratamento e envasado de mel, conservas de produtos da horta… dos nosos produtores locais cun selo propio de calidade.
4.3.- Estimular á creación de postos de traballo con beneficios fiscais. Tamén tendo en conta a creación de postos de traballo locais en todas as adxudicacións de obras e/ou servizos.
5.- Educación. Por unha Chantada comprometida coa educación pública.
A modernización dos procesos educativos ten que ser unha aposta firme e decidida para a mellora da calidade de vida no noso Concello, permitíndonos ampliar as oportunidades das crianzas e da mocidade e dispóndonos a afrontar con optimismo os novos retos sociais.
5.1.- Creación inmediata do Consello Escolar municipal.
5.2.- Ampliación das bolsas de apoio ao transporte d@s estudantes de ensino postobrigatorio público, acompañado de bonos, pulando para que a Xunta da Galiza inclúa esta realidade no Plan de Transporte da Galiza, así como a mellora dos pésimos horarios do transporte público.
5.3.- Creación dunha liña de bolsas en colaboración coas universidades galegas para o estudo local (patrimonío, etnografía…), o arquivo municipal e o servizo de normalización lingüística de investigación para graduados universitarios.
5.4.- Protección da actual oferta educativa en educación infantil, primaria e secundaria e solicitar a creación de itinerarios que permitan que o alumnado de Bacharelato reciba unha formación acorde cos seus intereses persoais, académicos e profesionais.
5.5.- Pór en funcionamento nos centros de infantil e primaria, en colaboración coas AMPAS, dun servizo de almorzos saudábeis para as familias que o precisen en colaboración con produtores da zona.
5.6.- Posta en funcionamento da Escola de Familias no marco do Programa de Educación Familiar municipal: a) Mellora e reforzo da Oficina de asesoramento ás familias e b) formación específica para familias.
6.- Infancia. Por unha Chantada que mima o seu futuro.
O compromiso do Concello cos direitos da infancia é inaprazábel. Temos a responsabilidade histórica de construír unha Chantada amábel para as crianzas, que permita a súa progresiva autonomía e que escoite a súa voz, pois sen elas non hai futuro.
6.1.- Creación do Consello Municipal da Infancia, como órgano consultivo do goberno municipal para asuntos relacionados coa infancia, no que participará a rapazada matriculada en Primaria e Secundaria dos centros educativos do Concello.
6.2.- Adecuación dos espazos públicos (rúas, prazas e parques) ás necesidades de accesibilidade, seguridade e movemento autónomo da infancia.
6.3.- Mellora urxente das instalacións dos centros educativos de infantil e primaria, especialmente patios, baños e comedor.
7.- Mocidade. Por unha Chantada con futuro e ideas anovadoras.
O concello debe ter como prioridade as políticas dirixidas á mocidade como garante da estabilidade demográfica, para o que propomos diferentes iniciativas que faciliten as accións dos máis novos como «axentes críticos de cambio e transformación», no marco da Axenda 2030 de desenvolvemento sustentábel proposta pola UE e as directrices europeas de prevención de condutas aditivas e emprego xuvenil.
7.1.- Creación dun viveiro de empresas para a mocidade residente no Concello, permitindo o acceso a recursos-lanzadeira para o autoemprego e o emprego solidario.
7.2.- Programa de voluntariado no campo cultural, nomeadamente en relación co Patrimonio e do Medio Ambiente.
7.3.- Constituír unha Rede de apoio e asesoramento para a sexualidade en colaboración coas entidades locais que traballan neste campo. Desta arte, será unha prioridade nas actuacións dirixidas tanto á prevención de violencias machistas canto ao desenvolvemento sexual da mocidade.
8.- Igualdade. Un concello feminista.
Un concello feminista inclúe o feminismo, a igualdade e a inclusión da perspectiva de xénero como piares prioritarios de todas as súas políticas. Portanto, asume a situación histórica de desigualdade, coñece e recoñece que a estrutura social está construída sobre a base da dominación dos homes sobre as mulleres e ten a determinación de contribuír para rachar co sistema patriarcal. Por iso, propomos políticas transversais para a igualdade efectiva e instaremos a outras institucións a que tamén o fagan.
