A Candidatura de Unidade Popular Por Chantada rexistrou o pasado 9 de outubro no Concello de Chantada a Moción de Por Chantada-CUP sobre adopción de medidas necesarias na Escola Infantil e para ampliación das prazas públicas. A moción nace após verificarmos varias eivas en relación coa Galiña Azul de Chantada, que levan tempo sen obteren resposta.
Os direitos da infancia ocupaban unha parte importante e central do noso programa, tanto pola súa importancia per se canto pola crise demográfica que padece o interior galego. Neste sentido, aínda en outubro denunciamos a falta dun servizo digno de pediatría no noso Concello. O 22 de decembro de 2017 rexistramos no Concello a Moción de Por Chantada-CUP a prol das escolas infantís na provincia de Lugo desenvolvendo tamén diversos e rogos e cuestións en relación coas mesmas ao longo da pasada lexislatura (2015-2019). A moción foi aprobada no Pleno do oito de xaneiro de 2018 cos votos favorábeis de Por Chantada, PSOE e Inta (11) e a abstención do PP (2), aceitando a emenda de Inta e ficando o acordo do seguinte xeito:
1.- Instar á Xunta de Galiza a incluír nos orzamentos partidas suficientes para a posta en marcha de 700 novas prazas públicas en escolas infantís na provincia de Lugo para o curso 2018-2019, que son as que pola listaxe de agarda se precisan.
2.- Dotar a escola infantil de Chantada de medios materiais e humanos para ampliala cun novo módulo.
3.- Apresentar, antes de final do ano 2018, perante o Parlamento Galego un plano orzamentar e un plano que permita garantir a gratuidade total do ensino de 0 a 3 anos, de xeito progresivo, antes de rematar 2020. Para alén do anterior, garantir que as crianzas sexan educadas na lingua propria das galegas e dos galegos.
4.- Reorganizar as prioridades da política pública cara as escolas infantís, de tal xeito que os fondos do bono concilia máis as axudas a garderías privadas e de iniciativa social, se reorienten a aumentar máis a rede de escolas infantís públicas. Do mesmo xeito, debe inverterse a tendencia actual en que é maior o apoio da Xunta a garderías privadas cás escolas de titularidade municipal.
5.- Que os concellos non asuman competencias improprias.
É evidente que os acordos adoptados naquel momento non só non foron conquistados, mais tamén se verifican novas necesidades e problemáticas asociadas á Galiña Azul de Chantada. Chantada apresentaba a segunda listaxe de agarda máis elevada da provincia, só por detrás de Lugo que ten máis de 80.000 habitantes fronte os 8.000 escasos de Chantada. Isto obrigou a algunhas familias a recorrer á Galiña Azul de Taboada. Constátase así ano a ano unha infradotación de prazas no noso Concello, cando o problema demográfico é unha cuestión fulcral e as políticas de conciliación e de axuda ás familias deberían ser prioridade nas axendas das institucións para loitar por un rural e un interior galego vivos.
Por Chantada acredita que a Xunta da Galiza e o Concello de Chantada deben sentar e procurar un novo módulo e unha cociña para a escola infantil, aínda neste mes de setembro investíronse 141.000 euros na ampliación da Escola Infantil de Cedeira, achegando o Consorcio 100.000€, do que 80% eran Fondos Feder da Unión Europea, mentres que 41.000€ foron achegados polo Concello.
Porén, infelizmente, as necesidades da Galiña Azul non son só de capacidade, mais tamén de servizos e calidade dos espazos. As familias levan anos demandando un servizo de cociña con cociñeira e opóndose ás pretensións de optar polo catering privado, cuxas consecuencias son ben coñecidas nos centros educativos, a última aínda esta semana producíndose a intoxicación de varias crianzas pola comida do catering (consúltese outros exemplos aquí, aquí e aquí). Non é de recibo que nun país europeo unha escola infantil aqueza a comida de crianzas nos microondas da escola, mais isto é o que está acontecendo en Chantada.
Como as familias de bebés de 0 a 1 anos van preferir un puré de catering antes do seu tupper? Que calidade humana temos os representantes da cidadanía que permitimos isto? Significa o libre mercado privatizar e facer negocio de absolutamente todo aínda que custe máis e sexa pior? Para que se quere entón o Estado e as institucións? Que alcance e significado pode ter para os cidadáns unha democracia liberal vaciada e viciada?
A maiores, unha terceira necesidade que detectamos, é que cómpre pintar a Escola Infantil, xa que non se pintou desde a súa inauguración en 2003, hai 16 anos, cun estado actual de evidente deterioro que exixe tamén unha partida específica para o Orzamento municipal de 2020.
Polo exposto, demandamos a adopción do seguinte ACORDO:
- Instar á Xunta da Galiza para dotar a escola infantil de Chantada de medios materiais e humanos para ampliala cun novo módulo (o quinto) e unha cociña, asumindo o Concello as obras correspondentes e a Xunta o persoal necesario para o módulo e a cociña.
- A Corporación municipal e o Goberno comprométense a incluír no Orzamento de 2020 do Concello de Chantada aplicacións orzamentares para desenvolver as obras do novo módulo e a cociña.
- A Corporación municipal e o Goberno comprométense a incluír no Orzamento de 2020 do Concello de Chantada aplicacións orzamentares para o repintado da Escola Infantil.
Grupo municipal Por Chantada-CUP.
Podes consultar aquí a moción orixinal na súa integridade: Moción de Por Chantada-CUP sobre adopción de medidas necesarias na Escola Infantil e para ampliación das prazas públicas.
[…] No día de hoxe rexistramos Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP para a adopción de medidas a prol da igualdade. A moción debaterase no vindeira sesión ordinaria do Pleno do Concello de Chantada,a celebrar na quinta feira 28 de novembro, xunto á Moción de Por Chantada-CUP sobre adopción de medidas na escola infantil e para a ampliación das p…. […]
GústameGústame