Información sobre as axudas ARI para a Ribeira Sacra.

 

Trátase do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural previsto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plano estatal de vivenda 2018-2021 (doravante, Plano 2018-2021), no ámbito da área de rehabilitación integral (doravante, ARI) da Ribeira Sacra. DOG, nº130, de 2 de xullo de 2020.

1.- Prazo: até o 31 de decembro de 2021. Seguramente antes por mor do exiguo orzamento, xa que é concorrencia non competitiva até esgotar o crédito dispoñíbel).

2.- Contías das axudas.

Son axudas do IGVS (até 5.000€) mais do Estado (de 2 a 30.000€), que ten en conta os menores de 35 e os maiores de 65 anos e o IPREM. A contía máxima determinarase atendendo ao custo total da intervención.

2.1.- IGVS-ARI.

Até 4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación ou renovación, sen que a subvención poida exceder o 10 % do orzamento protexido de actuación da vivenda ou do edificio.

Até 1.000 euros se se adapta á Guía de cores e materiais aprobada pola Xunta de Galicia.

2.1.- Plano 2018-2021.

A contía máxima das axudas previstas non poderá exceder, de forma individualizada, 40 % do custo subvencionábel da actuación. No caso de actuacións en vivendas unifamiliares ou actuacións no interior de vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva, esta porcentaxe máxima poderá ser do 75 %, cando resulten acreditados ingresos na unidade de convivencia inferiores a tres veces o IPREM. Esta mesma porcentaxe aplicarase cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite na unidade de convivencia da persoa propietaria que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

  • Até 12.000 euros por cada vivenda que se rehabilite, sexa unifamiliar ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, con redución da demanda enerxética.
  • Até 8.000 euros por cada vivenda que se rehabilite, sexa unifamiliar ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, para actuacións de conservación, de mellora na seguridade de utilización e de accesibilidade en vivendas.

No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva incrementaranse con 120 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderá incrementarse en 1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos nos edificios e vivendas declarados ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

Ademais, estas axudas unitarias incrementaranse nun 25 % cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Ata 30.000 euros, por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida ou construída, nos casos de infravivenda e chabolismo.

Ata 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por cada vivenda construída, para as actuacións de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano.

3.- Síntese de requisitos e actuacións subvencionábeis.

Serán subvencionábeis as actuacións realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva ou nas vivendas situadas nestes edificios. No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva será necesario o acordo validamente adoptado da comunidade.

As actuacións deberán dispoñer de licenza municipal, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.

As actuacións deberán axustarse ao proxecto de execución das obras, presentado coa solicitude de cualificación provisional ou, se é o caso, á memoria elaborada para a súa execución. A memoria deberá estar asinada por un/unha técnico/a competente, este/a será o/a profesional con capacidade técnica suficiente para redactar o orzamento, dirixir ou executar a obra.

As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de xaneiro do ano en que se presente a solicitude de cualificación provisional e non poderán en ningún caso estar finalizadas na data da presentación desa solicitude.

Todas as actuacións subvencionábeis incluirán tamén os honorarios das persoas profesionais que interveñan, o custo da redacción dos proxectos, das direccións técnicas ou facultativas, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e calquera outro gasto similar, derivado da actuación, sempre que estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos. Non poderá superar os custos medios do mercado.

4.- Procedemento.

Solicitar na área lucense do IGSV a cualificación provisional das actuacións de rehabilitación ou renovación e, de ser o caso, das obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano (código do procedemento VI408L). A cualificación provisional pode solicitarse en calquera momento anterior á finalización das obras. A persoa interesada deberá solicitar a cualificación definitiva no prazo máximo dun mes desde o remate das obras.

O prazo para ditar e notificar as resolucións sobre cualificación, provisional ou definitiva, será de dous meses, que se contarán desde a data da presentación da solicitude da cualificación provisional ou, se é o caso, definitiva. Transcorrido o dito prazo sen que se notifique a resolución expresa, esta entenderase denegada.

5.- Apresentación das solicitudes.

Mediante o anexo III (código de procedemento VI408L) e anexo IV (código do procedemento VI408M) da resolución para as cualificacións provisional e definitiva. As persoas físicas apresentarán as solicitudes preferibelmente por vía electrónica (https://sede.xunta.gal) e poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s