8.1.- Creación dunha Concellaría de Igualdade, non compartida, e unha Comisión de Igualdade participada pola concelleira, persoal do CIM, persoal de Servizos Sociais, as restantes concellerías e persoal ao servizo do Concello para a elaboración do Plan estrutural de funcionamento orgánico do Concello de acordo coa perspectiva de xénero.
8.2.- Propiciar a composición paritaria dos órganos de goberno e de toda a estrutura municipal.
8.3.- Garantir unha cualificación axeitada en igualdade de todas as persoas que traballen no ámbito municipal, nomeadamente das que traballen no ámbito da igualdade.
8.4.- Proxección de políticas e accións concretas na loita contra as violencias machistas, desde a sensibilización e a divulgación até a coeducación, pasando pola promoción da linguaxe inclusiva e obradoiros de formación.
8.5.- Formación e actividades para a muller no rural e aumentar a implicación do Concello en actos feministas desenvolvidos polo asociacionismo local, desde unha actitude proactiva.
8.6.- Promover unha actividade cultural e deportiva inclusiva e non machista, que visibilice o papel da muller como axente na cultura e no deporte.
8.7.- Impulso de apoio, asesoramento, empoderamento e emancipación das mulleres de todas as idades e condicións: políticas e recursos públicos coeducativos para a infancia; talleres de educación afectivo-sexual para infancia e adolescencia; apoio, asesoramento a políticas inclusivas para mulleres migrantes e/ou racializadas; apoio, asesoramento e políticas inclusivas para mulleres da terceira idade e para mulleres con capacidades diversas; apoio e asesoramento a mulleres empresarias e/ou fronte de explotacións rurais…
8.8.- Planificación dos orzamentos con perspectiva de xénero: axudas públicas e concesión de espazos públicos ás mulleres, inclusión de mulleres como referentes de actos culturais, de celebración da tradición, conmemorativos –incluír nomes de mulleres no rueiro, premios e recoñecementos…-.
8.9.- Facer cumprir as previsións da Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega de prevención e tratamento integral da violencia de xénero instando á Xunta de Galiza e demais entidades administrativas de ámbito supramunicipal a dotar de efectividade a mesma e a levar a cabo políticas feministas.
8.10.- Contemplar a posibilidade de personarse como acusación popular nos casos de violencia machista do noso ámbito, sempre que a vítima ou familiares estean conformes.
9.- Maiores. Por unha Chantada con memoria e habitábel para tod@s.
Os maiores somos o grupo de poboación máis amplo do noso Concello, polo que demandamos un lugar cómodo, seguro e agradábel para vivir. Para alén das propostas xa enunciadas en mobilidade, transporte, SAF, Centro de día, etc. engadimos as seguintes pensadas para este colectivo:
9.1.- Implantación da Aula para Maiores con formación en: idiomas, TICs e redes, patrimonio e saúde.
9.2.- Impulso dun programa audiovisual de recollida e proxección da memoria.
10.- Familia e conciliación. Por unha Chantada inclusiva e integradora.
Nas sociedades modernas é imprescindíbel apostar polas novas realidades familiares e contribuír á conciliación como máis un piar na loita contra o despoboamento, a fixación de poboación e a mellora da calidade de vida.
10.1.- Impulso do Plano Madruga para axudar á conciliación familiar. Este programa permite atender ás crianzas antes de comezar o horario lectivo escolar.
10.2.- Medidas a prol do empadroamento de xente moza e novas familias no Concello a través da intervención no mercado da vivenda.
10.3.- Aprobar bonificacións nas piscinas municipais para familias numerosas e persoas en situación de dificultade económica ou social.
10.4.- Axuda loxística ás AMPAS para a creación do banco de libros de texto e vales de compra na vila.
11.- Actividade física e deporte. Por unha Chantada saudábel.
11.1.- Impulso e fomento da actividade física en todas as súas disciplinas e vertentes, nomeadamente a través das Escolas Deportivas.
11.2.- Mellora do mantemento das instalacións e funcionamento das piscinas e do ximnasio municipal.
11.3.- Estudo de alternativas e impulso das actividades náuticas, hoxe infraexplotadas.
12.- Rural e sector primario. Casas con fume e montes sen lume.
