O pasado 5 de decembro, a concelleira Cruz Fernández Rodríguez rexistrou a Moción de Por Chantada-CUP para declarar a emerxencia climática no Concello de Chantada e sobre adopción de medidas no eido local para un horizonte sen carbono. Mediante esta procuramos contemplar as emerxencias global e local sistemicamente, é dicir, analizar o cenario que aí vén e como propor alternativas e lidar co mesmo desde un concello do interior galego. Para comezar, é necesario un xesto simbólico, procedendo a declarar a emerxencia climática. Para iso, consideramos fundamental implementar un novidoso e audaz programa de estradas de cobertas vexatais (ECV), para o que cómpre un Protocolo local de fomento e conservación das estradas municipais con coberta vexetal (PEMCOVE).
As estradas de túnel ou coberta vexetal (ECV) son aquelas que transcorren á sombra de frondosas caducifolias autóctones, debéndose seleccionar aquelas cuxas raíces non atinxan o firme e que son maioritarias nas estradas de titularidade municipal do Concello de Chantada, sobretodo carballos e castiñeiros. Esta é unha forma de, para alén de medidas de aforro enerxético, situármonos á vangarda da descarbonización.
Para alén do interior é fundamental, que as cotas do carbono non se poxen a nivel global sen ter en conta a contribución de cada terrritorio, é dicir, o carbono fixado no noso territorio non debería saír de aquí permitindo así a dinamización dos diferentes territorios e revertendo a ambiental e socialmente insustentábel concentración de medios produción propia do capitalismo desde o século XIX. Por outras palabras, trátase de exixir o que acreditamos que é de xustiza: que o interior galego receba a cota de carbono que secuestra, ou sexa, o CO2 secuestrado nunha comarca natural debe enlotarse apenas nesa comarca favorecendo o seu desenvolvemento. Desta arte, é mester desenvolver en 2020 un censo das toneladas de carbono fixadas no noso territorio, cando menos aquelas que son públicas ou pertencen a CMVMC, como ponderación para determinar a importancia estratéxica e económica do Concello de Chantada no horizonte da descarbonización e para reforzo do tecido empresarial instalado no noso territorio.
Amais, na moción cremos bon acordar estender o convite aos Concellos de Carballedo e Taboada, para avanzarmos conxuntamente como comarca pioneira na descarbonización e trasladar o acordo a outras institucións para que estuden e impulsen solucións análogas, deixando de lado declaracións ampulosas sen consecuencias nen accións concretas.
Podes ler a moción íntegra na seguinte ligazón: Moción de Por Chantada-CUP para declarar a emerxencia climática no Concello de Chantada e sobre adopción de medidas no eido local para un horizonte sen carbono
#construírfuturo #NonhaiplanetaB
[…] Por Chantada lémbrase que a moción da emerxencia climática aprobouse, ao votarse en contra da orixinal (primeira votación) e a favor da moción coa emenda […]
GústameGústame
[…] e eléctricos, así como reformas de garaxes comunitarias para poder cargalos. Esta moción sería continuación dunha anterior xa debatida nesta Corporación en que pediamos ligazón territorial entre o caborno secuestrado e […]
GústameGústame