Perguntas e respostas frecuentes sobre a Fase 1 do desconfinamento progresivo.
A Fase 1 iníciase o 11 de maio e non ten unha data definida de finalización. En principio, o paso ás seguintes fases debe agardar, cando menos, 14 días, que é o tempo mínimo para valorar os efectos sanitarios da reapertura da actividade e da mobilidade. A Fase 2 podería atrasarse algo máis se se detectan rebrotes e contaxios excesivos e mesmo podería haber pasos atrás, regresando a normas de confinamento máis duras. #sentidiño
1.- Que medidas se lle exixen aos negocios que abren agora?
A desinfección del estabelecemento mínimo dúas veces ao día (unha ten que ser ao cabo da xornada). A distancia co cliente ten que ser dun metro cando existen biombos ou anteparos e dous en caso contrario. Os clientes non poden empregar o baño agás que sexa «estritamente necesario» e deben permanecer nos locais o tempo mínimo imprescindíbel para faceren a compra. Deben ter a disposición xeles hidroalcohólicos; desinfectar os probadores após cada uso, así como as pezas de roupa; e, nas zonas de autoservizo, os produtos débeos entregar un traballador «coa fin de evitar a manipulación directa por parte dos clientes».
2.- Terrazas e hostalaría.
2.1.- Que debo saber como cliente?
O aforo das mesmas fica reducido en 50% e o máximo por mesa ou agrupación de mesas será de dez persoas, mais non podería estar, por exemplo, unha parella con fillos porque os menores só poden saír á rúa coas persoas coas que conviven. En Chantada, ao non aplicarse a faixa de horarios, os restantes grupos poderían estar a calquera hora na terraza. Considéranse terrazas ao ar libre os espazos abertos e non cobertos, rodeados por un máximo de dúas paredes ou muros. Cómpre manter a distancia interpersoal entre os clientes.
2.1.- Que debo saber como hostaleiro?
Alén do anterior, os locais deberán dispor na entrada de xel hidroalcóholico ou desinfectantes con actividade virucida autorizado e rexistrado no Ministerio de Sanidade e na saída balde do lixo. Canto aos baños pode acceder unha persoa de cada vez, a non ser que sexa dependente e precise axuda, e deberanse desinfectar os aseos seis veces ao día como mínimo. As superficies e as mesas hai que desinfectalas entre un cliente e outro. Non se poden ter elementos de uso común como cartas, panos de mesa etc. Aínda que non está suficientemente aclarado entendemos que as crianzas non poderían acudir ás terrazas. Fomentarase o pago mediante cartón bancario. EPIs axeitados para os traballadores.
3.- Aplícanse faixas horarias en Chantada?
Ningunha parroquia de Chantada dispón de máis de 5.000 habitantes e, de feito, estas limitacións xa non se aplicaban para ir ao supermercado, á farmacia ou comprar o xornal. Coa nova interpretación normativa, en Chantada non hai faixas horarias para saídas, mais debe ser só unha vez ao día.
4.- Hai mudanzas para as crianzas?
As persoas até 13 anos poden saír do seu fogar até un máximo de tres xuntos sempre cando os acompañe un único aulto e apenas nun radio de 1 quilómetro.
5.- Podo visitar familiares?
Podemos visitar os nosos familiares e amigos se non son grupo de risco, maiores de 70 anos por exemplo, e sempre e cando nos encontremos dentro do ámbito provincial. Tamén se pode acudir a segundas residencias se se encontran na provincia. Os desprazamentos interprovinciais só se permiten por causas laborais ou atención de dependentes até, se non hai mudanzas, pasar a fase III (agás en Euskadi).
Permítense xuntanzas até 10 persoas, mantendo a distancia interpersoal e as outras medidas de seguranza, tanto en espazos públicos canto en espazos interiores privados. Fican excluídas as persoas con patoloxías previas e vulnerábeis.
6.- Como queda o desprazamento en vehículos?