Sen un rural vivo e un sector primario forte dificilmente poderemos construír un futuro esperanzador e ter un Concello que free o deserto verde. Por iso, desde Por Chantada coidamos que o sector primario e o rural son un eixo central das nosas propostas.
12.1.- Rebaixa do IBI através de bonificacións do 90%, declarando o sector primario de importancia estratéxica, impulsando unha nova ordenanza para o IBI que axude ao tecido económico activo no noso rural.
12.2.- Facilitar a instalación de sistemas de conexión á rede de alta velocidade no rural a través dun proxecto municipal en colaboración con cooperativas ou empresas locais. Pular pola integración entre produtores e a partilla de experiencias.
12.3.- Dinamización e apoio ás asociacións rurais.
12.4.- Apoio a industrias artesanais e familiares.
12.5.- Plan de servizos de auga e rede de sumidoiros naqueles núcleos que for preciso.
12.6.- Colaboración cos axentes e técnicos no mantemento das faixas de seguridade nos núcleos rurais e no impulso de medidas para o combate da lacra dos incendios forestais, especialmente combatendo a lacra do eucalipto, a forestación de terreos agrícolas e outras especies pirofitas e invasoras.
12.7.- Recuperación da feira ECOSUS, para a promoción de produtos locais.
12.8.- Apoio e dinamización dos montes comunais.
12.9.- Asesoramento para as explotacións en colaboración cos sindicatos agrarios e impulso de xornadas de dinamización e formación. Estudo e impulso de asociacións de formación, asesoramento e investigación con financiamento mixto.
12.10.- Reclamar unha descentralización do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, para dotalo de maior operatividade, participación e integración coa nosa ribeira.
12.11.- Plan de ordenación da viticultura, en colaboración co sector, para crear un rexistro municipal de produtores e viñedos, co gallo de crear un banco de alugueiro que favoreza que novas persoas podan incorporarse ao sector. O plan atenderá igualmente ao ordenamento das adegas na ribeira para dinamizar o turismo.
12.12.- Organizar coloquios para informar os produtores sobre os seus direitos coas novas figuras de protección, mudanzas na PAC e necesidade de permisos actuais e futuros polas mudanzas lexislativas.
12.13.- Promover o consumo de produtos locais nos diferentes espazos públicos.
13.- Empresa e comercio. Por unha Chantada dinámica e de oportunidades.
O sector terciario ten unha crecente importancia e, dentro deste, as pequenas empresas e o comercio xogan un papel central na creación de emprego e no mantemento de oportunidades para o futuro.
13.1.- Dinamizar a Praza de Abastos, creando un mercado de produtos locais e ecolóxicos.
13.2.- Introdución do principio de sustentabilidade ambiental para empresas e comercios que participen de axudas ou concesións municipais.
13.3.- Colaboración coas entidades empresariais e fomento do comercio local.
13.4.- Posta en marcha do consello económico social. A unidade dá forza para esixir máis investimentos para Chantada.
14.- O pobo manda, o goberno obedece: cooperativismo e asociacionismo.
Non hai institucións vivas sen sociedades dinámicas, organizadas e participativas para o que cómpre transformar a relación cidadanía-Concello desde a transparencia, a participación e o impulso ás iniciativas da sociedade civil. Na administración municipal: igualdade, equidade, axilidade e trato amábel. Facilitar á cidadanía o asesoramento preciso en colaboración cos sindicatos para a realización de trámites administrativos, solicitude de subvencións ou calquera tipo de relación coas diferentes administracións.
14.1.- Defensa da fusión dos concellos de Chantada, Carballedo e Taboada co horizonte da celebración dun referendo para a converxencia dos tres concellos nun único ente municipal. O novo concello por poboación e incentivos fiscais derivados da fusión tería maior capacidade económica para a mellora de servizos e o mantemento de infraestruturas.
14.2.- Aprobación dun regulamento de participación veciñal e impulso dunha Coordinadora de asociacións e movementos sociais locais.
14.3.- Explorar o uso de orzamentos participativos.
14.4.- Creación dun servizo en liña para permitir á viciñanza debater, impulsar e votar propostas municipais.
14.5.- Aclarar e dar a coñecer as contas do Concello para ver os recursos reais dos que dispomos. Colaborar activamente coas investigacións xudiciais e esixir que sexa devolto até o último euro se for o caso.
