Por Chantada-CUP presentará moción en relación á proliferación de edificacións ruinosas.

 

Na vindeira sesión ordinaria do Pleno de Chantada, desde a candidatura de unidade popular Por Chantada, defenderemos unha moción en relación á proliferación de edificacións ruinosas, a séptima que desde o noso grupo municipal defenderemos nesta lexislatura.

A Galiza conta con máis de 30.000 entidades singulares de poboación, case a metade de todas as que existen no Estado. Desde as Irmandas da Fala e o Partido Galeguista dotar a parroquia de entidade administrativa nunca foi un ponto programático das diferentes forzas políticas. Neste momento, o interior galego vive un imparábel devalo demográfico fronte ao que cómpre reaccionar con medidas inmediatas e diversas para configurar perspectivas que permitan manter a loita por un interior galego vivo. Neste sentido, un problema crecente no rural en despoboamento é o estado ruinoso de múltiplas vivendas, coñecendo varios casos no Concello e sendo moitas veces a propria veciñanza a que toma a iniciativa para declaralas en ruínas perante a falta de atención municipal. De feito, esta é unha das causas de que a Galiza sexa a Comunidade Autónoma con maior porcentaxe de vivendas en estado ruinoso, malo ou deficiente, un 11% do total. Porén, a perspectiva é que se produza un incremento exponencial: 4.400 aldeas galegas contan con dúas ou menos persoas fronte ás xa 2.045 deshabitadas.

Chantada non é, infelizmente, ningunha excepción. Se en 2009 eran 10 as aldeas abandonadas, en 2019 xa son 24, ou sexa máis que duplicamos o número de lugares abandonados nunha década. De feito, este é un dos maiores incrementos da Galiza, e o maior da área paisaxística da Ribeira Sacra, só superados por Sober (de 8 a 25), e por diante dos concellos da comarca que malamente atinxen os 2.000 habitantes: Carballedo (de 14 a 24) ou Taboada (14 a 16). No entanto, os concellos son agora responsábeis subsidiarios tamén do que aconteza con estas construcións do rural, polo que urxe actuar con aqueles edificios que apresenten defeitos que fan temer a súa perda ou que sexan inútiles para a finalidade para a que foron construídos.

Indicamos na moción a lexislación de aplicación e lembramos que concellos moito máis humildes có noso, como San Xoán de Río (549 habitantes en 2018), veñen dando pasos que consideramos moi interesantes. O alcalde, Xosé Miguel Pérez Blécua, reuniuse no IGVS xunto cos concellos de Porqueira, Ceceda e Castro de Rei para incorporarse ao programa de vivendas baleiras. Con este programa poden:

• Converter edificios públicos actualmente abandonados en vivendas sociais.
• Oferecer á veciñanza que teña vivendas baleiras a posibilidade de inscribilas neste programa e ter un alugueiro cun seguro antidestrozos e outro de garantía de pago que daranlle tranquilidade e até 8.000€ directos (100%) para facer arranxos na súa vivenda.
• Oferecer aos demandantes de vivenda arrendamentos que non sobrepasen 30% dos ingresos familiares ou até alugueiros gratuítos para situacións excepcionais que asumiría a Xunta.

É moi sinxelo: hai casas sen xente e xente sen casa. Simplemente, trátase de garantir a tranquilidade dos propietarios e dos demandantes de vivenda existindo en Chantada un déficit de vivenda habitábel neste intre, non por insuficiencia das mesmas, xa que está constatada a existencia de centos de predios baleiros, mais por falta de condicións de habitabilidade.

Así as cousas, propomos o seguinte ACORDO:

1. Facer un censo de edificios en risco de ruína e determinar os núcleos rurais en estado de abandono, e crear un rexistro destes, de acordo coas asociacións veciñais do Concello.

2. Impulsar de oficio os expedientes necesarios para corrixir as situacións máis perigosas, segundo sexa acaído en cada caso (derrubo, rehabilitación, fomento da venda e alugueiro), tendo en conta a situación socioeconómica das persoas propietarias.

3.- O Goberno municipal reunirase co IGVS para acollerse desde Chantada ao programa de vivendas baleiras.

4.- Trasladar aos Concellos de Taboada e Carballedo o terceiro ponto do presente acordo para actuar conxuntamente perante o IGVS, xa que é unha problemática común a toda a comarca.

5. Impulsar palestras, obradoiros e talleres sobre rehabilitación.

 

Se quixeres, podes ler, coma sempre, a moción íntegra (formato PDF): Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP en relación á proliferación de edificacións ruinosas

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s