As persoas que convivan habitualmente sen restricións e as que non dous viaxeiros por cada fila de asentos e con máscaras.
7.- Centros educativos e bibliotecas.
Abren apenas para a súa desinfección, acondicionamento e desenvolvemento de funcións administrativas. As bibliotecas si que poden abrir, o Concello de Chantada anunciou que de momento non o fará, para recoller e devolver libros ou ler en sala con limitación de aforo. Unha vez consultadas as obras depositaranse nun lugar apartado e separadas entre si durante, cando menos, 14 días.
8.- Actos culturais e turismo de natureza.
Limítase o aforo a un terzo e un máximo de 30 persoas nos espazos fechados e nos abertos o máximo elévase até as 200 persoas. O turismo activo e de natureza para grupos reducidos habilítase.
9.- Velorios.
En recintos fechados para cerimonias como velorios e pasamentos até 10 persoas sen contar o crego. En espazos abertos até 15. Canto á misa, o aforo do templo redúcese a 30% e gardando a distancia interpersoal debendo usar máscara. Unha persoa por cada fila de bancos e un asistente como máximo por metro cadrado. Non se pode usar auga bendita, ter coro ou tocar e bicar obxectos. Os bispos de varias dioceses emitiron recomendacións para que os maiores de 65 anos se absteñan de momento de acudir aos oficios.
10.- Ximnasio e actividades deportivas.
Permítense os deportes colectivos sempre e cando sexan ao ar libre e sen contacto, por exemplo o tenis ou o golf. No tocante aos ximnasios, poden habilitarse con cita previa para actividades individuais, sempre que non impliquen contacto e sen uso de vestiarios. As instalacións ao ar libre teñen o aforo limitado a 30% e usaranse por quendas após cita previa.
Fican prohibidas por en canto a pesca e a caza deportivas, coa salvidade da recomendación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que, desde o 14 de abril, permite que a Xunta poda regular actividade cinexética para o control do xabaril por mor dos «problemas causados pola súa proliferación nas exploracións agrarias». A partir da Fase II permítese a caza deportiva «unha actividade imporante para o medio rural, xa que xera máis de 186.000 empregos (…) e un valor de case 6.500 millóns de euros anuais».
11.- Autoconsumo e mercados ao ar libre.
Como na fase 0, permítese o cultivo de forma individual dentro do termo municipal ou nun limítrofe. Medio Rural demanda unha declaración responsábel e o BOE non, polo que sería facultativa. Recomendámola para evitar problemas. Tendes un modelo aquí:
Canto aos mercados de alimentación e proximidade, poden reanudarse se o permite a Xunta e o Concello coas debidas condicións. Só poderán instalarse 25% dos postos habituais ou aumentar a superficie dispoñíbel para manter a distancia de seguranza entre postos e entre viandantes.
12.- Animais domésticos (cans na vila).
Segue vixente a saída de cans en paseos curtos para cobrir as súas necesidades fisiolóxicas, sen contacto con outros animais e persoas e priorizando so horarios de menor afluencia. Sempre que se realice así, poden pasear co can dúas persoas que convivan.
13.- Taxis.
É obrigatorio o uso da máscara ao ser un transporte público.
Fontes
- Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, estabelecidas tras a declaración do estado de alarme en aplicación da fase 1 do Plano para a transición cara a unha nova normalidade. https://www.boe.es/boe/dias/2020/05/09/pdfs/BOE-A-2020-4911.pdf
- Plano para a transición cara a unha nova normalidade: perguntas e respostas frecuentes.
- Plano de transición cara a unha nova normalidade: guía da fase 1.
- Plano de transición para unha nova normalidade.
- Modelo para labores de autoconsumo in Sindicato Labrego Galego.
[…] FAQ #fase1: perguntas e respostas frecuentes sobre a Fase 1 do desconfinamento progresivo. (09/05/2020). […]
GústameGústame