14.6.- Auditoría dos recursos humanos do Concello co fin de racionalizar, visualizar e facilitar o labor das traballadoras municipais.
14.7.- Mellorar a eficiencia dos servizos municipais e tomar en serio o aforro enerxético: eficiencia con xestión directa dos servizos municipais e obras.
14.8.- Creación dun Centro de contratación municipal que remate co abuso e opacidade do contrato menor ao tempo que favorece o acceso ás empresas locais.
14.9.- Potenciación do direito e obriga da administración electrónica, incluíndo formación á cidadanía e aos empregados públicos e facilitando a creación de certificados dixitais nas proprias dependencias da administración.
14.10.- Pór a disposición das asociacións, movementos sociais e organizacións veciñais espazos públicos.
14.11.- Impulso dunha Escola etnográfica para formar as crianzas na nosa riqueza patrimonial e historia, con especial atención ao Entroido Ribeirao e ao Folión de carros.
15. Infraestruturas. Vertebrar o territorio desde a racionalidade e o realismo.
A miúdo os vellos partidos fixeron das infraestruras simulacros ou bandeiras irreais para faceren populismo. No entanto, á vista está que todas esas promesas ou decisións dispendiosas non favoreceron o máis mínimo a vertebración territorial e a fixación de poboación na Galiza interior.
15.1.- Exixir o saneamento e ampliación da N-540, con tres carrís continuados, como aposta máis económica e realista para a conexión Lugo-Ourense e esencial para a vertebración do noso Polígono Industrial.
15.2.- Esixir a execución dunha nova depuradora suficiente para Chantada, acompañada da substitución das redes de fibrocemento aínda existentes, a correcta canalización dos regatos e a total separación de augas pluviais e fecais.
15.3.- Pular por unha depuradora autónoma para o Polígono industrial.
15.4.- Iniciar captación do subministro de auga nun punto suficientemente alto para que chegue polo seu peso aos depósitos de distribución co conseguinte aforro enerxético e económico que isto suporá. A auga a baixo prezo será ademais unha vantaxe comparativa para a instalación de empresas.
15.5.- Ampliación e coberta acristalada da Casa da música, mellorando o seu mantemento, o aproveitamento dos espazos e a utilidade e dinamismo do edificio.
15.6.- Sinatura dun convenio de cesión e rehabilitación da casa-escola de Santiago de Riba.
15.7.- Adquisición de edificios contiguos á Casa Consistorial para mellorar a accesibilidade e construír unha nova biblioteca.
15.8.- Pular pola construción dunha ponte de duplo sentido que permita solventar as problemáticas do Bairro da Ponte e dinamizalo mediante a peonalización.
16. Ecoloxismo. Por unha Chantada sustentábel e verde.
No ecoloxismo debemos apoiar as asociacións e iniciativas por un país do Faro verde, contribuíndo á súa visibilización social a través dos medios do Concello.
16.1. Pular para a posta en marcha dun programa de compostaxe perante a Xunta e as Deputacións.
16.2.- Campañas de xestión e difusión do desenvolvemento sostíbel (tratamento de residuos domésticos, aforro de enerxía, uso de pesticidas e herbicidas, empresa-verde, estilos de vida saudábeis…).
16.3.- Estudar a creación dun servizo público mancomunado para a recollida e tratamento de lixo que rache co modelo SOGAMA.
16.4.- Crear unha ordenanza municipal sobre convivencia viciñal e animais domésticos, onde a responsabilidade cidadá prime sobre as prohibicións.
16.5.- Facer cumprir o acordo adoptado polo Pleno, a instancias de Por Chantada, sobre a prohibición do uso de glifosato para usos non agrarios no noso termo municipal.
16.6.- Fomento de hortas escolares e urbanas.
16.7.- Mellora da recollida do lixo e dos plásticos agrícolas no medio rural, con colectores suficientes, e da limpeza en xeral nas rúas e nos espazos públicos.
16.8.- Catalogación das árbores senlleiras do noso termo municipal.
