No día de hoxe, desde a Comisión política de Por Chantada-CUP, emitimos a seguinte nota de imprensa sobre as novas deficiencias detectadas na atención pediátrica. Se o prefires podes consultala en formato PDF: Nota imprensa Por Chantada-CUP 8 de outubro de 2019.
Desde hai varios días, o Concello de Chantada volve ter unha cobertura pediátrica equiparábel a dos concellos de menos de 3.000 habitantes. Só contamos con dous de asistencia neste momento e nen sequera son fixos, senón que varían dependo da semana. Así as cousas, esta semana o posto estará coberto os días 9 e 10 e a semana seguinte os días 16 e 17 e dentro de dúas o día 21… sen sabermos se se vai cubrir cunha ou cun médico de familia, cun ou cunha pediatra ou, cando menos, cunha médica ou médico puericultor.
A titular encóntrase de baixa sine die de momento e é vergoñento que só se habilite para controis dous días por semana e en horario variábel (un día de 4-8 os outros a saber…). A crónica falla de planificación e xestión na atención pediátrica é unha eiva que debe solventarse con celeridade, pois o noso país ten precisamente un problema demográfico que exixe especial sensibilidade cos nosos maiores e cos depositarios do noso futuro: os pícaros e as pícaras.
O centro de saúde de Chantada conta cunha praza de pediatría, que presta servizo a por volta de 800 crianzas dos Concellos de Carballedo e Chantada, que só contarán con servizo de pediatría dous días. Esta é a calidade dos servizos sanitarios e públicos cos que se quere facilitar a conciliación e a fixación de poboación no interior galego?
Chove sobre mollado, con continuos problemas desde, cando menos, o inverno de 2016. Isto trouxo consigo, en 2017 unha intensa mobilización popular xuntou máis de 4.000 sinaturas, nun Concello de pouco máis de 8.000 habitantes, para exixir unha cobertura sanitaria digna para os nosos menores. A resposta do SERGAS, perante a mobilización social, foi anunciar a cobertura do servizo de pediatría en Chantada por dous días á semana, durante os meses de xullo, agosto e setembro de 2017. Estes días cubríronse por unha das persoas profesionais de pediatría do Hospital de Monforte: vestir un santo para desvestir outro, cando a comarca de Lemos xa é habitualmente deficitaria en atención pediátrica como vimos sinalando desde 2015.
A Consellaría faltou a súa palabra, xa que nunha queixa da Plataforma Chantada quere pediatría á Valedora do pobo, comprometérase diante desa institución a ter unha «relación de titulados en pediatría que permita dar cobertura máis inmediata a esta situación», que fundamentaba no «próximo remate da formación dos novos médicos residentes na especialidade de pediatría e a resolución do concurso de traslados».
Múltiplas comarcas galegas padecen a carencia de servizo de pediatría, ben por excesiva ratio de tarxetas por profesional, ben polo afastamento do centro onde atende a profesional de referencia; feitos agravados pola non reposición de prazas cando as profesionais se atopan de baixa. Isto sucede, fundamentalmente, na provincia de Lugo, na área da Montaña lucense, no sur de Lugo e na Mariña. A falta de servizo de pediatría no rural galego é unha constante, converténdose o déficit deste servizo básico nun factor máis que acentúa a tendencia demográfica regresiva.
Exiximos que a Xunta da Galiza brinde a Chantada un servizo pediátrico axeitado ás súas necesidades e dimensións. É preciso que as administracións se compromentan en serio con servizos públicos e de calidade #PorunInteriorGalegoVivo.
Chantada, 9 de outubro de 2019.
A Comisión Política de Por Chantada-CUP.
[…] súa importancia per se canto pola crise demográfica que padece o interior galego. Neste sentido, aínda en outubro denunciamos a falta dun servizo digno de pediatría no noso Concello. O 22 de decembro de 2017 rexistramos no Concello a Moción de Por Chantada-CUP a prol das escolas […]
GústameGústame