17. Turismo e Patrimonio. Por unha Chantada Patrimonio da Humanidade.
Ser Patrimonio da Humanidade non é unha simple declaración, mais un complexo de medidas e filosofías que deben inspirar a concepción das políticas públicas e tamén penetraren nas concepcións da sociedade. A promoción turística require de planificación centrada no patrimonio cultural e etnográfico. Neste sentido, propomos as seguintes medidas:
17.1.- Elaboración dunha Estratexia local para o patrimonio e o turismo 2020-2030, con atención á dinamización do turismo cultural, de natureza e o enoturismo en colaboración cos axentes públicos e privados (consorcio, adegueiros, casas rurais, empresas de turismo activo…), en particular en dous espazos, por un lado, a ribeira e o río Miño e, por outro lado, o Camiño de Inverno a Compostela, coa loita polo recoñecemento das variantes por Oseira e polo Val do Navego.
17.2.- Potenciar as marcas Chantada Corazón da Galiza e Ribeira Sacra e a súa presenza en feiras de turismo para difundir as nosas potencialidades turísticas.
17.3.- Impulso dunha páxina municipal exclusiva para a promoción e a difusión cultural, patrimonial e turística.
17.4.- Estudo, homologación e sinalización das diferentes rutas (a pé, en coche e acabalo) ao longo da nosa xeografía. Creación dun plan xeral a futuro de mantemento e calidade das mesmas.
17.5.- Fomento para creación de materiais e unidades didácticas para a posta en valor e coñecemento do noso patrimonio local nas escolas e institutos.
17.6.- Catalogación e visualización do patrimonio material (moble e inmoble) e inmaterial do Concello e desenvolvemento dun plan normativo, propio e complementario do galego, para a súa concreción e protección atendendo ás nosas particularidades locais.
17.7.- Creación de axudas específicas para as manifestacións de cultura inmaterial recentemente declaradas BIC: Entroido Ribeirao e Folión de Carros.
17.8.- Pular pola adquisición e xestión públicas do Mosteiro de San Salvador de Asma tentando convertelo nun albergue para os peregrinos.
17.9.- Creación da rota do viño e das adegas con encanto en colaboración co sector vitivinícola e turístico.
17.10.- Posta en valor das barcas do Miño.
17.11.- Consideración dentro da xestión do patrimonio dos valados de pedra, vellas congostras abandonadas, etc. mediante un Plano de restauración da paisaxe, que vise a normalización de tipoloxías de peches, a eliminación de vertedoiros incontrolados, etc.
18.- Cultura Por unha Chantada viva e creadora de valor e futuro.
O país do Faro conta cunha cultura viva que precisa ser fomentada e reforzada, pois a cultura tamén crea riqueza e futuro, estabelecendo espazos para o desenvolvemento persoal e colectivo.
18.1- Impulso de programacións artísticas diferenciadas, para familias e adultos, debidamente difundidas e planificadas, con carácter de permanencia, dando prioridade a espectáculos musicais e teatrais.
18.2.- Creación dunha nova Biblioteca e Arquivo municipais nun lugar axeitado e accesíbel.
18.3.- Recuperar a Casa da Cultura (Casa Eriz ou Casa de Lemos) para o uso que foi cedida e rehabilitada: Museo do Pobo; mantendo nas súas instalacións, ademais, a oficina de recepción de visitantes (turismo).
18.4.- Fixación participativa dos festivos locais.
18.5.- Impulso de novas orientacións para a Feira do Viño reforzando o seu atractivo non só para o grande público, mais tamén pensando na súa profesionalización.
18.6.- Impulsar un Servizo de Normalización Lingüística comarcal para a) creación do Programa Pilar Vázquez Cuesta para a difusión da Lusofonía; b) estudar a recuperación da Feira do Libro; c) creación dunha revista dixital para dar a coñecer os creadores locais e fomentar a creatividade artística e literaria e d) creacion dunha bolsa para o estudo e recollida da toponimia e microtoponimia do Concello de Chantada.
18.7.- Axuda para aquelas comisións de festas parroquiais que aposten nas súas programacións pola música e a cultura en galego (teatro, música, narradores, humoristas…).
18.8.- Apoio ao sector audiovisual da comarca e defensa de canles de información local.
[…] a confección e debate do programa, cunha participación histórica na súa confección, a candidatura das viciñas e dos viciños ten […]
GústameGústame
[…] direitos da infancia ocupaban unha parte importante e central do noso programa, tanto pola súa importancia per se canto pola crise demográfica que padece o interior galego. […]
GústameGústame